Moeda de 5 centavos de dólar Shield

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Moeda de 5 centavos de dólar
Shield [1][2]

Anverso común
(1866-1883)
Escudo con grilanda.
IN GOD WE TRUST (data)

1º reverso
(1866-1867)
Valor. 13 raios e 13 estrelas
UNITED STATES OF AMERICA


2º reverso
(1867-1883)
Valor. 13 estrelas
UNITED STATES OF AMERICA

A moeda de 5 centavos de dólar Shield foi a primeira moeda estadounidense con ese valor facial producida en cuproníquel, a mesma aliaxe coa que se continuou cuñando ata os nosos días. O seu deseño débeselle ao daquela gravador xefe da Casa da Moeda dos EEUU, James Barton Longacre, e emitiuse desde 1866 ata 1883, cando foi substituída polos 5 centavos Liberty Head. A moeda toma o seu nome do motivo central do seu anverso (inglés shield = "escudo").

O valor de 5 centavos viñérase cuñando en prata desde os primeiros tempos de existencia da Casa da Moeda dos Estados Unidos, a finais do século XVIII, mais desapareceran da circulación, xunto coa maioría das demais moedas, durante a axitación económica producida pola guerra civil. En 1864, a US Mint introduciu na circulación con éxito as moedas de faciais baixos, cuxo valor intrínseco non se aproximaba ao seu valor nominal. O industrial Joseph Wharton avogou daquela por que as moedas levasen níquel na súa composición, un metal no que el posuía importantes intereses financeiros. Cando a Casa da Moeda propuxo unha peza de 5 centavos de aliaxe de cobre e níquel, o Congreso exixiu que a moeda fose máis pesada do que a ceca concibira inicialmente, o que lle permitiu a Wharton venderlle máis metal ao Goberno.

O deseño de Longacre baseouse nas súas moedas de 2 centavos, e simboliza a forza dun país unificado. O proceso de cuñaxe desta moeda resultou ser complicado, o que provocou que o deseño do seu reverso tivese que modificarse en 1867. Malia todo, as dificultades de produción continuaron, causando numerosas variantes menores que son hoxe obxecto de interese para o coleccionismo.

A emisión dos 5 centavos Shield para a circulación suspendeuse en 1876 durante un período de máis de dous anos, por mor do exceso de moedas de baixo valor facial que estaban en circulación, e só se cuñou en pequenas cantidades ata 1882. O ano seguinte, o modelo foi substituído pola nova moeda de 5 centavos Liberty Head, deseñada por Charles E. Barber.

Antecedentes e autorización[editar | editar a fonte]

O industrial Joseph Wharton, partidario de introducir o níquel como metal de cuñaxe.

A Casa da Moeda dos Estados Unidos cuñaba pezas de cinco centavos desde 1792; de feito, estas foron as primeiras moedas saídas da ceca pública estadounidense.[3] A aliaxe utilizada orixinalmente era de 892 milésimas de prata e o resto de cobre, e en 1837 a proporción de prata aumentárase ata as 900 milésimas.[4]

A Guerra de Secesión fixo que a maioría das moedas estadounidenses desaparecesen da circulación, e o baleiro creado encheuse con fichas privadas emitidas polos propios comerciantes, co uso de selos de correos encapsulados e coa emisión oficial de papel moeda de baixos valores faciais —de ata 3 centavos—, coñecido como Shinplaster ou Fractional Currency ("moeda fraccionaria"). As moedas de ouro e de prata eran obxecto de atesouramento e de exportación, e mesmo o centavo Indian Head, de cuproníquel, daquela a única moeda que se cuñaba en metal base, chegou a desaparecer da circulación.[5] En 1864, o Congreso comezou o proceso de restaurar a circulación de moedas abolindo os billetes de 3 centavos e autorizando a cuñaxe de centavos de bronce e de moedas de 2 centavos, con valores intrínsecos baixos. Estas novas moedas resultaron populares ao principio, aínda que a de 2 centavos desapareceu de camiño da circulación. O 3 de marzo de 1865, o Congreso aprobou unha lei que autorizaba a Casa da Moeda para cuñar moedas de 3 centavos, cun 75 % de cobre e un 2 5% de níquel.[6]

En 1864, o Congreso autorizara unha terceira serie de billetes de "moeda fraccionaria". Segundo o previsto, o billete de 5 centavos debía levar un retrato de "Clark", mais o Congreso alporizouse cando o retrato que saíu reproducido na emisión non foi o do explorador William Clark, senón o de Spencer M. Clark, o xefe da Oficina de Gravado e Impresión dos EEUU. Segundo o historiador numismático Walter Breen, "a resposta inmediata do Congreso foi aprobar unha lei para retirar o novo billete de 5 centavos, e outra para prohibir a representación de calquera persoa viva nas moedas e nos billetes federais". Clark só conservou o seu posto grazas á intervención directa do secretario do Tesouro, Salmon P. Chase.[7]

O daquela director da US Mint, James Pollock.

O daquela director da Casa da Moeda dos EEUU, James Pollock, opuxérase ata entón a cuñar moedas que contivesen níquel, mais en vista do éxito inicial da moeda de cuproníquel de 3 centavos, cambiou de opinión e pasou a ser partidario da cuñaxe de pezas de 5 centavos na mesma aliaxe. No seu informe de 1865, Pollock escribiu:[8]

Con esta aliaxe de níquel poderíase fabricar doadamente unha moeda de cinco centavos, que sería un substituto popular do billete de cinco centavos [...] só ata a recuperación dos pagamentos en especie. [...] En tempos de paz [...] non debería permitirse que moedas de aliaxe inferior ocupasen permanentemente o lugar da prata na cuñaxe de pezas por riba do valor facial de tres centavos.

O industrial Joseph Wharton posuía case o monopolio da extracción de níquel nos Estados Unidos e tratou de promover su uso deste metal na cuñaxe de moedas.[9] Tamén tiña moita influencia no Congreso; os seus amigos alí, malia teren fracasado nos seus intentos de acadar a aprobación do uso do níquel na moeda de 2 centavos, tiveran máis éxito no caso da moeda de 3 centavos.[10] O director Pollock preparou un proxecto de lei polo que se autorizaría unha moeda de 5 centavos da mesma aliaxe que a da moeda de 3 centavos, e cun peso total non superior a 3,90 gramos. Durante a fase de tramitación do proxecto de lei na Comisión de Moeda, Pesos e Medidas da Cámara de Representantes, o peso modificouse para o subir ata os 5,00 gramos, aparentemente para que supuxese un número redondo no sistema métrico decimal, aínda que máis probablemente para que Wharton puidese venderlle ao Tesouro máis cantidade de níquel, o que facía que a nova moeda resultase pesada en comparación coa de 3 centavos de cuproníquel. O proxecto de lei foi aprobado sen debate o 16 de maio de 1866.[8] A nova moeda de 5 centavos de cuproníquel tiña curso legal ata a cantidade dun dólar, e sería pagada polo Tesouro a cambio de moeda dos Estados Unidos, excluíndo o medio centavo, o centavo e os dous centavos. Podíase trocar en lotes de 100 dólares por billetes. Coa aparición desta nova moeda, retiráronse os billetes "fraccionarios" de valores faciais inferiores aos dez centavos.[11][12]

Deseño e produción[editar | editar a fonte]

O deseñador da moeda: James Barton Longacre.[13]
A moeda de 2 centavos de Longacre, cuxo deseño foi a base dos 5 centavos Shield.

Como a produción tiña que comezar de inmediato, cumpría que o gravador xefe da Casa da Moeda, James B. Longacre, preparase un deseño o antes posible.[14] Mesmo no momento en que o proxecto de lei de autorización dos 5 centavos estaba aínda pendente no Congreso, Longacre xa producira algunhas cuñaxes en proba, a finais de 1865.[15] Entre os espécimes de proba producidos por Longacre, un presentaba un escudo moi similar ao deseño que preparara para a moeda de 2 centavos, aínda que algo alterado, xa que o gravador cambiara a localización das dúas frechas no deseño, eliminou o pergamiño que levaba inscrito o lema nacional IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos") —a primeira vez que aparecía nunha moeda estadounidense—, e engadiu unha cruz, aparentemente coa intención de que figurase unha cruz patada na parte superior do escudo.[14][16][17] Outro modelo dos propostos por Longacre representaba no anverso a George Washington, e un terceiro amosaba o presidente Abraham Lincoln, que acababa de ser asasinado. Entre os deseños de reverso propostos por Longacre había un co número 5 dentro dun círculo de trece estrelas, cada unha separada da seguinte por raios.[14] O secretario do Tesouro, Hugh McCulloch, seguindo a recomendación de Pollock, elixiu o deseño do escudo para o anverso e o das estrelas e os raios para o reverso. Pollock non chegou a amosarlle a McCulloch o deseño de Lincoln, xa que cría que non sería ben recibido no Sur.[16]

Cuñaxe en proba de Longacre co busto de Washington no anverso.
Reverso da anterior.

Segundo o numismático Quentin David Bowers, o deseño do anverso de Longacre é "un dos motivos máis patrióticos das cuñaxes estadounidenses".[18] Baseado no escudo de armas do Gran Selo dos Estados Unidos de América, o deseño de Longacre centrouse no escudo como arma defensiva, que simboliza a forza e a autoprotección a través da unidade. A parte superior do escudo simboliza o Congreso, entanto que as 13 franxas verticais simbolizan os estados. Xa que logo, todo o conxunto representa a forza do Goberno federal a través da unidade dos estados. As frechas cruzadas, cuxos extremos son visibles preto da parte inferior do escudo, simbolizan a non agresión, pero implican a preparación contra o ataque. As pólas de loureiro, tomadas da tradición grega, simbolizan a vitoria.[19] No gravado heráldico, as liñas verticais representan o vermello, as áreas claras o branco e as liñas horizontais o azul, polo que o escudo é de cores vermella, branca e azul, nunha evidente evocación á bandeira dos Estados Unidos. Bowers non considera que o deseño do reverso sexa unha obra artística, senón puramente mecánica, obtida mediante o punzonado de caracteres e dispositivos nunha matriz de aceiro.[18]

Ao iniciarse a produción das moedas comprobouse que a súa cuñaxe presentaba dificultades, xa que a dureza dos discos sobre os que se cuñaban provocaba non só unha mingua na calidade final, senón tamén o acurtamento da vida útil dos cuños de produción. O deseño da moeda foi tamén moi criticado: o industrial Wharton describiu o deseño do escudo como "unha lápida coroada por unha cruz e rodeada de salgueiros choróns. O American Journal of Numismatics describiuna como "a máis laida de todas as moedas coñecidas".[20] Máis grave aínda, o deseño do reverso lembraba a moitas persoas o motivo das "estrelas e barras" dos Estados Confederados derrotados.[12]

Os raios elimináronse do deseño a principios de 1867, coa esperanza de arranxar así algúns dos problemas de produción.[21][22] A transición ao novo deseño debía producirse o 1 de febreiro de 1867, mais é probable que a Casa da Moeda esgotase os cuños restantes co antigo deseño, o que suporía un importante aforro económico.[23] O cambio de deseño creou unha certa confusión entre a poboación, xa que moita xente asumía que algún dos dous deseños era unha falsificación, e a Casa da Moeda chegou a tomar en consideración a posibilidade de abandonar por completo o deseño do escudo.[14]

Na procura de alternativas á aliaxe de cobre e níquel, difícil de traballar, en xuño de 1867 Longacre propuxo que a moeda de 5 centavos se cuñase en aluminio, mais o novo director da US Mint, Henry Linderman, se opuxo á proposta, afirmando que o prezo e a subministración de aluminio presentaban daquela incertezas, e que ese metal era demasiado caro para o utilizar nunha moeda menor. O historiador numismático Don Taxay, na súa historia da Casa da Moeda dos Estados Unidos e as súas moedas, indicou que Linderman propuxera unha reforma lexislativa para aumentar a proporción de níquel na aliaxe a un terzo, malia terse oposto anteriormente ao uso do níquel nas moedas. Taxay suxeriu que o máis probable é que Linderman estivese influído por Wharton e outros defensores do uso do níquel.[24]

A finais de 1869, xa se producira unha cantidade suficiente de moedas de 5 centavos como para satisfacer as necesidades do comercio, polo que se diminuíu a tiraxe da súa cuñaxe.[25] As novas moedas tendían a acumularse en mans dos comerciantes por riba do límite de curso legal, pero os bancos negábanse a aceptalas en cantidades superiores ao máximo legalmente establecido dun dólar, e os comerciantes víronse obrigados a descontar as moedas aos intermediarios.[12] Pola súa banda, os carteiros, obrigados por lei a aceptar as moedas, atopáronse con que o Tesouro non as aceptaba como depósitos agás en lotes de 100 dólares, consonte a lei que as autorizaba.[26] En 1871, o Congreso aliviou o problema ao aprobar unha lei que lle permitía ao Tesouro trocar cantidades ilimitadas de moedas de 5 centavos e outras moedas de baixa denominación cando se presentasen en lotes de non menos de 20 dólares.[12] Non sería ata 1933, moito despois de que o deseño do escudo desaparecese da circulación, cando as moedas de 5 centavos adquiriron curso legal ilimitado.[25]

A Lei da Moeda de 1873 puxo fin á produción da moeda de 5 centavos de prata (half ime).[27] Malia esta abolición, as moedas de prata seguiron a circular durante o resto do século XIX no Oeste, onde o níquel non era ben aceptado e se preferían as moedas de prata ou de ouro.[12] A lei tamén lle outorgaba ao director da Casa da Moeda a autoridade para suspender a produción de calquera moeda se non se necesitaban exemplares adicionais. A mellora das condicións económicas, combinada cos baixos prezos da prata, puxo en circulación a partir de abril de 1876 grandes cantidades de moedas de prata que foran atesouradas anteriormente, entre elas as de 5 centavos de prata, polo que estas pasaron a coexistir na circulación coas súas equivalentes de cuproníquel.[28] A finais de 1876, a produción da moeda de 5 centavos Shield detívose en virtude da Lei da Moeda de 1873.[29] Non se acuñou ningún exemplar destinado á circulación en 1877 nin en 1878, senón só unha pequena tiraxe con acabamento proof —fondo espello e relevo mate— destinada ao mercado do coleccionismo.[12][30] Como o Tesouro tiña grandes existencias destas moedas nos seus almacéns, só se cuñaron pequenas cantidades nos anos seguintes. A produción a grande escala comezou novamente o 12 de decembro de 1881. A moeda con data de 1880, da que só se cuñaron 16.000 pezas para a circulación, segue a ser a máis rara de toda a serie,[31] coa excepción das proof emitidas para os coeleccionistas.[32]

Variantes[editar | editar a fonte]

Variantes na data de 1873
Variante "3 pechado"
Variante "3 pechado"

A serie de moedas de 5 centavos Shield deu lugar a un gran número de variantes. Howard Spindel, un dos principais expertos nestas moedas, sinala que os cuños utilizados na súa produción deron lugar a moitos menos exemplares que os utilizados para outras moedas, xa que o seu desgaste era tan rápido que a Casa da Moeda se vía constantemente sometida a unha gran presión para pór á disposición novos cuños. Segundo Spindel, moitos destes cuños se fabricaron de xeito apresurado e descoidado, o que deu orixe á gran cantidade de pequenas variantes hoxe coñecidas.[33]

Bowers sinala a moeda datada en 1868 como "un patio de recreo para repunzonado de datas, erros e similares".[33] Os especialistas acharon máis de sesenta variantes de dobre cuñaxe, causada polo desaliñamento cando o cuño quentado premía repetidamente contra a matriz para transferir o deseño. Hai varios tipos diferentes de datas repunzonadas, incluída unha variante na que o número "1" é moito máis pequeno do que se adoita atopar nas moedas de 5 centavos Shield.[34]

Do mesmo xeito que ocorreu noutros valores faciais de moedas dos Estados Unidos, hai dúas variantes principais das moedas cuñadas en 1873. A inicial foi a que se coñece como "3 pechado". Estas primeiras moedas deron lugar a que o cuñador xefe, A. Loudon Snowden, se queixase ao director Pollock de que o número "3" da data se parecía excesivamente a un "8". A Casa da Moeda preparou novos punzóns de data, nos que os brazos do 3 non se curvaban cara ao centro, o que creou a segunda variante, a coñecida como "3 aberto".[35]

O derradeiro ano de produción produciuse unha sobredata, 1883/2, cun "2" visible debaixo ou preto do díxito "3". Esta variedade debeuse ao uso de cuños datados en 1882 que non se destruíron ao final do ano, senón que se modificaron para que reproducisen "1883". Coñécese que se reutilizaron cinco cuños diferentes. O investigador Bowers estima unha cuñaxe de 118.975 exemplares, da que Spindel calcula que só entre o 0,2 % e o 0,3 % sobreviviron ata os nosos días.[36]

Substitución[editar | editar a fonte]

Proba cuñada por Longacre cando a US Mint considerou a substitución do modelo Shield en 1867.

O redeseño do reverso de 1867 non resolvera os problemas que provocaban a curta vida operativa dos cuños e a mala calidade das cuñaxes.[37] Así as cousas, entre ese ano e 1871 producíronse varias cuñaxes de probas con vistas a un redeseño integral da moeda,[38] aínda que o modelo Shield seguiu en produción.[37]

Charles E. Barber foi nomeado novo gravador xefe en 1880, e o ano seguinte pedíuselle que producise unha serie de deseños uniformes para as moedas de 5 centavos, de 3 centavos e 1 centavo de cuproníquel. Aínda que non chegaron a redeseñarse os dous valores inferiores desta serie, en 1882 aprobouse a adopción do deseño proposto por Barber para a moeda de cinco centavos, coa cabeza da deusa da Liberdade no anverso e o número romano "V" no reverso. Esta nova moeda, coñecida como 5 centavos Liberty Head, sería a substituta do modelo Shield de Longacre a partir do ano seguinte.[39]

O novo deseño de Barber cuñouse por primeira vez o 30 de xaneiro de 1883 e púxose en circulación o 1 de febreiro dese ano. Os responsables da Casa da Moeda desexaban desalentar o acaparamento e a especulación coas emisiónsen versión proof dos 5 centavos Shield de 1883, polo que recibiron permiso o 6 de febreiro de para continuar a produción destas moedas simultaneamente á cuñaxe das versións proof do novo modelo Liberty Head. A produción das versións proof do modelo Shield mantívose ata o 26 de xuño de 1883, data en que saíron das prensas os derradeiros 1.500 exemplares dese vello modelo.[40]

Tiraxes anuais[editar | editar a fonte]

Todas as pezas foron cuñadas na Ceca de Filadelfia e, como era habitual naquela época nas moedas producidas alí, carecen de marca de ceca.[41]

Nesta táboa recóllense as cantidades cuñadas para a circulación e en versión proof para coleccionistas:[1][2][42][43][44]

Emisión Notas Casa da Moeda de Filadelfia
Versión proof Circulantes
1866 (≈) 600 14.742.500
1867 Con raios (≈) 25 2.019.000
Sen raios (≈) 600 28.890.500
1868 (≈) 600 28.817.000
1869 (≈) 600 16.395.000
1870 (≈) 1.000 4.806.000
1871 (≈) 960 561.000
1872 (≈) 950 6.036.000
1873 3 aberto (≈) 1.100 (≈) 436.050
3 pechado 0 (≈) 4.113.950
1874 (≈) 700 3.538.000
1875 (≈) 700 2.097.000
1876 (≈) 1.150 2.530.000
1877 (≈) 510 0
1878 2.350 0
1879 3.200 25.900
1880 3.955 16.000
1881 3.575 68.800
1882 3.100 11.472.900
1883 5.419 1.451.500
Totais (≈) 31.094 128.002.700

As tiraxes das versións proof da moeda de 5 centavos Shield anteriores a 1878 son estimacións modernas calculadas sobre os datos oficiais, e nalgúns casos varían en función das fontes. Por exemplo, Bowers calcula entre 800 e 1.200 exemplares para a data de 1866, en tanto que Peters fala de "algo máis de 375".[45] A cuestión complícase polo feito de que algunhas destas versións proof se cuñaron novamente, ás veces anos despois da data que amosan inscrita. Na Casa da Moeda —malia o que Bowers denomina "desmentidos oficiais (tamén coñecidos como mentiras)"— reutilizaron cuños que presumiblemente foran destruídos, para cuñaren pezas para coleccionistas ou comerciantes aos que querían favorecer. Esta práctica deu lugar en ocasións a pezas incongruentes, como as que teñen o anverso datado en 1866 asociado a un reverso carente de raios, que é propio das emisións posteriores a 1867.[46]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "5 Cents "Shield Nickel (1866-1867)"". Numista.com
  2. 2,0 2,1 "5 Cents "Shield Nickel (1867-1883)"". Numista.com
  3. Montgomery, P. et al. (2005). Páxina 22.
  4. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 388.
  5. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 243.
  6. Lange, D. W. (2006). Páxina 99.
  7. Breen, W. (1988). Páxina 246.
  8. 8,0 8,1 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 244.
  9. Montgomery, P. et al. (2005). Páxina 25.
  10. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 241-244.
  11. Peters, G.; Mohon, C. (1995). Páxina 3.
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 12,5 Lange, D. W. (2006). Páxina 100.
  13. "James Barton Longacre". National Portrait Gallery. Smithsonian Institution.
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 244-245.
  15. Breen, W. (1988). Páxina 247.
  16. 16,0 16,1 Peters, G.; Mohon, C. (1995). Páxina 3.
  17. Howard Spindel, experto nos 5 centavos Shield, pon en dúbida que se trate dunha cruz patada, alegando as diferenzas entre a utilizada na moeda e a cruz patada heráldica.Véxase Bowers, Q. D. (2006). Páxina 63.
  18. 18,0 18,1 Bowers, Q. D. (2006). Páxina 54.
  19. Peters, G.; Mohon, C. (1995). Páxina 16.
  20. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 245.
  21. Peters, G.; Mohon, C. (1995). Páxina 4.
  22. "1866-1867 Shield Nickel with Rays". Shieldnickels.us
  23. Bowers, Q. D. (2006). Páxina 63.
  24. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 245-246.
  25. 25,0 25,1 Peters, G.; Mohon, C. (1995). Páxina 5.
  26. Bowers, Q. D. (2006). Páxina 75.
  27. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 258.
  28. Bowers, Q. D. (2006). Páxina 77.
  29. Peters, G.; Mohon, C. (1995). Páxina 81.
  30. "1877-1878 Proof Shield Nickels". Shieldnickels.us
  31. "1880 Shield Nickel". Shieldnickels.us
  32. Peters, G.; Mohon, C. (1995). Páxinas 76-81.
  33. 33,0 33,1 Bowers, Q. D. (2006). Páxina 90.
  34. Bowers, Q. D. (2006). Páxinas 102-103.
  35. Bowers, Q. D. (2006). Páxinas 110-111.
  36. Bowers, Q. D. (2006). Páxinas 124-125.
  37. 37,0 37,1 Lange, D. W. (2006). Páxina 123.
  38. Peters, G.; Mohon, C. (1995). Páxinas 11-12
  39. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 285.
  40. Peters, G.; Mohon, C. (1995). Páxina 95.
  41. Bowers, Q. D. (2006). Páxina 34.
  42. Yeoman, R. S. (2017). Páxinas 132-133.
  43. "Shield Nickel Mintage". Shieldnickels.us
  44. "Proof Shield Nickels". Shieldnickels.us
  45. Bowers, Q. D. (2006). Páxinas 78-79.
  46. Bowers, Q. D. (2006). Páxinas 81-83.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Predecesor:
5 centavos de prata

Moeda de 5 centavos de dólar

(1866 - 1883)
Sucesor:
5 centavos Liberty Head