Chauvinismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Chámase chauvinismo (tomando o nome do patriota francés Nicolas Chauvin), ou patrioteirismo á crenza narcisista próxima á paranoia e a mitomanía de que o propio do país, ou rexión, ao que un pertence é o mellor en calquera aspecto.

Características[editar | editar a fonte]

O nome provén da comedia A cocarde tricolore dos irmáns Cogniard, en onde un actor, co nome de Chauvin, personifica un patriotismo esaxerado. Hannah Arendt descríbeo así:

O chauvinismo é un produto case natural do concepto de Nación na medida que provén directamente da vella idea da "misión nacional"... A misión nacional podería ser interpretada con precisión como a traída de luz a outros pobos menos afortunados que, por calquera razón, milagrosamente foron abandonados pola historia sen unha misión nacional. Mentres este concepto de chauvinismo non se desenvolveu na ideoloxía e permaneceu no reino bastante vago do orgullo nacional ou incluso nacionalista, con frecuencia causou un alto sentido de responsabilidade polo benestar dos pobos atrasados.
"Imperialism, Nationalism, Chauvinism", en The Review of Politics 7.4, (outubro de 1945), p. 457

O chauvinismo resulta un razoamento falso ou paralóxico, unha falacia de tipo etnocéntrico ou de ídola fori. En retórica, pois, constitúe un dos argumentos falsos chamados ad hominem que serven para persuadir con sentimentos no canto de con razóns a quen se convencen máis con aqueles que con estas, e como tal se utilizou frecuentemente por parte dos políticos para persuadir as masas. Naceu fundamentalmente coa crenza do romanticismo nos "carácteres nacionais" ou volkgeist, se ben os gregos xa se burlaban de quen pretendían que a lúa de Atenas era mellor que a de Éfeso[Cómpre referencia]; psicoloxicamente, porén, trátase dun sistema delirante que agocha un sentimento neurótico de inferioridade en forma paranoica (na súa manifestación de delirio de grandeza) moi asentado na natureza humana[Cómpre referencia]. Adoita considerarse como un sinal de nacionalismo e como tal adoita acompañarse da manía persecutoria de botar a culpa sempre aos outros dos males que se atopan nun mesmo[Cómpre referencia]. Erich Fromm, León Poliakov e Jon Juaristi estudaron as manifestacións máis perversas e perigosas do chauvinismo, que poden estar asociadas a ideoloxías totalitarias, xenófobas, racistas e sexistas.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]