Chester A. Beach

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaChester A. Beach

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento1881 Editar o valor em Wikidata
San Francisco, Estados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Morte1956 Editar o valor em Wikidata (74/75 anos)
Nova York, Estados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEstados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
EducaciónAcademia Julian (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónescultor , medallista Editar o valor em Wikidata
Membro de
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata
Participou en
1928Xogos Olímpicos de 1928
17 de febreiro de 1913Show de Arsenal (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Premios

WikiTree: Beach-6046

Chester A. Beach, nado en San Francisco, California, o 23 de maio de 1881 e finado en Brewster, Nova York, o 6 de agosto de 1956, foi un escultor, medallista e deseñador de moedas estadounidense.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación[editar | editar a fonte]

Chester Beach naceu en San Francisco, California, en 1881, fillo de Hannah Elizabeth Farris e de Chillion Beach.[1] Estudou inicialmente na California School of Mechanical Arts e inmediatamente despois da súa graduación en 1899 traballou como deseñador de xoias de prata na empresa Shreve and Company. Mentres tanto, proseguiu os seus estudos de debuxo nas clases nocturnas Mark Hopkins Institute of Art —posteriormente reconvertido en Instituto de Arte de San Francisco—, entre 1900 e 1902.[2][3]

A finais de 1903 deixou o seu traballo na xoiaría e trasladouse a Nova York. Uns meses despois viaxou a París, onde en maio de 1904 foi aceptado para ingresar na École des Beaux-Arts. En París tamén se formou no obradoiro de Raoul Verlet na Académie Julian, ata 1906.[2]

Carreira como escultor[editar | editar a fonte]

Regresou aos Estados Unidos en 1907, onde se estableceu como artista independente. Non tardou en gañar eloxios polas súas representacións de figuras alegóricas e mitolóxicas.[2] Ese ano estableceu o seu estudio en Manhattan, que mantivo durante os corenta e cinco anos seguintes.[3]

Entre 1908 e 1910 foi elixido membro da National Sculpture Society, do Salmagundi Club, da American Numismatic Society e da Academia Nacional de Deseño.[2] Máis tarde tamén foi nomeado membro do Instituto Nacional das Artes e das Letras.[4]

En 1909 estableceu un novo estudio en Greenwich Village, que mantivo operativo ata 1951. Desta primeira época datan varios estudos realistas en bronce e mármore de obreiros, así como Great-mrandmother ("Bisavoa"), un busto de Mehitable Waring Smith que modelou a partir dunha fotografía do arquivo familiar.[5]

Logo do seu matrimonio en 1910, instalouse en Roma coa súa esposa durante dous anos, e ambos regresaron aos Estados Unidos en 1912, xunto coa súa primeira filla. A finas dese ano, Beach realizou a súa primeira exposición retrospectiva, nas neoiorquinas Macbetrh Galleries.[6]

A súa primeira encarga importante chegoulle en 1915, cando se ocupou do deseño de tres grupos de figuras (o "progreso primitivo", o "medieval" e o "moderno") para a Exposición Internacional Panamá-Pacífico, de San Francisco, polas que recibiu unha medalla de prata.[6]

Os máis coñecidos da súa serie de bustos, que comezou a crear na década de 1920, atópanse no Salón da Fama da Universidade de Nova York.[2][6] A súa obra tamén formou parte do concurso de escultura dos Xogos Olímpicos de Verán de 1928.[7]

Beach expuxo obras anualmente nas exposicións da Academia Nacional de Deseño desde 1907 ata 1926. Foi presidente da Sociedade Nacional de Escultura de 1927 a 1928 e tamén ensinou no Beaux-Arts Institute of Design, durante a década de 1930.[6]

Medallista e deseñador de moedas[editar | editar a fonte]

Chester Beach tamén é un artista moi recoñecido pola súa creación de medallas e de moedas para a Casa da Moeda dos Estados Unidos. A súa proposta de 1919 para unha medalla conmemorativa do Tratado de Versalles foi seleccionada como gañadora pola Americabn Numismatic Society.[6][8]

Como autor de moedas estadounidenses, Beach encargouse do deseño e o gravado de varias moedas conmemorativas. En 1923 creou o medio dólar do Centenario da Doutrina Monroe, cuñado na Ceca de San Francisco;[9] tamén foi o autor do medio dólar do Sesquicentenario de Lexington-Concord de 1925;[10] encargouse igualmente do gravado do medio dólar do Sesquicentenario de Hawai, de 1928, sobre esbozos previos de Juliette May Fraser;[11] e finalmente deseñou o medio dólar do Sesquicentenario de Hudson en 1935.[12]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

En 1910, Beach casou con Eleanor Hollis Murdock, estudante de Arte e de Música de Scarsdale, Nova York, a quen coñecera en 1907 durante a súa estadía en Francia. Tiveron tres fillas: Beata, Eleanor e Natalie.[6] A súa primeira filla, Beata, nada en Roma, foi tamén unha reputada artista, especialmente pintora, o deseñadora e a ilustradora.[13]

Beach morreu o 6 de agosto de 1956 en Brewster, Nova York.[3]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Dearinger, D. B. (2004). "Chester Beach". En Paintings and Sculpture in the Collection of the National Academy of Design. Vol. I. Hudson Hills, Nova York. Páxinas 29-30. ISBN 1-55595-029-9
  • Smith, P. (2012). "Beach, Chester Designer". En American Numismatic Biographies. Páxina 31.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]