Cándido Nocedal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cándido Nocedal
Cándido Nocedal.jpg
Nacemento11 de marzo de 1821
Lugar de nacementoA Coruña
Falecemento18 de xullo de 1885
Lugar de falecementoMadrid
Soterradocamposanto de San Isidro
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Alcalá e Universidad Central
Ocupaciónpolítico
FillosRamón Nocedal
editar datos en Wikidata ]

Cándido Manuel Nocedal Rodríguez de la Flor, nado na Coruña o 11 de marzo de 1821 e finado en Madrid o 18 de xullo de 1885, foi un político, xornalista e avogado galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou Dereito na Universidade de Alcalá de Henares e despois na Central de Madrid, licenciándose en 1840 e establecendo o seu bufete o mesmo ano. Desde mozo era membro do Partido Progresista moi vinculado a Baldomero Espartero no seu conflito coa nai de Isabel II, María Cristina de Borbón, pola Rexencia.

Logo de ser promotor fiscal durante un breve período e de retomar as súas actividades profesionais, en 1843 foi redactor de La Gazeta de Madrid para deixar o posto en beneficio do seu escano como Deputado pola provincia de Zaragoza. Vinculado neste período ao Partido Moderado, en 1847 a súa defensa de Ramón María Narváez fronte ao ataque dos progresistas permitiulle ser nomeado Fiscal do Consello Real, onde chegou a ser conselleiro, así como Subsecretario do Ministerio da Gobernación.

Nun novo xiro político na súa vida, logo de permanecer apartado da actividade política un tempo (aínda que mantivo o posto de deputado), participou na Vicalvarada e foi un dos que subscribiu o Manifesto de Manzanares.

Nocedal, en El Buñuelo, 1881.
Cándido Nocedal retratado en Los Poetas contemporáneos por Antonio María Esquivel 1846 - Museo del Prado, Madrid

No Bienio Progresista foi un activo defensor do Partido Moderado que se atopaba en grave situación, e a el atribúese poder manter as filas do mesmo organizadas fronte aos movementos dos progresistas e a aparición da Unión Liberal de Leopoldo O'Donnell, con quen se enfrontou abertamente, tanto nas Cortes como a través da publicación satírica e neocatólica que fundou, El Padre Cobos.

Tan ardente defensa da reacción permitiulle ser nomeado Ministro de Gobernación en 1856 trala caída do Bienio. Despois, e aproveitando a folgada maioría parlamentaria conservadora das eleccións xerais que organizara desde o Ministerio, impulsou a derrogación de distintas leis progresistas do período anterior, aprobando unha Lei de Imprenta que é considerada a máis restritiva do período do reinado de Isabel II.

Durante o goberno da Unión Liberal foise apartando progresivamente da actividade política moderada para integrarse nos movementos neocatólicos. Malia que os esforzos de O'Donnell por gañarse aos moderados á causa da Unión Liberal tiveron éxito en moitos casos, Cándido Nocedal resistiuse ata á oferta de presidir o Congreso dos Deputados e ser embaixador en Roma (1867). Comezou a publicar un novo diario, A Constancia, desde onde manifestaba a súa intención de deter ás forzas revolucionarias que ameazaban España. Coa revolución de 1868, trala caída de Isabel II, decidiu unirse con outros antigos isabelinos aos carlistas. Don Carlos nomeouno o seu representante en España malia a oposición de amplos sectores do carlismo, e reforzou a súa posición aínda logo de perdida a Terceira Guerra Carlista.

A súa actitude intransixente obrigoulle a abandonar España durante un breve período (1874-1875), refuxiándose en Portugal. Coa restauración borbónica, lonxe de unirse á causa afonsina, mantívose na Comuñón Católico-Monárquica e creou unha nova publicación, El Siglo Futuro, que se editou durante 61 anos ata o estalido da Guerra Civil en 1936.

Uns anos antes da súa morte en 1885, enfrontouse a un sector do carlismo, representado por xornais como La Fe, partidario dunha unión política cos católicos liberais e de facer algunhas concesións ao liberalismo. Aínda que Cándido Nocedal sempre tivo o apoio expreso de Don Carlos, logo da súa morte, os seus fieis -unidos ao redor do seu fillo, Ramón Nocedal, que herdou a dirección de El Siglo Futuro- foron expulsados en 1888 por Don Carlos, dando orixe ao partido integrista.

Foi membro da Real Academia Española e da Real Academia de Ciencias Morais e Políticas.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]