Saltar ao contido

Comisión de Banca, Vivenda e Asuntos Urbanos do Senado dos Estados Unidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
 Comisión de Banca, Vivenda e Asuntos Urbanos do Senado dos Estados Unidos
 Instancia de
 Parte de
Datas
 Fundación / creación
1913 Editar o valor en Wikidata
Localización
 País
Códigos e identificadores
VIAF150104115 Editar o valor en Wikidata
ISNI0000000100853802 Editar o valor en Wikidata
Freebase/m/03fl0l Editar o valor en Wikidata
Wikidata

A Comisión de Banca, Vivenda e Asuntos Urbanos do Senado dos Estados Unidos (denominada ata 1970 Comisión de Banca e Moeda) é unha das vinte comisións do Senado estadounidense encargadas de xestionar os asuntos desta cámara relacionados con áreas especializadas de interese lexislativo.[1]

A comisión ten competencias sobre asuntos relacionados cos bancos e a banca, o control de prezos, o seguro de depósitos, a promoción e o control das exportacións, a política monetaria federal, a axuda financeira ao comercio e á industria, a amortización de billetes, a moeda e a súa cuñaxe, a vivenda pública e privada, o desenvolvemento urbano, o transporte público e os contratos gobernamentais.[1]

En 2024 está composta por 23 senadores, 12 do Partido Demócrata e 11 do Partido Republicano. O presidente da comisión é o demócrata Sherrod Brown, de Ohio, e o membro de maior rango é o republicano Tim Scott, de Carolina do Sur.[1]

Antecedentes e contexto

[editar | editar a fonte]

Esta comisión é unha das vinte de carácter permanente do Senado dos Estados Unidos. Ata 1913, o Senado funcionara sen unha comisión bancaria, en tanto que a Cámara de Representantes constituíra a súa Comisión de Moeda, Pesos e Medidas xa en 1865. Ata entón, os asuntos de banca e moeda derivábanse á Comisión de Finanzas.[2][3]

O senador Robert L. Owen, primeiro presidente da Comisión.

Durante os seis anos que seguiron a crise económica de 1907, os líderes de ambas as cámaras do Congreso dos Estados Unidos viron a necesidade dun sistema que impedise que uns poucos grandes bancos de Nova York controlasen a maioría dos activos financeiros do país. Un informe da Cámara de Representantes de febreiro de 1913 sobre este asunto levou o Senado á conclusión de que precisaba a dedicación a tempo completo dunha comisión independente sobre banca e moeda.[2]

Comisión de Banca e Moeda (1913-1970)

[editar | editar a fonte]

Neste contexto, en marzo de 1913, cunha maioría demócrata no senado e un presidente tamén demócrata, Woodrow Wilson, acabado de elixir, acordouse a creación da "Comisión de Banca e Moeda do Senado", que se constituíu formalmente o día 22 de maio. O senador Robert L. Owen, de Oklahoma, promotor da Lei da Reserva Federal, foi elixido como o presidente inaugural da comisión.[1][2][3]

Ademais da propia Lei da Reserva Federal (1913), o Comité de Banca e Moeda participou na tramitación de varias disposicións clave, como a Lei McFadden (1927), que estableceu a regulación estatal dos seguros e prohibiu a banca interestatal; a Lei Glass-Steagall (1933), que separou a banca comercial da de investimento; a Lei Bancaria (1935), que formalizou o seguro federal de depósitos e converteu a Corporación Federal de Seguro de Depósitos (FDIC) nunha axencia gobernamental; a Lei de Sociedades Posuidoras de Bancos (1956), que someteu estas sociedades á supervisión federal; e a Lei de Fusións Bancarias (1966), que estableceu normas uniformes para que as axencias bancarias, o Departamento de Xustiza e os tribunais avaliasen a legalidade das fusións.[3]

Comisión de Banca, Vivenda e Asuntos Urbanos (dede 1970)

[editar | editar a fonte]

O 26 de outubro de 1970, o 95º Congreso decidiu substituír a antiga Comisión de Banca e Moeda pola actual de Banca, Vivenda e Asuntos Urbanos.[3]

O senador Sherrod Brown, presidente da Comisión a partir de 2021.

Neste segundo período da comisión, tramitáronse disposicións tan sinaladas como, entre outras moitas, a Lei de Desregulación e Control Monetario das Institucións Depositarias (1980); a Lei de Igualdade Competitiva Bancaria (1987); ou a Lei para a Unión e o Fortalecemento dos Estados Unidos, mediante a dotación dos instrumentos necesarios para interceptar e obstruír o terrorismo ("Lei USA Patriot", de 2001).[3]

Xurisdición

[editar | editar a fonte]

Consonte o artigo XXV do Senado dos Estados Unidos, remítense á Comisión de Banca, Vivenda e Asuntos Urbanos do Senado todos os proxectos de lei, as mensaxes, as peticións de conmemoracións e outros asuntos relacionados cos seguintes temas:[4]

  • Bancos, banca e institucións financeiras.
  • Control dos prezos dos produtos básicos, alugueiros e servizos.
  • Seguro de depósitos.
  • Estabilización económica e produción de defensa.
  • Fomento das exportacións e do comercio exterior.
  • Control das exportacións.
  • Política monetaria federal, incluído o Sistema da Reserva Federal.
  • Axuda financeira ao comercio e á industria.
  • Emisión e amortización de papel moeda.
  • Diñeiro e crédito, o que inclúe a moeda e a súa cuñaxe.
  • Construción de residencias de anciáns.
  • Vivendas públicas e privadas (incluídas as vivendas para veteranos).
  • Renegociación de contratos públicos.
  • Desenvolvemento urbano e transporte público.

A Comisión de Banca, Vivenda e Asuntos Urbanos do Senado tamén se encarga de "estudar e revisar con exhaustividade os asuntos relacionados coa política económica internacional na medida en que afecte os asuntos monetarios, o crédito e as institucións financeiras dos Estados Unidos, o crecemento económico, os asuntos urbanos e o crédito; así como informar ao respecto".[4]

Presidentes da Comisión

[editar | editar a fonte]

Estes son os senadores que ocuparon a presidencia da Comisión, desde a súa fundación en 1913:[5]

Comisión de Banca e Moeda

[editar | editar a fonte]
Membro do Senado Partido político Estado reprtesentado Período
Robert L. Owen Demócrata Oklahoma 1913-1918
George P. McLean Republicano Connecticut 1919-1926
Peter Norbeck Dacota do Sur 1927-1932
Duncan U. Fletcher Demócrata Florida 1933-1936
Robert F. Wagner Nova York 1937-1946
Charles W. Tobey Republicano Nova Hampshire 1947-1948
Burnet R. Maybank Demócrata Carolina do Sur 1949-1952
Homer E. Capehart Republicano Indiana 1953-1954
J. William Fulbright Demócrata Arcansas 1955-1959
A. Willis Robertson Virxinia 1959-1966
John J. Sparkman Alabama 1967-1970

Comisión de Banca, Vivenda e Asuntos Urbanos

[editar | editar a fonte]
Membro do Senado Partido político Estado reprtesentado Período
John J. Sparkman Demócrata Alabama 1970-1975
William Proxmire Demócrata Wisconsin 1975-1980
Jake Garn Republicano Utah 1981-1986
William Proxmire Demócrata Wisconsin 1987-1988
Donald W. Riegle Míchigan 1989-1994
Alfonse M. D'Amato Republicano Nova York 1995-1998
Phil Gramm Texas 1999-2001
Paul S. Sarbanes Demócrata Maryland 2001-2002
Richard C. Shelby Republicano Alabama 2003-2006
Christopher J. Dodd Demócrata Connecticut 2007-2010
Tim Johnson Republicano Dacota do Sur 2011-2014
Richard C. Shelby Alabama 2015-2016
Mike Crapo Idaho 2017-2020
Sherrod Brown Demócrata Ohio 2021-
  1. 1 2 3 4 "About". United States Committee on Banking, Housing, and Urban Affairs (Banking.senate.gov).
  2. 1 2 3 "Senate Banking Committee Established. March 15, 1913". United States Senate (Senate.gov).
  3. 1 2 3 4 5 "A History of the Senate Banking Committee". United States Capitol Historical Society (Capitolhistory.org).
  4. 1 2 "Jurisdiction". United States Committee on Banking, Housing, and Urban Affairs (Banking.senate.gov).
  5. "History of the Chairmen of the Senate". United States Committee on Banking, Housing, and Urban Affairs (Banking.senate.gov).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]