Medio dólar do Centro Musical de Cincinnati

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Medio dólar do
Centro Musical de Cincinnati [1][2][3]
A/: Busto de Stephen Foster cara á dereita. Marca de gravadora (CO).

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / STEPHEN FOSTER AMERICA'S ROUBADOUR / HALF DOLLAR.

R/: Figura alegórica feminina cunha lira. Marca de ceca (D ou S).

Lendas: CINCINNATI A MUSIC CENTER OF AMERICA / 1886 1936 / IN GOD WE TRUST / E PLURIBUS UNUM / LIBERTY

O medio dólar do Centro Musical de Cincinnati é unha moeda estadounidense de prata dese valor facial emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en 1936 en conmemoración do quincuaxésimo aniversario de Cincinnati, Ohio, como centro musical.[1][2][3]

A creación desta moeda foi promovida por Thomas G. Melish, un comerciante entusiasta das moedas que controlaba a entidade á que se lle outorgou o dereito exclusivo para adquirir toda a emisión ao Goberno, e que logo a revendeu a prezos elevados.

O Congreso aprobou a lei que autorizaba a emisión da moeda o 31 de marzo de 1936, cunha tiraxe máxima de 15.000 pezas, que se deberían nas tres cecas daquela en funcionamento: Filadelfia, Denver e San Francisco. Melish contratou a escultora Constance Ortmayer para se encargar do deseño da moeda, aínda que a Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos se negou a darlles o visto e prace aos seus deseños, ao non achar relación ningunha entre a representación no anverso do músico Stephen Foster, falecido en 1864, e o presumible aniversario, tamén cuestionado. Non obstante, os deseños foron aprobados pola Casa da Moeda e emitíronse 5.000 exemplares en cada unha das cecas, que logo se lle venderon ao grupo de Melish, o único comprador autorizado.

É probable que Melish retivese gran parte da emisión para a revender máis tarde. Deste xeito, con poucas pezas dispoñibles no mercado, os prezos da serie disparáronse ata chegar a quintuplicar o inicial da emisión. O valor caeu un pouco cando estoupou o boom das moedas conmemorativas a finais de 1936, aínda que se recuperou axiña, e as moedas acadan prezos altos na actualidade. A comunidade numismática acusou a Melish de avaricia.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

En 1936, o mercado de moedas conmemorativas dos Estados Unidos disparouse, impulsado polas emisións de escasa tiraxe, que se revalorizaron de camiño. Ata 1954, o Goberno vendía a totalidade da tiraxe deste tipo de moedas ao seu valor nominal a un grupo autorizado polo Congreso, que intentaba logo venderllas ao público cunha marxe de beneficio. As novas pezas saíron daquela ao mercado secundario, e a principios de 1936 todas as conmemorativas anteriores vendéronse a un prezo superior ao inicial de súa emisión. A aparente facilidade para obter beneficios coa compra e a tenza de moedas conmemorativas atraeu a moitos afeccionados ao coleccionismo numismático, que trataron de adquirir as novas emisións. Entre as pezas que se cuñaran recentemente e que máis se revalorizaran estaba o medio dólar Old Spanish Trail de 1935, unha peza que fora emitida por instancias de Lyman W. Hoffecker, un empresario texano e comerciante de moedas, que reservou para si unha quinta parte dos 10.000 exemplares cuñados e que logo vendeu ata ben entrada a década de 1940, cando xa fora presidente da American Numismatic Association (ANA).[4] O Congreso autorizou unha explosión de moedas conmemorativas en 1936, o primeiro ano en que a Casa da Moeda chegou a cuñar ata quince diferentes. Por petición dos grupos autorizados a adquirilas, cuñáronse novamente varias destas moedas cuñadas en anos anteriores, agora con data de 1936, entre elas o medio dólar conmemorativo do Oregon Trail, emitido por primeira vez en 1926.[5]

Proceso lexislativo[editar | editar a fonte]

Thomas G. Melish, promotor do medio dólar do Centro Musical de Cincinnati.[6]

Thomas G. Melish, coleccionista de moedas e empresario de Cincinnati, tivo a idea de promover a cuñaxe dunha moeda conmemorativa que el controlaría e da que podería beneficiarse economicamente.[7] Melish era un prominente home de negocios que herdara a Bromwell Wire Company.[8] e que constituíu a Asociación da Moeda Conmemorativa do Centro Musical de Cincinnati ad hoc para acadar a concesión da comercialización da nova moeda. Para tal efecto, logrou que se presentase o correspondente proxecto de lei (H.R. 10264) o 31 de xaneiro de 1936. Este proxecto prevía a cuñaxe de 10.000 exemplares na Ceca de Filadelfia, 2.000 na Ceca de Denver e 3.000 na Ceca de San Francisco. Unha cuñaxe tan baixa tería convertido a moeda de Denver nunha rareza significativa, o que aumentaría os beneficios de Melish. O 17 de febreiro, a Comsión de Moeda, Pesos e Medidas da Cámara de Representantes recomendou que se modificase o proxecto de lei para establecer unha tiraxe de 15.000 moedas, sen especificar en que ceca ou cecas debían cuñarse. A devandita comisión, no seu informe sobre o proxecto de lei, sinalaba que a peza era "en conmemoración do quincuaxésimo aniversario de Cincinnati, Ohio, como centro da música, e a contribución do seu festival anual de maio á arte musical durante os últimos 50 anos".[7][9] Melish, grazas á súa influencia política, puido manter a disposición de que debían cuñarse "nas cecas", om que lle permitiu a cuñaxe nas tres existentes. Esta foi a derradeira vez que un proxecto de lei sobre cuñaxe de moeda se aprobou no Congreso na década de 1930 cunha redacción semellante; as emisións posteriores limitáronse a unha soa casa de moeda.[10]

O proxecto de lei foi aprobado polo Congreso e asinado polo presidente Franklin Roosevelt o 31 de marzo de 1936.[11][12] Anthony Swiatek e Walter Breen, no seu traballo acerca das moedas conmemorativas estadounidenses, concluíron que "a presión da citada Asociación sobre o Congreso induciu á aprobación da Lei".[13]

Preparación e controversia[editar | editar a fonte]

Melish encomendoulle o deseño da moeda a Constance Ortmayer,[14] quen, segundo lembraría máis tarde, dixo: "Recomendáronme; alguén pasou por Cincinnati... estaban a buscar a alguén e recomendáronme a min".[15] Ao parecer, Ortmayer tiña xa preparado un deseño antes mesmo de que a lei se aprobase no Congreso, xa que Melish lle escribira unha carta á subdirectora da Casa da Moeda, Mary Margaret O'Reilly, o 4 de abril de 1936, na que lle dicía que o orixinal "carecía de distinción e mérito artístico", e que Ortmayer redeseñaría a moeda. O 7 de maio Melish escribiu novamente para preguntar se o novo deseño proposto por Ortmayer era satisfactorio. Os modelos presentáronse preceptivamente á Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos, que estaba encargada desde 1921 de asesorar sobre o deseño das moedas, aínda que o Goberno non estaba obrigado a seguir os seus ditames. O 13 de maio, o presidente da Comisión, Charles Moore, escribiu á directora da Casa da Moeda, Nellie Tayloe Ross, para lle comunicar a súa consideración desfavorable con respecto aos deseños de Ortmayer.[14][16]

Theodore Thomas, a alternativa proposta pola Comisión de Belas Artes para o anverso da moeda.[17]

Moore puxo a atención no propósito declarado da moeda —conmemorar o 50 aniversario de Cincinnati como centro musical— e logo sinalou que o anverso representaba a Stephen Foster, compositor e autor de cancións, que morrera en 1864, en tanto que Cincinnati non destacou como centro musical polo menos ata 1873. "A Comisión non acerta a relacionar un cincuentenario en 1936 cun movemento que comezou en 1873".[18]

Moore admitiu que Foster vivira en Cincinnati, mais só durante un breve período no que traballou como contable, e que as súas principais contribucións á música estadounidense se produciran máis tarde, cando viviu en Pittsburgh e en Nova York. Ademais, a moeda debía conmemorar as contribucións de Cincinnati á arte da música, e Foster "foi un trobador estadounidense, mais non contribuíu á música como arte".[19] Moore consideraba que, se alguén debía ser representado, debía ser Theodore Thomas, que dirixiu o Festival de Maio de Cincinnati desde os seus comezos en 1873 e en 1878 se converteu en director da Escola Superior de Música de Cincinnati. Afirmou que "Theodore Thomas foi, artisticamente, o fundador de Cincinnati como centro musical. O seu retrato debería aparecer en calquera moeda conmemorativa de Cincinnati 'como centro de música'".[20]

O 16 de maio, o xornal The Cincinnati Enquirer chegou a informar de que Thomas aparecería na moeda, no canto de Foster. O xornal tamén informaba da controversia ante a Comisión de Belas Artes e de que Melish viaxara a Washington o día anterior e que anunciara que non se opuña ao cambio.[21] Igualmente o 16 de maio, Melish telefonou a Lee Lawrie, escultor membro da Comisión. As notas de Melish indican que a obxección de Moore era en nome de Alice Roosevelt Longworth e a familia Longworth, que contrataran a Thomas para dirixir o Festival de Maio e que querían a Thomas na moeda, aínda que, como —segundo Melish— Lawrie dixo, "Thomas parece unha morsa e sería unha cabeza moi difícil de facer". Melish amosouse desafiante ao afirmar que tamén coñecía ben a Alice Longworth, e Foster permaneu finalmente na moeda.[20]

Ortmayer lembrou que o "xefe" da Casa da Moeda —presumiblemente Ross— se opuxo ao deseño do reverso, xa que non lle gustaba a posición das pernas da deusa.[15] Swiatek, nunha publicación súa posterior, afirmou que a Asociación da Moeda Conmemorativa do Centro Musical de Cincinnati, controlada por Melish, fixera presión no Departamento do Tesouro para que aprobase o deseño de Ortmayer.[22]

A Ceca de Filadelfia recibiu os modelos de Ortmayer. O 23 de maio, o seu superintendente, Edwin Dressel, enviou á dirección Casa da Moeda un informe do gravador xefe da Casa da Moeda dos EEUU, John R. Sinnock, no que se afirmaba que os modelos do escultor tiñan un relevo demasiado alto, e suxeríase que Ortmayer acudise á Casa da Moeda para discutir o asunto. Nunha carta da subdirectora O'Reilly a Melish do 18 de xuño informábase de que, logo dalgunhas modificacións, Sinnock escribiu que a moeda estaba no límite do máis alto relevo que a ceca podía cuñar, e que se esperaba probar os cuños para a moeda de Cincinnati producindo algúns exemplares de proba a principios de xullo.[23]

Deseño[editar | editar a fonte]

Fotografía de Stephen Foster, o protagonista do anverso da moeda.

Anverso[editar | editar a fonte]

O anverso do medio dólar do Centro Musical de Cincinnati amosa un busto de Stephen Foster, ollando cara á dereita do espectador, e debaixo, as palabras STEPHEN FOSTER AMERICA'S TROUBADOUR.[13] Esta frase foi tomada dunha biografía de Foster publicada anteriormente, na década de 1930.[24] As iniciais do artista, "CO", aparecen á esquerda de Foster. O nome do país e a expresión do valor facial aparecen preto do canto, na parte superior e na inferior, respectivamente.[1][2][3][25]

Reverso[editar | editar a fonte]

No reverso represéntase unha figura axeonllada, que podería ser a deusa da música. Na parte superior esquerda do campo aparece a data de 1886, na inferior dereita a de 1936 e debaixo desta última a marca de ceca —só no caso de Denver e San Francisco, xa que as moedas cuñadas en Filadelfia carecen dela—. A deusa axeónllase sobre os lemas nacionais cuxa aparición está prescrita pola lei nas moedas estadounidenses ( IN GOD WE TRUST / E PLURIBUS UNUM / LIBERTY), e preto do canto figura a inscrición CINCINNATI A MUSIC CENTER OF AMERICA.[1][2][3][25]

Valoracións do deseño[editar | editar a fonte]

O deseño suscitou comentarios entre os numismáticos. Frank Duffield, editor da revista The Numismatist —editada pola American Numismatic Association—, sinalou no número de outubro de 1936 que a moeda fora esperada con expectación polos afeccionados por mor do anuncio de que levaría o retrato de Foster, pero...:[26]

Cornelius Vermeule comparou a moeda de Cincinnati co medio dólar do Sesquicentenario.[27]
Cando finalmente apareceu escoitáronse moitas expresións de aprobación dos deseños e unhas poucas críticas [...] Foster merecía un busto mellor que o que o artista nos regalou [...] a lira de xoguete de catro cordas que a deusa sostén na man non está en consonancia cos tempos nin coa ocasión .... Despois de todos estes anos, a música merecía algo mellor.

O numismático B. Max Mehl, na súa monografía sobre as moedas conmemorativas estadounidenses publicada en 1937, amosouse de acordo coa crítica do reverso: "aparentemente, esta lira debeu ser comprada nunha tenda de 5 e de 10 centavos, xa que parece ser só un xoguete".[28]

O historiador da arte Cornelius Vermeule, no seu traballo de 1971 sobre moedas e medallas estadounidense, criticou tamén o deseño de Ortmayer:[29]

Os detalles e o estilo desta moeda perpetúan as letras delgadas e as superficies débiles da escola de John Sinnock, como se exemplifica no medio dólar do Sesquicentenario de Filadelfia de 1926. As superficies están vidradas ou fregadas, e a moeda ten un aspecto desgastado [...] O busto de Stephen Foster no anverso é un vulto distorsionado ou comprimido, e a "deusa da música" ten o aspecto dunha bailarina con cambras.

Lanzamento, distribución e coleccionismo[editar | editar a fonte]

Estoxo de presentación da serie completa das moedas das tres cecas.[30]
Certificado que se incluía no estoxo de presentación.[30]

A tiraxe de 15.000 pezas cuñouse ao longo de xullo de 1936. Nas cecas de Filadelfia e de Denver producíronse 5.005 pezas, e na de San Francisco 5.006, e eses poucos exemplares que exceden das cantidades redondas retivéronse para a súa inspección e comprobación na reunión de 1937 da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos, como era preceptivo. As primeiras 200 pezas de cada ceca recolléronse en xogos de tres, que se incluíron en estoxos para a súa comercialización, que incluía unha carta notarial de Melish que daba fe da numeración correspondente a esas moedas. Melish enviou varios destes xogos especiais a funcionarios do Goberno.[31]

Melish estivera recibindo solicitudes de coleccionistas xa desde o mesmo momento en que o presidente Roosevelt asinou a lei, pero a partir de mediados de maio os interesados que escribían só recibían como resposta tarxetas postais nas que se dicía que había un exceso de solicitudes para a adquisición da nova moeda. O verán de 1936 foi o punto álxido do auxe das moedas conmemorativas, e Melish anunciou que as novas pezas se venderían en xogos de tres por marca de ceca a 7,75 dólares —un prezo elevado naquela época, en comparación co doutras emisións anteriores—. Comezouse a enviar os pedidos aos clientes que escribiran os primeiros, e logo comezaron a venderse por 10 dólares. No entanto, poucos coleccionistas conseguiron que se formalizasen os seus pedidos, e á maioría devolvéuselles o pagamento coa escusa de que as moedas se esgotaran. O prezo para os pedidos cursados subiu axiña a 40 dólares e a partir de aí comezaron a estar dispoñibles moitas moedas. O numismático Q. David Bowers afirmou que o máis probable é que Melish e outras persoas con información privilexiada as vendesen subrepticiamente. Melish tamén permitiu que os promotores do medio dólar do Tricentenario do Condado de York comprasen, ao prezo de emisión orixinal, varios xogos, en tanto que a poboación só podía pedir como máximo un xogo a ese prezo. A cambio, tratou de comprar esa e outras moedas conmemorativas en cantidades superiores ao límite habitual de pedidos.[32] Así e todo, cando a Oregon Trail Memorial Association, beneficiaria da emisión do lonxevo medio dólar en honor desa ruta, tratou de comprar unha serie, Melish respondeu que as moedas xa se esgotaran.[33]

Carta de Melish a un posible comprador do medio dólar.[34]

En decembro, o mercado de moedas conmemorativas tocara fondo e os comerciantes que compraran cantidades importantes víronse incapaces de vendelas con beneficio. En 1940, os xogos de moedas vendíanse a 15 dólares cada un. A partir de entón recuperáronse e, a principios da década de 1960, alcanzaron os 100 dólares por serie,[35] e en 1975 os 550 dólares pola serie de tres.[25] No punto álxido do segundo auxe das moedas conmemorativas, en 1980, vendíanse xa a 2.250 dólares por serie.[36] No libro A Guide Book of United States Coins, de Richard S. Yeoman, publicado en 2015, as series cotízanse entre 875 e 2.700 dólares, dependendo do seu estado de conservación. As moedas individuais catalóganse a aproximadamente un terzo dos prezos das series.[37]

As circunstancias da emisión non estaban claras ao principio: Mehl escribiu que a moeda era para honrar o 50 aniversario do "Centro Musical de Cincinnati" que foi "fundado en 1886" e que "xa fora por unha boa distribución ou xa por unha gran demanda, os xogos non chegaran a todos os que os querían".[28] Escritores numismáticos posteriores foron moi críticos con Melish; Swiatek considerou que a moeda se emitiu debido a "falsas afirmacións" no seu nome.[38] Kevin Flynn, no seu volume sobre moedas conmemorativas, afirmou que a moeda de Cincinnati "se fixo por puro afán de lucro e cobiza".[39] Swiatek e Breen, no seu libro de 1988, suxiren que o grupo de Melish "só tiña unha idea en mente: enriquecerse publicitando e distribuíndo unha emisión limitada, que os especuladores puideran pór en órbita".[13]

Ante o éxito da emisión, Melish intentou que o Congreso autorizase a produción de máis moedas con data de 1937, mais non o conseguiu.[25] Lograra que o Congreso autorizase outra conmemorativa baixo o seu control, o medio dólar do Centenario de Cleveland, tamén de 1936. En 1942, cando a ANA celebrou a súa convención anual en Cincinnati, Melish organizou unha recepción denominada Pirate's Den ("A gorida do pirata"), na que se exhibían pinturas que el mesmo encargara e que representaban a numismáticos e outros persoeiros do mundo da numismática vestidos de piratas. Segundo Bowers, "pasou por alto o feito de que o maior pirata de todos era sen dúbida o propio Melish, que con seguridade tratou a moitos dos seus convidados cos cartos que lles quitara uns anos antes coa venda das series do medio dólar de Cincinnati".[40]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "Cincinnati Music Center Half Dollar". United States Mint.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 "½ Dollar Cincinnati Music Center". Numista.com
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 "1936 Cincinnati Music Center Half Dollar". Earlycommemorativecoins.com
  4. Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 12-13.
  5. Yeoman, R. S. (2015). Páxinas 1.136-1.145.
  6. The Numismatist. American Numismatic Association. Vol. 69. Nº 2. Febreiro de 1956. Páxina 211.
  7. 7,0 7,1 Bowers, Q. D. (1991). Páxina 329.
  8. Horning, C. D. (1993). Páxina 30.
  9. House Committee on Coinage, Weights and Measures (1936). To Authorize the Coinage of 50-cent Pieces in Commemoration of the Fiftieth (Golden) Anniversary of Cincinnati, Ohio, as a Center of Music, and its Contribution of the Annual May Festival to the Art of Music for the Past 50 Years. Government Printing Office, Washington. 17 de febreiro. Páxina 1.
  10. Swiatek, A. (2012). Páxina 307.
  11. "Cincinnati Music Center Commemorative Coin Legislation". United States Mint.
  12. Flynn, K. (2008). Páxina 353.
  13. 13,0 13,1 13,2 Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 42.
  14. 14,0 14,1 Flynn, K. (2008). Páxina 266.
  15. 15,0 15,1 Starck, J. (2010). Páxina 56.
  16. Taxay, D. (1967). Páxina 182.
  17. Cheney Bannet, F. (1904). History of Music and Art in Illinois. Páxina 198.
  18. Flynn, K. (2008). Páxinas 266-267.
  19. Taxay, D. (1967). Páxina 183.
  20. 20,0 20,1 Flynn, K. (2008). Páxina 267.
  21. "Theodore Thomas's Likeness To Appear On Cincinnati Coins; Collectors Foiled". En The Cincinnati Enquirer. 16 de maio de 1936.
  22. Swiatek, A. (2012). Páxina 305.
  23. Flynn, K. (2008). Páxina 268.
  24. Bowers, Q. D. (1991). Páxina 330.
  25. 25,0 25,1 25,2 25,3 Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 115.
  26. Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 330-331.
  27. "Sesquicentennial of American Independence Half Dollar". United States Mint.
  28. 28,0 28,1 Mehl, B. M. (1937). Páxina 44.
  29. Vermeule, C. (1971). Páxina 195.
  30. 30,0 30,1 "Lot #6136. Auction #263". Heritage Auctions. 31 de maio de 2001.
  31. Bowers, Q. D. (1991). Páxina 331.
  32. Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 26, 332-333.
  33. Carta de Thomas G. Melish á Oregon Trail Memorial Association, 8 de setembro de 1936. Howard G. Driggs Papers, Southern Utah University (cartafol Coins).
  34. "Howard Driggs papers" (cartafol "Coins"). Southern Utah University.
  35. Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 333, 336.
  36. Bowers, Q. D. (1991). Páxina 336.
  37. Yeoman, R. S. (2015). Páxina 1.152.
  38. Swiatek, A. (2012). Páxina 304.
  39. Flynn, K. (2008). Páxina 71.
  40. Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 334-335.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]