Medio dólar do Centenario de Alabama

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Medio dólar do centenario de Alabama [1][2]
A/: Retratos de William Wyatt Bibb e de Thomas E. Kilby. 22 estrelas repartidas a ambos os lados

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / IN GOD WE TRUST / BIBB 1921 KILBY / FALF DOLLAR

R/: Aguia estilizada, baseada no selo do Estado de Alabama.

Lendas: STATE OF ALABAMA / 1819 CENTENNIAL 1919

O medio dólar do Centenario de Alabama é unha moeda de prata dese valor facial emitida en 1921 pola Casa da Moeda dos Estados Unidos e cuñada na Ceca de Filadelfia, en conmemoración do centenario da admisión de Alabama na Unión en 1819.[2][3]

A moeda foi deseñada por Laura Gardin Fraser, a primeira muller á que se lle atribuíu o deseño dunha moeda.

O congresista de Alabama Lilius Bratton Rainey introduciu na Cámara de Representantes o proxecto de lei para a creación dunha moeda conmemorativa por petición da Comisión do Centenario do Estado. O proxecto prevía inicialmente a cuñaxe de moedas dun cuarto de dólar, pero logo modificouse en favor das moedas de medio dólar. O 10 de maio de 1920 aprobouse a lei para a emisión da moeda, que foi asinada polo presidente Woodrow Wilson.

O medio dólar do Centenario de Alabama non se emitiu ata outubro de 1921, aparentemente porque a decisión inicial de representar no anverso o presidente Wilson podería inverterse en función dos resultados das eleccións presidenciais de 1920. Logo da vitoria na presidencia do republicano Warren G. Harding, os patrocinadores da emisión optaron por representar na moeda a William Bibb, o primeiro gobernador do Estado de Alabama, e a Thomas Kilby, o seu gobernador no momento do centenario, convertendo así a Kilby na primeira persoa viva que aparecía nunha moeda dos EEUU.

Para impulsar as vendas, incluíuse no deseño dalgunhas moedas o símbolo "2X2", en alusión a Alabama como o vixésimo segundo estado en se incorporar á unión.

Inicio[editar | editar a fonte]

Alabama ingresou na Unión en 1819 e celebrou o seu centenario en 1919. A Comisión do Centenario de Alabama patrocinou celebracións locais no estado en 1919 e en 1920, e estaba empezando a concluír as súas operacións antes de que se iniciase a campaña para cuñar unha moeda conmemorativa do centenario. Os numismáticos Anthony Swiatek e Walter Breen especularon máis tarde con que os membros da comisión oíran falar doutros estados que recibiran ou polo menos solicitaran a concesión dunha moeda conmemorativa e, por orgullo local, querían o mesmo para Alabama.[4] A moeda tamén axudaría a recadar fondos, e os beneficios destinaríanse a fins "históricos e monumentais".[5] Xa que logo, os membros da Comisión convenceron o congresista local Lilius Bratton Rainey para que impulsase a aprobación dun proxecto de lei que autorizase a cuñaxe dunha moeda.[4]

En 1920, as moedas conmemorativas non eran vendidas polo Goberno, senón que o Congreso, na lei pola que se autorizaba a emisión, adoitaba designar unha entidade á que lle atribuía o dereito exclusivo de comprar a tiraxe completa ao seu valor nominal e vendelas logo ao público cunha prima, para o financiamento de causas que o Congreso consideraba oportunas.[6] Aínda que non se menciona na lei, no caso do medio dólar do Centenario de Alabama, a Comisión do Centenario foi o grupo autorizado para a comercialización.[4]

Proceso lexislativo[editar | editar a fonte]

O representante demócrata por Alabama Lilius Bratton Rainey presentou non Congreso o proxecto de lei para a aprobación da moeda.

O 28 de febreiro de 1920, Rainey presentou na Cámara de Representantes un proxecto de lei para cuñar unha moeda de medio dólar do Centenario de Alabama. O proxecto foi remitido á Comisión de Moeda, Pesos e Medidas desa Cámara, presidida polo congresista de Indiana Albert Henry Vestal. A Comisión celebrou o 26 de marzo de 1920 sesións sobre o proxecto de lei do medio dólar de Alabama e tamén sobre a proposta de cuñaxe do medio dólar do Tricentenario dos Peregrinos. O congresista Rainey, no seu proxecto de lei, solicitara a cuñaxe de 100.000 moedas dun cuarto de dólar e, dirixíndose á comisión, declarou que a única crítica á súa proposta na prensa de Alabama fora un artigo que suxería que debería ter pedido o dobre de esa cantidade. A elección do valor facial dun cuarto de dólar sorprendeu o membro da comisión William A. Ashbrook, de Ohio, coleccionista numismático, que preguntou por que Rainey non pedía medios dólares, como fora e estaba a ser habitual noutros estados e Rainey amosouse disposto a considerar tal posibilidade. A Comisión votou a favor de recomendar o proxecto de Rainey, cunha emenda para establecer o valor de medio dólar no canto do cuarto de dólar.[7]

O congresista Vestal escribíralle dous días antes ao secretario do Tesouro, David F. Houston, acerca da moeda do Tricentenario do Peregrino, e Houston respondeu que, aínda que o seu departamento non se opuxera aos proxectos de lei do medio dólar do Centenario de Maine —aprobado previamente polo comité— nin da moeda do Centenario de Alabama, ao Tesouro preocupáballe que a emisión dun gran número de deseños diferentes axudase aos defraudadores.[7][8] Vestal emitiu un informe en nome da súa comisión o 27 de marzo de 1920, no que amosaba o apoio ao proxecto de lei de Alabama logo de emendado, e xuntaba a nota do secretario Houston.[9]

Os tres proxectos de lei sobre cuñaxe de moedas —Centenario de Maine, Centenario de Alabama e Tricentenario do Peregrino— foron considerados nesa orde pola Cámara de Representantes o 21 de abril de 1920. Mentres se consideraba a peza de Maine, Warren Gard, de Ohio, fixo preguntas sobre as disposicións do proxecto de lei, aínda que non se opuxo á súa aprobación. Cando o proxecto de lei de Alabama chegou á Cámara, Vestal cedeulle a Rainey o tempo para que fose este o que comparecese, quen comezou cunha breve explicación do proxecto seguida dun panexírico moito máis longo da historia do seu estado natal, e a súa conclusión arrancou aplausos. Gard interrogou entón a Vestal e soubo que outra moeda, a do Peregrino, era a seguinte na orde do día da Cámara. Gard expresou a súa preocupación polas moedas conmemorativas: "pola miña vida, que non podo ver que vantaxe ten para unha celebración estatal xuntar unha morea de moedas cun cuño en particular; creo que estas propostas se prestan a serias obxeccións, que, por suposto, deben ser expresadas ao secretario do Tesouro". Vestal accedeu a transmitir as preocupacións de Gard ao secretario Houston. O proxecto de lei de Alabama foi aprobado sen discrepancias e foi seguido polo do Peregrino, que se aprobou, novamente, logo das preguntas de Gard.[10]

O día seguinte, o 22 de abril de 1920, a Cámara notificou ao Senado a súa aprobación do proxecto de lei de Alabama,[11] que foi remitido ao Comité do Senado sobre Banca e Moeda. O 28 de abril, George P. McLean, de Connecticut, remitiuno coa recomendación de que fora aprobado.[12]

O 3 de maio, McLean pediu que os proxectos de lei sobre as tres moedas —Maine, Alabama e Peregrino— fosen considerados polo Senado inmediatamente, no canto de esperar á súa vez, pero o senador de Utah Reed Smoot opúxose, xa que o intento de Smoot de presentar un proxecto de lei comercial antidumping acababa de ser obxectado por Charles S. Thomas, de Colorado. Smoot, porén, declarou que se non se chegaba aos proxectos de lei arredor das 14:00 horas, era probable que non houbese ningunha obxección.[13] Cando McLean intentou de novo sacar adiante os proxectos de lei sobre moedas, Charles Curtis, de Kansas, preguntou se había algunha urxencia. McLean respondeu que, dado que as tres moedas ían conmemorar aniversarios en curso, era necesario autorizalas e pór en marcha o proceso de produción. Os tres proxectos de lei foron aprobados polo Senado sen oposición,[14] e o de Alabama foi promulgado como lei coa sinatura do presidente Woodrow Wilson o 10 de maio de 1920.[15]

Preparación[editar | editar a fonte]

Laura Gardin Fraser (1889-1966), deseñadora de ambas as faces da moeda.

O gobernador de Alabama, Thomas Kilby, encargou a unha comisión de tres membros encabezada por Marie Bankheade Owen para decidir o deseño que debía recomendar o Estado para as moedas. O 1 de xuño de 1920, Owen propúxolle a Kilby que nunha cara se representase o edificio do Capitolio de Alabama e na outra as cabezas acaroadas de James Monroe —presidente no momento da admisión de Alabama en 1819— e de Woodrow Wilson —presidente en 1919—. Kilby enviou a proposta, que incluía esbozos, ao director da Casa da Moeda dos EEUU, Raymond T. Baker, quen pola súa vez a remitiu á Comisión de Belas Artes para que dese a súa opinión. O membro escultor desta Comisión, James Earle Fraser, deseñador da moeda de cinco centavos Buffalo, non estaba de acordo co tema do Capitolio, xa que consideraba que os edificios nunca acababan ben representados nas moedas. Cando esta opinión lle chegou a Owen, a súa comisión reconsiderou o edificio, e o 24 de xuño escribiu a Baker para lle dicir que o substituían por un deseño alternativo baseado no selo de Alabama, centrado na aguia que daquela formaba parte del, e, se non era aceptable, Owen suxeriu o deseño do medio dólar vixente en 1819. Aí quedou o asunto durante todo un ano.[16]

Swiatek e Breen describiron o medio dólar de Alabama como atrapado nas eleccións presidenciais de 1920, xa que unha Administración republicana podería non estar disposta a pór o demócrata Wilson nunha moeda, ou podería insistir en que aparecese o novo titular, algo que probablemente frearía as vendas en Alabama, parte do Sur Sólido demócrata. O republicano Warren G. Harding, senador por Ohio, gañou as eleccións e tomou posesión en marzo de 1921. O 29 de xuño de 1921, Owen escribiu a Baker e suxeriulle unha nova parella de homenaxeados para a moeda: Kilby, xefe do executivo do Estado no momento do centenario de 1919, e o primeiro gobernador de Alabama, William Bibb. O debuxante Frank Spangler, do Montgomery Advertiser, preparou os esbozos do novo deseño. Por suxestión de James Fraser, os modelos de xeso foron creados pola súa esposa, Laura Gardin Fraser, que era unha destacada escultora por dereito propio.[17] O 22 de setembro de 1921 enviou a súa obra terminada á Comisión de Belas Artes e acadou a aprobación dos membros. Logo os modelos enviáronse á Ceca de Filadelfia para o seu uso na fabricación dos cuños.[18] Laura Gardin Fraser converteuse así na primeira muller en deseñar unha moeda, non só dos EEUU, senón de calquera país.[19]

Deseño[editar | editar a fonte]

O gobernador de Alabama no momento de emitirse a moeda, Thomas Kilby.

No anverso da moeda apareceron finalmente os bustos acaroados de Bibb, o primeiro gobernador de Alabama como Estado, e do titular en 1919, Thomas Kilby. Ao aparecer así, Kilby converteuse na primeira persoa viva representada nunha moeda dos Estados Unidos.[1][2][3][20] Anthony Swiatek, no seu traballo sobre as moedas conmemorativas estadounidenses, afirmou que a emisión non foi controvertida no seu momento, xa que se considerou que a Lei do 16 de maio de 1866, que prohibe a representación de persoas vivas na moeda, se refería unicamente ao papel moeda,[21] pero o autor numismático Q. David Bowers escribiu que a representación causou comentarios contemporáneos, xa que a postura do Goberno federal —exceptuando algunhas emisións de papel moeda do século XIX— era que as persoas vivas non debían aparecer no diñeiro emitido nese país.[22]

Ampliación da marca "2X2".

Un total de 22 estrelas —12 na esquerda e 10 na dereita— flanquean os bustos, como símbolo de que Alabama é o vixésimo segundo estado en incorporarse á unión; unha mensaxe reforzada nalgunhas pezas desta emisión, que levan ademais a inscrición "2X2" no campo do anverso, sobre as estrelas do lado dereito.[1][2][3][22] O X desta inscrición alude á cruz de Santo André da bandeira de Alabama. No exergo do anverso, baixo os bustos, aparecen a data da emisión e pos apelidos de ambos os persoeiros.[20]

O selo do Estado de Alabama no período 1868-1939.

O reverso está caracterizado pola presenza dunha aguia con frechas e un escudo, pero sen unha póla de oliveira que simbolice os instrumentos de guerra; as pólas e as frechas emparelladas adoitan estar presentes nas representacións heráldicas das aguias nas moedas.[20] O peteiro da aguia suxeita o extremo dunha fita na que está inscrito o lema do estado de Alabama, HERE WE REST ("Aquí descansamos"),[1][2][3] sobre o que Swiatek e Breen, no seu libro de 1988, consideraron ironicamente que non era "un xogo de palabras sobre o adormecido Sur profundo".[4]

Bowers foi crítico co feito de que as datas do centenario no reverso mais a de 1921 para o ano de cuñaxe daban lugar a "unha desconcertante confusión de datas para o observador casual".[22] O historiador numismático Don Taxay considerou o medio dólar como "unha das moedas con retrato máis logradas da serie conmemorativa. As cabezas de Bibb e Kilby son auténticas e, así e todo, conteñen algo máis que un toque ideal. Están fermosamente relacionadas entre si. A aguia é igualmente fermosa".[18]

O historiador da arte Cornelius Vermeule considerou a moeda de Alabama "un bo exemplo dos motivos manidos, en parte reais e en parte simbólicos, que se inclúen nunha destas conmemoracións dos Estados", e lembra que o uso clásico dos retratos acaroados "xa se reviviu por primeira vez na cuñaxe estadounidense no dólar de prata Washington-Lafayette de 1900". Vermeule conclúe que "a vigorosa rotulaxe evitou que retratos pouco interesantes debiliten o reverso, e a aguia desafiante do anverso está tratada cun espírito digno de Saint-Gaudens".[23]

Produción, variantes e coleccionismo[editar | editar a fonte]

James Fraser suxeríralle ao presidente da Comisión de Belas Artes, Moore, que informase o comité de Alabama de que os emisores do medio dólar do Centenario de Missouri estaban a colocar a marca "2★4" nalgunhas das súas moedas, a modo de símbolo de que Missouri era o 24º estado, creando así unha variante da moeda na que os coleccionistas se poderían interesar. Owen xa o sabía e colocou "2X2 " no anverso. En outubro de 1921 cuñouse unha tiraxe total de 6.006 medios dólares, dos que seis se reservaron na Ceca de Filadelfia para a súa inspección e comprobación na reunión anual de 1922 da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos.[24][25]

A moeda púxose á venda en Birmingham, Alabama, o 21 de outubro de 1921 no marco da visita do presidente Warren G. Harding á cidade. Na foto, Harding diríxese ás masas cun discurso no parque Woodrow Wilson sobre a segregación racial.[26]

Os medios dólares de Alabama puxéronse á venda por primeira vez o 26 de outubro de 1921, o día da visita do presidente Harding a Birmingham, Alabama. Alí, como masón, colocou a primeira pedra do novo templo masónico da cidade, e como presidente, dirixiuse a unha multitude segregada en senllos grupos de negros e brancos, instando á mellora das relacións raciais. As moedas vendíanse en postos especialmente construídos nas beirarrúas da cidade. Non se sabe con certeza se estas moedas levaban o "2X2" ou non. Os rexistros oficiais amosan que todas as moedas cuñadas en outubro eran da variedade "2X2 ", e isto foi aceptado durante moito tempo polos historiadores numismáticos. Porén, un coleccionista de moedas lembraba ter adquirido dous espécimes do medio dólar de Alabama ese día, e máis de cincuenta despois, todos eles da variedade sen "2X2", e afirmaba que ningunha que levase esa marca podería terse vendido en Birmingham o primeiro día. Como Owen escribiou que os primeiros 5.000 recibidos levaban a marca, Swiatek concluíu que 1.000 da cuñaxe de outubro eran da variedade sen marca, todos os que estaban á venda en Birmingham. En decembro cuñáronse 64.038 pezxas máis, das que 38 se reservaron para a Comisión de Ensaio. Nos rexistros consta que eran da variedade sen "2X2". Tanto as moedas coa marca como as carentes dela foron cuñadas co mesmo cuño; a marca foi engadida nos exemplares que a portan sobre moedas xa cuñadas.[24][25]

Ambas as variantes foron vendidas pola comisión do centenario ao prezo dun dólar e destináronse principalmente á poboación de Alabama,[5] distribuídas maioritariamente polos bancos de todo o Estado.[27] Como non se puido vender toda a tiraxe, 5.000 da variedade sen marca foron devoltas á Casa da Moeda para a súa refundición.[28]

Aínda que as moedas coa marca "2X2" son só unha décima parte da tiraxe total, a súa presenza no mercado numismático é considerablemente máis común do que cabería pensar, xa que a poboación, consciente da súa escaseza, tendeu a mantelas gardadas en tempos de dificultade económica, en tanto que se desfacía das non marcadas.[5] Ademais disto, Bowers suxeriu que as cifras oficiais de cuñaxe poden ser incorrectas, e que a variante "2X2" é case tan común como a que carece da marca.[22]

Segundo a edición de luxo da obra de Richard S. Yeoman A Guide Book of United States Coins, publicada en 2015, o medio dólar de Alabama ten un prezo no mercado do coleccionismo de entre 85 e 650 dólares sen "2X2", e entre 170 e 850 dólares con "2X2", dependendo do seu estado de conservación. Un exemplar da variante sen marca en condicións excepcionais de aspecto e de conservación acadou os 7.344 dólares nunha poxa que tivo lugar en 2014.[29]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "½ Dollar Alabama Centennial". Numista.com
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "Alabama Centennial Half Dollar". United States Mint.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 "1921 Alabama Centennial Half Dollar". Earlycommemorativecoins.com
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 2.
  5. 5,0 5,1 5,2 Flynn, K. (2008). Páxina 40.
  6. Slabaugh, A. R. (1975). Páxinas 3-5.
  7. 7,0 7,1 USHRCCWM (1920). Páxinas 3-5.
  8. Burdette, R. (2009). "Lifting the veils from the 1933 double eagle". En Coin World. 3 de agosto. Páxinas 1, 104.
  9. United States House of Representatives Committee on Coinage, Weights and Measures (1920). Coinage of 25-Cent Piece in Commemoration of Admission of State of Alabama into the Union". 27 de marzo. United States Government Printing Office.
  10. "Coinage in Conmemoration of Admission of State of Alabama into the Union". En Congressional Record. Vol. 59. Part 6. 21 de abril de 1920. Páxinas 5.948-5.950.
  11. "Message from the House". En Congressional Record. Vol. 59. Part 6. 22 de abril de 1920. Páxina 5.966.
  12. "Petitions and Memorials". En Congressional Record. Vol. 59. Part 6. 28 de abril de 1920. Páxina 6.202.
  13. "The Calendar". En Congressional Record. Vol. 59. Part 6. 3 de maio de 1920. Páxina 6.443.
  14. "Commemoration and Anniversary Events". En Congressional Record. Vol. 59. Part 6. 3 de maio de 1920. Páxina 6.454.
  15. "Alabama Centennial Commemorative Coin Legislation". United States Mint.
  16. Taxay, D. (1967). Páxinas 45-46.
  17. Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxinas 2-3.
  18. 18,0 18,1 Taxay, D. (1967). Páxinas 47.
  19. Stang, C. (2013). "Canine and Equine: The Art of Laura Gardin Fraser". En The Numismatist. Nº 35. Xullo..
  20. 20,0 20,1 20,2 Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxinas 1-2.
  21. Swiatek, A. (2012). Páxina 122.
  22. 22,0 22,1 22,2 22,3 Bowers, Q. D. (1991). Páxina 147-152.
  23. Vermeule, C. (1971). Páxina 164.
  24. 24,0 24,1 Swiatek, A. (2012). Páxinas 121-125.
  25. 25,0 25,1 Sinclair, A. (1969) [1965]. Páxinas 230-234.
  26. The Literary Digest. Vol 71. Nº 8. 19 de novembro de 1921. Páxina 7.
  27. Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 3.
  28. Flynn, K. (2008). Páxinas 40-41.
  29. Yeoman, R. S. (2015). Páxina 1.126.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]