Carlismo
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
A introdución deste artigo precisa dunha ampliación, redución, carece de contexto ou non fornece un resumo axeitado do artigo segundo indica o libro de estilo da Galipedia. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
O carlismo é un movemento político lexitimista de carácter antiliberal e antirrevolucionario que pretende o establecemento dunha rama alternativa da dinastía dos Borbóns no trono español.[1] No século XX unha parte do carlismo evolucionou cara ao socialismo autoxestionario.
Ideoloxía
[editar | editar a fonte]Os carlistas formaban a parte máis conservadora da sociedade española da época, englobando aos denominados apostólicos, os católicos tradicionalistas e sobre todo á reacción antiliberal. A loita entre pretendentes convértese na loita entre dúas concepcións políticas, os defensores do Antigo Réxime e os partidarios das reformas liberais, xurdidas como consecuencia da Revolución industrial e da Revolución francesa, que deixaran desfasada a antiga sociedade agraria predominante ata entón en España. Ademais os partidarios de Carlos María Isidro de Borbón pretendían a reinstauración dos foros dos territorios, o que explica un maior auxe nos territorios que gozaran de réximes forais, como Aragón, Valencia e zonas de Cataluña e o mantemento no territorio que os gozaban como o País Vasco ou Navarra, onde se vían ameazados polo afán uniformador dos liberais. Tamén isto influíu no apoio ou a simpatía do movemento rexionalista conservador en Galicia, como é o caso de Alfredo Brañas.
Antecedentes
[editar | editar a fonte]Xa durante o Trienio liberal (1820-1823) xurdira un movemento de carácter antiliberal e contrarrevolucionario como reacción ás políticas reformistas que se estableceron dende o poder e que tivo continuidade na guerra dos agraviados de 1827, pero o movemento afundía as súas bases ideolóxicas no pensamento español antiilustrado e antiliberal de autores como Fernando de Zeballos, Lorenzo de Herbás ou Francisco Alvarado enmarcados nunha corrente europea de reacción contra o enciclopedismo e a Revolución Francesa.
Nacemento
[editar | editar a fonte]Fernando VII quedara viúvo por terceira vez, sen descendencia e contraera un novo matrimonio con María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias e designara como sucesor ao seu irmán Carlos María Isidro, pero a fins de marzo de 1830, María Cristina queda embarazada e ante a posibilidade de ter un fillo herdeiro o 31 de marzo de 1830 promulga a Pragmática Sanción, que fora aprobada o 30 de setembro de 1789 no reinado de Carlos IV, pero que non se fixera efectiva por razóns de política exterior. A Pragmática establecía de non ter o rei herdeiro home, herdaría a filla máis vella, o que supuña de feito a abolición da Lei sálica, que non permitía a transmisión dos dereitos de sucesión da Coroa por vía feminina, importada de Francia polos Borbóns e restablecendo a tradición española sucesoria. Esta decisión excluía na práctica ao infante Carlos María Isidro da sucesión.
O 10 de outubro de 1830, naceu a futura Isabel II e foi proclamada herdeira lexítima, o que produciu malestar entre os partidarios do infante Carlos, que comezan a ser coñecidos como carlistas.
Xa en setembro de 1832 co rei gravemente enfermo en La Granja de San Idelfonso produciuse a revolta dos partidarios do infante Carlos para facerse co poder, e aínda que fracasa, o ministro Francisco Calomarde, próximo ás ideas apostólicas, consegue a sinatura do rei nun documento que anulaba a Pragmática sanción, co que o pretendente Carlos convertíase no herdeiro. Malia iso, unha vez recuperado Fernando VII anulou o documento derogatorio e o 1 de outubro de 1832 Fernando VII nomeou como presidente o liberal moderado Francisco Cea Bermúdez. Este tentou gañar, cunha amnistía e algunhas reformas políticas, o apoio dos liberais á futura Isabel II, ao tempo que destituía os partidarios do seu irmán Carlos dos postos de relevancia. Carlos de Borbón marcha en marzo de 1833 ao exilio a Portugal e negouse a xurar a Isabel como princesa de Asturias e autoproclamouse rei co nome de Carlos V á morte de Fernando VII o 29 de setembro, facendo un chamamento ao exército para rebelarse, de maneira que conseguiu grande apoio no corpo dos Voluntarios Realistas.
Guerras carlistas
[editar | editar a fonte]A partir do 2 de outubro prodúcense proclamas a favor de Carlos, xa co nome de Carlos V en Talavera de la Reina, Vitoria, Bilbao, Orduña ou Logroño que non teñen resultados positivos ata que bandas de voluntarios navarros sublevados celebran unha xuntanza en Lizarra na que nomean como xefe a Tomás de Zumalacárregui o 14 de novembro, a partir dese momento comeza a desenvolverse a Primeira guerra carlista que vai durar sete anos. As accións bélicas centráronse principalmente no País Vasco, Navarra, as rexións interiores de Cataluña e a Comunidade Valenciana e que remata o 29 de agosto de 1839 co Convenio de Oñate. En 1840 as últimas tropas que aínda resistían en Aragón e Cataluña réndense definitivamente, aínda que quedan bandas soltas nalgunha zona como Balmaseda ou Matías el Ventero que continúan, pero máis como bandoleiros que como un auténtico exército.
En 1845 Carlos V abdicou no seu fillo Carlos Luís de Borbón, conde de Montemolín, que toma o nome de Carlos VI (1818-1861), e comeza a coñecida como Guerra dos Matiners ou Segunda guerra carlista que se desenvolve principalmente en Cataluña entre 1846 e 1849.
Derrotado e feito prisioneiro ao desembarcar en España en 1860 en San Carlos de la Rápita (Tarragona), tivo que renunciar aos seus dereitos a favor do seu irmán, Xoán III, que con escasos partidarios mantívose ata 1868 cando abdicou en favor do seu fillo Carlos María, que adoptou o nome de Carlos VII e que consegue revitalizar o carlismo, en 1868 o pretendente publicou un manifesto no que expuña as súas ideas, entre elas a de constituír unhas Cortes de estrutura tradicional e promulgar unha Constitución ou carta outorgada, así como realizar unha política económica proteccionista. tras o destronamento de Isabel II en 1868, alíase con figuras prominentes do pensamento católico, que dende folletos ou xornais (entre 1869 e 1872 apareceron máis de 160 publicacións periódicas carlistas) e o carlismo organizouse como unha forza política legal no novo réxime. Logo dun período de rexencia do xeneral Francisco Serrano en 1870, o Parlamento designou como rei a Amadeu I da dinastía Savoia . Nas eleccións de 1871 o partido carlista, a Comuñón Católica-Monárquica conseguiu arredor de 50 deputados e 30 senadores, presidía a minoría carlista o conde de Orgaz e emerxen as figuras de Cándido Nocedal e Antonio Aparisi y Guijarro.
Carlos VII, que vía perigar a posibilidade dunha restauración borbónica en calquera das dúas ramas e alarmado pola perda de deputados nas eleccións de 1872, optou pola vía bélica e o 21 de abril de 1872 deu comezo a Terceira guerra carlista, primeiro contra Amadeo e logo da súa abdicación contra a Primeira República Española e finalmente contra Afonso XII, fillo de Isabel II, proclamado rei polo xeneral Arsenio Martínez Campos en Sagunto. A guerra rematou en 1876 coa conquista de Estella, a capital carlista e a fuxida a Francia do pretendente. Hai algunhas tentativas posteriores de sublevación, aproveitando o descontento pola perda das posesións ultramarinas en 1898, pero non teñen éxito.
1876-1936
[editar | editar a fonte]En 1879 Cándido Nocedal, como representante do pretendente en España, reorganizou o partido enfatizando o seu carácter de movemento católico e apoiándose nunha rede de xornais afíns que efectuaron unha política moi agresiva, que o enfrontou con sectores carlistas que formaron a Unión Católica, grupo dirixido por Alejandro Pidal que acabou uníndose cos conservadores de Antonio Cánovas del Castillo.
Tras a morte de Cándido Nocedal o pretendente asumiu a dirección do partido para evitar enfrontamentos, pero en 1888 acabou expulsando a Ramón Nocedal, fillo de Cándido e herdeiro do seu pensamento, que creou o Partido Católico Nacional (que será coñecido co alcume de Partido Integrista[2]), moi minoritario pero con moita influencia en círculos radicais. A partir de 1890 o marqués de Cerralbo estivo á fronte do carlismo, reconstruíu o Partido Carlista como un moderno partido de masas, centrado en asembleas locais, chamadas círculos, que chegaron a ser centos en toda España e con máis de 30.000 asociados en 1896 e que copiaron outras forzas políticas, e que ademais da actividade política realizaban accións sociais e levou ao carlismo a unha participación activa de oposición ao sistema político da Restauración, conseguindo 5 deputados en 1891, 7 en 1893, 10 en 1896, 6 en 1898, 2 en 1899 e mesmo participando en coalicións como Solidaritat Catalana en 1907 con rexionalistas e republicanos.
A partir de 1893 vai ser Juan Vázquez de Mella o líder parlamentario e principal ideólogo do carlismo, secundado por Víctor Pradera, que tiveron unha ampla influencia no pensamento conservador español. Coa perda das colonias en 1898 pénsase nunha acción insurreccional que non se aprobou, aínda que en outubro de 1900 levantáronse algunhas partidas, sen autorización dos xefes carlistas, pero que van levar ao carlismo a unha crise e ao peche de círculos e prensa polas autoridades. O representante do pretendente dende 1898, Matías Barrio Mier dedicouse a reconstruír o movemento e potenciou as mocidades. Nas eleccións de 1901 o carlismo conseguiu 6 deputados, 7 en 1903, 4 en 1905 e 14 en 1907 grazas á participación en Solidaritat Catalana. O 18 de xullo de 1909 morreu o pretendente Carlos VII e vai ser o seu fillo Xaime de Borbón, co nome de Xaime III, quen asumiu o posto de pretendente carlista e Bartolomé Felíu vai ser o seu representante en España ata 1912 e Juan Vázquez de Mella vai ser o encargado da secretaría política do carlismo, a pesar das malas relacións entre el e o pretendente. En 1910 os carlistas ocuparon 4 escanos e en 1914 quedaron reducidos a tan só 2. Entre 1912 e 1918 vai ser unha xunta presidida polo marqués de Cerralbo quen ostente a xefatura do partido. En 1913 comezou a se organizar o requeté como a organización paramilitar do partido.
Durante a Primeira guerra mundial Xaime viviu baixo arresto domiciliario en Austria polo seu apoio a Francia e aos aliados, sen case comunicación coa dirección política carlista en España, que seguía encabezando Vázquez de Mella, e que tiña un carácter xermanófilo. Tras a derrota de Alemaña Vázquez de Mella, Cerralbo, Pradera e outros líderes carlistas, coñecidos como mellistas, deixaron o partido en 1919 e organizáronse no Partido Católico Tradicionalista. Os carlistas baixo o liderado directo do pretendente evolucionou cara a posturas socializantes de esquerda, chegando o mesmo Xaime III a se definir como socialista, inspirándose na doutrina social da Igrexa e renovou o seu foralismo en clave confederal. En 1919 os carlistas conseguiron 3 escanos no Congreso En 1919 o carlismo tivo un papel principal na fundación dos Sindicatos Libres (sindicalismo católico).
O carlismo mantivo unha relación ambigua coa ditadura de Primo de Rivera ata 1925 cando o pretendente publicou un manifesto no que se manifestou contra o ela, e entrou nun período de represión das súas actividades por parte do réxime, do que tan só se recuperou en 1930, coa presentación de proxectos de Estatuto para Cataluña en 1930 e o Estatuto de Lizarra de 1931. A partir de 1931 adoptou unha posición definida contra a Segunda República Española, formando unha alianza electoral co PNV, a Lliga Regionalista e pequenos partidos da dereita para opoñerse a ela e conseguindo 7 deputados nas Cortes Constituíntes.
Xaime III celebrou conversas con Afonso XIII para a reunificación das súas ramas da casa de Borbón, que establecería a Xaime como xefe da casa de Borbón a cambio de que nomease herdeiro ao infante Xoán, fillo de Afonso XIII. As negociacións remataron bruscamente coa morte de Xaime como consecuencia dunha caída de cabalo o 2 de outubro de 1931.
O único herdeiro directo era Afonso de Borbón, irmán de Carlos VII, de 82 anos, que tomou o nome de Afonso Carlos I e reorganizou o movemento carlista como Comuñón Tradicionalista adoptando posturas ideolóxicas integristas, e que provocou a volta dos mellistas e os integristas e que se lle uniran outros movementos católicos que tiñan temor a unha república laica e o carlismo entrou nunha fase de expansión, aumentando a actividade e o número dos círculos carlistas, que tamén organizaron seccións femininas, as Margaritas.
Os carlistas apoiaron o intento de golpe de estado do xeneral Sanjurjo o 10 de agosto de 1932 e as súas mocidades tiveron serios enfrontamentos cos partidos da esquerda. E a pesar do seu apoio primeiro ao Estatuto de Cataluña acabaron por opoñerse a el, o que fixo que finalizara a relación coa Lliga, e co PNV cando os carlistas de Araba se opuxeron ao estatuto vasco. Nas eleccións lexislativas de 1933 participaron dentro das candidaturas de dereitas e conseguiron 21 deputados. A partir da revolución de outubro de 1934, os carlistas pasaron á conspiración e á acción directa.
Guerra civil española
[editar | editar a fonte]Baixo a dirección de Manuel Fal Conde, que conseguira aumentar espectacularmente a influencia do carlismo en Andalucía, e José Luis Zamanillo, delegado nacional do requeté, un pequeno número de carlistas, coñecido como Núcleo da Lealdade, designou a Carlos de Habsburgo-Lorena como sucesor de Afonso Carlos, o que este desautorizou e nomeou rexente a Xavier de Borbón-Parma en xaneiro de 1936.
Nas eleccións de febreiro de 1936 os carlistas conseguiron 10 escanos nas candidaturas da dereita. Os carlistas romperon cos afonsinos en abril de 1936 e prepararon o seu propio levantamento armado contra a Segunda República Española formando a Xunta Suprema Militar Carlista, aínda que tras longas negociacións acabaron sumándose ao que preparaba o exército e que daría lugar á Guerra civil española, na que participaron unidades de voluntarios carlistas, agrupados en Terzos de Requetés, pero que xa dende o comezo da guerra os carlistas, e en especial o seu líder Manuel Fal Conde, tiveron serias diverxencias co goberno militar.
Á morte do pretendente Afonso Carlos, o 29 de setembro de 1936, Xavier de Borbón-Parma asumiu a rexencia. A unificación imposta por Franco en abril de 1937 coa Falange Española de las JONS, en contra da opinión de Fal Conde e do rexente, contou co apoio do carlismo navarro e de parte do vasco. O rexente expulsou do carlismo aos que aceptaron postos na FET y de las JONS e logo dunha entrevista con Francisco Franco Bahamonde foi expulsado de España, establecéndose en Francia. A unificación rematou co carlismo como partido, aínda que non como forza política, e aínda que perdeu os seus xornais e edificios, mantivo unha certa influencia no goberno franquista, a través do ministro de xustiza, elixido entre os carlistas, ao tempo que os carlistas manifestaban o seu desgusto coa ideoloxía parafascista que predominaba na FET y de las JONS. Coa ocupación alemá de Francia os nazis detiveron o rexente Xavier de Borbón Parma e trasladárono ao campo de concentración de Natzweiler e logo, diante o avance dos aliados, ao de Dachau ata a súa liberación.
O carlismo durante o franquismo
[editar | editar a fonte]Durante o franquismo unha boa parte dos carlistas permaneceron na FET de las JONS ou deixaron de ter actividade política, aumentaron as disidencias dentro do carlismo, en 1943 o grupo herdeiro do Núcleo da Lealdade (ou carlo-octavistas) encabezados por Jesús de Cora y Lira, e con certo apoio dentro do réxime franquista, recoñeceu a Carlos de Habsburgo-Lorena como rei co nome de Carlos VIII e en 1948 o conde de Rodezno á cabeza dun pequeno número de dirixentes carlistas recoñeceron a Xoán de Borbón, herdeiro de Afonso XIII, como rei. En 1949 o xefe do carlismo en Cataluña Mauricio de Sivatte foi expulsado por discrepancias con Xavier. En 1952 Xavier asume a sucesión de Afonso Carlos debido ás presións dos dirixentes do carlismo para poñer fin á rexencia. A partir de 1955 co cesamento de Fal Conde e a asunción da xefatura carlista por Xavier e nomeou unha xunta presidida por José María Valiente, que realizou unha política de non enfrontamento co réxime. O 20 de decembro de 1957 uns 50 dirixentes carlistas, dirixidos por Luis Arellano e José María Arauz de Robles, visitaron a Xoán de Borbón en Estoril para o recoñecer como rei. En 1958 Mauricio de Sivatte, expulsado do carlismo anos antes, estableceu a Rexencia de Estella (RENACE) de carácter antifranquista e tradicionalista, e que incluía á maioría dos carlistas cataláns.
En 1965 Xavier puxo fin á rexencia e proclamouse rei co nome de Xavier I. Nos anos 1960 comezou unha etapa de fonda renovación ideolóxica da Comuñón Tradicionalista, impulsada pola organización universitaria AET e a obreira MOT co apoio do rexente Xavier regresou en diversas etapas a España, pero foi expulsado polas autoridades franquistas pola súa actividade política, a viraxe cara a esquerda viuse referendada polo ascenso de José María de Zavala á secretaria xeral do carlismo en 1966. En 1968 o réxime franquista expulsou a Carlos Hugo e Xavier de España e en 1971 a xunta de goberno do carlismo recoñeceu abertamente a súa oposición ao réxime franquista e mesmo houbo intentos de loita armada dentro do movemento carlista protagonizados polos GAC.
No Congreso federal de 1972, o Partido Carlista definiuse como un partido de masas, de clase, democrático, socialista e monárquico federal. Pouco despois de que o pretendente sufrira un accidente de automóbil deu plenos poderes ao seu fillo, Carlos Hugo de Borbón-Parma para dirixir o partido, e o 20 de abril de 1975 abdicou nel. O sector tradicionalista do carlismo encabezado por Raimundo de Miguel, Juan Sáenz-Díez e José Arturo Márquez de Prado non recoñeceu a Carlos Hugo como rei e en xullo de 1975 separouse formalmente reactivando a Comuñón Tradicionalista, con forza en Sevilla, pero que non puido atraerse aos sectores tradicionalistas escindidos do carlismo con anterioridade, como a RENACE, outra parte dos carlistas desconformes coa postura de Carlos Hugo formaron partidos como a Unión Nacional Española, Partido Social Regionalista (Unión Institucional) ou integráronse en partidos franquistas como Fuerza Nueva.
O carlismo dende a Transición
[editar | editar a fonte]Tras a morte de Franco, o príncipe Sisto Henrique de Borbón-Parma, apoiado por elementos de orixe franquista, tentou organizar un carlismo alternativo ao do Partido Carlista, e na concentración anual do carlismo de Montejurra 1976 protagonizou altercados cos carlistas fieis a Carlos Hugo que acabaron coa morte de dous carlistas e varios feridos.
Coa chegada da transición o Partido Carlista, que tiña 8.500 militantes en 1977, non puido participar, por non lle chegar o recoñecemento a tempo, nas primeiras eleccións ao parlamento español, o que non impediu que pedira o voto positivo para a constitución de 1978. Unha parte dos militantes e simpatizantes do partido optaron por entrar en movementos nacionalistas e rexionalistas de esquerdas. Carlos Hugo dimitiu dos seus cargos no Partido Carlista en 1980, aínda que sen renunciar aos seus dereitos dinásticos á coroa de España. O PC continúa existindo e segue a celebrar todos o anos o acto de Montejurra. No ano 2000 comezou un proceso de reconstrución do partido e presentouse ás eleccións municipais de 2003 en varios municipios navarros, obtendo representación nuns poucos concellos. No congreso federal de Tolosa de novembro de 2005 o PC reafirmou o seu espírito foral baixo as fórmulas de confederación e autodeterminación, posicionándose contra a constitución europea.
Os elementos tradicionalistas do carlismo organizaron en 1986 a Comuñón Tradicionalista Carlista (CTC) que se considera herdeira e continuadora da historia, doutrina e pensamento monárquico e político do carlismo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "The Bourbons". heraldica.org (en inglés). Consultado o 11 de febreiro de 2024.
- ↑ VV.AA. (1982). Historia general de España y América. Rialp. p. 141. ISBN 9788432121135.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Gabriel Alférez: Historia del Carlismo, Madrid 1995
- Pere Anguera: El carlisme a Catalunya 1827-1936, Barcelona 1999
- Xosé Ramón Barreiro: El carlismo gallego, Santiago 1976
- Jordi Canal: El Carlismo, Madrid 2000
- Josep Carles Clemente: Bases documentales del carlismo y de las guerras civiles de los siglos XIX y XX, Madrid 1985
- Josep Carles Clemente: El Carlismo. Historia de una disidencia social (1833-1976), Barcelona 1990
- Josep Carles Clemente: Historia general del carlismo, Madrid 1992
- José Extramiana: Historia de las guerras carlistas, San Sebastián 1978-1979
- Melchor Ferrer: Historia del tradicionalismo español, Sevilla, 30 vol. 1941-1979
- Ramón Oyarzun: Historia del carlismo, Madrid 1939
- Antonio Pirala: Historia de la guerra civil y de los partidos liberal y carlista, Madrid 1984
- Joseph Zabalo: Le carlisme. La contre-révolution en Espagne, Biarritz 1993
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Partido Carlista (en castelán)
- Comunión Tradicionalista Carlista (en castelán)
- Comunión Tradicionalista (partidarios de Sisto Henrique de Borbón) Arquivado 17 de febreiro de 2006 en Wayback Machine. (en castelán)
- Web de Carlos Hugo de Borbón (en castelán)