Medio dólar conmemorativo do Oregon Trail
Medio dólar conmemorativo do Oregon Trail [1][2][3] | |
---|---|
A/: Carruaxe tirada por bois cara ao Oeste, no solpor.
Lendas: IN GOD WE TRUST / OREGON TRAIL MEMORIAL / 1926 |
R/: Nativo americano de corpo enteiro con arco e toucado. Atrás, mapa dos EEUU co Oregon Trail marcado.
Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / HALF DOLLAR |
|
O medio dólar conmemorativo do Oregon Trail é unha moeda de prata dese valor facial emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos entre 1926 e 1939, en conmemoración do sendeiro coñecido como Oregon Trail, utilizado na colonización da costa do Pacífico a mediados do século XIX.[1][2][3]
A moeda foi deseñada por Laura Gardin Fraser e o seu home, James Earle Fraser, e reproduce no seu anverso unha carreta tirada por unha xugada de bois, camiño do Vello Oeste, e no seu reverso un nativo americano sobre un mapa dos Estados Unidos, no que se indica a traxectoria do Oregon Trail.[4]
Ezra Meeker, nado en Ohio, percorrera esta ruta coa súa familia en 1852 e dedicou as dúas derradeiras décadas da súa longa vida, antes do seu pasamento en 1928, a dar a coñecer o Oregon Trail para que non caese no esquecemento. En 1926, aos seus 95 anos, compareceu ante unha comisión do Senado para solicitar que o Goberno emitise unha moeda conmemorativa que puidese venderse para recadar diñeiro para os fitos indicadores da ruta. A moeda ideárase orixinalmente por cidadáns de Idaho, encabezados pola doutora Minnie Howard, que buscaban darlle pulo aos traballos de conservación de Fort Hall. Meeker ampliou a idea e o Congreso autorizou a cuñaxe de seis millóns de moedas de medio dólar sen impor restrición ningunha sobre cando nin en que ceca se debían cuñar as moedas. A Oregon Trail Memorial Association (OTMA), presidida por Meeker, fixo cuñar decenas de milleiros de pezas en 1926 e 1928, e non as deu vendido todas. Aínda así, a maioría dos anos entre 1933 e 1939 fixo cuñar pequenas cantidades de exemplares, nalgúns anos mesmo nas tres cecas en funcionamento no país, para producir variedades de interese para o coleccionismo, e subiu os prezos considerablemente.
Os coleccionistas queixáronse de que algunhas das emisións estaban controladas por comerciantes de moedas, e os coleccionistas individuais tiñan que pagar prezos elevados. As protestas públicas sucedéronse e, en 1939, o Congreso puxo fin á serie. Malia as queixas, a OTMA tivo dificultades para vender as moedas, que seguiron estando dispoñibles na organización sucesora ata 1953. Cuñáronse pouco máis de 260.000 dos 6.000.000 de exemplares autorizados, e deles fundíronse máis de 60.000. A moeda conmemorativa estadounidense cuñada durante máis tempo, o medio dólar conmemorativo do Oregon Trail, foi amplamente eloxiada polo seu deseño.
Antecedentes
[editar | editar a fonte]A mediados do século XIX, antes de que a construción do ferrocarril transcontinental en 1869 facilitase as viaxes, centos de milleiros de persoas percorreron o Oregon Trail para colonizaren o Vello Oeste dos Estados Unidos. Non todos os que emprenderon a viaxe chegaron ao seu destino, xa que houbo moito sufrimento e morte no camiño —segundo unha estimación, 20.000 persoas xacen en tumbas sen nome.[6][7]
O granxeiro Ezra Meeker (1830-1928), nado en Ohio, percorreu o Oregon Trail en 1852. El, a súa esposa e o seu fillo pequeno foron en carreta tirada por bois desde Iowa ata o Territorio de Oregón. Na súa vellez, considerou que o Oregon Trail e o sacrificio dos que morreran ao longo do seu traxecto estaban a ser esquecidos. En medio dunha considerable publicidade, como un dos derradeiros superviventes dos pioneiros que abriran o camiño cara ao Oeste, Meeker percorreu outra vez a súa ruta entre 1906 e 1908. Nalgúns lugares, o sendeiro desaparecera, engulido por poboacións e granxas, e nas súas viaxes tratou de achar os lugares polos que pasara, intentando que se erixisen fitos históricos. Levou a súa xugada de bois e a súa carreta por todo o país para lle dar publicidade á súa causa, e aparcou fronte á Casa Branca, onde se reuniu co presidente Theodore Roosevelt. En Nova York, cruzou a ponte de Brooklyn. En 1910, el e os seus bois participaron no desfile do Torneo das Rosas en Pasadena. Nos anos seguintes, percorreu novamente a ruta en carreta de bois, en automóbil e, á idade de 93 anos en 1924, en avión, intentando promover a súa causa e procurando recoñecemento federal e financiamento para os seus esforzos.[6][7]
Inicio
[editar | editar a fonte]O medio dólar conmemorativo do Oregon Trail xurdiu a raíz de varios esforzos de cidadáns de Idaho que estaban a favor da conservación do lugar de Fort Hall, unha importante estación de paso do Oregon Trail.[8] A idea xurdira a partir da emisión do medio dólar conmemorativo de Stone Mountain en 1925, que fixo que Mabel Murphy, esposa dun xornalista de Idaho, lle propuxese ao seu home a cuñaxe dunha moeda do Oregon Trail, cuxos beneficios poderían destinarse á conservación histórica. O 16 de abril de 1925, o seu marido, D. T. Murphy, publicou un editorial titulado Oregon Trail Covered Wagon Half Dollars no Idaho State Journal. A señora Murphy non viviría para ver a emisión da moeda, xa que faleceu o 30 de novembro de 1925 por causa da tuberculose.[9]
A idea da moeda volveu xurdir cando os activistas civís de Pocatello, Idaho, dirixidos por Minnie Howard, buscaron ideas para financiar un monumento no sitio de Fort Hall. O vendedor de seguros F. C. McGowan amosou un exemplar do medio dólar de Stone Mountain, e Howard e os seus colegas asumiron a idea para a aplicar ao seu proxecto. Meeker tamén o fixo en canto oíu falar dela, e para iso constituíu a Oregon Trail Memorial Association (OTMA), unha organización nacional, que tamén podería ser a receptora dos medios dólares para os vender despois cunha marxe de beneficio para financiar a súa causa.[10]
En 1925, o Congreso era reticente a autorizar máis moedas conmemorativas; entre 1920 e 1925 emitíranse doce moedas, e moitos lexisladores consideraban que se estaban a permitir emisións que "conmemoraban acontecementos de interese local e non nacional".[11] A totalidade das tiraxes de moedas conmemorativas vendíaselles polo seu valor nominal ás organizacións patrocinadoras designadas nas leis de autorización, e logo estas entidades vendíanas ao público cun sobreprezo, recadando así diñeiro para o financiamento das causas que o Congreso considerara meritorias.[12] Precavido por unha serie de emisións anteriores infrutuosas, o Congreso rexeitou varias propostas de moedas especiais a principios de 1926. Entre elas estaban, por exemplo, as que pretendían conmemorar a finalización das autoestradas Lincoln e Victory, e unha proposta para conmemorar o centenario do nacemento do compositor estadounidense Stephen Foster.[13]
Proceso lexislativo
[editar | editar a fonte]O proxecto de lei que autorizaba a emisión do medio dólar conmemorativo do Oregon Trail foi presentado por primeira vez na Cámara de Representantes o 25 de xaneiro de 1926 polo congresista de Washington John Franklin Miller, que fora alcalde de Seattle. Meeker vivía en Seattle durante o período de alcaldía de Miller, tras mudarse da súa anterior residencia en Puyallup. Segundo o historiador local Bert Webber na súa monografía de 1986 sobre a moeda, "hai poucas dúbidas de que o Sr. Miller se viu influído Ezra Meeker para propor esta moeda ".[15][16] O 3 de marzo celebrouse unha sesión na que Meeker testemuñou ante a Comisión de Moedas, Pesos e Medidas da Cámara de Representantes. O proxecto de lei recibiu un informe favorable e logo foi aprobado polo pleno da Cámara o 5 de abril de 1926.[17] Aínda que o proxecto de lei non tivo oposición na Cámara de Representantes, un dos seus membros, o congresista de Míchigan Louis Cramton, fixo varias preguntas antes de que fose aprobado por consentimento unánime.[18] Segundo un artigo de outubro de 2013 na revista The Numismatist, "o Congreso non foi rival para Meeker".[19]
Superado o seu preceptivo paso pola Cámara de representantes, o 26 de abril de 1926, Meeker, de 95 anos, compareceu tamén ante a Comisión de Banca e Moeda do Senado. O secretario do Tesouro, Andrew W. Mellon, presentara unha carta na que amosaba a súa opinión contraria ás emisións de moedas conmemorativas, agás as de importancia nacional. Meeker, no seu testemuño, argumentou que a emisión do Oregon Trail posuía tal relevancia. A xunta da OTMA considerou a posibilidade de solicitar unha emenda do proxecto de lei para aceptar a alternativa suxerida por Mellon, que propuña a emisión dunha medalla conmemorativa, no canto da moeda, mais finalmente decidiuse continuar coa idea da moeda, en parte debido á insistencia de Minnie Howard. O proxecto de lei do medio dólar non recibiu ningunha recomendación, pero foi aprobado polo Senado o 10 de maio. Meeker reuniuse co presidente Calvin Coolidge para se asegurar de que o asinara, e así sucedeu o 17 de maio de 1926, para dar lugar á Lei pública 325, pola que se autorizaba a emisión de ata un máximo de 6.000.000 de moedas de medio dólar.[17][20] O presidente Calvin Coolidge asinou a lei no xardín da Casa Branca; Meeker estivo presente na cerimonia da sinatura e foi fotografado estreitando a man do presidente Coolidge.[21]
“ | Unha lei para autorizar a cuñaxe de moedas de 50 centavos en conmemoración do heroísmo dos pais e das nais que atravesaron o Oregon Trail cara ao Vello Oeste con grandes penurias, audacia e perda de vidas, o que non só resultou na incorporación de novos estados á Unión, senón que gañou unha merecida e imperecedoira sona para os pioneiros; honrar os vinte mil mortos que xacen soterrados en tumbas descoñecidas ao longo de dúas mil millas desa gran ruta da historia; rescatar do esquecemento os puntos importantes ao longo do antigo sendeiro; e conmemorar mediante monumentos axeitados, conmemorativos ou doutro tipo, os tráxicos acontecementos asociados con esa emigración, erixíndoos ao longo do propio sendeiro ou noutros lugares, en localidades apropiadas para o propósito, incluída a cidade de Washington. —Preámbulo da lei que autoriza o medio dólar conmemorativo do Oregon Trail.[22][23] |
” |
A lei exixía que a Asociación pagase as moedas de medio dólar polo seu valor nominal e que os cuños e outros custos de preparación e produción non corresen a cargo dos Estados Unidos.[20][24] A cantidade de seis millóns foi a maior autorizada ata a data para unha emisión conmemorativa estadounidense, superando os cinco millóns da emisión do medio dólar de Stone Mountain. O Congreso non impuxo restrición ningunha acerca da casa de moeda onde se debían cuñar as moedas, nin puxo tampouco un límite temporal á súa autorización.[25] Segundo os numismáticos Anthony Swiatek e Walter Breen, na súa enciclopedia das moedas conmemorativas dos EEUU, o proxecto de lei aprobouse "probablemente porque o propósito declarado era nacionalista e non escuramente local".[26] O comerciante e autor numismático Q. David Bowers afirma que "a primeira vista, a motivación parecía suficientemente boa [...] sen dúbida moitos cidadáns estadounidenses terían lazos familiares coa famosa migración".[27]
Preparación
[editar | editar a fonte]Meeker quería que as novas moedas de medio dólar se cuñasen o antes posible; estaba a planear outra viaxe ao Oeste a través do vello sendeiro do Oregon Trail e quería poder vender as moedas polo camiño.[29][30] A Oregon Trail Memorial Association (OTMA) contactou inicialmente con Chester Beach, ao que se lle atribuía o deseño da moeda de medio dólar do Centenario da Doutrina Monroe de 1923, para que se encargase do deseño e o gravado da nova moeda, mais Beach non estaba dispoñible, aínda que se prestou a preparar uns esbozos.[31]
A OTMA intentou chegar a un acordo con Gutzon Borglum, deseñador da moeda conmemorativa de Stone Mountain, pero peste pedía para o seu traballo demasiado tempo e demasiado diñeiro. Ulric Stonewall Jackson Dunbar, que desempeñara un papel menor na creación do medio dólar colombino de 1892-1893, estaba disposto, mais carecía da reputación nacional que a Asociación consideraba necesaria para o escultor da moeda. Así as cousas, logo de recibir suxestións da American Numismatic Society,[9] a Asociación recorreu ao matrimonio formado por James Earle Fraser e Laura Gardin Fraser.[31]
James Fraser era coñecido polo seu deseño da moeda de 5 centavos Buffalo, en tanto que Laura Gardin Fraser creara varias moedas conmemorativas, entre elas o medio dólar do Centenario de Alabama (1921), e o dólar e o medio dólar do Centenario de Grant (1922).[32] A Asociación decantouse polos Fraser por instancias de Minnie Howard, que consideraba que a obra de James Fraser versaba sobre o Oeste e podía pór de manifesto, no deseño da súa moeda, a importancia da migración en carromato.[33] A OTMA decidiu que o deseño consistise nun mapa que amosase o Oregon Trail nunha face da moeda e, na outra, un home á fronte dun carro tirado por bois, coa súa muller e un bebé a bordo. Aínda que a moeda non o conmemora formalmente, o home debía representar a Meeker.[34]
Deseño
[editar | editar a fonte]James Fraser encargouse do deseño do lado da carreta, en tanto que Laura Gardin Fraser deseñou o lado do indio sobre o mapa, e elaborou en xeso os moldes en relevo de ambas as faces. Meeker exerceu presión sobre a deseñadora para que completase canto antes esta fase de modelaxe, xa que quería que as moedas de medio dólar estivesen dispoñibles para a súa comercialización nun evento próximo. Ela concluíu esa fase do traballo o día 30 de xullo de 1926, e nese momento escribiu para preguntar a onde debía enviar os deseños para a súa aprobación pola Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos. Desde 1921, este organismo era o encargado de asesorar o secretario do Tesouro en materia de obras de arte públicas, entre as que estaban as moedas. Laura enviou fotografías dos seus modelos ás oficinas da Comisión e o 5 de agosto de 1926 o seu presidente, Charles Moore, respondeu con entusiasmo informándoa de que a Comisión non só aprobara os deseños propostos polos Fraser, senón que mandaran enmarcar as impresións para as lucir na súa sala de reunións.[35]
Para aforrar tempo, a empresa Medallic Art Company, de Nova York, que xa realizara reducións de modelos de xeso a matrices para os cuños de varias emisións conmemorativas estadounidenses, fabricou as matrices a partir das cales se poderían preparar posteriormente os cuños de produción para a cuñaxe dos medios dólares. Estas matrices enviáronse á Ceca de Filadelfia, onde se produciron os cuños para a emisión.[27][36] Na moeda finalmente cuñada non aparece unha rosa dos ventos na cara do indio, que estaba incluída nos modelos elaborados por Laura Gardin Fraser, aínda que se descoñece o motivo deste cambio.[29]
O anverso, deseñado por James Fraser, representa unha carreta tipo Conestoga tirada por dous bois, que se dirixe cara a un Sol extremadamente grande que se oculta polo poñente, con raios refulxentes. As iniciais de ambos os deseñadores aparecen nun monograma detrás da carreta. [1][2][3] Por baixo do vehículo aparecen cinco estrelas, aínda que non se sabe con certeza que é o que representan; Swiatek e Breen suxeriron que aludían aos cinco estados e territorios polos que terían pasado os pioneiros.[26][37]
O reverso, deseñado por Laura Gardin Fraser, amosa a un nativo americano representado de forma dramática, erguido e co brazo estendido.[1][2][3] O historiador da arte Cornelius Vermeule describe esta postura como un xesto de paz.[37] O indio foi engadido polos Fraser ao concepto orixinal de deseño do mapa aprobado pola OTMA.[38] Swiatek e Breen sinalaron que "a posición do indio foi comparada irreverentemente coa dun policía de tráfico que ordena 'Alto!'".[26] Estas consideracións comezaron a facerse públicas ao pouco de saír á rúa a emisión; no número de novembro de 1926 da revista The Numismatist afirmábase que a man esquerda do indio "está levantada como advertindo á xente do Leste dos perigos e das dificultades do Camiño".[39] A necrolóxica de Meeker de 1928 en The New York Times afirmaba que o indio estaba "de pé coas mans ergueitas para deter o avance do home branco cara ao oeste".[7] O indio leva un toucado, unha manta e un lazo, e está superposto sobre un mapa dos Estados Unidos, cunha liña de carromatos que se dirixen cara ao Oeste. O deseño esténdese ata o bordo da moeda; a baía de Hudson é visible na parte superior dereita.[26][27][37]
O deseño dos Fraser para o medio dólar foi moi admirado. Swiatek e Breen consideraron que se trataba dun "dos maiores triunfos artísticos xamais lanzados pola Casa da Moeda".[36] O historiador numismático Don Taxay cualificou a moeda como "a máis fermosa e a máis xenuinamente 'americana' dos Estados Unidos. É un testemuño de que o xenio auténtico, mesmo cando se ve limitado polas necesidades dunha casa de moeda moderna e mecánica, pode transformar a nosa moeda nunha obra de arte".[29]
Produción
[editar | editar a fonte]Lanzamento inicial
[editar | editar a fonte]Segundo Bert Webber, "durante as etapas finais da fabricación, [Meeker] non paraba de 'apupar' a Casa da Moeda para que 'se dese présa'".[40]
A Ceca de Filadelfia cuñou 48.000 exemplares do medio dólar en setembro de 1926, mais outros 30 reservados para a súa inspección pola Comisión de Ensaios dos Estados Unidos na súa xuntanza anual de 1927. A primeira peza cuñada regalóuselle a Meeker e descoñécese o seu paradoiro, en tanto que a segunda, regalada a Minnie Howard, está depositada no Museo Histórico do Estado de Idaho.[38] Meeker comezou a vender os exemplares dispoñibles ao longo da súa ruta ao prezo dun dólar cada unha. O beneficio acadado pola diferenza entre o valor nominal e o prezo de venda destinouse a sufragar o custo dos fitos históricos colocados ao longo da ruta e tamén a renovar a Misión Whitman, no estado de Washington. Esta moeda deste ano foi bautizada posteriormente pola Oregon Trail Memorial Association como a "emisión Ezra Meeker".[41][42]
Coa cantidade inicial xa comprometida —75 pezas foron devoltas á ceca, moi probablemente por estaren danadas ou mal cuñadas—, a Asociación solicitou que se producisen máis moedas. En outubro e en novembro cuñáronse cen mil na Ceca de San Francisco, coa marca de ceca S ("1926-S").[43] O medio dólar conmemorativo do Oregon Trail converteuse así na primeira moeda conmemorativa cuñada en varias cecas pertencentes á Casa da Moeda dos EEUU; Bowers sinala que isto sentou "un precedente que se ampliaría e do que se abusaría nos anos seguintes".[44] Segundo Swiatek e Breen, "a Asociación esperaba que os coleccionistas que adquiriran as moedas cuñadas en Filadelfia en 1926 acudisen en número similar ou maior a pola segunda variedade".[36] Aínda que se venderon axiña uns cantos milleiros, o mercado dos medios dólares acabou saturado, e decenas de miles de pezas ficaron na ceca pendentes de pagamento.[43][44] O 29 de decembro de 1926, Meeker celebrou o seu 96 aniversario en Nova York e a Asociación obsequiouno con 96 medios dólares conmemorativos do Oregon Trail.[45]
Malia a elevada cantidade de exemplares do medio dólar de 1926-S sen vender que aínda estaban en mans do Goberno, a Asociación solicitou a emisión dunha nova tiraxe da moeda con data de 1927, mais o departamento do Tesouro —do que formaba parte a Casa da Moeda— negou tal posibilidade, por mor da situación creada.[43] No entanto, en 1928 cuñáronse 50.000 máis na Ceca de Filadelfia.[36] Meeker continuou coas súas proezas: en decembro de 1927, con motivo do seu aniversario, a Asociación obsequiouno novamente con outras tantas moedas, 97 exemplares,[45] e levou os seus medios dólares á galería de visitantes da Bolsa de Nova York, aínda que se lle denegou o permiso para entrar na sala.[46] En abril de 1928, Meeker escribiu á American Numismatic Association para instar os seus membros coleccionistas de moedas a compraren as moedas cuñadas en 1926, tanto as de Filadelfia como as de San Francisco.[47] Porén, aínda que Meeker organizou unha campaña nacional para vender as moedas, a OTMA perdeu 10.000 dólares polos seus esforzos, debido a gastos de oficina e outros.[48]
En 1928, Henry Ford deulle a Meeker un chasis de camión e diñeiro para o modificar e o converter nun vehículo con teito de carromato, de cara a unha nova viaxe polo Oregon Trail. Ford ofreceuse a facer o vehículo máis cómodo para Meeker se o levaba á fábrica de Ford en Dearborn, Míchigan. En consecuencia, cando partiu de Nova York en agosto de 1928 noutra viaxe, planeando vender medios dólares polo camiño, dirixiuse directamente a Míchigan.[40][42][49] Alí chegou enfermo, foi hospitalizado e estivo a piques de morrer. Puido regresar á casa, desgustado por non poder votar nas eleccións —apoiaba o candidato republicano, o secretario de Comercio Herbert Hoover, para presidente— por primeira vez desde 1853. Na súa casa do estado de Washington, Meeker enfermou novamente en novembro e finou o 3 de decembro de 1928, tres semanas e media antes de facer os 98 anos.[7][42] Foi soterrado nun cemiterio de Puyallup, localidade que el axudara a colonizar. A lápida de Meeker leva unha placa que reproduce o anverso do medio dólar conmemorativo do Oregon Trail.[50]
Reemisión
[editar | editar a fonte]Tras a morte de Meeker, a OTMA elixiu como sucesor a Howard R. Driggs, profesor de Ensino da Lingua Inglesa na Universidade de Nova York, quen dirixiu unha nova xunta directiva que traballou para saldar a débeda que a administración de Meeker acumulara. Seguíronse vendendo moedas,[51] e logrouse convencer o presidente Hoover para que proclamase o Centenario da Carreta Cuberta en 1930, que coincidía co centenario do nacemento de Meeker e da primeira caravana que partiu de San Luís cara a Oregón. Un dos medios de venda de moedas que ideou a Asociación foi unha campaña en outubro de 1930 en todo o campus da Universidade Yale, alma máter do director executivo da Asociación, Lorne W. Buckley, para recadar fondos para os fitos do sendeiro. Vendéronse máis de 600 moedas.[52]
A maioría dos medios dólares conmemorativos da Oregon Trail de 1928 permaneceron en mans do Tesouro durante varios anos despois da súa cuñaxe, aínda que a Asociación comprou uns 1.000 para a súa venda ao público.[51] Esta retención por parte do Goberno xerou interese na comunidade numismática: apareceron varias cartas ao director en The Numismatist nas que se preguntaba polo destino das moedas.[43][44] Un coleccionista púxose en contacto coa Ceca de Filadelfia, e o seu superintendente en funcións, Fred H. Chaffin, respondeu que as moedas se custodiaban alí para a Asociación e que estaban datadas en 1928.[53] A OTMA atravesou unha crise financeira en 1931 e tiña plans de se disolver, pero as operacións continuaron e a sede trasladouse da súa oficina de Manhattan á casa de Driggs en Bayside, Queens.[51] A Asociación comercializou as moedas de 1928 como a "emisión do pioneiro Jedediah Smith".[54]
Malia a delicada situación financeira, a principios de 1933, Driggs solicitou a emisión de máis moedas de medio dólar en nome da OTMA, mediante unha carta á directora en funcións da Casa da Moeda, Mary Margaret O'Reilly, e despois ao secretario do Tesouro, William H. Woodin. Driggs quería 5.000 exemplares dos de 1928 e 5.000 novas moedas que propuña cuñar na Ceca de Denver en 1933 ("1933-D"), a cambio de 10.000 medios dólares datados en 1926. Consonte esta proposta, todas as moedas en poder do Goberno, incluídas as adquiridas mediante o troco, debían fundirse. A proposta foi aprobada e as pezas cuñáronse en Denver,[51] a primeira vez que esta ceca producía unha moeda conmemorativa.[55]
A Asociación recorreu á Scott Stamp and Coin Company, de Nova York, para comercializar as moedas, compañía que logrou vender algúns exemplares de 1928. Esta acción foi interpretada negativamente polos estudosos da numismática: Q. David Bowers afirma que o representante desa compañía, Wayte Raymond, propuxo fundir a maior parte da emisión para crear unha escaseza artificial, e que a empresa "desexaba tirar proveito da credulidade dos coleccionistas e da súa necesidade de completar as series cuñando máis variedades". Scott pensou que se se podían cuñar máis medios dólares da Oregon Trail coa data de 1933, poderían venderse eficazmente na Exposición do Século do Progreso celebrada ese ano en Chicago".[43] Swiatek e Breen sinalaron que "só Deus sabe mediante que tipo de manipulación política a Asociación conseguiu que se aprobase unha nova emisión ene Denver de 1933" para a súa venda na exposición.[36]
Cuñouse un total de 5.250 pezas de 1933-D, das cales aproximadamente cinco se reservaron para a análise da Comisión de Ensaios e 242 se devolveron para a súa fundición.[41] Bowers cre que a devolución destas pezas non foi por quedaren sen vender, senón máis ben por seren defectuosas.[43] A Asociación bautizou a tiraxe de 1933-D como a "Emisión da Exposición do Século de Progreso". Tanto o medio dólar de 1928 como o de 1933-D tiveron un prezo de venda de dous dólares por unidade.[56] O de 1928 tamén podía obterse por 1,75 dólares se se compraran con anterioridade dúas ou máis moedas de 1926, ou mesmo por só 1,10 dólares comprando 10 exemplares de 1926.[57]
Co relativo éxito da emisión de 1933-D, a Asociación encargou 7.000 máis en 1934, tamén cuñadas en Denver. Estas foron alcumadas pola Asociación como "Emisión Fort Hall, Fort Laramie e Jason Lee" e tamén foron vendidas, ao prezo de dous dólares, pola Scott Stamp and Coin Company.[58] Estas pezas tampouco foron pagadas pola OTMA, senón que se tratou dun intercambio por exemplares de 1926-S.[59]
A recorrencia de novas emisións do medio dólar conmemorativo da Oregon Trail converteuse nun motivo de controversia na comunidade do coleccionismo de moedas, e un gran número de asociacións e clubs numismáticos aprobaron resolucións en contra destas reemisións. O presidente da American Numismatic Association pediu que as moedas conmemorativas pasasen a ser vendidas exclusivamente pola Casa da Moeda e non por organizacións privadas. Driggs protestou contra as resolucións, das que se enviaron copias ás autoridades federais. Non obstante, as pezas de 1935-S que solicitara á Casa da Moeda, e para as que xa se prepararan os cuños, nunca chegaron a cuñarse, quizais por mor da indignación amosada polos coleccionistas.[60] Tamén se consideraron outras razóns para que non se producise a emisión en 1935: nunha monografía de 1937 citada por Bowers, o antigo comerciante de moedas B. Max Mehl especulou con que a compañía distribuidora de Scott tardara dous anos en dispor das pezas de 1934-D.[61]
Remate da serie
[editar | editar a fonte]A partir de 1934, tanto organizacións como particulares viron nas emisións conmemorativas de curta tiraxe e cuñadas en varias ceca durante varios anos, unha oportunidade para obteren beneficios.[63] O Congreso autorizou varias emisións de moedas conmemorativas en 1934, entre elas o medio dólar do Centenario de Texas, destinado a honrar os cen anos de Independencia de Texas en 1936, que se cuñou desde 1934 ata 1938 e, excepto o primeiro ano, nas tres cecas do país (Filadelfia, San Francisco e Denver). En 1935 houbo novas emisións para diferentes conmemoracións, e en 1936 chegouse a 20 emisións conmemorativas diferentes e con efemérides ás veces irrelevantes, como é o caso do medio dólar do Centro Musical de Cincinnati, emitido para conmemorar o 50 aniversario de Cincinnati como centro da música, aínda que non haxa nada fóra do común que sucedese na vida musical desa cidade en 1886.[64]
O numismático Arlie R. Slabaugh, no seu volume sobre as moedas conmemorativas estadounidenses, analizou as prácticas de márketing da década de 1930:[54]
“ | Ao abuso das reemisións engadíase o xeito de vender estas e varias outras emisións posteriores de moedas conmemorativas. O prezo era adoito superior a un dólar por exemplar, que era o habitual no pasado, aínda que a maior parte do diluvio de conmemorativas se produciu durante os anos da Gran Depresión. Unhas poucas pezas a un prezo máis alto non terían estado tan mal, mais cunha gran cantidade de tipos, o custo para os coleccionistas acumulábase. Ademais, moitas emisións só se vendían en series. Polo xeral, as tiraxes eran pequenas e esgotábanse en poucos días, polo que os coleccionistas que non conseguiran obter exemplares soltos da fonte orixinal se vían na obriga de comprarllos a prezos cada vez máis altos aos especuladores, o que axiña se converteu nunha roda de prezos cada vez máis altos. | ” |
O 30 de decembro de 1935, o director da OTMA, Howard R. Driggs, escribiu a O'Reilly —quen co nomeamento de Nellie Tayloe Ross como directora da Casa da Moeda dos Estados Unidos deixara a dirección en funcións e retomara o seu posto de subdirectora—, e solicitoulle a emisión de 5.000 moedas do Oregon Trail en 1936 na Ceca de San Francisco ("1936-S"), para celebrar o centenario da chegada do misioneiro Marcus Whitman e a súa esposa ao val de Walla Walla. O'Reilly e outros responsables da Casa da Moeda non responderon inmediatamente e Driggs escribiu novamente en marzo de 1936. A resposta veu da man de Chaffin, superintendente en funcións da Ceca de Filadelfia, quen o informou de que os cuños xa se prepararan e xa se enviaran a San Francisco. Por petición de Driggs, cando as moedas estiveron cuñadas dirixíronse directamente ao distribuidor Scott, en Nova York. En maio, Driggs pediu que se cuñasen 10.000 máis en Filadelfia, e así se fixo. Vendéronse en pleno auxe das moedas conmemorativas.[65] Algunhas das pezas de 1936 e 1936-S foron vendidas por Scott e outras pola Asociación a través dunha venda por correo en Nova York, en ambos os casos a un prezo inicial de 1,60 dólares por unidade. Ademais das cantidades solicitadas, cuñáronse seis pezas de 1936 e de 1936-S para a análise da Comisión de Ensaios.[43]
En xuño de 1936, Herbert G. West, responsable da Celebración do Centenario de Whitman, escribiu a Driggs para o informar de que o seu grupo procurara e non conseguira —algo inesperado en 1936— a autorización para emitir un medio dólar conmemorativo para financiar as súas actividades. West quería que Driggs encargase unha edición especial da conmemorativa do Oregon Trail para que a organización de Whitman a vendese. Driggs non se comprometeu; primeiro díxolle a West que esperaba que aínda tivesen éxito en conseguir o seu propio medio dólar, e logo que sería difícil conseguir unha emisión especial, xa que as casas de moeda pecharan durante o verán. Finalmente accedeu a darlle ao grupo Whitman mil moedas da Oregon Trail de 1936-S, coa condición de que non se vendesen a menos de 1,60 dólares, para non prexudicar os esforzos de venda da OTMA. De feito, Driggs suxeriu un prezo de venda de dous dólares, que foi o prezo ao que os vendeu a organización Whitman. Estas moedas foron coñecidas como "emisión do Centenario de Whitman" ou "emisión da Misión Whitman".[61][66] A maioría das pezas de 1936 cuñadas en Filadelfia vendéronse mediante un envío por correo á lista de clientes de Scott.[67] Unha parte de cada unha das emisións entre 1933 e 1937 reservouse para a venda por organizacións patrióticas.[68]
A emisión de 1937 foi distribuída unicamente pola Oregon Trail Memorial Association, xa que o acordo con Scott estaba concluído. En Denver cuñouse un total de 12.000 pezas —mais oito para a Comisión de Ensaios— e vendéronse a 1,60 dólares. A esta emisión non se lle puxo ningún alcume especial.[41] O comerciante de moedas B. Max Mehl preguntábase en 1937: "A moeda de 1936 da Ceca de Filadelfia véndese agora a cinco dólares e a da Ceca de San Francisco a dez dólares. Onde acabará isto? Non o sei".[61]
Nunha sesión da Comisión de Banca e Moeda do Senado que tivo lugar o 11 de marzo de 1936 produciuse este diálogo entre dous senadores e Lyman W. Hoffecker, presidente da American Numismatic Association:[43]
“ | — Senador Maloney: "Hai algunha limitación de tempo nestas cuestións?" — Hoffecker: "Non, señor. Poden seguir a cuñalas durante os próximos 100 anos a menos que haxa algunha lei que o impida". [...] — Senador Adams: "Daquela, dentro duns límites razoables, permíteselle obter unha parte das súas moedas dunha ceca, e outra parte doutra ceca, e outra parte da terceira ceca; e poden obter unha parte delas con data de 1934 e outra parte con data de 1935, e outra parte con data de 1936?" |
” |
As moedas de 1938 cuñáronse nas tres cecas activas da US Mint, a primeira vez que isto sucedía no mesmo ano no medio dólar do Oregon Trail. En cada ceca producíronse 6.000 pezas, mais as destinadas á Comisión de Ensaios, e a tiraxe vendeuse en xogos de tres por 6,25 dólares. A mesma práctica seguiuse en 1939, mais cun prezo de venda elevado a 7,50 dólares por serie, en paralelo a unha redución a 3.000 exemplares destinados á súa venda. Segundo os autores Swiatek e Breen, estas series tamén foron compradas por especuladores, e os coleccionistas individuais tiveron que pagar entre o dobre e o triplo do prezo oficial de inicio, para conseguiren unha serie.[41] As moedas non se esgotaron instantaneamente; os rexistros contables da OTMA revelan que nove meses despois da súa posta á venda, a organización aínda tiña dispoñible case a metade da emisión de 1938. Do mesmo xeito, en outubro de 1939 a Asociación só vendera 8.283 medios dólares datados ese ano, menos dos 9.000 dispoñibles para a venda.[69] Así as cousas, os coleccionistas enviaron cartas de protesta aos congresistas e ao Departamento do Tesouro.[70] O 5 de agosto de 1939, o Congreso actuou aprobando unha lei que puña fin a todas as emisións conmemorativas autorizadas antes de marzo de 1939. Swiatek e Breen observaron que se non se producise a intervención do Congreso, "probablemente habería moedas da Oregon Trail datadas en 1980".[41]
En resumo, cuñouse un total de 264.419 exemplares do medio dólar conmemorativo do Oregon Trail, dos cales aproximadamente 174 se destinaron á Comisión de Ensaios e 61.317 se fundiron. En consecuencia, destináronse á venda ao público 202.928.[58] O medio dólar conmemorativo do Oregon Trail foi a moeda conmemorativa cuñada durante máis tempo.[71] Segundo a edición de luxo de 2018 de A Guide Book of United States Coins, de Richard S. Yeoman, os exemplares máis accesibles desta moeda son os de 1926 e 1926-S, aos que se lles atribúe un prezo de 135 dólares nun estado de conservación próximo a "sen circular". As pezas de 1939 inclúense neste catálogo só como un conxunto das tres cecas, cun prezo de 1.350 dólares en perfecto estado de conservación.[72]
Repercusión
[editar | editar a fonte]A Oregon Trail Memorial Association pasou a formar parte en 1940 da American Pioneer Trails Association (APTA), un grupo que pretendía ter un alcance máis amplo que a OTMA. Un estado financeiro conxunto de 1942 de ambas as organizacións revela que ese ano aínda posuía 7.212 moedas de medio dólar do Oregon Trail.[73] En 1943 vendía medios dólares de 1936 e 1937-D.[68] Unha carta ao editor na edición de setembro de 1943 de The Numismatist afirmaba que o grupo vendía as pezas a cinco dólares para financiar fitos feitos de madeira de Oregón coas que marcar o sendeiro, e nesa cantidade ía incluída tamén a afiliación.[74]
Minnie Howard seguía en 1947 intentando mellorar a conservación de Fort Hall, e como parte dese esforzo conseguiu que o senador de Idaho Henry Dworshak presentase un proxecto de lei que permitise a emisión de máis medios dólares do Oregon Trail, en beneficio da organización de Howard en Idaho. Nada máis facelo, o 26 de febreiro, o presidente Harry Truman anunciou a súa oposición a varios proxectos de lei sobre moedas que se presentaran. O secretario do Tesouro en funcións, E. F. Foley, escribiu en contra, trazando a historia entre a OTMA e o Departamento do Tesouro: "Ordenouse cuñar moedas e deixalas nas cecas". O Comité Bancario opúxose ao proxecto de lei, e este fracasou. Segundo un artigo de novembro de 2014 en The Numismatist, "Cos esforzos na década de 1940, o medio dólar do Oregon Trail, que vira o seu abrente en Pocatello, achou o seu ocaso alí tamén".[75]
Driggs dirixiu a APTA ata a súa morte aos 89 anos en 1963, aínda que se amosou menos activo nos seus derradeiros anos. Notificou á Casa da Moeda en 1953 que a APTA era a sucesora da OTMA, e que daquela aínda tiña medios dólares á venda. Logo do seu falecemento, atopáronse máis de cincuenta exemplares entre as súas pertenzas.[73]
Outros grupos continuaron coa misión da APTA de preservar o Camiño e construír monumentos.[76] En 1963, dous anos antes da morte de Howard, a cidade de Pocatello erixiu unha réplica de Fort Hall nun parque.[75]Porén, o lugar en si segue sen urbanizar, cun discreto fito indicador.[38]
Entre 1939 e 1945 non se cuñou moeda conmemorativa ningunha. Cando se retomaron as autorizacións despois da segunda guerra mundial, as emisións na honra de Booker T. Washington e de George Washington Carver vendéronse, nalgúns anos, en series de baixa tiraxe de moedas das tres cecas. Despois de 1954, cando se cuñaron as derradeiras pezas deste tipo, o Departamento do Tesouro non volveu apoiar unha conmemorativa non circulante ata 1982, cando se emitiu un medio dólar na honra do 250 aniversario do nacemento de George Washington.[77] Este medio dólar de Washington xa foi distribuído directamente pola Casa da Moeda, e os beneficios aplicáronse á redución da débeda nacional.[78] Bowers escribe que "esta vez, [a cuñaxe de moedas conmemorativas] non sería en nome de intereses privados nin locais".[79]
No pasado, os escritores numismáticos describiron a Asociación e as súas actividades con dureza. Bowers afirma que as moedas do Oregon Trail "son fermosas, pero as circunstancias que rodearon a súa emisión deixan moito que desexar".[80] Slabaugh sinalou: "artisticamente, esta é a miña moeda conmemorativa favorita, mais desde o punto de vista ético non o é".[54] Swiatek e Breen escribiron que "as actividades da Asociación para explotar os coleccionistas de moedas e o público en xeral conduciron finalmente á impopularidade das moedas conmemorativas no Congreso e, en última instancia, á firme oposición do Departamento do Tesouro a calquera outra emisión conmemorativa, sen importar o valiosa que fose a causa conmemorada nin quen representase as comisións patrocinadoras".[36]
Segundo Bowers:[81]
“ | Polo que eu sei, os beneficios financeiros que motivaron a emisión dos medios dólares, "para rescatar do esquecemento os diversos puntos importantes ao longo da antiga ruta", para erixir "monumentos adecuados, conmemorativos e doutro tipo", etc., nunca se produciron, polo menos non de xeito oficial; nunca chegaron a realizarse, polo menos non co diñeiro proporcionado pola venda das moedas. | ” |
Logo da apertura dos papeis de Driggs para unha investigación sobre eles na Universidade do Sur de Utah,[75] un artigo publicado en outubro de 2013 en The Numismatist concluíu que, aínda que faltan moitos documentos, como os acordos co distribuidor Scott, o que hai nos seus rexistros "parece consistente con que Driggs quería usar as moedas para financiar a sinalización do Oregon Trail, non para encher os seus propios petos".[73]
Tiraxes e cecas
[editar | editar a fonte]Na moeda de medio dólar conmemorativa do Oregon Trail, a marca de ceca aparece como unha inicial na parte Inferior do reverso, no espazo que queda entre a palabra HALF e o pé dereito do indio.
- Sen marca: Ceca de Filadelfia, en Pensilvania.
- D: Ceca de Denver, en Colorado.
- S: Ceca de San Francisco, en California.
Unha pequena cantidade de exemplares de cada ano e ceca reservábase para a súa inspección pola Comisión de Ensaios dos Estados Unidos na súa xuntanza do ano seguinte. As cifras da táboa seguinte inclúen estas pezas.[1][3][58]
Emisión | Marca de ceca |
Exemplares cuñados |
---|---|---|
1826 | 47 955 | |
S [82] | 83 055 | |
1828 | 6 028 | |
1833 | D | 5 008 |
1834 | D | 7 006 |
1836 | 10 006 | |
S | 5 006 | |
1837 | D | 12 008 |
1838 | 6 006 | |
D | 6 005 | |
S | 6 006 | |
1839 | 3.004 | |
D | 3 004 | |
S | 3 005 |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "½ Dollar Oregon Trail Memorial". Numista.com
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 "Oregon Trail Memorial Half Dollar". United States Mint.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 "1926-1939 Oregon Trail Memorial Half Dollar". Earlycommemorativecoins.com
- ↑ Que face se corresponde co anverso e cal co reverso é obxecto de controversia nesta moeda. Os deseñadores consideraban que a face do indio era o anverso, mais a Casa da Moeda consideraba —e segue a considerar na súa web— que o lado da carreta é o anverso, por ser onde leva a data. Neste artigo optouse pola versión da Casa da Moeda, por coincidir co criterio máis habitual na numismática moderna. Ao recpecto, véase Bowers, Q. D. (2008). Páxina 88.
- ↑ "Ezra Meeker, 1830-1928". Library of th Congress.
- ↑ 6,0 6,1 Becker, P. (2006).
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 "Ezra Meeker dies; an ox-team pioneer". En The New York Times. 4 de decembro de 1928.
- ↑ Greenbaum, G. M. (2014). Páxina 33.
- ↑ 9,0 9,1 Greenbaum, G. M. (2014). Páxina 35.
- ↑ Greenbaum, G. M. (2014). Páxina 34.
- ↑ "Commemorative Coins from 1892-1954". United States Mint.
- ↑ Webber, B. (1986). Páxina 15.
- ↑ Taxay, D. (1967). Páxina 118.
- ↑ "Ezra Meeker and Calvin Coolidge". Southern Utah University.
- ↑ Webber, B. (1986). Páxinas 10, 13.
- ↑ Driggs, H. R.; Meeker, E. (1932). Páxina 302.
- ↑ 17,0 17,1 Greenbaum, G. M. (2014). Páxinas 34-35.
- ↑ Webber, B. (1986). Páxinas 16-21.
- ↑ Greenbaum, G. M. (2013). Páxina 43.
- ↑ 20,0 20,1 "Oregon Trail Commemorative Coin Legislation". United States Coin.
- ↑ Webber, B. (1986). Páxina 21.
- ↑ Public Law Nº 235 May 17, 1926.
- ↑ Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 79
- ↑ Webber, B. (1986). Páxina 18.
- ↑ Bowers, Q. D. (2008). Páxinas 80, 88.
- ↑ 26,0 26,1 26,2 26,3 Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 181.
- ↑ 27,0 27,1 27,2 Bowers, Q. D. (2008). Páxina 88.
- ↑ "James Earle Fraser, ca. 1919". Archives of American Art. Smithsonian Institution.
- ↑ 29,0 29,1 29,2 Taxay, D. (1967). Páxina 122.
- ↑ "Meeker to motor over Oregon Trail". En The New York Times. 11 de xullo de 1926.
- ↑ 31,0 31,1 Taxay, D. (1967). Páxinas 63, 118.
- ↑ "Oregon Trail Memorial Half Dollar". CoinSite.com
- ↑ Greenbaum, G. M. (2014). Páxina 36.
- ↑ Greenbaum, G. M. (2014). Páxinas 36-37.
- ↑ Taxay, D. (1967). Páxinas 118, 122..
- ↑ 36,0 36,1 36,2 36,3 36,4 36,5 Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 182.
- ↑ 37,0 37,1 37,2 Vermeule, C. (1971). Páxina 173.
- ↑ 38,0 38,1 38,2 Greenbaum, G. M. (2014). Páxina 37.
- ↑ "Oregon Trail half dollar". En The Numismatist. American Numismatic Association. Vol. 39. Nº 11. Novembro de 1926. Páxinas 614-615.
- ↑ 40,0 40,1 Webber, B. (1986). Páxina 22.
- ↑ 41,0 41,1 41,2 41,3 41,4 Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxinas 182-183.
- ↑ 42,0 42,1 42,2 "Ezra Meeker to hit Oregon Trail again". En The New York Times. 4 de agosto de 1928.
- ↑ 43,0 43,1 43,2 43,3 43,4 43,5 43,6 43,7 Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 209-2010.
- ↑ 44,0 44,1 44,2 Bowers, Q. D. (2008). Páxina 89.
- ↑ 45,0 45,1 "Ezra Meeker at 97 finds world good". En The New York Times. 30 de decembro de 1927.
- ↑ "Memorial coin is unnoticed in Wall Street". En The Morning Leader. 5 de maio de 1928.
- ↑ Rossman, W. (1998). Páxina 889.
- ↑ Greenbaum, G. M. (2013). Páxinas 44-45, 47.
- ↑ Driggs, H. R.; Meeker, E. (1932). Páxinas 299-302.
- ↑ Webber, B. (1986). Páxina 49.
- ↑ 51,0 51,1 51,2 51,3 Greenbaum, G. M. (2013). Páxina 45.
- ↑ Webber, B. (1986). Páxinas 29, 35-37, 42.
- ↑ May, E. W. (1930).
- ↑ 54,0 54,1 54,2 Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 78.
- ↑ Yeoman, R. S. (2018). Páxina 1.068.
- ↑ Slabaugh, A. R. (1975). Páxinas 77-78.
- ↑ Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 217-219.
- ↑ 58,0 58,1 58,2 Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 183.
- ↑ Greenbaum, G. M. (2013). Páxina 46.
- ↑ Greenbaum, G. M. (2013). Páxinas 46-47.
- ↑ 61,0 61,1 61,2 Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 210-213.
- ↑ The Coin Collector's Journal. Febreiro de 1936. Páxina 249.
- ↑ Bowers, Q. D. (2008). Páxina 12.
- ↑ Bowers, Q. D. (2008). Páxinas 12-13.
- ↑ Greenbaum, G. M. (2013). Páxina 47.
- ↑ Greenbaum, G. M. (2013). Páxinas 47-48.
- ↑ Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 220-222.
- ↑ 68,0 68,1 Slabaugh, A. R. (1975). Páxinas 78-79.
- ↑ Greenbaum, G. M. (2013). Páxinas 48-49.
- ↑ Webber, B. (1986). Páxina 24.
- ↑ Bowers, Q. D. (2008). Páxina 87.
- ↑ Yeoman, R. S. (2018). Páxina 1.069.
- ↑ 73,0 73,1 73,2 Greenbaum, G. M. (2013). Páxina 49.
- ↑ Bibler, S. H. (1943).
- ↑ 75,0 75,1 75,2 Greenbaum, G. M. (2014). Páxina 38.
- ↑ Webber, B. (1986). Páxinas 25, 27.
- ↑ Bowers, Q. D. (2008). Páxinas 14-15.
- ↑ Bowers, Q. D. (1991). Páxina 479.
- ↑ Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 475-477.
- ↑ Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 207-208.
- ↑ Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 213-214.
- ↑ A cantidade de 83.055 pezas resulta das 100.000 iniciais da OTMA mais 55 pezas para a Comisión de Ensaio menos 17.000 devoltas á Casa da Moeda a cambio das pezas de 1933-D e 1934-D. Véxase Greenbaum, G. M. (2013). Páxina 43.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Medio dólar conmemorativo do Oregon Trail |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Becker, P. (2006). "Ezra Meeker departs on his second round-trip wagon expedition to publicize and map the old Oregon Trail on March 16, 1910". En HistoryLink.org. 17 de xuño.
- Bibler, S. H. (1943). "Oregon Trail Commemoratives". En The Numismatist. American Numismatic Association. Vol. 56. Nº 9. Setembro. Páxina 707.
- Bowers, Q. D. (1991). Commemorative Coins of the United States. A Complete Encyclopedia. Bowers and Merena Galleries, Wolfeboro. ISBN 978-0-943161-35-8
- Bowers, Q. D. (2008). A Guide Book of United States Commemorative Coins. Whitman Publishing, Atlanta. ISBN 978-0-7948-2256-9
- Driggs, H. R.; Meeker, E. (1932). Covered-Wagon Centennial and Ox-Team Days. World Book Magazine, Yonkers.
- Greenbaum, G. M. (2013). "The other side of the Oregon Trail half dollar". En The Numismatist. American Numismatic Association. Outubro. Páxinas 42-49.
- Greenbaum, G. M. (2014). "Sunrise at Pocatello: Dr. Minnie Howard, Ezra Meeker, and the Oregon Trail half dollar". En The Numismatist. American Numismatic Association. Novembro. Páxinas 32-38.
- May, E. W. (1930). "The Oregon Trail half dollar of 1928". En The Numismatist. American Numismatic Association. Vol. 43. Nº 5. Maio. Páxinas 294-295.
- Rossman, W. (1998). "Ezra Meeker and the Oregon Trail Commemorative". En The Numismatist. American Numismatic Association.Agosto. Páxinas 887-890.
- Slabaugh, A. R. (1975). United States Commemorative Coinage (2ª ed.). Whitman, Racine. ISBN 978-0-307-09377-6
- Swiatek, A.; Breen, W. (1981). The Encyclopedia of United States Silver & Gold Commemorative Coins, 1892 to 1954. Arco, Nova York. ISBN 978-0-668-04765-4
- Taxay, D. (1967). An Illustrated History of U.S. Commemorative Coinage. Arco, Nova York. ISBN 978-0-668-01536-3
- Vermeule, C. (1971). Numismatic Art in America. Harvard University Press. ISBN 978-0-674-62840-3
- Webber, B. (1986). The Oregon Trail Memorial Half-Dollar. Webb Research Group, Medford. ISBN 0-936738-16-2
- Yeoman, Richard S. (2018). A Guide Book of United States Coins (en inglés) (4ª ed.). Atlanta: Whitman. ISBN 978-0-7948-4580-3.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]