Batalla das Termópilas (-480)
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Batalla das Termópilas | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Leónidas I nas Termópilas | |||||||||
| |||||||||
Combatentes | |||||||||
Imperio Persa (e pobos subxugados) |
Alianza das polis helénicas (Esparta, Arcadia, Corinto, Fócida, Lócrida, Mantinea, Micenas, Orcómeno, Pylos, Platea, Tebas, Tespias e Texea) | ||||||||
Comandantes | |||||||||
Xerxes I | Leónidas I de Esparta † | ||||||||
Forzas en combate | |||||||||
Entre 200 000 e 1 700 000 (aínda que Herodoto afirma unha cifra de 5 283 220 homes (Herodoto, VII, 186)) | 300 espartanos, 700 tespianos Uns 6 000 aliados gregos. Desta forza inicial, o terceiro día retiráronse todos menos uns 1 000 | ||||||||
Efectos | |||||||||
Mortes: 20 000 segundo estimacións modernas | Mortes: 300 espartanos e 700 tespianos mortos, incluíndo a Leónidas I, e aproximadamente 1 000 do resto de aliados |
A batalla das Termópilas, envolta no contexto da II guerra médica, decorreu no verán do 480 a.C., no desfiladeiro das Termópilas, na Grecia Central. Alí, de acordo coa tradición do historiador Heródoto de Halicarnaso, 300 espartanos, so o comando do seu rei Leónidas I, acompañados por non máis de 7 000 aliados doutras πόλεις (cidades-Estado) helénicas, enfrontáronse a millóns de persas (na realidade o número real semella que foi menor) liderados por Xerxes I, fillo de Darío I.
Pese á esaxeración dos números presentados por Heródoto, a gran disparidade numérica entre os bandos levou a que a batalla terminase cunha aparentemente atronadora vitoria persa, aínda que os gregos, antes de seren totalmente aniquilados, conseguiron infrinxir un elevado número de baixas e retardar considerablemente o avance dos persas por Grecia. A intervención dos gregos, para alén de levalos a morrer como homes ceibes, e non como escravos persas, foi de tal xeito decisiva para o futuro do conflito, polo que ben poden ser tamén considerados vencedores.
De facto, non vence unha batalla aquel que destrúe o exército inimigo, mais si aquel que cumpre o seu obxectivo – e os espartanos, ó deteren durante días ós persas nas Termópilas, permitiron a salvación de Atenas e, por conseguinte, das bases da futura civilización occidental. Esta foi, pois, unha batalla decisiva en todos os aspectos.
O contexto: as guerras médicas
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Guerras médicas.
Á entrada do século V a.C., Persia Aqueménida convertérase no maior imperio xamais visto, tanto en dimensión territorial, como étnica. Despois de subxugar os veciños medos, os Persas partiron á conquista de Babilonia, de Asiria, de Armenia, de Elán, de Bactriana, de Siria-Palestina, de Exipto e de Asia Menor, onde por primeira vez se virían a confrontar coas polis gregas de Xonia. Debido a todas estas conquistas, o seu soberano podíase apropiar do título de Rei de Reis – en lingua persa, ŠāhanŠāh (literalmente, o Xa dos Xas), título que Heródoto verte para lingua grega como βασιλεύς (basileus, «rei»).
O combate entre a Hélade (dividida en varias pequenas cidades-Estado independentes, separadas entre si por particularismos xeográficos e culturais) e o poderoso Imperio Persa (entón gobernado por Darío I) tornouse inevitable. No 499 a.C., rebenta a revolta de Mileto (en Xonia) contra os Persas, logo violentamente debelada; pouco despois, o emperador persa, sentíndose nunha posición de forza, envía ós seus embaixadores ás cidades da Grecia continental, a fin de que estas se sometesen pacificamente. Porén, o envío destas misións diplomáticas non produciu o efecto desexado – só Macedonia e Tesalia se declararon vasalas da Persia (enviándolle, segundo Heródoto, mostras do seu chan e da súa auga, en sinal de submisión), mentres que, nas demais polis, os legados imperiais foron executados.
Estoura así o conflito entre Persas e Helenos: a I guerra médica (tamén chamada I guerra pérsica ou guerra medo-persa). Darío I avanza rumbo á Grecia europea, desembarca en Maratón, onde é derrotado por unha forza combinada de hoplitas atenienses e plateenses (Esparta, a potencia militar de Grecia, recusouse a estar presente, invocando motivos relixiosos). Darío I, derrotado, regresa a Asia.
O conflito reacenderíase co seu fillo, Xerxes I, que subirá ó trono no -485. A derrota pesaba sobre o espírito do novo monarca, e respirábase na Corte un clima de vinganza (fomentado, por exemplo, por Mardonio, o supremo comandante dos exércitos). Por este motivo Xerxes I procurou preparar, até o máis ínfimo detalle, a expedición destinada a tomar Grecia: comezou por ordenar a construción dunha ponte de barcas ligando as dúas marxes do Estreito dos Dardanelos (-484), permitindo unha máis fácil dislocación das súas tropas e poupando desa forma recursos preciosos e tempo (máis tarde, os Helenos – como por exemplo Esquilo, na súa traxedia Persas – atribuirán a Poseidón, o Deus dos Mares, un papel relevante na súa vitoria, pois o rei persa, ó tentar deter unha forza da Natureza – manifestación do sagrado animada por aquela divindade –, espertou a ira do Monte Olimpo, o cal decidiu entón a sorte da guerra a prol do pobo grego); ó mesmo tempo, determinou que unha poderosa escuadra atravesase o mar Exeo e virase ás costas gregas, así que se iniciase a invasión, por forma a apoiar as operacións en terra.
As cidades-Estado gregas, coñecedoras dos preparativos da nova expedición persa, decidiron, como reacción, pór de lado as súas diverxencias tradicionais, e reuníronse na conferencia pan-helénica no Istmo de Corinto (-481). Das cidades do continente, apenas Argos (a maior inimiga de Esparta na época), recusou estar presente, o que lle valeu a acusación de medismo, é dicir, de ser simpatizante dos medos (o nome xenérico que os Gregos atribuían entón ós Persas e ós pobos por eles subxugados); de igual forma, as colonias gregas (como a Cirenaica, no Norte de África, Massalia, no Sur da Galia, ou Siracusa, en Sicilia) tampouco compareceron, talvez por non se sentiren directamente ameazadas polos Persas, dada a súa situación xeográfica.
As 31 polis presentes na conferencia formaron unha Liga destinada a enfrontarse co inimigo común, proclamando a reconciliación xeral e declarando a guerra a Persia. O liderado desa liga foi atribuído ó rei Leónidas, que gobernaba o Estado militarista por excelencia na Antigüidade grega – os cidadáns Espartanos eran soldados profesionais, sendo condicionados, dende o berce, para a vida militar, o que fixo da cidade a potencia dominante da Hélade até entón.
A finais dese ano de -481 iníciase a proxectada invasión de Grecia, tendo os Persas dominado Macedonia, rica en materias primas (como a madeira), Calcídica cos seus excelentes portos de mar, e a fértil Tesalia, na cal estableceron as súas bases, encamiñándose deseguida para o centro de Grecia, onde se virá a trabar a batalla das Termópilas.
Acababa de se iniciar a II guerra médica, un novo conflito entre Occidente e Oriente, entre cidadáns (os habitantes das polis gregas) e os bárbaros (o nome co que, desprezativamente, os helenos referíanse ós medo-persas), entre europeos e asiáticos (por primeira vez na Historia da Humanidade, hai unha real consciencia da distinción entre dúas culturas, dous mundos distintos, separados por dous continentes) onde se viría a xogar o destino da Civilización Occidental, tal como hoxe a coñecemos. Porén, débese ter en conta que a propia construción narrativa de Heródoto retoma certos tópoi (lugares comúns) literarios que remontan, polo menos, ó primeiro gran relato bélico que chegou até os nosos días – a Ilíada de Homero, unha obra onde tamén o Oeste (os aqueos) e o Leste (os troianos) chocan entre si.
A xeografía
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Termópilas.
As Termópilas (do grego: Θερμοπύλαι, thermopylai, significando «portas quentes») son un desfiladeiro situado no centro da Hélade, encravado entre as cadeas montañosas do Eta e do Calídromo e un brazo de mar (o golfo de Malia), situándose na fronteira entre as rexións de Fócida (a suroeste), de Ftiótida (a Noroeste), de Lócrida (a Nordeste) e de Beocia (a sueste). Deben o seu nome ó feito de que no seu interior existan fontes sulfurosas, sendo que o estreito – unha sinxela faixa de area entre o mar e o desfiladeiro – era, en tres dos seus anacos (as famosas «portas», ás que o estreito foi buscar o seu nome), tan angosto que, segundo Heródoto, apenas podía pasar un carro de cada vez (Libro VII, 176).
Tratábase dunha rexión relativamente estéril, apta só para o pastoreo; por ese motivo e tamén pola súa intricada orografía, ben coñecida dos gregos, foi o local estratexicamente escollido polas forzas da Liga para deter o ímpeto persa (por se situar relativamente lonxe das bases de apoio que estes tiñan en Tesalia, tal dificultaría – e eventualmente frustraría – a súa arremetida).
De facto, os Helenos comprenderon que apenas terían posibilidade de deter o avance persa nunha rexión montañosa (se decidisen dar batalla ós Persas na vasta planicie de Tesalia, serían derrotados moito máis doadamente, pois quedarían de inmediato rodeados pola gran masa humana do inimigo e liquidados ante a desproporción dos números); do resto, foi cuestión moi discutida, entre os defensores de Grecia, saber cal era a mellor localización para deter o avance persa – se as Termópilas ou se o istmo de Corinto; porén, acabou por vencer a primeira posición, pola presión que Atenas colocou: se as forzas gregas se concentrasen en Corinto, Atenas ficaría desprotexida e suxeita ó embate directo co inimigo.
Os números
[editar | editar a fonte]A batalla das Termópilas tornouse coñecida a través narrativa de Heródoto de Halicarnaso, na que o historiador fai opoñer catro millóns e medio de homes, recrutados á forza polos Persas, contra Leónidas e os seus trescentos espartanos, combatendo tan só pola liberdade da súa nación. Mais nin os Persas eran millóns, nin tampouco había só espartanos nas Termópilas. De feito, é típico dos historiadores da Antigüidade (e non só estes) a esaxeración do número, moitas veces para forzar a creación de determinadas imaxes ós seus lectores (neste caso, e polo enfrontamento de números tan extremos, gabar o sacrificio dos gregos que faleceron nas Termópilas, ó tentaren atrasar ó máximo a penetración de Xerxes I no chan heleno).
Heródoto enumera, do lado grego, trescentos espartanos, cincocentos hoplitas de Texea e outros cincocentos de Mantinea, cento vinte de Orcómeno, mil de Arcadia, catrocentos de Corinto, douscentos de Pilos e oitenta de Micenas (prefacendo estes o continxente do Peloponeso, nun total de 3 100 homes); setecentos de Tespias, catrocentos de Tebas, mil homes de Fócida, e aínda un número descoñecido (pero elevado) de Lócridos Opuntianos. Polo tanto, un mínimo de cinco mil douscentos homes. É probable que a este número debamos acrecentar aínda os soldados auxiliares (moitas veces non mencionados), o que levaría, segundo os especialistas, a facer aumentar este continxente a preto de 7 500 homes (ou, no máximo, dez mil).
Heródoto, porén, non é coherente nos números que presenta, nin tampouco constitúe a única fonte crible para o relato dos números das Termópilas (aínda non sendo testemuña da batalla, é o máis antigo historiador en relatar o feito e, por tanto, o máis próximo do acontecemento). Noutro paso máis adiantado das súas Historias, alude xa a 4 000 homes do Peloponeso, entrando en contradición co que escribira no inicio da narración. Outros autores (como Isócrates, Diodoro Sículo, ou Pausanias), escribindo moito despois de Heródoto, falan noutros números – designadamente de mil homes oriúndos da Lacedemonia (a rexión dominada pola cidade-Estado de Esparta, termos que eran frecuentemente tomados por sinónimos), o que choca co número tradicional – e mítico – dos famosos 300 Espartanos.
De crer nestes relatos, talvez os setecentos Lacedemonios remanentes fosen homes de orixe servil (como os periecos e os hilotas), recrutados nunha situación verdadeiramente excepcional (cando normalmente non tiñan sequera o dereito a servir no exército), e eventualmente a contragusto da oligarquía dirixente de Esparta; por iso mesmo estarían ausentes da narrativa tradicional (aínda que, por exemplo, Heródoto se refira a cadáveres de hilotas nas Termópilas nun paso máis adiantado da narrativa, no Libro VIII, xa ó describir as batallas seguintes). Mais, tendo en conta que Esparta era a potencia militar dominante en Grecia, sería de moito interese manter ese statu quo, eliminando calquera referencias á presenza dos desprezados periecos e hilotas nas Termópilas.
Por outro lado, é posible que Heródoto, relatando os feitos que narra con corenta anos de distanciamento, atopase esa mítica tradición dos 300 tan fortemente enraizada entre os Espartanos, que non a puido (ou quixo) desmentir (o historiador era natural de Halicarnaso, cidade de fundación doria, o mesmo pobo do cal os Espartanos descendían e, por iso, é natural que tivera querido favorecer os seus compañeiros de etnia. Esa actitude, valeulle a crítica de Plutarco no seu Da Malicia de Heródoto, opúsculo onde defende que o historiador era claramente proespartano, o que faría máis subxectiva a súa visión dos acontecementos) pois sendo natural de Beocia, a rexión que tiña por cabeza Tebas (á que Heródoto lanzou duras críticas por ser simpatizante dos Persas), é natural que quixese recontar a historia baixo un punto de vista máis favorable á súa terra natal. Por iso mesmo, poden os modernos historiadores interrogarse, con propiedade, se o relato da batalla das Termópilas feito por Heródoto non constituíu unha mera construción historiográfica destinada a xustificar a superioridade militar de Esparta no contexto de Grecia.
Con todo, non é inverosímil que estivesen presentes apenas 300 Espartanos nas Termópilas; se é verdade que a cidade invocara a realización do festival relixioso de Carnea para se poder eximir de enviar un maior continxente de tropas (o que podería denotar algunha má vontade para cos parceiros da Liga, designadamente Atenas), non é menos verdade que Esparta debería saber que contaría cun portentoso exército pola fronte e, aínda así, destacou o valor dos seus homes a fin de se sacrificar nas Termópilas: 300 homes, todos eles (segundo o relato do historiador) «con fillos» – por forma a que se puidese perpetuar a tradición militarista da cidade –, comandados en persoa polo Rei de Esparta Leónidas I.
Mesmo o pequeno número de soldados presentes por cada unha das outras cidades gregas está tamén relacionado con outro feito moi importante: 480 a.C. foi ano de Olimpíadas, durante as que se proclamaba a tregua sagrada e cesaban as hostilidades entre todos os inimigos en Grecia. Aínda que se tratase dun inimigo externo (non heleno), e se tratase dunha situación de excepción, a tregua entre os Gregos non foi levantada.
No lado do adversario, Heródoto fala de 2,1 millóns de medos-persas, acompañados por 2,6 millóns de soldados auxiliares. Estes números son claramente excesivos (xa que os Persas non dispuñan dunha loxística suficientemente avanzada, nin tampouco o estéril chan grego tería capacidade para alimentar un número de individuos largamente excedentario), sexa porque Heródoto descoñecese o número real, ou por pretender, moi probablemente, impresionar o lector, e realzar, por oposición, a pequenez da coligación helénica – a cal, aínda perdendo a batalla, acabou no fin vencendo a guerra contra os Persas.
O embate
[editar | editar a fonte]Nos principios de agosto do -480, as forzas da Liga posicionáronse no interior do estreito, con Leónidas no supremo comando, tendo este no entanto que facer cara á tentativa de deserción dos Tebanos (acusados de simpatizaren cos medos, terse desprazado ás Termópilas tan só para que non recaese sobre a súa cidade a inimizade e o oprobio dos restantes membros da Liga, e tendo xa probablemente a secreta intención de fuxir na metade do combate, como viría, de facto, a suceder), e ós pedidos dos seus aliados do Peloponeso, que desexaban que as forzas se concentrasen no Istmo de Corinto. A todo isto o rei de Esparta respondeu con man de ferro. Colocou os focios na retagarda do estreito, para evitar calquera ataque sorpresa.
Ó mesmo tempo, os Persas aproximábanse ó desfiladeiro, tendo Xerxes I montado o seu campamento no curuto dun outeiro sobranceiro, en Malia, onde instalou tamén o seu trono áureo, onde observou, durante días, o enfrontamento armado entre os seus homes e os irredutibles Helenos.
Comezo da batalla
[editar | editar a fonte]Durante catro días, Xerxes esperou a que fosen os Gregos os que tomase a iniciativa, mais finalmente foi el quen decidiu atacar primeiro. Na madrugada do quinto día; os seus homes, armados só cun pequeno escudo e unha lanza de menores dimensións que a dos hoplitas gregos (cuxo armamento – helmo, coiraza, escudo, grebas, lanza e unha pequena espada – dáballes, nesta fase do confrontamento, unha superioridade decisiva), ao tentaren penetrar no desfiladeiro, víronse completamente rexeitados, pois as falanxes gregas destruían doadamente as súas lanzas e, desarmándoos dese xeito, foi fácil acurralalos de seguida.
Xerxes, que observaba o espectáculo, tería dito, segundo Heródoto, ter «moitos homes, mais poucos soldados» (VII, 210). De feito, aínda que Xerxes dispuxese da superioridade numérica, as condicións físicas do estreito impedíalle tirar partido desa vantaxe (designadamente, pola imposibilidade de facer atacar aí a súa célebre cabalaría).
Mesmo cando Xerxes ordenou que os arqueiros medos disparasen, os longos escudos dos Gregos protexéronos das frechas; é nese contexto no que Plutarco (nos seus Apótegmas dos Espartanos) atribuíu a Leónidas unha célebre afirmación, en resposta a un soldado que dixera que as frechas dos medos tapaban o Sol: «Mellor, pois se os medos tapan o Sol, combateremos a sombra» (Heródoto, porén, reporta esta afirmación a un tal Dieneces, tido como un dos máis bravos soldados de Esparta presentes neste prelio).
Plutarco afirma que Xerxes procurou evitar o combate por todos os medios, e enviou cartas ao rei espartano, dicíndolle que lle atribuiría o goberno da satrapía de Grecia se este depuxese as armas e pasase para o lado persa, ao que Leónidas tería respondido, moi laconicamente – como era característico dos Lacedemonios – «Vinde buscalas!».
Como estas estratexias non daban resultados, Xerxes ordenou que avanzasen os 10 000 Inmortais, comandados por Hidarnes. Tratábase do corpo de elite da infantaría persa, o cal, de acordo coa tradición, debía o nome ao feito de que no que morría un dos seus combatentes, este era inmediatamente substituído, prefacendo desa forma un total constante de dez mil, e por iso mesmo tidos como «inmortais». Aínda que estaban mellor adestrados e mellor equipados que o resto do exército, esta estratexia non produciu o efecto desexado, ao non seren capaces de mover os gregos da súa posición no interior do estreito. Inclusivamente, o rei, sentado no seu trono no alto do outeiro, viu morrer un irmán seu neste enfrontamento inútil.
A traizón
[editar | editar a fonte]Ao sexto día, o rei Persa, xulgando que o cansazo xa domara os seus opoñentes, resolveu volver a atacar; porén, non recolleu mellores froitos que no día anterior.
Foi entón que apareceu, no campamento persa, Efialtes, fillo de Euridemo de Malis, nome que se mantén como sinónimo de traidor. Dirixirase ó Rei de Reis na esperanza va de obter unha compensación pecuniaria a cambio de revelar un camiño secreto que conducía á retagarda das Termópilas (onde se achaban os Focios), a través da montaña. Xerxes convocou a Hidarnes e ordenou que os Inmortais percorresen o dito camiño durante a noite, para poderen atacar os gregos logo, pola madrugada.
De feito, os Focios, que gardaban a retagarda do estreito, só se percibiron da progresión do inimigo cando xa era tarde de máis, abandonando a súa posición diante do ataque dos arqueiros medos.
Entre tanto, no interior do desfiladeiro, no campamento dos Gregos, ultimábanse os preparativos para aquel que viría a ser o derradeiro día de batalla. Segundo Heródoto, un adiviño que se atopaba entre os soldados, Mexístias, após analizar as entrañas dos animais sacrificados ós deuses, concluíu que a morte chegaría coa aurora (o que sería corroborado coa aparición dalgúns desertores focios no campamento).
Leónidas reuniu o consello de guerra, tendo as opinións dos Helenos dividíndose: uns estaban a favor da retirada, para evitar unha inevitable matanza; outros defendían que aí debían permanecer até o último home. Leónidas resolveu o problema, declarando que todos os Aliados eran ceibes de partir, xa que non sentía neles a coraxe para combater; só el e os seus trescentos homes non podían desertar, pois a iso os obrigaba a Constitución de Licurgo (que declaraba constituír a deserción como a suprema deshonra para un Espartano); se polo contrario permanecesen alí e morresen loitando, o seu nome sería ateigado de gloria e xamais caería no esquecemento.
Ao mesmo tempo, esta decisión do rei debeu ser reforzada pola chegada dun oráculo da Pitonisa de Delfos; pouco antes do comezo da batalla, Leónidas mandara inquirir de Apolo quen sairía vencedor da pugna, e a sacerdotisa do deus respondeulle que un dos reis de Esparta deberíase sacrificar para que a respectiva polis puidese continuar en pé; se iso non sucedese, a cidade sería reducida a cinzas polos Persas.
É evidente que, aínda que embelecen a narrativa, non hai xeito de probar a veracidade destas profecías, polo que esta tradición puido ser forxada despois da batalla; non obstante, hai que ter en conta a popularidade que o oráculo de Delfos gozou ao longo dos séculos no Mundo Antigo, para poder supor que a tradición se basea nunha consulta real que Leónidas fixo ao Templo de Apolo no «embigo do Mundo».
Alén diso, o máis probábel é que Leónidas non teña tido tempo sequera para pensar na gloria futura; comprendendo a eminencia do masacre, deberá ter ponderado ser preferíbel dispensar a maior parte do continxente estacionado nas Termópilas, incumbíndoo agora da organización da defensa da Grecia mais ao Sur, no Istmo de Corinto, en canto os poucos que restaban nas Termópilas protexían a súa retirada.
Xunto dos Trescentos, a pesar de todo, ficaran tamén os setecentos Tespios (comandados por Demófilo, fillo de Diadromes) de libre e espontánea vontade, recusándose a abandonar Leónidas e, como tal, perecendo xuntamente cos Espartanos nas Termópilas (demostrase así que, ao contrario do que tradicionalmente se afirma, non faleceron alí apenas os trescentos Espartanos). Segundo Heródoto, Leónidas requiriu aínda que os catrocentos Tebanos (capitaneados por Leontíades), permanecesen xunto de si, talvez para testar a súa fidelidade; porén, Plutarco tece fortes críticas a este paso de Heródoto, por parecer querer desprestixiar os seus compatriotas beocios; Diodoro Sículo, no seu relato da batalla, nin sequera menciona que os Tebanos permanecesen na derradeira fase do confronto.
A matanza
[editar | editar a fonte]Chegara finalmente a aurora do sétimo día; os persas peneiraran o desfiladeiro, ora desgornecido polos focios, e inician o seu ataque por ámbolos lados do estreito; os gregos, conscientes de non haber outra saída que a morte, semellaban non temela e, segundo as Historias, loitaban con aínda máis decisión que nos días anteriores, causando grandes perdas entre os invasores.
Perante este último ataque dos Bárbaros, quebradas estaban a meirande parte das lanzas gregas polas machadas dos Persas, os helenos, cercados, enfrontaron por fin ó inimigo coas espadas, nunha loita corpo a corpo, falecendo así de modo honroso. Desa forma caeu Leónidas, no medio dos seus soldados, os que, de acordo con Heródoto, ao veren o seu rei perecer, logo procuraron recuperar o seu cadáver, cal trofeo de guerra que importaba preservar ao máximo das aldraxes que o inimigo lle podería provocar.
En efecto, cando a batalla acabou, Xerxes dirixiuse persoalmente ao campo onde se trabara a loita, procurando o corpo de Leónidas – o responsable do seu atraso na conquista de Grecia e do tan elevado número de perdas entre os seus homes –, ordenando deseguida que fose decapitado e a súa cabeza empalada (feito que ditou, de acordo coa lenda, que a alma penada de Leónidas, vagueando no Tártaro, atormentase a Xerxes nos seus soños para sempre, non só por non celebrar as súas exequias – parte integrante do riquísimo ritual bélico da Antigüidade – como por profanar o seu corpo).
Mais a salvación do corpo do seu rei non foi o único problema co que os Espartanos se debateron; a súa maior dificultade eran as desercións que continuaban a verificarse (Heródoto cita os nomes de dous Lacedemonios que sobrevivirían á batalla, afirmando que un deles se suicidou por non aturar a presión da deshonra, demostrando así que até entre os míticos Espartanos houbo desercións, e que nin todos os trescentos morrerían na batalla); a maior parte delas, porén, viña do campo dos Tebanos, os que, no medio da batalla, viráronse para o inimigo. Se esa traizón foi acordada previamente, se foi froito das circunstancias da batalla, ou se se trata sinxelamente dunha invención de Heródoto, non se sabe. Certo é que, segundo o seu relato, Xerxes, descontento, ordenou que a metade dos combatentes tebanos fose masacrado, e a outra metade escravizada.
As consecuencias
[editar | editar a fonte]O remate da batalla parece ser, á primeira vista, unha atronadora vitoria dos persas. Porén, ben observados os feitos, esta vitoria tivo tanto de esmagadora como de pírrica.
Faleceron nas Termópilas cerca de dous mil gregos (moito máis cós míticos trescentos Espartanos); porén, antes de caeren mortos, os Gregos infrinxiron un elevado número de baixas no exército persa (talvez entre 10 e 30 mil homes), para alén de reteren a súa marcha durante varios días; os homes e o tempo perdido nas Termópilas foron cruciais para o subsecuente fracaso de Xerxes, pois nese lapso temporal posibilitouse a evacuación da poboación de Atenas (cidade que será saqueada e incendiada polos homes de Xerxes) para a veciña Illa de Salamina, e a concentración das forzas gregas remanentes ao longo do istmo de Corinto.
A batalla naval do cabo Artemision, trabada ao norte da Eubea, escasos días após as Termópilas, redundou nun empate técnico, e só nos principios de setembro se comezou a esbozar a derrota do Rei de Reis: o estratego ateniense Temístocles forzou a armada persa a entrar no estreito de Salamina; aí, as pesadas embarcacións persas foron incapaces de manobrar diante das áxiles trirremes atenienses, acabando aquelas por sufrir unha copiosa derrota, o que levou a Xerxes a regresar a Asia. No ano seguinte, a machada final é dada en Platea, volvendo a Persia. As hostilidades proseguiron, no entanto, até a sinatura da Paz de Calias, no 449 a.C., xa durante o reinado de Artaxerxes I. O perigo medo, nunca completamente esquecido, só sería dominado cento cincuenta anos máis tarde, cando Alexandre III de Macedonia, o Grande, invadiu o Próximo Oriente e conquistou o vasto imperio de Darío III.
Os motivos
[editar | editar a fonte]A historiografía moderna áchase aínda contaminada pola visión que o Romanticismo oitocentista legou desta batalla: os gregos, tradicionalmente desunidos, resolveron unirse e loitar contra un inimigo común, pois sentíanse membros dunha mesma raza. Uníanse para loitar contra un inimigo común, que chegara para os asoballar, e facer dos libres Helenos meros súbditos do Rei de Reis; mais do que iso, uníanse para preservar, non só a súa liberdade, senón tamén a máis orixinal das súas creacións: a democracia, que vigoraba en varias das súas polis. Para iso, un grupo de soldados de Elite (movidos pola virtude do heroísmo, tan apreciada polos románticos) preferiría pagar coa vida a defensa deses ideais, tornándose nun símbolo de coraxe, espírito de sacrificio, e de resistencia ao invasor.
Non é crible que os Gregos tivesen a consciencia de constituíren unha Nación, no sentido que modernamente se lle dá ao termo (sentido forxado a partir do século XIX, precisamente polos románticos). De igual xeito, tamén parece improbable que os Helenos tivesen a noción real de que a loita que estaban a trabar era, máis que a sinxela defensa do seu territorio, un enfrontamento de civilizacións, entre valores e ideas radicalmente distintas.
Mais, a liberdade e o sistema de goberno dos Gregos non estarían tan ameazados polo Imperio Persa (o cal, comparado cos que o antecederon – como o asirio ou o babilonio –, era relativamente pacífico e tolerante); de feito, os Persas non foron os tiranos a que a historiografía grega alude – o descoñecemento, de punta a punta, das costumes e tradicións de cada un dos bandos, levou á formación de mitos sobre ámbolos pobos sen calquera fundamento de verdade. Desa forma foille fácil ao Romanticismo aproveitar eses datos para facer persistir a imaxe do Persa como opresor case até os días de hoxe, cando na realidade, os Persas protexían os costumes locais (foi durante o dominio persa no que, por exemplo, os xudeus deportados en Babilonia regresaron a Xerusalén para reconstruír o Templo), e tiñan o coidado de non impor, nin a súa lingua (empregaban o aramaico, lingua franca do Próximo Oriente antigo, como idioma da administración, e non o persa), nin a súa relixión (o zoroastrismo) aos seus súbditos. Probablemente o sistema democrático iría bater coas nocións de súbdito e de imperio, mais é probable que os gregos puidesen integrarse naquel que tentou ser o primeiro grande imperio universal da Historia.
En canto ao sacrificio dos Espartanos, debe ser entendido no cadro da súa propia mentalidade – como foi dito, estaban vocacionados dende a máis tenra infancia para a vida militar, de tal forma que, moi probablemente, a perspectiva de seren masacrados en combate non os perturbaría (aínda que, non obstante, Heródoto documente dous casos de desercións entre os Espartanos).
Importancia militar
[editar | editar a fonte]As Termópilas constitúen o exemplo, en termos de estratexia militar, de como un pequeno grupo de soldados ben adestrados pode ter, en circunstancias de desigualdade numérica, un grande impacto sobre un número de inimigos moito maior (tal como sucedeu tamén, por exemplo, no Álamo); porén, esta estratexia só é eficaz nun terreo desfavorable ó inimigo (campo pechado), pois, como foi dito, se a batalla fora realizada nunha planicie, facilmente os Gregos sairían derrotados.
Inspiración
[editar | editar a fonte]O desenredo das Termópilas ten causado, ó longo da Historia, unha fonda impresión a diversos homes das letras e das artes.
Débese citar, entre os primeiros, o poeta Simónides de Ceos, que escribiu un famoso epitafio que foi colocado no local onde se realizou a batalla (o cal aparece transcrito nas Historias por Heródoto), e que rezaba o seguinte:
- ´Ω ξεíν´, ´αγγέλλειν Λακεδαιμονíοις ´οτι τηδε
κείμεθα τοîς κείνων ρήμασι πειθόμενοι.
O que transliterado dá:
- O xein', angellein Lakedaimoniois hoti tede
keimetha tois keinon rhemasi peithomenoi.
E traducindo á lingua galega temos:
- «Estranxeiro, vai contar ós Lacedemonios que xacemos
aquí, por obedecermos as súas normas.»
(in Hélade, 6.ª ed., Coimbra, FLUC, 1995, p. 148).
Tamén Cicerón, nas súas TVSCVLANÆ QVÆSTIONES (I, 42), verteu este dístico ó latín, do seguinte xeito:
- DIC HOSPES SPARTÆ NOS TE HIC VIDISSE IACENTES,
DVM SANCTIS PATRIÆ LEGIBVS OBSEQVIMVR.
É dicir:
- Estranxeiro que pasas, di a Esparta ternos visto aquí xacentes
obedecendo as santas leis da Patria.
O mesmo Simónides escribiu igualmente outro dístico, non tan coñecido, que canta o seguinte:
- Aquí combateron un día, contra tres millóns,
catro mil homes de Peloponeso.
Tampouco ficou indiferente ó poeta portugués Luís Vaz de Camões, que alude a Leónidas I no paso de Termópilas no último canto d´Os Lusíadas, estancia 21:
- «Ou quem, com quatro mil Lacedemónios,
O passo de Termópilas defende [...]»
O poeta inglés Lord Byron (coñecido polo seu filhelenismo, que o levou á Grecia acabada de liberar do Imperio Otomán, a fin de loitar pola súa independencia – case unha reedición do conflito entre gregos e persas na Antigüidade –, incluso encontrando a morte cando os turcos puxeron cerco á cidade de Missolonghi, en 1824) alude tamén ás Termópilas, nun excerto dun poema de seu, The Islands of Greece:
- «[...]
Earth! render back from out thy breast
A remnant of our Spartan dead!
Of the three hundred grant but three,
To make a new Thermopylæ!»
Unha referencia á batalla das Termópilas é feita tamén no himno nacional de Colombia, que reza o seguinte, na súa estancia IX:
- «La patria así se forma,
Termópilas brotando
constelación de ciclopes
su noche iluminó
[...]»
É aínda de destacar a coñecida banda deseñada 300, da autoría de Frank Miller (1999), asó como a obra de Steven Pressfield Gates of Fire. An Epic Novel of the Battle of Thermopylæ (1998).
No que toca ás artes plásticas, é de recalcar o óleo de Jacques-Louis David, datado no 1814, nos albores do Romanticismo. Está exposto ó público no Louvre, en París.
A nivel do cinema, destaca tamén un filme realizado en 1962 polo polaco Rudolp Maté, The 300 Spartans.
Fontes
[editar | editar a fonte]- Heródoto de Halicarnaso, Historias, Libro VII, 202-239.
- Diodoro de Sicilia, Biblioteca Histórica, Libro XI.
- Esquilo, Persas.
- Estrabón, Xeografía.
- Isócrates de Atenas, Arquidamo; Panexírico.
- Pausanias, Descrición da Hélade.
- Plutarco, Apótegmas dos Espartanos; Apótegmas das Mulleres Espartanas; Antigos Costumes dos Espartanos; Da Malicia de Heródoto.
Obras que versan sobre as Termópilas
[editar | editar a fonte]- O león de Esparta. The 300 Spartans. Dir. Rudolph Maté (1962) (USA). Filme que impresionou a Miller na súa xuventude e fixo que decidise prometerse facer unha novela gráfica sobre a batalla.
- Steven Pressfield, Gates of Fire. An Epic Novel of the Battle of Thermopylæ, Garden City (Nova York), Doubleday & Company, 1998).
- Frank Miller, 300, Milwaukee (Wisconsin), Dark Horse Comics, 1999.
- 300, película baseada na novela gráfica anterior.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "2 Euro Battle of Thermopylae". Numista.com
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Batalla das Termópilas |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Javier Negrete: "La batalla de las Termópilas", en Historia. National Geographic nº 249, setembro 2024, px. 58-71.