O día 18 de brumario do ano VIII (calendario republicano francés, equivalente ao 9 de novembro de 1799), Napoleón Bonaparte, retornado desde a campaña de Exipto e aproveitando a debilidade política do Directorio Executivo gobernante en Francia, deu un sorprendente golpe de Estado contando co apoio popular e do exército (sabedores das súas fazañas e capacidades nas diferentes campañas das Guerras Revolucionarias Francesas), xunto a algúns ideólogos da Revolución como Sieyès.
Ese día foi convocado con carácter de urxencia o Consello de Anciáns para tratar unha presunta conspiración dos xacobinos contra o goberno. O Consello tomou o acordo de trasladarse a Saint-Cloud por motivos de seguridade, mais ao día seguinte Napoleón secuestrou a Asemblea co apoio do exército. Aproveitando as intrigas e a división de competencias entre os aparellos lexislativos e executivos do Estado, e recorrendo por suposto á coacción persoal, conseguiu que os deputados franceses nomeasen Cónsules provisionais a Sieyès, Roger Ducos e a el mesmo, creando o que se coñeceu como o triunvirato.
De forma inmediata preparouse a reforma constitucional. Tomáronse medidas para asegurar a orde social no país, acompañando as medidas económicas co desterro dos xacobinos, á vez que Bonaparte aumentaba a súa popularidade grazas a estas medidas e ás súas continuas aparicións públicas, exercendo o papel de salvador da patria. A pesar de que a República contaba en teoría con tres cónsules, só Napoleón chegou a exercer o cargo grazas a un truco legal consistente en iniciar o goberno dos cónsules por orde alfabética (Bonaparte-Ducos-Sieyès).
Durante moito tempo, relacionouse esta data (18 de brumario) co concepto de golpe de Estado, tanto que en 1851, Karl Marx publicou a súa obra titulada Der 18te Brumaire des Louis Napoleon (O 18 de brumario de Luís Bonaparte), relacionando o momento histórico co concepto de cesarismo (véxase tamén Xulio César), aínda que considerando Marx que o devandito concepto non é aplicábel á realidade do seu tempo, debido ao diferente carácter das clases en pugna en comparación coas existentes durante o momento de Xulio César.[1]