Saltar ao contido

Nellie Tayloe Ross

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaNellie Tayloe Ross

Nellie Tayloe Ross
Gobernadora de Wyoming
(1925-1927)
Directora da Casa da Moeda dos Estados Unidos
(1933-1953)

Biografía
Nacemento(en) Nellie Davis Tayloe Editar o valor en Wikidata
29 de novembro de 1876
St. Joseph.
Missouri.
Morte19 de decembro de 1977
Washington, D.C.
Lugar de sepulturaLakeview Cemetery (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
28ª Director da Casa da Moeda dos Estados Unidos
3 de maio de 1933 – abril de 1953
← Robert J. GrantWilliam H. Brett →
14ª Governador do Wyoming (pt) Traducir
5 de xaneiro de 1925 – 3 de xaneiro de 1927
← Frank Lucas (pt) TraducirFrank Emerson (pt) Traducir → Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidade Estadounidense
RelixiónIgrexa Anglicana Editar o valor en Wikidata
Actividade
OcupaciónPolítica e alta funcionaria.
Partido políticoPartido Demócrata Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxeWilliam B. Ross Editar o valor en Wikidata
FillosGeorge Tayloe Ross Editar o valor en Wikidata

WikiTree: Tayloe-33 Find a Grave: 905 Editar o valor en Wikidata


Nellie Davis Tayloe Ros, nada en St. Joseph, Missouri, o 29 de novembro de 1876 e finada en Washington o 19 de decembro de 1977, foi unha política e alta funcionaria estadounidense, a 14ª gobernadora do Estado de Wyoming e a 28ª directora da Casa da Moeda dos Estados Unidos. Foi a primeira gobernadora dun Estado na historia dos Estados Unidos e a única de Wyoming.

Ross viviu en Missouri e en Kansas ata os seus dezaseis anos, cando se trasladou a Omaha, Nebrasca, onde estudou nunha escola de formación de profesores. Durante unha visita a uns familiares en Tennessee en 1900, coñeceu o avogado William Bradford Ros, con quen casou en 1902, e ambos pasaron a residir en Cheyenne, onde tiveron catro fillos.

William Ross converteuse en líder do Partido Demócrata do Estado e en 1922 foi elixido gobernador. Logo do falecemento de William en outubro de 1924, Nellie decidiu concorrer para o substituír e acabou sendo elixida tamén como gobernadora, cargo no que continuou as políticas progresistas de seu marido.

No seu intento de reelección de 1926 foi derrotada, mais permaneceu activa no Partido Demócrata. En 1933 foi nomeada polo presidente Franklin D. Roosevelt como directora da Casa da Moeda dos Estados Unidos, cargo que ocupou durante catro mandatos, entre 1933 e 1953. Durante os anos posteriores, publicou colaboracións en varias revistas femininas, viaxou e mantivo unha vida social activa, ata o seu falecemento aos 101 anos

Vida familiar

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación

[editar | editar a fonte]
Nellie cos seus irmáns Albert e George, e co seu pai, James, arredor de 1900.

Nellie Davis Tayloe naceu o 29 de novembro de 1876 en St. Joseph, unha cidade de Missouri fronteiriza con Kansas.[1] Era a sexta dos fillos —e a primeira nena— de Elizabeth Blair Green e James Wynn Tayloe.[2] A familia materna posuía unha gran plantación ao noroeste de Missouri, próxima ao río Missouri, e era dona dun cento de escravos antes da Guerra de Secesión. Durante este conflito, a mansión familiar resultou queimada e a familia nunca chegou a recuperarse.[2][3][4]

En 1883, Nellie iniciou a súa educación primaria na escola Marxwell, á que acudía con dous dos seus irmáns. A súa familia frecuentaba a igrexa Metodista e a súa nai, devota cristiá, educou os fillos para "obedeceren todas as regras da Igrexa".[5] En marzo de 1884 o pai viuse na obriga de vender a casa para pagar unha hipoteca e a familia mudouse a Miltonvale, no norte de Kansas, un Estado que estaba a vivir un rápido crecemento de poboación.[6] Alí, o pai abriu unha tenda de comestibles e construíu unha nova casa para a súa familia, que comezou a frecuentar a igrexa Presbiteriana Unida, ao non haber en Miltonvale ningunha igrexa metodista. En febreiro de 1886, Nellie e os seus pais ingresaron conxuntamente na igrexa Presbiteriana.[7]

No final da década de 1880, a seca e as pragas de saltóns ocasionaron moitas penurias. Logo da morte da súa nai a fins de 1889, algúns familiares trasladáronse a Omaha; no entanto, malia as dificultades que atravesaban os negocios familiares, os pais de Nellie decidiron ficar en Miltonvale e en 1892 ela graduouse alí en ensino secundario.[3][8] A crise fixo que os pais perdesen as súas propiedades na cidade e a familia regresou a Omaha, onde o seu pai comezou a traballar na banca local. Nellie comezou entón a asistir a clases particulares de piano e, durante dous anos, tamén unha escola para a formación de profesorado de educación infantil. Logo deste período de formación, impartiu docencia durante catro anos en varias escolas de Omaha, inicialmente nun barrio italiano e despois noutro polaco.[3][9]

Casamento e vida en Wyoming

[editar | editar a fonte]
Nellie e o seu marido, William Ross, cos seus fillos xemelgos. George e Ambrose.

En 1900, durante unha visita a uns familiares en Paris, Tennessee, Nellie coñeceu a William Bradford Ros, un avogado novo, tres anos maior ca ela.[10] As familias Tayloe e Ross compartían valores e historias semellantes: ambas tiñan fortes crenzas relixiosas e ambas chegaran a Tennessee desde Carolina do Norte nos inicios do século XIX e resultaran arruinados economicamente pola guerra civil.[11] Logo da viaxe, Nellie retornou a Omaha e comezou a manter correspondencia con William, con quen afondou na súa amizade. William Ross tiña plans de vivir no Oeste e, en 1901, trasladouse a Cheyenne, a capital de Wyoming, onde comezou a exercer como avogado.[12] Nellie e William casaron nesa cidade o 11 de setembro de 1902 e na primavera seguinte naceron os seus primeiros fillos, os xemelgos George e Ambrose.[13][14][15] En 1905 naceu Alfred, que morreu aos once meses de idade, e en 1912 o cuarto e derradeiro fillo da parella, William Bradford Ross II.[16][17][18]

Durante os seus primeiros anos en Cheyenne, Nellie desenvolveu unha vida social moi activa e apareceu adoito nas seccións de sociedade dos xornais da cidade.[19] Ingresou no Club de Mulleres de Cheyenne, onde se debatía acerca de temas culturais e políticos.[20] Ao mesmo tempo, tamén axudaba o seu marido no seu traballo como avogado.[21] En 1904, William foi elixido fiscal do Condado de Laramie e durante as décadas de 1910 e de 1920 intentou sen éxito acceder a diversos postos, de índole tanto xudicial como política, mais non o logrou porque a súa tendencia demócrata se opuña á tradición republicana do Estado naquela época.[22][23][24]

No entanto, en 1922 resultou finalmente elixido gobernador do Estado de Wyoming.[3][24][25][26][27] Nelli comezou, xa que logo, a exercer como primeira dama, o que se reflectiu nunha vida social dedicada a actos sociais e recepcións con representantes sociais e políticos do Estado,[28] aínda que tamén apoiou activamente o traballo do seu marido, con quen compartía reflexións de carácter político. O novo salario de William non era, porén, suficiente para pagar as débedas familiares, o que facía que os seus problemas financeiros fosen constantes.[29]

En setembro de 1924, William tivo que sufrir unha apendicectomía, cuxas complicacións o conduciron á morte o 2 de outubro daquel ano.[30][31][32]

Actividade política

[editar | editar a fonte]

Eleccións especiais de 1924

[editar | editar a fonte]
Nova de outubro de 1924 do Evening Star, acerca da campaña demócrata para elixir a primeira muller gobernadora de Wyoming.

Poucos días despois do falecemento do seu marido, Nellie recibiu a proposta do presidente do comité do Partido Demócrata de Wyoming para ser candidata a gobernadora. Como William falecera antes da metade do seu mandato de catro anos, a Constitución do Estado esixía realizar unhas novas eleccións simultáneas ás xerais de novembro de 1924, de xeito que o gobernador elixido cumpriría os dous anos restantes do mandato.[3][33]

O seu irmán George aconselláballe non aceptar a candidatura, por mor da hostilidade que prevía cara a unha candidata feminina nun estado tradicionalmente republicano e conservador; mais Nellie precisaba diñeiro para o sustento dos seus fillos o pagamento das débedas familiares, o que a animou a aceptar o ofrecemento, polo que foi nomeada formalmente como candidata polo Partido Demócrata, fronte o republicano Eugene J. Sullivan. No entanto, Nellie renunciou a facer campaña electoral para defender a súa candidatura, e ao respecto declarou: "Non vou facer unha campaña: a miña candidatura está nas mans dos meus amigos; non vou saír da casa".[34]

Así as cousas, o senador John B. Kendrick e outros persoeiros do partido demócrata do Estado foron os que fixeron a campaña no seu nome. Kendrick e algúns historiadores percibiron que no Estado había un ánimo proclive á elección da primeira muller como gobernadora na historia dos Estados Unidos. Wyoming era xa pioneiro nos dereitos políticos das mulleres: en 1869, o daquela Territorio de Wyoming fora o primeiro Goberno do mundo en garantir o dereito ao voto feminino —o que a nivel federal non ocorreu ata 1920—, e en 1894 o Estado elixiu a Estelle Reel como primeira muller para un cargo público estatal na historia do país.[3][35][36] O 4 de novembro, Nellie resultou elixida gobernadora con 43.323 votos (55,12 %), contra os 35.275 votos (44,88 %) de Sullivan.[37][38]

Gobernadora de Wyoming

[editar | editar a fonte]
Nellie Tayloe Ross ao lado de George Dern, gobernador de Utah, en outubro de 1925.

O 5 de xaneiro de 1925 tomou posesión do cargo de 14ª gobernadora de Wyoming.[39] O 20 de xaneiro dese ano Miriam Ferguson, elixida o mesmo día que Nellie, tomaba posesión como gobernadora do Texas; por tal motivo, malia resultaren elixidas ambas de xeito simultáneo pola votación popular, a Nellie Tayloe Ross recoñéceselle ser a primeira gobernadora na historia dos Estados Unidos.[40][41]

En 1925, Wyoming estaba a pasar por dificultades, que ían desde a seca ata as crebas bancarias. Nellie decidiuse a manter tres liñas políticas herdadas do seu marido: recurtar gastos, conceder préstamos estatais para os propietarios agrícolas e aplicar con determinación a "lei seca". Tamén exerceu presión no Lexislativo para adoptar outras oito propostas de cuño progresista, que abordaban unha reforma bancaria, leis de protección da infancia, das mulleres traballadoras e dos mineiros, orzamentos locais para cidadess, condados e distritos escolares, e a obtención de máis recursos para a educación.[3][42][43] A prensa recolleu a súa comparecencia ante a Asemblea Lexislativa do 16 de xaneiro de 1925 para presentar as súas propostas, ante a curiosidade de se tratar por primeira vez dunha muller; o The New York Times destacaba que "desafiou os precedentes" ao "levar sombreiro e luvas". Outros xornais relataban que "non perdera a súa feminidade", e o seu obituario en Time en 1977 comentaba que Nellie Tayloe Ross fora "sempre feminina, nunca feminista".[35][44]

O Lexislativo do Estado, de maioría republicana, apoiou só cinco das súas once propostas. Durante as sesións,[3][45] Nellie conseguiu derrotar varios intentos lexislativos de reducir os seus poderes. Ao termo das sesións, o 22 de febreiro de 1925, comprobouse que non había posibilidade ningunha de que puidese chegar a aprobarse a súa axenda política, por carecer do aval dos lexisladores.[3]

No verán de 1925, Ross cesou dous membros do Goberno do Estado que foran nomeados polo seu marido, aos que acusaba de teren feito unha mala xestión: Frank Smith, comisionado de xogo, e M. S. Wachtel, comisionado da "lei seca".[3]

Malia os numerosos problemas aos que se tivo que enfrontar no seu Estado, adquiriu moita notoriedade nos Estados Unidos. Por invitación de Eula Kendrick, esposa do senador Kendrick, impartiu unha conferencia en Washington no Club Nacional de Mulleres Demócratas, e neses días asistiu tamén na capital federal á toma de posesión do presidente Calvin Coolidge, o 4 de marzo de 1925. En abril viaxou a Illinois, Chicago, onde interveu na Feira Mundial da Muller. En agosto, presidiu unha reunión de gobernadores de estados occidentais sobre a auga, que atraeu unha importante cobertura xornalística. No verán do mesmo ano, pronunciou un discurso na Conferencia Nacional de Gobernadores en Maine.[3][46]

Eleccións de 1926

[editar | editar a fonte]
Fotografía oficial de Nellie Tayloe Ross como candidata á reelección como gobernadora de Wyoming.

En 1926, Nellie decidiu concorrer a un mandato completo de catro anos como gobernadora. O Partido Republicano escolleu o enxeñeiro Frank Emerson e o Partido Demócrata reclamouna a ela por unanimidade. Desta vez, porén, xa tiña unha reputación nacional e foi tratada pola prensa local como unha política "normal" e criticou que durante o seu mandato non reducira os impostos e, entre outras cousas, que non nomeara ningunha muller como membro do seu gabinete.[47] Durante unha intensa campaña, Nellie percorreu todo o Estado nun coche conducido polo seu amigo Wilson Kimball, que concorría para a súa elección como secretario de Estado.[3]

Durante a maior parte da campaña, ela rexeitou solicitar o voto simplemente por ser unha muller, aínda que varios dos seus simpatizantes si que o facían, o que foi criticado polas mulleres republicanas. No entanto, logo dalgúns comentarios machistas por parte dos republicanos, como o de que "o cargo de gobernador non é apropiado para unha muller, independentemente do boa que sexa", Nellie comezou a apelar á cuestión do xénero. Despois de acabar derrotada nestas eleccións, Nellie declarou que súa derrota lle transmitiría ao país a mensaxe de que a primeira muller gobernadora acabara por ser un fracaso.[3][48] Nas eleccións, celebradas o 2 de novembro de 1926, o seu rival recibiu 35.651 votos (50,90 %) e ela 34.286 votos (48,95 %).[49]

Actividade no Partido Demócrata

[editar | editar a fonte]

Malia a derrota, Nellie Tayloe Ross mantívose politicamente activa.[50] En 1928 conseguiu gañar bastante diñeiro pronunciando conferencias nas rexións Centro-Oeste e Oeste.[3] Na Convención Nacional Demócrata dese mesmo ano recibiu 31 votos (2,81 %) de dez estados para ser a candidata á vicepresidenta dos Estados Unidos nas eleccións de novembro.[51][52] Desde a súa entrada en política, convertérase nunha das mulleres e dos membros do Partido Demócrata máis famosas do país e, en tal condición, fixo campaña para a favor de Al Smith como presidente, malia amosaren discrepancias no relativo á "lei seca".[3][53]

Logo da derrota de Smith ante o republicano Herbert Hoover, Nellie foi escollida directora da División de Mulleres do Comité Nacional Demócrata, un nomeamento que comportaba un salario, e trasladouse a Washington. No exercicio desta función, coordinou a campaña para o sufraxio feminino e colaborou na campaña que levou a Franklin D. Roosevelt a ser presidente dos Estados Unidos nas eleccións de 1932.[3]

Directora da Casa da Moeda dos Estados Unidos

[editar | editar a fonte]
Nellie Tayloe Ross na Casa Branca ao lado do presidente Harry S. Truman, do vicepresidente Alben W. Barkley e da esposa deste, en xuño de 1950.

O presidente Franklin D. Roosevelt nomeou a Nellie Tayloe Ross como nova directora da Casa da Moeda o 3 de maio de 1933, o que a convertía na primeira muller en ocupar este cargo.[54][55]

Á súa chegada á dirección da ceca pública Rosse e a subdirectora Mary Margaret O'Reilly —alcumada "A noiva do Tesouro"—, que traballaba na institución desde 1904, tiveron que se enfrontar ás suspicacias mutuas.[56] Por unha banda, Ross, que tivera diversos problemas de relación coa primeira dama Eleanor Roosevelt e con outras persoas da campaña do seu marido, non confiaba nos funcionarios de carreira como directivos da Casa da Moeda. Pola súa vez, Mary O'Reilly consideraba a Ross como unha persoa nomeada por razóns políticas, sen experiencia ningunha, para substituír o exdirector Robert J. Grant, que xa fora superintendente da Ceca de Denver antes do seu nomeamento.[57] No entanto, ao pouco tempo ambas as mulleres pasaron a apreciar os seus respectivos méritos.[58]

Nellie Ross e Mary O'Reilly chegaron axiña á esperada división entre o traballo do director e do seu axudante: a directora encargábase dos asuntos públicos e de tomar as decisión políticas en función das necesidades, en tanto que a vicepresidenta se ocupaba das cuestións cotiás da axencia estatal. Nellie asumiu unha pesada axenda de viaxes, visitas ás sucursais da US Mint, impartición de discursos en apoio a Roosevelt e apoio nas campañas a favor de candidatos demócratas en Wyoming, que foi posible grazas á permanencia de O'Reilly nas oficinas de Washington, en tanto que directora interina.[59]

Nellie Tayloe Ros, directora da US Mint, inspecciona as propostas de deseño para as novas moedas de 5 centavos de Jefferson, xunto a un responsable do Tesouro.

En 1935, a subdirectora fixo os 70 anos, idade que o goberno federal estabelecera para a xubilación dos dos seus funcionarios. Ross solicitoulle ao presidente Roosevelt que fixese unha excepción coa xubilación obrigatoria de O'Reilly, dado o seu coñecemento do funcionamento da US Mint, e Roosvelt asinou unha orde extraordinaria pola que lle cuncedía un ano máis de exercicio profesional. Mentres tanto, Ross contratou a Frank Leland Howard, da Universidade de Virxinia, con experiencia en contabilidade, como o futuro substituto da subdirectora. Finalmente, o relevo no cargo produciuse o 29 de outubro de 1938, logo de dúas prórrogas máis.[60]

O período de xestión de Nellie Tayloe Ross foi un dos máis longos dun director á fronte da Casa da Moeda dos EEUU, e nel a institución pasou pola súa maior expansión na produción de moedas, para o que cumpriu a construción de tres novos edificios e a contratación de novos empregados, ata chegar aos 4.000. Neste período creáronse e puxéronse en circulación, entre outras, a moeda de medio dólar de Franklin (1938) e de 10 centavos de Roosvelt (1946).[55][61][62]

Nellie Tayloe Ross ocupou este cargo durante cinco mandatos completos ata a súa xubilación en 1953, tras o cal foi sucedida por William H. Brett.[55][63]

Últimos anos e morte

[editar | editar a fonte]

Logo da súa xubilación, Nellie permaneceu en Washington e contribuíu con varios artigos para revistas femininas, fixo numerosas viaxes, viviu no exterior, pasou parte de seu tempo nos terreos familiares en Maryland e mantivo unha vida social moi activa.[64] Ademais fixo varios investimentos inmobiliarios con éxito durante algúns anos que lle proporcionaron unha ampla desenvoltura económica.[3]

Ross viaxou pela última vez a Wyoming aos seus 96 anos. Faleceu o 19 de decembro de 1977 aos 101 anos de idade[65] e foi soterrada no cemiterio Lakeview, en Cheyenne.[3][64][66][67]

Na tumba que comparte co seu marido lese esta inscrición:[67]

Inglés
Both governors of Wyoming. Mr. Ross 1923-1924. Mrs. Ross first woman elected Governor in the U.S. 1925-1926 and first woman director of the mint 1933-1953.'
Galego
Ambos gobernadores de Wyoming. O Sr. Ross 1923-1924. A Sra. Ross primeira muller elixida gobernadora nos Estados Unidos 1925-1926 e primeira muller directora da Casa da Moeda 1933-1953.

Recoñecementos

[editar | editar a fonte]
Medalla en homenaxe a Nellie Tayloe Ross producida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos.
  1. "Nellie Davis Tayloe Ross". Famous Women in History Projects Page.
  2. 2,0 2,1 Scheer, T. J. (2005). Páxina 2.
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 3,12 3,13 3,14 3,15 3,16 3,17 Rea, T. (2014). "The Ambition of Nellie Tayloe Ross". WyomingHistory.org
  4. Vídeo: Nellie Tayloe Ross - A Governor First. Wyoming PBS. Minuto 2:00.
  5. Scheer, T. J. (2005). Páxina 17.
  6. Scheer, T. J. (2005). Páxinas 2-20.
  7. Scheer, T. J. (2005). Páxina 22.
  8. Scheer, T. J. (2005). Páxina 27.
  9. Scheer, T. J. (2005). Páxina 36.
  10. Scheer, T. J. (2005). Páxina 40.
  11. Scheer, T. J. (2005). Páxinas 41-42.
  12. Scheer, T. J. (2005). Páxinas 42-43.
  13. Scheer, T. J. (2005). Páxinas 4 4,47.
  14. Holt, K. (2014). "America's very first woman governor was Nellie Tayloe Ross". En Examiner. 11 de marzo.
  15. "James Ambrose Ross". Find a Grave.
  16. "William Bradford Ross II Arquivado 25 de xullo de 2018 en Wayback Machine.". MyFamilyNames.com.
  17. Scheer, T. J. (2005). Páxina 48.
  18. Vídeo: Nellie Tayloe Ross - A Governor First. Wyoming PBS. Minuto 2:18.
  19. Scheer, T. J. (2005). Páxina 51.
  20. Scheer, T. J. (2005). Páxinas 53-54.
  21. Scheer, T. J. (2005). Páxina 50.
  22. Scheer, T. J. (2005). Páxina 55, 57.
  23. Greubel, C. (2015). "The 'Other' Governor Ross: William B. Ross". En Wyoming Postscripts. 4 de decembro.
  24. 24,0 24,1 "Nellie Tayloe Ross". Encyclopedia.com
  25. "WY Governor: 1922 election". OurCampaigns.com
  26. Vídeo: Nellie Tayloe Ross - A Governor First. Wyoming PBS. Minuto 5:15.
  27. Scheer, T. J. (2005). Páxina 58.
  28. Scheer, T. J. (2005). Páxina 59.
  29. Scheer, T. J. (2005). Páxinas 59-60.
  30. Scheer, T. J. (2005). Páxina 61.
  31. "William Bradford Ross Arquivado 12 de abril de 2022 en Wayback Machine.". MyFamilyNames.com
  32. Vídeo: Nellie Tayloe Ross - A Governor First. Wyoming PBS. Minuto 6:10.
  33. Vídeo: Nellie Tayloe Ross - A Governor First. Wyoming PBS. Minuto 7:10.
  34. Vídeo: Nellie Tayloe Ross - A Governor First. Wyoming PBS. Minuto 8:00.
  35. 35,0 35,1 Alter, C. (2014). "What We Can Learn From Nellie Tayloe Ross, America's First Female Governor". En Time. 4 de novembro.
  36. Scheer, T. J. (2005). Páxina 46.
  37. "WY Governor - Special Election: 1924". OurCampaigns.com
  38. Roberts, P. J. (ed.) (2008). Wyoming Blue Book. Volume V. Wyoming State Archives, Cheyenne. ISBN 978-0-9789829-2-8
  39. "List of Governors of Wyoming, USA". MapsofWorld.com
  40. 40,0 40,1 "Nellie Tayloe Ross: First Female Governor". MissouriLegends.com
  41. "Women Governors Through U.S. History". WPRI.com
  42. Vídeo: Nellie Tayloe Ross - A Governor First. Wyoming PBS. Minuto 12:00.
  43. Harvey, M. (2011). «SheHeroes in History: Nellie Tayloe Ross". SheHeroes.org
  44. Sobre a cuestión do feminismo e a feminidade en Nellie Tayloe Ross, véxase: Scharf, V. (1995).
  45. Major, F. (2014). "November 4, 1924: Wyoming Elects First Female Governor in The United States!". En History Headlines. 4 de novembro de 2014.
  46. Vídeo: Nellie Tayloe Ross - A Governor First. Wyoming PBS. Minuto 12:45.
  47. "Frank Emerson". WyoHistory.org. 8 de novembro de 2014.
  48. Vídeo: Nellie Tayloe Ross - A Governor First. Wyoming PBS. Minuto 15:00.
  49. "WY Governor: 1926". OurCampaigns.com
  50. "Nellie Tayloe Ross". WyomingSteackHouse.com
  51. "US Vice President - D Convention". OurCampaigns.com
  52. Mark, D. (2009). "Ross elected first female governor, Nov. 4, 1924". En Politico.com. 4 de novembro.
  53. 53,0 53,1 Scheer, T. J. (2005).
  54. Burdette, R. W. (2014). Páxina 30.
  55. 55,0 55,1 55,2 55,3 Failor, K. M.; Hayden, E. (1972). Páxinas 162.
  56. "Sweetheart of the Treasury". En The New York Times. 7 de novembro de 1938.
  57. Scheer, T. J. (2005). Páxina 182.
  58. Scheer, T. J. (2005). Páxina 183.
  59. Scheer, T. J. (2005). Páxinas 183-184.
  60. Burdette, R. W. (2014). Páxinas 32-33.
  61. "Franklin Half Dollar (1948-1963)". JMBullion.com
  62. 62,0 62,1 McPike, S. (2015). "Six Women Who Have Led the United States Mint". United States Mint News. 18 de marzo.
  63. "William H. Brett, 95, Former Mint Director". En The New York Times. 13 de abril de 1989.
  64. 64,0 64,1 "The unexpected stories of Wyoming Women". En Wyoming Library. Inverno de 2006. ISSN: 0043-9738
  65. Horton, B. (1977). "Nellie Taylor Ross Dies at 101". En The Wyoming Eagle. 20 de decembro.
  66. "Ross". PoliticalGraveyard.com
  67. 67,0 67,1 "Nellie Tayloe Ross". Findagrave.com
  68. "University of Wyoming Historic Walking Tour: Ross Hall". Laramie Area Visitor Center.
  69. Pomeroy, K. (2018). "Local Democrat leader honored with Nellie Tayloe Ross Award". En Nothern Wyoming News. 8 de marzo.
  70. "Ross Award Winners Named by Democrats". En The Wyoming Eagle. Cheyenne. 21 de febreiro de 1987.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Robert J. Grant

Director da Casa da Moeda dos Estados Unidos

1933 - 1953
Sucesor:
William H. Brett