Moeda de 2 centavos de dólar estadounidense

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
2 centavos de dólar [1]
A/: Escudo nunha coroa vexetal, cun pergamiño co lema dos EEUU. Data.

Lendas: IN GOD WE TRUST

R/: valor facial nunha coroas de espigas. Nome do país.

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / 2 CENTS

A moeda de 2 centavos de dólar estadounidense é unha moeda de bronce con ese valor facial emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos e cuñada na Ceca de Filadelfia entre 1864 e 1873.

O seu deseñador e gravador foi o daquela gravador xefe da Casa da Moeda, James Barton Longacre.

A axitación económica da guerra civil estadounidense fixo que as moedas emitidas polo Goberno, mesmo a dun centavo Indian Head, cuñado en cuproníquel, desaparecesen da circulación ao seren acumuladas pola poboación. Cumpría dotar o sistema de máis circulante de valores pequenos. O grosor do centavo facía que á Ceca de Filadelfia lle resultase difícil a súa cuñaxe, polo que tanto os seus responsables como a Comisión de Ensaios dos Estados Unidos recomendaron a substitución da moeda. Malia a oposición dos que querían manter o níquel na aliaxe, o Congreso aprobou a Lei da moeda de 1864, que por unha banda modificaba os centavos para seren cuñados en bronce e cun menor grosor, e por outra autorizaba a nova moeda de 2 centavos, tamén de bronce.

Aínda que en principio foi moi popular, pola ausencia doutras moedas federais en circulación, o lugar da moeda de 2 centavos na circulación foise ocupando por outras moedas cuñadas en metais básicos que o Congreso aprobou posteriormente: a moeda de tres centavos e a de cinco centavos. As tiraxes da moeda de 2 centavos fóronse reducindo cada ano, ata que finalmente foi cancelada mediante a promulgación da Lei da Moeda de 1873. Moitos exemplares foron trocados polo Goberno e outros moitos foron refundidos na Casa da Moeda.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

En 1806, o senador por Connecticut Uriah Tracy xa propuxera a creación dunha moeda de 2 centavos, xunto con outra de vinte centavos. Consonte a idea daquela imperante de que as moedas debían conter o seu valor en metal, o proxecto de lei de Tracy establecía en principio que a moeda de 2 centavos fose de billón —aliaxe de prata pobre— e a de 20 centavos de prata. O director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Robert Patterson, opúxose ao proxecto de lei aducindo que sería difícil refinar a prata das moedas de 2 centavos no caso de seren posteriormente fundidas. Aínda que a proposta de Tracy foi aprobada no Senado en dúas ocasións, en 1806 e 1807, non o conseguiu na Cámara de Representantes.[2]

Proba non adoptada para unha moeda de 2 centavos de dólar (1836).[3][4]

A Casa da Moeda tamén considerou a posibilidade de emitir unha moeda de 2 centavos en 1836, e mesmo chegaron a cuñarse algunhas probas realizadas polo segundo gravador, Christian Gobrecht, e polo fundidor e refinador, Franklin Peale.[3][4] Proxectábase que esta nova moeda fose tamén de billón e incluíuse unha disposición relativa a ela nos primeiros borradores da Lei da Moeda de 1837, aínda que a proposta se abandonou cando Peale demostrou que podería ser falsificada con facilidade.[5]

Ata 1857, a moeda dun centavo era unha moeda grande de cobre, que contiña aproximadamente o seu valor nominal en metal. Estas moedas non eran moi populares e en 1857, logo de recibir a aprobación do Congreso, a Casa da Moeda comezou a emitir un novo centavo cunha aliaxe de cobre e níquel —o centavo Flying Eagle—, cun diámetro menor, o mesmo que o do actual centavo Lincoln, aínda que máis groso ca este.[6][7] Estas moeda circulou con facilidade e, aínda que foi substituída polas súas dificultades de cuñaxe en 1859 polo centavo Indian Head, non desapareceu da circulación ata que a poboación comezou a acumular as moedas federais en gran parte dos Estados Unidos en 1861 e 1862, durante a axitación económica da guerra civil. Isto sucedeu porque a poboación do Norte temía que se a guerra ía mal, o papel moeda e os bonos do Estado poderían perder o seu valor. O baleiro xerado encheuse, entre outras cousas, coa emisión de fichas privadas, ás veces de cuproníquel, que se aproximaban ao tamaño dun centavo, e ás veces con pezas máis delgadas de cobre.[8]

Ficha privada do tamaño dun centavo, emitida durante a guerra civil.[9]

Os funcionarios da Casa da Moeda eran conscientes desta situación e cando en 1863 intentaron restablecer a circulación das moedas, considerouse o uso de moedas de bronce, sen níquel, que non conterían o seu valor nominal en metal. No seu informe anual presentado o 1 de outubro de 1863, o daquela director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, James Pollock, sinalaba que "en tanto que a xente espera un valor completo nas súas moedas de ouro e de prata, só quere a moeda inferior [de metal común] por comodidade para pagar cantidades exactas".[10] Pollock observou que as fichas privadas dun centavo contiñan en metal só a quinta parte do seu valor nominal e, mesmo así, seguían utilizándose. Xa que logo, propuxo substituír o centavo de cuproníquel por unha moeda de bronce do mesmo tamaño e deseño.[11] Pollock pretendía eliminar completamente o níquel como metal de cuñaxe, xa que as súas aliaxes duras estragaban os cuños e a maquinaria.[12]

Inicio[editar | editar a fonte]

O 8 de decembro de 1863, Pollock escribiulle ao secretario do Tesouro, Salmon P. Chase, para lle propor a modificación da moeda dun centavo e a creación doutra de 2 centavos, e xuntoulle modelos desta última, que fixera preparar.[13] Segundo o numismático Neil Carothers, o máis probable é que se propuxese unha moeda de dous centavos para pór en circulación a maior cantidade de moeda miúda no menor tempo posible, xa que a Casa da Moeda podía cuñar unha peza de 2 centavos coa mesma facilidade que unha dun centavo.[14]

Proceso lexislativo[editar | editar a fonte]

O 2 de marzo de 1864, Pollock escribiu con urxencia a Chase para o avisar de que a Casa da moeda estaba a quedar sen níquel e que a demanda de centavos estaba no seu punto máis alto. Tamén informou o secretario de que a Comisión de Ensaios dos EEUU recomendara o uso do bronce francés —95% de cobre, co 5% restante de estaño e cinc— como metal para a cuñaxe do centavo e da nova peza de dous centavos.[15] Tres días despois, Chase envioulle ao senador de Maine William P. Fessenden, presidente da Comisión de Finanzas do Senado, a carta de Pollock do 8 de decembro, xunto co proxecto de lei para a aprobación de ambas as moedas de bronce. Fessenden non tomou ningunha decisión inmediata. O 16 de marzo, Pollock escribiu novamente a Chase e díxolle que a ceca pública estaba a piques de quedar sen níquel, gran parte do cal era xa importado. Chase reenvioulle esta carta ao senador Fessenden. Finalmente, foi o senador por New Hampshire Daniel Clark quen presentou o proxecto de lei, o 22 de marzo. Durante a súa tramitación léronse as cartas de Pollock, que quizais fosen determinantes, xa que o Senado aprobou o proxecto de lei sen debate.[11]

A subministración nacional de níquel procedía naquela época dunha mina de Gap, en Pensilvania, propiedade de Joseph Wharton. O 19 de marzo, Pollock escribiu ao secretario do Tesouro, Chase, para lle facer saber que xa non dispuña de máis níquel nos seus almacéns nin había ningún dispoñible no estranxeiro, e xa que logo "estamos encerrados na subministración doméstica de Wharton".[16]

Oposto á eliminación do níquel do centavo, Wharton publicou un panfleto en 1864 no que propuña a cuñaxe de moedas de 1, de 2, de 3, de 5 e de 10 centavos cunha aliaxe dunha parte de níquel e tres de cobre, o que supuña duplicar a porcentaxe de níquel no centavo, no canto de eliminalo. Malia estes esforzos de Wharton, o 20 de abril unha comisión da Cámara de Representantes deulle vía libre ao proxecto de lei. A esta aprobación opúxose Thaddeus Stevens, de Pensilvania, representante da zona mineira na que Wharton extraía o seu níquel. Segundo Stevens, Wharton gastara 200.000 dólares para desenvolver a súa mina e para mellorar a maquinaria de refinaxe do mineral, e consideraba inxusto privalo do maior uso do seu metal: "Debemos destruír toda esa empresa porque ao cuñar con outro metal o Goberno pode aforrar máis diñeiro?"[17] Ademais, Stevens argumentou que a aliaxe de cobre e níquel para o centavo fora aprobada polo Congreso, e a nova aliaxe, á que el se referiu como "latón", amosaría a oxidación. Esta opinión foi rebatida polo congresista por Iowa John A. Kasson, presidente da Comisión de Moeda, Pesos e Medidas da Cámara de Representantes, dicindo que a aliaxe de bronce non se parecía ao latón e que non podía apoiar a proposta de que o Goberno estea obrigado a comprar a un provedor polo feito de que gastara diñeiro con base nunha previsión de vendas.[18]

O proxecto de lei foi aprobado tamén polo pleno da Cámara de Representantes e o 22 de abril de 1864 e foi asinado polo presidente Abraham Lincoln, para o converter na Lei da Moeda de 1864.[19] Consonte esta norma, tanto a nova versión da moeda dun centavo como a nova de 2 centavos terían curso legal ata a cantidade dez unidades,[18] e o Goberno non as trocaría por xunto.[20] A mesma lei tamén prohibiu a circulación das fichas privadas que estaban a circular con valores de 1 e de 2 centavos e no mesmo ano o Congreso acabou con todas as emisións dese tipo.[21] A nova norma non permitía a redención dos anteriores centavos de cuproníquel; o seu redactor fora Pollock, quen esperaba que os dereitos de señoriaxe[22] da emisión das novas moedas axudasen a financiar as operacións da Casa da Moeda, e non quería que se visen reducidos pola retirada das antigas pezas.[23]

Pola súa banda, os intereses de Wharton víronse en parte salvagardados pola aprobación dun proxecto de lei para a creación dunha moeda de 3 centavos en 1865 e outra de 5 centavos en 1866, ambas cuñadas na aliaxe proposta por el.[24][25]

Deseño[editar | editar a fonte]

A finais de 1861, o reverendo Mark R. Watkinson, de Ridleyville, Pensilvania, escribíralle a Chase para lle propor que se puxese algunha referencia a Deus nas moedas naquel tempo de guerra, e o 20 de novembro daquel ano, Chase escribiu a Pollock, o director da casa da Moeda: "Ningunha nación pode ser forte se non é coa forza de Deus, nin segura se non é coa súa defensa. A confianza do noso pobo en Deus debe ser declarada nas nosas moedas nacionais. Vostede fará que se prepare sen demora innecesaria un deseño cun lema que exprese nos termos máis breves posible este recoñecemento nacional".[26] Pollock barallou varios lemas, entre eles GOD OUR TRUST ("Deus, a nosa confianza") e GOD AND OUR COUNTRY ("Deus e o noso país").[27] Algunhas das probas cuñadas por el e enviadas a Chase en decembro de 1863 utilizaban o lema GOD OUR TRUST, e el escribiu acerca disto: "os deseños son fermosos e apropiados, e o lema en cada un deles, como todos os que temen a Deus e aman o seu país, aprobarano".[11] Pollock envioulle tamén algunhas probas cuñadas que representaban o busto de George Washington, ao que Chase respondeu por carta dicindo: "Aprobo os seus lemas, só suxerindo que no anverso de Washington o lema debe comezar coa palabra OUR ("o noso") para que sexa OUR GOD AND OUR COUNTRY ("o noso Deus e o noso país"). E no que ten o escudo, débese cambiar para que diga IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos"). Pollock inspirárase para estes lemas no himno dos Estados Unidos, The Star-Spangled Banner ("A bandeira das estrelas),[28][29] unha de cuxas derradeiras estrofas inclúe o verso And this be our motto, 'In God Is Our Trust' ("E este é o noso lema, 'En Deus está a nosa confianza'")".[30] É probable que na decisión de Chase influíse tamén o lema da Universidade Brown, onde el estudara: In Deo Speramus ("En Deus esperamos").[31]

Como os lemas que debían aparecer inscritos nas moedas estaban prescritos por unha lei de 1837, cumpría un cambio lexislativo. A mesma lei que creou a moeda de 2 centavos autorizou tamén o director da Casa da Moeda, coa aprobación do secretario do Tesouro, para prescribir os deseños e os lemas que debían utilizarse.[28][32] A moeda de dous centavos de Longacre foi a moeda do país en amosar o lema IN GOD WE TRUST. Este lema acabou popularizándose e o 3 de marzo de 1865 o Congreso aprobou unha lei que ordenaba o seu uso en todas as moedas co tamaño suficiente para levalo.[33] A partir de 1938, todas as moedas estadounidenses levan obrigatoriamente ese lema nunha das súas faces.[28][34]

O motivo principal que Longacre escolleu para o anverso da moeda é unha versión persoal do Gran Selo dos Estados Unidos.[35] O seu deseño dálle o protagonismo ao escudo como arma defensiva, que representa a forza e a autoprotección a través da unidade. A parte superior do escudo simboliza o Congreso, en tanto que as 13 franxas verticais representan os trece estados orixinais. En consecuencia, todo o anverso simboliza o poder do Goberno federal, a través da unidade dos seus estados. As frechas cruzadas representan a non-agresión e ao mesmo tempo a preparación para o ataque. As pólas de loureiro, tomadas da tradición grega, simbolizan a vitoria.[36] No gravado heráldico, as liñas verticais representan a cor vermella, as zonas claras o branco e as horizontais o azul, polo que o escudo do anverso é destas cores, o que evoca as da bandeira dos Estados Unidos.[37]

O reverso contén apenas a denominación abreviada do valor facial, 2 CENTS, dentro dunha coroa de trigo algo ornamentada. O resto está ocupado polo nome do país.[35]

O historiador da arte Cornelius Vermeule considerou a peza de dous centavos como "a máis gótica e a máis expresiva da guerra civil" de todas as moedas estadounidenses. "O escudo, as frechas e a coroa do reverso só necesitan flanquear os canóns para seren a expresión consumada da heráldica da guerra civil".[38] Vermeule sinalou que a moeda parece caligráfica, máis que escultórica, e atribuíuno á carreira inicial de Longacre como gravador de pranchas de cobre.[39]

Produción[editar | editar a fonte]

Moeda de 1864 coa variante "lema pequeno".[40][41]
Moeda de 1864 coa variante "lema grande".[42]

Uns poucos milleiros de exemplares das primeiras cuñaxes procedían dun cuño que se creara como prototipo e que tiña as letras do lema da parte superior do escudo dun tamaño inferior aos demais usados nas cuñaxes de 1864.[31][40] Aínda que non se reservou ningún exemplar das primeiras cuñaxes para a súa análise pola Comisión de Ensaios dos EEUU —por tratarse dunha moeda de metal común— o Congreso ordenou que se fixesen comprobacións internas na Casa da Moeda en relación coa súa composición e o seu peso.[43]

A moeda de 2 centavos foi un éxito ao principio e circulou con axilidade en canto se emitiu unha cantidade suficiente como para ser recoñecida pola poboación.[26] O seu éxito inicial debeuse á escaseza de moeda en circulación en tempo de guerra,[31] que foi aliviada por esta e pola nova moeda dun centavo. Aínda que Pollock informou do acaparamento de centavos no seu informe de xuño de 1864, non volveu a falar disto en informes posteriores. As moedas de prata aínda non circulaban en gran parte do país e o centavo e os 2 centavos —ás que se sumaron as novas moedas de 3 e de 5 centavos de cuproníquel cuñadas por primeira vez en 1865 e 1866— respondían á necesidade de moeda miúda en circulación.[44] En outubro de 1864, Pollock informou de que a demanda de ambas as moedas non tivera precedentes e que se estaba a facer o posible para aumentar a produción. No seu informe do mes de xuño seguinte cualificou a moeda de 2 centavos como "unha moeda moi conveniente e popular".[14] A Lei do 3 de marzo de 1865, pola que se creou a moeda de 3 centavos de níquel, reduciu o límite do curso legal para as de bronce á cantidade de catro centavos, en tanto que fixo que a nova moeda autorizada fose aceptable ata sesenta centavos.[45]

Logo da grande tiraxe de case vinte millóns de pezas de 2 centavos o primeiro ano, segundo o numismático Q. David Bowers o entusiasmo e a aceptación da poboación diminuíron.[46] Despois da guerra, a demanda desta moeda por parte dos bancos diminuíu,[31] ao mesmo tempo que aumentaba a da nova moeda de 5 centavos. A tiraxe dos 2 centavos comezaron a baixar cada ano.[47] David W. Lange sinala que "a finais da década de 1860 era evidente que a súa cuñaxe xa non era necesaria".[26] Segundo Carothers, "xa non cumpría cuñar a moeda de 2 centavos; malia ser popular ao principio por mor da gran demanda existente de moeda miúda, era unha moeda superflua e a súa circulación diminuíu axiña logo da introdución da moeda de 5 centavos de níquel".[14]

A nova moeda de 5 centavos Shield (cuñada desde 1866)[48] semellaba a de 2 centavos, o que contribuíu á saída desta da circulación.

A partir de 1867, o novo director da US Mint logo da dimisión de Pollock, Henry Linderman, comezou a avogar por que o Congreso autorizase o rescate dos excedentes de moedas de cobre e de bronce. Aínda que a lei que creara a moeda de 5 centavos permitía que se trocase en lotes, non había ningunha disposición para que o Goberno volvese a comprar as moedas máis pequenas, e ao emitirse máis cada ano, había demasiadas moedas de pouco valor en circulación. Os funcionarios do Tesouro insistiron en que o Goberno non podía aceptar as pezas máis alá dos seus límites de curso legal, mesmo se o que se facía era cambialas por outra moeda.[49]

Baixo a dirección de Linderman, a Casa da Moeda, sen ningunha autoridade legal, comprou 360.000 dólares en moedas de bronce utilizando moedas de 3 centavos e de 5 centavos. Mesmo así, acumuláronse millóns de pezas de 2 centavos en mans de compañías de xornais, de transporte, de correos e doutras que recibían pequenos pagamentos da poboación, o cal xerou queixas ao congreso. Coa chegada da Administración do presidente Ulysses S. Grant, Pollock volveu ao seu cargo de director da ceca pública e opúxose ás propostas de troco. Aínda que incluíu as opinións de Pollock como parte do seu informe anual, o secretario do Tesouro George S. Boutwell pediulle ao Congreso que aprobase unha lei de rescate, e así o fixo o 3 de marzo de 1871,[50] permitindo o troco de moedas menores en lotes de non menos de 20 dólares. Tamén se lle permitía ao secretario do Tesouro suspender a cuñaxe de calquera peza trocada en grandes cantidades.[51] Consonte a nova lei, a Casa da Moeda trocou en 1871 e 1872 máis de 37 millóns de moedas pequenas, entre as que se incluían as de 2 centavos.[50]

Nos anos da posguerra, o Congreso e o Tesouro viron oportuna unha revisión das leis de cuñaxe, xa que a de 1837 se consideraba anticuada. O mantemento da moeda de 2 centavos nunca se considerou seriamente nos debates sobre o que se acabou por converter na Lei da Moeda de 1873; a única cuestión relativa á moeda menor era se facer o centavo de bronce ou de cuproníquel, así como o tamaño das moedas de 3 e de 5 centavos. Con esas moedas sen cambios, o proxecto de lei aprobouse o 12 de febreiro, pondo fin á serie de moedas de 2 centavos.[52]

Cancelación[editar | editar a fonte]

Ante a posibilidade de que a moeda de 2 céntimos fose cancelada, en 1872 só se cuñaron 62.000 exemplares.[53][54][55]

Data 1873 co "3 aberto".[56]
Data 1873 co "3 pechado".[57]

O 18 de xaneiro de 1873, o cuñador xefe da Ceca de Filadelfia, Archibald Loudon Snowden, queixouse de que o 3 da data en todas as moedas cuñadas ese ano se parecía demasiado a un 8, especialmente nas moedas de menor tamaño, como era o caso das de 2 centavos. Como resposta, Pollock encargoulle ao novo gravador xefe William Barber —Longacre falecera en 1869[58] que gravase novamente a data nos cuños, abrindo máis as terminacións do 3 en todos os tipos de moeda.[59] A de 2 euros xa só se cuñou ese ano en condición proof para coleccionistas en 1873, e é nelas nas que se xerou a variante de "3 aberto" e "3 pechado", presente tamén no resto das moedas do sistema ese ano.[60] Breen suxire que a variante do "3 aberto" se cuñou realmente nunha data posterior, probablemente de forma clandestina; non se soubo da súa existencia ata que foi descuberta por un numismático na década de 1950.[61] O numismático Paul Green atribuíu as dúas variantes aos dous tipos de xogos de moedas en condición proof que a Casa da Moeda vendía naquela época para o coleccionismo e que conterían a moeda de 2 centavos. Por unha banda había un xogo que contiña unicamente as moedas inferiores, que non contiñan metais preciosos, en tanto que outro xogo contiña tamén as de prata; Grren postula que se cuñou unha variante do "3" para cada tipo de xogo.[62]

Na década de 1870 e nas posteriores retiráronse grandes cantidades de moedas de 2 centavos.[31] Aproximadamente 17 millóns das 45.600.000 pezas de 2 centavos emitidas foran recuperadas polo Tesouro en 1909.[63] Os exemplares retirados refundíronse e o metal utilizouse para a cuñaxe de novas moedas dun centavo.[64]

En 1920 o Senado aprobou un proxecto de lei para crear unha nova moeda de 2 centavos co retrato do expresidente Theodore Roosevelt, que acababa de morrer, e unha comisión da Cámara de Representantes defendeuna con claridade, aínda que a lei nunca chegou a promulgarse.[65] O numismático S. W. Freeman sinalou en 1954 que pouca xente viva lembraba ter usado a moeda de 2 centavos, pero os poucos que si que o facían asociábana con frecuencia cunha tenda de lambetadas.[66] A Lei da Moeda de 1965 aínda confirmou o pleno carácter de curso legal para a moeda de 2 centavos, moito tempo despois de que a moeda deixase de circular, xa que esta lei fixo que todas as moedas e os billetes dos Estados Unidos fosen válidos para todas as débedas públicas e privadas sen límite.[31] Porén, o numismático Jack White sinalou nun artigo de 1971 que, por mor da súa curta vida útil, "apenas tivo tempo de reivindicarse".[67]

Coleccionismo[editar | editar a fonte]

A edición de 2018 de A Guide Book of United States Coins, de R. S. Yeoman, considera a moeda de 2 centavos de 1864 co "lema grande" e a de 1865 como as máis accesibles da serie no mercado do coleccionismo —uns 15 dólares nun estado de conservación aceptable—, aínda que ningunha das emisións ata 1871 excede os 40 dólares neo mesmo estado.[68] A razón destes prezos relativamente baixos, en comparación cos doutras moedas estadounidenses do século XIX, é a escaseza de coleccionistas que busquen a serie completa de datas, xa que é máis habitual que se coleccione un só espécime en representación do seu tipo.[62] A variante con "lema pequeno" de 1864 é unha das máis valoradas; Yeoman atribúelle unha cotización de 600 dólares para a versión estándar nun estado aceptable e de 20.000 dólares para a versión proof.[68]

Tiraxes[editar | editar a fonte]

Todas as moedas de 2 centavos foron cuñadas na Ceca de Filadelfia e carecen de marca de ceca. As cantidades indicadas na táboa para a versión con acabamento proof son estimadas.[68]

Ano Cuñaxe proof Circulantes [53]
1864 100 19.822.500
1865 500 13.640.000
1866 725 3.177.000
1867 625 2.938.750
1868 600 2.803.750
1869 600 1.546.500
1870 1.000 861.250
1871 960 721.250
1872 950 65.000
1873 (pechado) 500 0
1873 (aberto) 600 0

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "2 Cents "Union Shield"". Numista.com
  2. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 141.
  3. 3,0 3,1 "Auction#1184. Lot #3908: 1836 Two Cents Pattern". Heritage Auctions. 25 de abril de 2013.
  4. 4,0 4,1 "2 Cents "1836" Pattern; billon". Numista.com
  5. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 232.
  6. Snow, R. (2009). Páxinas 7, 9.
  7. Yeoman, R. S. (2017). Páxinas 113-117.
  8. Carothers, N. (1930). Páxina 191-192.
  9. "Civil War Token - Our Little Monitor". Numista.com
  10. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 239-240.
  11. 11,0 11,1 11,2 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 232.
  12. Carothers, N. (1930). Páxina 196.
  13. Radeker, W T. (1991). Páxina 1.740.
  14. 14,0 14,1 14,2 Carothers, N. (1930). Páxina 200.
  15. Carothers, N. (1930). Páxinas 196-197.
  16. Carothers, N. (1930). Páxina 197.
  17. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 241-242.
  18. 18,0 18,1 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 242.
  19. Texto da Lei da Moeda de 1864. Memory.loc.gov
  20. Carothers, N. (1930). Páxina 205.
  21. Carothers, N. (1930). Páxina 195.
  22. A señoriaxe é a diferenza entre o valor nominal das moedas e o custo da súa produción.
  23. Carothers, N. (1930). Páxina 199.
  24. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 243-244.
  25. Yeoman, R. S. (2017). Páxina 135.
  26. 26,0 26,1 26,2 Lange, D. W. (2006). Páxina 99.
  27. Kay, R. (2005). Páxina 40.
  28. 28,0 28,1 28,2 "Reafirmining "In God We Trust" as the offricial motto of the US...". Congress.gov
  29. Radeker, W T. (1991). Páxina 1.741.
  30. The Soldier's Companion. Boston: American Unitarian Association. 1865. Páxina 19.
  31. 31,0 31,1 31,2 31,3 31,4 31,5 Breen, W. (1988). Páxina 238.
  32. Bureau of the Mint (1904). Páxinas 44-45.
  33. Lange, D. W. (2006). Páxinas 98-99.
  34. Bureau of the Mint (1904). Páxina 48.
  35. 35,0 35,1 Rayburn, Y. (1970). Páxina 42.
  36. Peters, G.; Mohon, C. (1995). Páxina 16.
  37. Bowers, Q. David (2006). Páxina 54.
  38. Vermeule, C. (1971). Páxina 60.
  39. Vermeule, C. (1971). Páxinas 60, 62.
  40. 40,0 40,1 "1864 Two Cent Piece, Small Motto". Twocentpiece.com
  41. "Auction #1190. Lot #33001: 1864 2C Small Motto" . Heritage Auctions. 15 de novembro de 2013.
  42. "Auction #1216. Lot #3411. 1864 2C Large Motto". Heritage Auctions. 7 de xaneiro de 2015.
  43. Bureau of the Mint (1904). Páxina 46.
  44. Snow, R. (2009). Páxinas 34-35.
  45. Carothers, N. (1930). Páxina 345.
  46. Bowers, Q. D. (2009). "Collecting Two-Cent Pieces 1864-1873". Professional Coin Grading Service. 17 de agosto.
  47. Yeoman, R. S. (2017). Páxinas 127, 130.
  48. "5 Cents "Shield Nickel" without rays". Numista.com
  49. Carothers, N. (1930). Páxina 207.
  50. 50,0 50,1 Carothers, N. (1930). Páxina 212.
  51. Bureau of the Mint (1904). Páxina 50.
  52. Carothers, N. (1930). Páxinas 227-238.
  53. 53,0 53,1 "Two Cent Piece Mintages". Twocentpiece.com
  54. "1872 Two Cent Piece". Twocentpiece.com
  55. Yeoman, R. S. (2017). Páxina 127.
  56. "Auction #1117. LOT #278: 1873 2C Open 3". Heritage Auctions. 23 de outubro de 2008.
  57. "Auction #1142. Lot #3199: 1873 2C Closed 3". Heritage Auctions. 8 de xullo de 2010.
  58. Snow, R. (2009). Páxina 228.
  59. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 504.
  60. "1873 Proof Two Cent Piece". Twocentpiece.com
  61. Breen, W. (1988). Páxinas 238-241.
  62. 62,0 62,1 Green, P. "Two Cents Worth Collecting Arquivado 22 de novembro de 2022 en Wayback Machine.". Littleton Coin Company (Littlecoin.com).
  63. "Do We Need a Two-Cent Coin?". En The Numismatist. Agosto de 1909. American Numismatic Association. Páxina 239.
  64. "Cents Wanted". En The Coin Collector's Journal. Scott & Co. Nova York. Xullo de 1880. Páxina 110.
  65. Carothers, N. (1930). Páxina 299.
  66. Freeman, S. W. (1954). Páxinas 562-563.
  67. White, J. (1971). Páxina 37.
  68. 68,0 68,1 68,2 Yeoman, R. S. (2017). Páxina 127.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Libros e catálogos[editar | editar a fonte]

Artigos e outras fontes[editar | editar a fonte]

  • Freeman, S. W. (1954). "Two Cent Pieces of the United States". En The Numismatist. Xuño. American Numismatic Association. Páxinas 562-573.
  • Kay, R. (2005). "The Remarkable Coinage of James B. Longacre". En The Numismatist. Abril. American Numismatic Association. Páxinas 36-37, 40-41.
  • Radeker, W T. (1991). "Those Collectable 2-Cent Pieces". En The Numismatist. Novembro. American Numismatic Association. Páxinas 1739-1741, 1805..
  • Rayburn, Y. (1970). "Coins of America's 'Gilded Age'". En Coins. Outubro. Krause Publications. Páxinas 41-44.
  • White, J. (1971). "The Two Cent Piece". En Coins. Maio. Krause Publications. Páxina 37.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]