Medio dólar colombino

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Anverso e reverso do medio dólar colombino de 1892

O medio dólar colombino é unha moeda de prata dese valor facial cuñada pola Casa de Moeda dos Estados Unidos en 1892 e en 1893, con motivo da Exposición Mundial Colombina, celebrada en Chicago en 1893 para conmemorar o IV centenario da descuberta de América por Cristovo Colón. Trátase da primeira moeda conmemorativa dos Estados Unidos e tamén a primeira dese país que representou un personaxe histórico.[1][2]

A moeda xurdiu do desexo dos organizadores da Exposición Mundial Colombina de recibir financiamento federal para completar a construción da infraestrutura feiral. O Congreso garantiulles unha asignación e permitiulles que esta fose en forma de moedas de medio dólar conmemorativas, que os lexisladores e os organizadores prevían comercializar cunha prima. Un dos encargados da mostra, James Ellsworth, propuxo que o deseño da nova moeda estivese baseado nun retrato que posuía, obnra de Lorenzo Lotto, que se considerou que representaba a Cristovo Colón. Os esbozos iniciais do gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Charles E. Barber, non resultaron satisfactorios e os organizadores da mostra propuxeron un deseño do artista Olin Levi Warner que, tras ser modificado por Barber e polo seu axudante, o gravador auxiliar George T. Morgan, foi aprobado pola Casa da Moeda.[3]

Cuñáronse inicialmente arredor de cinco millóns de pezas, unha cantidade que finalmente foi superior á demanda, polo que aproximadamente a metade delas se fundiron novamente sen chegar a saír á circulación. Porén, a emisión non arranxou os problemas financeiros da mostra, xa que se venderon menos de 400.000 moedas, das que se obtivo a correspondente prima, e outros dous millóns de pezas se puxeron en circulación, onde permaneceron ata a década de 1950.

Especificacións[editar | editar a fonte]

As características que definen o medio dólar colombino son as seguintes:[1][2]

  • Datas: 1892-1893.
  • Valor: 1/2 dólar (50 centavos).
  • Ceca: US Mint (ceca de Filadelfia).
  • Aliaxe: prata (90 %) e cobre (10 %).
  • Peso: 12,5 g.
  • Diámetro: 30,61 mm.
  • Canto: estriado.
  • Grosor: 2,15 mm.
  • Tiraxe distribuída: 950.000 en 1892 e 1.550.405 en 1893 (a cuñaxe total foi de 5.002.105 pezas, das que se refundiu a metade).
  • Anverso: retrato de Cristovo Colón ollando á dereita. Deseñador: Charles E. Barber. Lenda: * UNITED STATES OF AMERICA * COLLUMBIAN HALF DOLLAR
  • Reverso: a nao Santa María navegando cara ao oeste, sobre dous planisferios, que dividen a data 1492. Data no exergo. Deseñador: George T. Morgan. Lenda: WORLD'S COLUMBIAN EXPOSITION CHICAGO 14 92

Historia[editar | editar a fonte]

Contexto: a Exposición Mundial Colombina[editar | editar a fonte]

En 1890, o Congreso aprobou unha normativa pola que se lle outorgou o patrocinio federal a unha exposición conmemorativa do 400 aniversario da primeira viaxe de Cristovo Colón ao Novo Mundo.​ A lexislación establecía a creación dunha Comisión da Exposición Mundial Colombina para supervisar a mostra e a institución en Chicago da Compañía da Exposición Mundial Colombina (coñecida como "A Compañía"), para xestionar a construción das infraestruturas da exposición.[4]

O lugar escollido para a mostra foi un terreo de 2,77 quilómetros cadrados nas beiras do lago Michigan. Os edificios foron de estilo neoclásico, con influencias das arquitecturas grega e romana, e construídos dunha mestura de xeso branco e cánabo que semellaba mármore.​​ O presidente Benjamin Harrison invitou a toda a poboación a participar; estiveron representados todos os estados dos EEUU e moitos países estranxeiros construíron tamén os seus propios pavillóns.[4][5][6]

Prolegómenos[editar | editar a fonte]

Reprodución do cadro de Lorenzo Lotto, que se considerou que representaba a Cristovo Colón.

Os esforzos para promover unha moeda conmemorativa para a exposición comezaron cara a xaneiro de 1892. Esta posibilidade foi defendida moi decididamente polo industrial James Ellsworth, encargado do Comité de Artes Liberais da Compañía da Exposición Mundial Colombina (The Company: "A Compañía" ), que se encargaba da construción das infraestruturas. Ellsworth adquirira había pouco tempo un retrato do século XVI obra de Lorenzo Lotto, de alguén que daquela se considerou que era Cristovo Colón, e quería que o deseño da moeda estivese baseado naquel retrato. Foi asesorado neste asunto polo escritor e xornalista William Eleroy Curtis, que tamén foi un dos encargados da exposición. En abril de 1892, os partidarios da cuñaxe conmemorativa conseguiron o apoio do director da Casa da Moeda, Edward O. Leech, que proxectou unha moeda caracterizada por un retrato de Colón nunha das súas faces e unha lenda acaída na outra. Curtis era moi consciente das dificultades que houbera para a realización da moeda de medio dólar de prata da serie Barber en 1891, deseñada polo gravador xefe da Casa da Moeda, Charles E. Barber. A proposta das moedas conmemorativas recibiu moitas críticas e Curtis aconsellou a Ellsworth que tomase o control do proceso do seu deseño para garantir o seu éxito e o uso do retrato de Lotto.[7] Ningunha moeda dos Estados Unidos amosara ata a data o retrato dunha persoa, aínda que si o da personificación da Liberdade.[8]

En maio de 1892, parecía que cumprían fondos adicionais para completar os edificios da exposición. A Compañía vendera accións e a cidade de Chicago emitira bonos para o pagamento da exposición, mais os custos da construción foran claramente infravalorados. A Compañía pediu unha subvención de cinco millóns de dólares ao Goberno federal para completar as obras. Cando o Congreso se opuxo a unha asignación directa, os que a apoiaban propuxeron que os cinco millóns de dólares fosen en forma de moedas de medio dólar que puidesen venderse tamén en lembranza do evento. Estábase a propor que os Estados Unidos emitisen por primeira vez unha moeda conmemorativa. Os organizadores previron que as moedas poderían venderse ao público ao dobre do seu valor facial. A prata podería provir da fundición das moedas obsoletas e gastadas cuñadas nese metal que xa recollera o Tesouro dos EEUU, polo que ao Goberno non se lle xerarían máis que os custos da produción.[9] Durante o debate sobre esta partida orzamentaria, o senador de Iowa William B. Allison argumentou acerca das moedas: "non serán só lembranzas dese día e para esta xeración, senón que serán transmitidas [...] aos 200 millóns que habitarán aquí no futuro. Os cativos chorarán por elas e os vellos as pedirán". O senador de Ohio John Sherman advertía de que "a grande cantidade de medios dólares acabaría co seu valor como recordo".[10] Finalmente, o Congreso aprobou mediante unha lei do 5 de agosto de 1892 un orzamento de 2,5 millóns no canto dos cinco millóns.[11]

Esbozos orixinais de Barber para o medio dólar colombino (agosto de 1892).

En xullo de 1892, Curtis enviou unha fotografía do cadro de Lotto a Leech, que consultou con Barber e respondeulle que o gravador non ía utilizar para unha moeda o retrato de alguén ollando cara a adiante. Como Barber podía cuñar a moeda con Colón de perfil, Curtis arranxouno procurando un escultor de Washington, pouco coñecido, Ulric Stonewall Jackson Dunbar, para crear un busto baseado no cadro a expensas da Compañía. Cando este se finalizou, envióuselle a Barber a Filadelfia, onde Barber realizou uns esbozos o 15 de agosto, que logo lle presentou ao director en funcións da ceca, Robert E. Preston, xa que Leech estaba de vacacións. Preston enviounos ás autoridades da exposición en Chicago. Ellsworth amosoullos aos artistas que traballaban na exposición e tamén á prensa. Os artistas criticaron os esbozos e os xornais suxeriron que parecían representar máis ben un profesor co cabelo longo que o célebre mariño. Esta controversia, unida ao debate público sobre se o cadro representaba verdadeiramente a Colón, provocou que Ellsworth acabase por rexeitar o uso daquel cadro.[12]

Preparativos[editar | editar a fonte]

Medalla na honra do director da Casa da Moeda, Edward O. Leech, obra do gravador xefe, Charles E. Barber

A principios de agosto, o artista Frank Millet propuxo que o director de decorados da exposición, Olin Warner, deseñase a moeda. Warner realizou un perfil de Colón que non estaba baseado no retrato de Lotto. Para o reverso puxo a Santa María, a nao capitá de Colón, sobre dúas esferas que representaban os hemisferios, aínda que sen o mapa dos continentes. A proposta de Warner foi eloxiada polos escultores que traballaban no recinto da exposición. Edward O. Leech, director da ceca, tamén participou ao regreso das súas vacacións o 26 de agosto, enviándolles aos organizadores da exposición unha xilografía baseada na medalla oficial española do IV Centenario do Descubrimento de América, realizada por Bartolomé Maura, e acordou co Departamento de Estado que adquirise unha na embaixada estadounidense en Madrid.[13] Logo de comprada, a medalla española pasou a formar parte da colección pública de moedas dos EEUU (National Numismatic Collection), que forma parte dos fondos do Instituto Smithsoniano.[14]

A ceca estadounidense estaba disposta a cederlle á Compañía o deseño (Ellsworth retirou a súa decisión de non permitir o uso da súa pintura a fins de agosto), pero o Comité de Finanzas da Compañía non puido tomar unha decisión acerca do deseño que finalmente se usaría. Warner continuou a traballar nas insignias que levarían os directores da exposición na cerimonia conmemorativa de outubro de 1892, aínda que a exposición comezou en maio de 1893.[6][15] Estas insignias incluían un círculo cun retrato de Colón en relevo, baseado no retrato de Lotto e cando se remataron falouse da posibilidade de usalas como base para o deseño do medio dólar.[16] A Compañía tamén considerou a posibilidade de deseñar unha con tres barcos e outra cun só barco e unha representación do hemisferio occidental. Os rexistros tamén testemuñan que a Compañía valorou realizar unha moeda que tivese no reverso un edificio da exposición.[17]

Os encargados da exposición solicitaron unha reunión cos funcionarios da Casa da Moeda para sentar as bases do deseño. A Compañía estaba nunha mala situación financeira e precisaba os cartos da venda das moedas. Leech acordou enviar a Barber a Chicago e alí reuniuse co Comité Financeiro o 23 de setembro de 1892, onde se acordou que o anverso se basearía finalmente no deseño das insignias e o reverso no deseño da nao de Warner.[16]

A insignia carecía das inscricións requiridas para as moedas, polo que Barber cambiou o deseño, para o rodear cunha lenda. A nao do reverso non estaba o suficientemente detallada na versión de Warner. Barber solicitoulle a Ellsworth unha fotografía da nao que se exhibiría na exposición e logo envioulle o seu deseño do reverso a George T. Morgan. O xefe de gravadores rexeitara a idea de Ellsworth de usar o retrato de Lotto e escribiulle varias veces en outubro sobre o proxecto. O 17 de outubro, Barber finalizou as probas e o 31 dese mesmo mes fixéronse as primeiras probas de cuñaxe. Leech dixo que eran as moedas máis fermosas xamais cuñadas pola Casa da Moeda. O director da ceca xa axustara as máquinas o ano anterior para fabricar as moedas da serie Barber, polo que non interveu na cuñaxe e marchou o día 9 de novembro a unha conferencia sobre numismática en Bruxelas.[18]

O 11 de novembro, Charles Barber envioulle a Ellsworth láminas de impresións da derradeira versión da moeda e este amosouse compracido polo seu aspecto. O gravador xefe, Charles Barber, realizoulles os últimos axustes directamente ás pezas mecánicas coas que se ían cuñar as moedas, no canto de realizar modificacións sobre pezas padrón de gran tamaño para facer despois outras máis pequenas nun torno de redución, coas que realizar a cuñaxe final. Este xeito de traballar, na peza final, era o que seguía habitualmente o seu pai, William Barber, que fora o seu predecesor no cargo.[19] Barber engadiulle ao deseño o seu monograma ("B"), que se acha sobre a letra "B" da palabra COLUMBIAN da lenda do anverso, e tamén o de Morgan ("M"), situado nun aparello da embarcación no reverso.[20]

Emisión e lanzamento[editar | editar a fonte]

O xornal Chicago Tribune describiu como se cuñaron as primeiras moedas de medio dólar colombino na ceca de Filadelfia (pertencente á Casa da Moeda dos EEUU) o 19 de novembro de 1892:[21]

James W. Ellsworth representou a Compañía da Feira Mundial Colombina [...] Cuñáronse uns 2.000 destes recordos hoxe, e os traballos continuarán ata completar os 5.000.000 doados polo Congreso [...] Desafortunadamente, o primeiro intento foi un fracaso porque un pequeno defecto causou o rexeitamento da moeda [...] A moeda levantouse de novo do cuño e foi examinada para a súa análise polo xefe de gravadores da ceca de Filadelfia, William S. Steele, polo gravador Barber e polo director da ceca de Filadelfia, Oliver Bosbyshell. Todas as liñas estaban definidas con claridade e os fortes trazos do descubridor de América, que adornan a moeda, parecían ollar con aprobación o traballo.

Os numismáticos Anthony Swiatek e Walter Breen, na súa enciclopedia sobre as primeiras moedas conmemorativas, suxeriron que a primeira moeda non fora defectuosa nin se destruíra, senón que se lle dera a Ellsworth, un destacado coleccionista de moedas norteamericanas que tiña entre as súas rarezas dous exemplares do dólar de 1804. Consideraron pouco probable que os experimentados traballadores da ceca usasen un cuño defectuoso para facer aquela primeira cuñaxe e, máis ben, Ellsworth tería conseguido a peza coa aprobación de Bosbyshell.[22]

Xilografía da época que representa o presidente da Compañía da Exposición, Harlow Higinbotham, abrindo o primeiro barril de moedas de medio dólar colombino.

O 15 de decembro, a Casa da Moeda enviou a Chicago cinco barrís coas novas moedas, cada un dos cales contiña 10.000 pezas. En cada barril había cinco bolsas con mil moedas cada unha, aínda que nun deles, unha bolsa só tiña catro moedas e tamén unha caixa de puros con catro sobres coas moedas números 1, 400, 1.492 e 1892, do primeiro día de produción. Os barrís foron levados inicialmente ao Subtesouro de Chicago e o 19 de decembro ás 10 da noite saíron cara ao cuarto 404 do edificio Rand McNally, que era a sede da organización da exposición. Alí, Harlow N. Higinbotham, presidente da Compañía da Exposición, abriu o barril cun mazo e un cicel, colleu a caixa de puros, puxo tres das moedas (as números 400, 1.492 e 1.892) nos seus envases e meteunos no peto. Colleu deseguido a moeda número 1 e, para publicitar a súa venda, amosoulla a unha multitude reunida e comprouna publicamente dando por ela un cheque de 10.000 dólares.[23] Aquela primeira moeda foi doada ao Museo Colombino, que acababa de crearse e que posteriormente pasou a chamarse Museo Field.[24][25]

A Compañía da Exposición puxo as moedas á venda por un dólar e o primeiro envío foi vendido en pouco tempo ás persoas que fixeran cola para as adquirir, ás que as pediran por correo e ás que as encargaran nos bancos locais que tiñan asignacións delas.[26] Non houbo ningún envase oficial para as moedas e foron distribuídas en varios tipos de envoltorios e polos diferentes bancos.[27]

Gran parte da prensa da época centrouse no feito de que os medios dólares se vendesen polo dobre do valor co que se cuñaran. O xornal Colorado Sun publicou: "a xente da Feira Mundial cre que fai algo bo vendendo os seus cinco millóns de medios dólares de recordo cunha prima. A propensión de Chicago a especular co futuro non pode ser restrinxida". O Philadelphia Call coincidía: "quizais a proposta de vender as moedas de 50 centavos de recordo da Feira Mundial por un dólar sexa unha evidencia de que os visitantes poden esperar un aumento xeral dos prezos en Chicago".[28]

O deseño tamén foi obxecto de comentarios na prensa. O xornal Philadelphia Ledger suxería: "se non se soubese por adiantado quen é o personaxe que aparece na imaxe do medio dólar colombino, o observador medio non sabería se intenta representar a Daniel Webster ou a Henry Ward Beecher". O periódico The Boston Globe apuntaba: "a primeira impresión da nova moeda colombina de recordo leva inevitablemente á expresión de que Colón non era un home ben parecido". O Galveston Daily News opinaba así sobre as novas moedas de medio dólar:[28]

O anverso da moeda ten un elegante parecido co antigo Touro Sentado. No entanto, dise que se trata de Colón [...] Tamén hai unha imaxe do barco de Colón a toda vela. Nunha primeira ollada semella ter rodas, pero un exame máis próximo amosa que as dúas rodas son os hemisferios oriental e occidental. O barco parece estar rodeado por un grupo de toniñas, pero probablemente sexan as ondas. Tamén hai unha cana de pescar suxeita á popa na cabina do barco, e un faise á idea de que un mariño aventureiro está a cebar o seu anzol e mentindo sobre o que acaba de picar, ou que arrastrou un peixe, porque a liña está a bordo do barco. A data 1492 aparece baixo o veleiro. A moeda é do mesmo tamaño e peso que os antigos medios dólares, e aínda que todos se venden a un prezo moi alto, o seu poder de compra é o de dez cervexas.

Comercialización e uso[editar | editar a fonte]

Cheque utilizado para o pagamento do primeiro medio dólar colombino comercializado.

Ellsworth recortou un artigo que criticaba a nova moeda e envioullo a Barber e a Warner. Barber respondeu enfadado cunha réplica de cinco páxinas e suxeriu que os xornais de Chicago non publicasen "as opinións de persoas que demostran tanta e tan deplorable ignorancia". Warner reaccionou con resignación e argumentou que non vira aínda a nova moeda, aínda que "aposto a que non se parece ao modelo".[29] A principal obxección dos críticos foi que Barber fixera un relevo menos pronunciado que o da insignia de Warner para se asegurar de que as novas moedas tivesen os mesmos estándares das restantes en circulación e que se puidesen empillar axeitadamente. O críticos consideraron isto innecesario, xa que as moedas ían ser máis ben recordos e non tanto moedas circulantes.[30]

Emitíronse algunhas moedas cun brillo e un acabamento especiais, a modo de probas numismáticas, por suxestión de Barber e o superintendente Bosbyshell. Decidiuse que fosen repartidas entre Ellsworth e o presidente da Compañía, Higinbotham.[31] Estas probas numismáticas de 1892 foron as cen primeiras e as números 400, 1.492 e 1.892. O número total de moedas nesa condición excepcional datadas en 1893 non se coñece: na obra A Guide Book of United States Coins, de Richard S. Yeoman, apúntase que se fixeron de tres a cinco probas con esa data.[32] Pola súa banda, a numismática Ira Goldberg, nun artigo de 2011, asegura que foron menos de dez.[25] A primeira destas probas numismáticas con data de 1893 pasou ás mans da Sociedade Histórica de Chicago.[33]

A Casa da Moeda considerou oportuno incluír o medio dólar colombino nos nas series anuais de probas numismáticas que comercializaba para os coleccionistas, pero naqueles tempos estas series vendíanse só uns centavos por riba do seu valor facial. Cómpre ter en conta que o medio dólar colombino se vendía individualmente por un dólar, co que a inclusión nas series anuais suporía unha desvalorización no mercado. Finalmente, as autoridades da ceca decidiron non incluílo nas series de moedas de proba para evitar ese problema.[28]

Extracto do anuncio publicado por funcionarios da Exposición nos xornais dos Estados Unidos.

Logo do millón de moedas que, aproximadamente, se cuñaron en 1892, co comezo do novo ano as novas moedas foron xa datadas en 1893, ano en que a produción chegou ata arredor de catro millóns de pezas.[34][35] A cantidade total de medios dólares colombinos foi de 5.002.105, o que excedía a cantidade autorizada.[28] En febreiro de 1893, as vendas caeron notablemente. A Compañía da Exposición depositou 2.000.000 de moedas de medio dólar nos bancos de Chicago para asegurar os préstamos. En marzo, o Congreso incautouse de 1.141.700 destas moedas para cubrir os custos adiantados polo Goberno.[14][36]

Durante a exposición promocionouse a venda dos medios dólares colombinos de diferentes xeitos. Entre outras cousas, construíuse con estas moedas unha maqueta do edificio do Tesouro de Washington que medía 6,1 m de longo e 1,2 m de alto.[28] As moedas podían ser compradas alí pero entregaríanse cando a exposición terminase. Cando a exposición pechou, en outubro, quedou unha gran cantidade de moedas en poder dos organizadores da exposición, do Tesouro e dos bancos de Chicago. Soamente se venderon 358.645 moedas ao prezo dun dólar.[37]

Logo do pechamento da exposición, xurdiu a cuestión de que facer coas 4.600.000 moedas que non se venderan. Os organizadores non querían que pasasen a ser diñeiro corrente, para preservar o prezo especial pagado polos que as adquiriran.[28] As moedas restantes da Compañía da Exposición foron reenviadas á Casa da Moeda, onde se fundiron: as taxas nese concepto foron perdoadas mediante unha lei do Congreso.[37] As moedas que tiña o Tesouro ofrecéronse en venda ao seu valor nominal a partir de outubro de 1894 e no momento en que os compradores comezaron a escasear foron postas en circulación. Tamén entrou en circulación o millón de moedas que tiñan os bancos de Chicago. Aínda que se fundiron 2.501.700 pezas (todas coa data de 1893), o resto quedou nas mans do público. O comerciante de moedas e historiador da numismática Q. David Bowers indica que cando el empezou, sendo novo, a coleccionar moedas, na década de 1950, as pezas colombinas estaban entre as máis comúns do século XIX que se mantiñan en circulación. Na década de 1930 as moedas que se conservaban novas, sen mostras de circulación, pasaron a venderse polo prezo orixinal dun dólar. Os prezos empezaron a subir cando a moeda de prata foi substituída por outra de metal común na década de 1960.[27][28][37] Na edición de 2018 do catálogo de Yeoman, as moedas en estado de conservación "case sen circular", con pouco sinal de uso, estaban valoradas en 25 dólares e as moedas totalmente inalteradas e en condicións excepcionais poderían chegar mesmo aos 700 dólares.[38]

Unha razón da escaseza de vendas e do mal estados de moitos dos exemplares que se conservan é que cando a exposición estaba aberta empezou o que se coñece como Pánico de 1893, unha das peores crises na historia dos EEUU. Os cincuenta centavos que se pagaban de prima na compra da moeda podían supor a diferenza entre a comida dunha familia enteira ou a falta de alimento. Foi frecuente que os que compraran medios dólares colombinos antes da crise decidiran gastar esas moedas en lugar de gardalas como recordo.[39]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "½ Dollar Columbian Exposition". Numista.
  2. 2,0 2,1 "Silver Commemoratives: 1893 Columbian 50C". Numismatic Guaranty Corporation.
  3. "Coin Profile – 1892-1893 Columbian Exposition Half Dollar Arquivado 08 de novembro de 2019 en Wayback Machine.". En Coins Weekly. 8 de outubro de 2018.
  4. 4,0 4,1 Moran, M. F. (2008). Páxinas 71-72.
  5. Bowers, Q. D. (2008). Páxina 4.
  6. 6,0 6,1 Goldberg, I. (2011). Páxina 171.
  7. Moran, M. F. (2008). Páxina 76.
  8. Vermeule, Cornelius (1971). Páxina 91.
  9. Moran, M. F. (2008). Páxina 75.
  10. Schefler, E. (2011). Páxina 55.
  11. Lange, D. W. (2006). Páxina 126.
  12. Moran, M. F. (2008). Páxinas 79-80.
  13. Moran, M. F. (2008). Páxinas 76, 80-81.
  14. 14,0 14,1 Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 58.
  15. Moran, M. F. (2008). Páxinas 80-81.
  16. 16,0 16,1 Moran, M. F. (2008). Páxina 81.
  17. Taxay, D. (1967). Páxina 4.
  18. Moran, M. F. (2008). Páxinas 82-84.
  19. Moran, M. F. (2008). Páxinas 82-83.
  20. Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxinas 57-58.
  21. Bowers, Q. D. Encyclopedia. Parte 2ª.
  22. Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 69.
  23. Bowers, Q. D. Encyclopedia. Parte 3.
  24. Oliver, N.; Kelly, R. (2011). Páxinas 242-243.
  25. 25,0 25,1 Goldberg, I. (2011). Páxina 172.
  26. Bowers, Q. D. Encyclopedia. Parte 4.
  27. 27,0 27,1 Bowers, Q. D. Encyclopedia. Parte 6ª.
  28. 28,0 28,1 28,2 28,3 28,4 28,5 28,6 Bowers, Q. D. Encyclopedia. Parte 5ª.
  29. Moran, M. F. (2008). Páxina 84.
  30. Moran, M. F. (2008). Páxinas 82-87.
  31. Moran, M. F. (2008). Páxinas 84, 86.
  32. Yeoman, R. S. (2018). Páxinas 1.046-1.047.
  33. Breen, W. (1988). Páxina 582.
  34. Lange, D. W. (2006). Páxina 125.
  35. Moran, M. F. (2008). Páxina 113.
  36. Moran, M. F. (2008). Páxina 86.
  37. 37,0 37,1 37,2 Moran, M. F. (2008). Páxina 113.
  38. Yeoman, R. S. (2018). Páxina 1.047.
  39. Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxinas 64-65.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outras fontes[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]