Greenback

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Greenback dun dólar correspondente á súa primeira emisión, de 1862.

Os greenbacks (en galego: "dorso verde") son billetes de emerxencia emitidos polos Estados Unidos de América durante a súa guerra civil, caracterizados pola cor verde dos seus reversos, o que lles dá o nome.[1]

Estas emisións de diñeiro fiduciario tiveron curso legal para a maioría dos propósitos e contaban con diversas promesas de pagamento posterior en moeda, aínda que non estaban sustentadas nas reservas de ouro nin de prata existentes.[1]

Existiron en dúas das formas dos billetes do dólar estadounidense: os Demand Notes, emitidos entre 1861 e 1862, e os United States Notes, emitidas en 1862 e 1863.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Antes da guerra civil, os Estados Unidos utilizaban moeda de ouro e de prata como moeda oficial, cuñada pola Casa da Moeda dos Estados Unidos. Os bancos privados emitían tamén papel moeda en forma de billetes, que podían trocarse por diñeiro en efectivo nas oficinas deses bancos. Estes billetes só tiñan valor se o banco emisor os trocaba, polo que se este caía en creba, os billetes perdían o seu valor. O Goberno federal tamén emitía, ás veces, billetes do Tesouro, para pedir diñeiro prestado á poboación durante as etapas de dificultades económicas, aínda que as propostas dun papel moeda federal resultaban politicamente polémicas, xa que lembraban as emisións de "moeda continental" emitida durante a Revolución Americana. Estes eran, nominalmente, pagadoiros en prata, aínda que se depreciaron axiña por mor da falsificación británica e a dificultade do Congreso Continental para recadar diñeiro dos estados.

O período da presidencia de James Buchanan caracterizárase por un déficit crónico, en tanto que o país caía no Pánico de 1857. O movemento de secesión do Sur empeorou a situación, xa que o Goberno perdeu importantes ingresos fiscais.[2] Durante a transición presidencial seguiuse funcionando con préstamos bancarios privados a tipos de xuros de ata o 12 por cento e algúns bancos chegaron a pedir ata o 36 por cento.[3] Salmon P. Chase, como secretario do Tesouro da Administración entrante de Abraham Lincoln, atopou os bancos máis receptivos, aínda que tivo problemas para manter suficientes moedas no Tesouro para facer fronte aos gastos xerados pola guerra civil.[4]

Demand Notes[editar | editar a fonte]

Neste contexto, a primeira medida tomada para financiar a guerra tivo lugar en xullo de 1861, cando o Congreso autorizou a emisión de 50 millóns de dólares en papel moeda do tipo coñecido como Demand Notes —unha especie de "bonos á vista"—; non devindicaban xuros, mais podían trocarse por diñeiro en especie "a demanda". Non tiveron curso legal ata marzo de 1862 pero, igual que os billetes do Tesouro, podían utilizarse para pagar os dereitos alfandegueiros. De xeito diferente aos billetes estatais e a algúns de bancos privados, estes Demand Notes estaban impresos por ambas as súas faces, e os seus reversos estaban impresos con tinta verde, o que lles proporcionou o apelativo de greenbacks. Ao principio tiñan un desconto con respecto ao ouro mais, ao seren totalmente trocables por ouro, puxéronse axiña á par. En decembro de 1861, o Goberno viuse obrigado a suspender o reembolso e os greenbacks diminuíron. Chase autorizou o pagamento de xuros sobre os Demand Notes, o que mantivo o seu valor.

O último papel moeda do tipo coñecido como United States Note, tamén chamado Legal Tender Note, non podía utilizarse para pagar os dereitos de alfándega nin os xuros da débeda pública, que só se podían pagar con ouro ou con Demand Notes. Xa que logo, os importadores seguiron utilizando os Demand Notes no canto do ouro. En marzo de 1862, os Demand Notes pasaron a ter curso legal. Á medida que se utilizaban para pagar as taxas alfandegueiras, íanse retirando da circulación, ata o punto de que a mediados de 1863 xa desaparecera o 95 %.

United States Notes[editar | editar a fonte]

A cantidade de Demand Notes emitidos resultara moi insuficiente para facer fronte aos gastos que a guerra lle supuña ao Goberno. A solución veu da man de Edmund Dick Taylor (1804-1891), un político e empresario de Illinois que servía como oficial voluntario. Taylor reuniuse con Lincoln en xaneiro de 1862 e suxeriu a emisión de papel moeda sen apoio. Esta idea non foi inicialmente do agrado do presidente, aínda que había unha presión crecente no Congreso por facer algo. O Goberno podía imprimir o seu propio diñeiro ou endebedarse a perpetuidade cos seus acredores estranxeiros. Isto fixo que Lincoln acabase por apoiar axiña a proposta de Taylor e o 25 de febreiro de 1862 o Congreso aprobou a primeira Lei do Curso Legal (Legal Tender Act)[8], pola que se autorizaba a emisión de 150 millóns de dólares en papel moeda do tipo United States Notes, tamén coñecido como Legal Tender Notes.[9]

Como o reverso destes billetes estaba tamén impreso en tinta de cor verde, recibiron igualmente o apelativo de greenbacks por parte da poboación, que os consideraba equivalentes aos anteriores Demand Notes, tamén coñecidos con tal alcume. Os United States Notes foron emitidos polo Goberno dos Estados Unidos para o pagamento do traballo e dos bens.[10]

Anteriormente, o secretario do Tesouro Chase fixera gravar o lema In God We Trust en todo o diñeiro emitido nos Estados Unidos. Durante unha reunión do Gabinete discutiuse tamén a posibilidade de incluílo nos billetes estadounidenses. No entanto, Lincoln comentou con humor, para xustificar a non inclusión: "se van colocar unha lenda nos greenbacks, eu suxiro a de Pedro e Paulo: "non teño prata nin ouro, pero douche o que teño".[11][12][13]

California e Oregón desafiaron a Lei do Curso Legal. Había máis dispoñibilidade de ouro na costa occidental e os comerciantes deses estados non querían aceptar os United States Notes ao seu valor nominal. Mesmo fixeron unha lista negra das persoas que intentaban utilizalos. Pola súa banda, os bancos de California non aceptaban depósitos en greenbacks e ese Estado non os aceptaba para o pagamento de impostos. Finalmente, tanto California como Oregón determinaron que os greenbacks supuñan unha violación ás súas constitucións estatais.[13]

Á medida que o Goberno emitía centos de millóns de dólares en greenbacks, o seu valor fronte ao do ouro diminuía. En 1862, o descenso foi tal que o ouro chegou a ter unha prima do 29 % e na primavera de 1863 os greenbacks baixaron máis, ata 152 dólares contra 100 dólares en ouro. Non obstante, logo da vitoria da Unión na batalla de Gettysburg, recuperouse ata os 131 dólares fronte aos 100 dólares en ouro. En 1864 o seu valor volveu ascender, xa que Grant estaba a facer poucos progresos contra Lee, que se mantivo forte en Richmond durante a maior parte da guerra. O punto máis baixo dos greenbacks produciuse en xullo dese ano, con 258 dólares en papel fronte a 100 dólares en ouro. A recuperación do valor comezou a partir da fin da guerra en abril de 1865, chegando a unha paridade de 150 contra 100.[14] Os greenbcks aumentaron o seu valor ata decembro de 1878, cando chegaron a pórse á par co ouro. Nese momento, pasaron a ser libremente convertibles en ouro.

Serie completa de valores dos greenbacks da serie de United States Notes (1862-1863)
Valor Data da primeira emisión Imaxes de anverso e reverso Motivos do anverso
1 dólar[15] 1 de agosto de 1862 US-$1-LT-1862-Fr-16c.jpg Salmon P. Chase
2 dólares[16] 1 de agosto de 1862 US-$2-LT-1862-Fr-41.jpg Alexander Hamilton
5 dólares[17] 10 de marzo de 1862 US-$5-LT-1862-Fr-61a.jpg Estatua da Liberdade no Capitolio e Alexander Hamilton.
10 dólares[18] 10 de marzo de 1862 US-$10-LT-1863-Fr-95b.jpg Abraham Lincoln (Frederick Girsch), aguia e representación da Arte.
20 dólares[19] 10 de marzo de 1862 US-$20-LT-1863-Fr-126b.jpg Representación da Liberdade.
50 dólares[20] 10 de marzo de 1862 US-$50-LT-1862-Fr-148a.jpg Alexander Hamilton.
100 dólares[21] 10 de marzo de 1862 US-$100-LT-1863-Fr-167.jpg Aguia coas ás estendidas.
500 dólares[22] 10 de marzo de 1862 US-$500-LT-1863-Fr-183c.jpg Albert Gallatin.
1.000 dólares[23] 10 de marzo de 1863 US-$1000-LT-1863-Fr-186e.jpg Robert Morris.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Brands, H. W. (2011). Páxina 1.
  2. Mitchell, W. C. (1903). Páxina 5.
  3. Mitchell, W. C. (1903). Páxina 7.
  4. Mitchell, W. C. (1903). Páxina 23.
  5. "5 Dollars (on Demand)". Banknote.ws
  6. "10 Dollars (on Demand)". Banknote.ws
  7. "20 Dollars (on Demand)". Banknote.ws
  8. Texto da Legal Tender Act. 25 de febreiro de 1862.
  9. Brands, H. W. (2011). Páxina 12.
  10. O'Sullivan, A.; Sheffrin, S. M. (2003). Economics: Principles in Action. Pearson Prentice Hall, Needham, MA. Páxina 552. ISBN 0-13-063085-3
  11. Feitos dos Apóstolos: Capítulo 3-6.
  12. Leight, P. (2019). "The Origins of Banking’s Unholy Alliance With the Federal Government". The American Spectator. 29 de outubro.
  13. 13,0 13,1 Leigh, P. (2014). Páxina 50.
  14. Brands, H. W. (2011). Páxina 13.
  15. "1 Dollar. United States Tresaury". Banknote.ws
  16. "2 Dollars. United States Tresaury". Banknote.ws
  17. "5 Dollars. United States Tresaury". Banknote.ws
  18. "10 Dollars. United States Tresaury". Banknote.ws
  19. "20 Dollars. United States Tresaury". Banknote.ws
  20. "50 Dollars. United States Tresaury". Banknote.ws
  21. "100 Dollars. United States Tresaury". Banknote.ws
  22. "500 Dollars. United States Tresaury". Banknote.ws
  23. "1.000 Dollars. United States Tresaury". Banknote.ws

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]