Cine

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Cinema»)
Antigo proxector de cinema en Utrecht.

O cinema[1] ou cine, abreviaturas de cinematógrafo ou de cinematografía (do grego κινή kinē ou κίνημα kinēma, "movemento", e γράφω graphō "escribir", "gravar") é unha arte, un espectáculo e unha industria que apareceu a finais do século XIX froito dos avances tecnolóxicos que se desenvolveron no mundo da óptica ao longo do mesmo. Foi presentado ao público o 28 de decembro de 1895 en París polo cinematógrafo dos irmáns Lumière, un dispositivo que nos seus comezos servía de cámara para o rexistro de imaxes e de proxector para unha audiencia colectiva. Ao longo de 1896 difundiuse polas cidades europeas e norteamericanas. Anos antes no laboratorio de Edison nos Estados Unidos, Edison e W. K. L. Dickson (un empregado seu) desenvolveran o quinetoscopio e o kinetógrafo, un proxector individual e unha cámara respectivamente.

Características[editar | editar a fonte]

Irmáns Lumière, inventores do cinematógrafo.
Sala de kinetoscopios en San Francisco, contra 1894.

A característica principal do cinema no seu nacemento foi a súa capacidade para captar e reproducir a imaxe en movemento. Isto producirá grande impacto nos primeiros espectadores, que se sorprenden e se asustan coa proxección da chegada do tren que se achega cara a eles nunha das primeiras películas dos irmáns Lumière (aínda que esta anécdota parece ser máis unha lenda que unha realidade).

En esencia o cinema consiste na filmación dunha serie de imaxes fixas -fotogramas- que ao proxectarse reproducen a sensación de movemento. No cinema mudo o número de fotogramas oscilaba entre 15 e 18 por segundo, e no cinema sonoro pasaron a ser 24. Durante moito tempo afirmouse que iso se debía á persistencia retiniana, unha característica do ollo que fai que a imaxe permaneza na retina durante unha fracción de segundo, pero agora sospéitase que o proceso é moito máis complexo. Un dos fenómenos fisiolóxicos que o explicarían sería o chamado efecto phi, segundo o cal é o cerebro, e non a retina, quen reconstrúe o movemento a partir de imaxes en movemento. Sexa como for, calquera secuencia de imaxes fixas proxectadas a máis de 10-12 fotogramas por segundo (o efecto parece variar segundo a persoa e segundo a similitude das imaxes) produce no ollo a sensación de continuidade no movemento.

Como resultado dos inventos dos Lumière e de Edison-Dickson axiña se percibiu unha importante diferenza nas películas que facían. Uns, os Lumière, filmaban películas no exterior como La sortie des usines Lumière de 1895 e outras moitas semellantes inspiradas na súa concepción na fotografía. Outros, Edison-Dickson, na técnica teatral coas películas filmadas no primeiro estudo cinematográfico, o Black Maria, cos actores situados sobre un pano de fondo.

Outros historiadores opinan, pola contra, que esta diferenza se debe ó xeito que tiñan os Lumière e Edison de explotar as súas filmacións e os seus trebellos. Edison inventara unha máquina, o kinetoscopio, de visionado individual. Cada espectador debía introducir unha moeda no aparello e vían unha breve película completamente debruzados no visor do kinestoscopio. En cambio, o cinematógrafo dos Lumière proxectaba a película para varias persoas a un tempo (e que pagaran previamente unha entrada para accederen á estanza onde se fai a proxección). Isto é o que hoxe coñecemos coma cine, e por iso os Lumière son considerados os inventores do cinema, malia que Edison obtivese a súa patente. Esta diferenza tivo repercusión en como se filmaban as películas de Edison e as dos Lumière. Mentres Edison custodiaba celosamente o seu kinetógrafo e fornecía as salas de kinetoscopios só coas súas filmacións, os Lumière venderon cinematógrafos, enviaron cineastas por todo o mundo e distribuíron películas súas e dos seus axentes por todo o mundo.

Non obstante, nin sequera Edison puido impedir que outros inventores construísen as súas propias cámaras, unhas veces de xeito independente, outras plaxiando os inventos de Edison ou de Lumière. Decidido a impedir esta competencia, Edison fíxose coa patente do cinema e tratou de impedir que se construísen cámaras e se fílmase películas sen a súa autorización. Durante a chamada "guerra da patente", Edison perseguiu nos tribunais e fóra deles a quen pretendese filmar películas. O nacemento de Hollywood atribúese en parte ó intento dos cineastas independentes de librarse no afastado Oeste norteamericano das insaciables gadoupas de Edison e os seus avogados. Con todo, é ben máis probable que a produción cinematográfica se trasladase dende a chuviñosa Nova York e do ventoso e xélido Chicago a Hollywood por mor do clima benigno e soleado e pola gran variedade de escenarios naturais, urbanos, rurais e salvaxes.

Nacemento dunha industria[editar | editar a fonte]

Estudos de Edison en Nova York.
Do catálogo de Edison: combate entre os boxeadores Mike Leonard e Jack Cushing, 1894.

A "guerra da patente" finalizou coa derrota parcial de Edison, quen aceptou compartir os dereitos da súa patente cos membros da Motion Picture Patents Company (MPPC), os que mediante o pago dunha licenza, permitía rodar. Alén da MPPC, os independentes, pese a non pagaren a licenza, seguiron rodando e distribuíndo as súas obras grazas a que Eastman Kodak, principal fabricante mundial de película cinematográfica, se negou reiteradamente ás pretensións de Edison de que só abastecese ós socios da MPPC.

Finalmente, os independentes derrotan a MPPC. A principios dos anos 1920 ningún dos membros da MPPC, incluída a empresa de Edison, continuaba no negocio. Os independentes valéronse da integración vertical para dominaren o mercado e, a partir de mediados dos anos 1920, lanzarse á conquista dos mercados mundiais por parte de Hollywood. A integración vertical consistía en que os estudios, coñecidos na época coma as majors, producían, distribuían a través das súas propias redes e exhibición nas súas propias salas de cine.

Fóra deste sistema vertical só quedaron un fato de produtores independentes, as minors, que non posuían unha rede propia de cines e dependían das majors. As salas de exhibición que non pertencían ás majors estaban sometidas mediante un sistema de distribución controlado por Hollywood mediante técnicas escasamente competitivas como o blind-booking (contratación ás cegas, se unha sala quere contratar unha película interesante acepta contratar un certo número doutras películas que lle ofrece o estudo pero que non pode escoller) e o block-booking (contratación pechada ou por bloques, se unha sala quere unha película dun estudo debe contratala dentro dun grupo ou bloque con outras películas e non separadamente).

Este sistema de control da exhibición derivou nun sistema de produción. As salas eran estratificadas en salas de estrea (xeralmente, nas grandes cidades), salas de reestrea (na periferia das grandes cidades e un vilas medianas) e salas de circuíto e de dobre sesión (no rural e no arrabalde). As salas de estreas eran subministradas con películas de clase A (maior orzamento e estrelas máis rutilantes). Unha vez finalizaba a explotación destas películas nas salas de estrea, pasaban ás salas de reestrea e logo as de circuíto. As películas de clase B ou C eran estreadas directamente nas salas de reestrea ou, mesmo, nas de circuíto e as de dobre sesión.

Este sistema de explotación cinematográfica converteu ó cinema no principal motor económico dos Estados Unidos, xunto coa industria automobilística, e perdurou ata 1956, cando unha sentenza do Tribunal Supremo dos Estados Unidos, en aplicación das leis antimonopolio, obrigou ás majors a desfacerse dos seus circuítos de salas. Foi, en máis dun sentido, o final do Hollywood clásico, xa moi danado polo influxo da recentemente inventada televisión.

Narración e entretemento[editar | editar a fonte]

Charlton Heston en Xulio César, 1950.
Formato da película de 35 mm con son óptico.

Tras un período no que o cinema imitaba a outras técnicas e/ou artes, atopou o seu camiño propio, e non pasou moito ata que aparecesen os primeiros elementos narrativos nas películas. En L'arroseur arrosé (1895) dos Lumière xa vemos o xerme, aínda que moi esquemático, dunha historia. Nunha primeira época, entre 1895 e 1903, asistimos a un momento pleno de experimentos: Le voyage dans la Lune (1902), de Georges Méliès, introduce un suxerinte mundo de fantasía nas películas e o comezo dos efectos especiais nos filmes; The Life of a American Fireman (1902) e, sobre todo The Great Train Robbery (1903) de Edwin S. Porter, son exemplos dunha emerxente utilización da montaxe e amosan esbozos de narración.

É en Francia, Reino Unido, Estados Unidos, Dinamarca e Italia onde comezan a sentar as bases dunha arte nova, primeiro asociado ao espectáculo de feira e as variedades, unha especie de "teatro dos pobres" que enseguida acada un status propio. Contra 1915 David Wark Griffith, o pioneiro cineasta norteamericano, sintetiza e estrutura en The Birth of a Nation todos os descubrimentos dos anos anteriores. Griffith comeza a superar a forma primitiva, entendida esta coma un estadio anterior do cine, e senta as bases da narrativa clásica. Na película aparecen sistematizados recursos propios do modelo de narración que reinará décadas despois: un espazo narrativo que se constrúe co plano de situación, a estruturación en torno ao eixe, o plano-contraplano, a inserción de primeiros planos, a elaboración da continuidade na montaxe xunto coa montaxe en paralelo e a montaxe converxente.

Hoxe en día, como pasa con outros filmes da época, circulan varias versións da montaxe de The Birth of aNation, unha obra que trata da guerra de secesión norteamericana. A análise da secuencia do asasinato de Abraham Lincoln constitúe un exemplo significativo deste modelo de forma cinematográfica. Neste fragmento conviven rastros da forma primitiva co corpus da montaxe que dará pé ao cinema clásico. Xunto co plano de situación (un plano que define e acouta o espazo da escena), unha continuidade que prefigura o concepto de raccord, aparecen tratamentos coma o do asasino de Lincoln (John Wilkes Booth) que parece tomado no antigo Black Maria de Edison. O modelo está formulándose pero aínda quedan titubeos.

En paralelo á historia das décadas dos 20 e 30 do século XX o cinema vive un período de particular fecundidade. A forma cinematográfica do cinema mudo multiplícase en diversos modelos: o cinema orgánico americano, o cinema dialéctico soviético, o expresionismo alemán, o realismo poético francés ademais doutros movementos vangardistas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cinema.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • Cineclub Lumière. Cineclub vigués con proxeccións habituais, para socios e non socios e con videoteca propia para o empréstamo.
  • Cineclub Compostela. Cineclub compostelán con proxeccións e ciclos habituais. Nesta páxina podes atopar información sobre o mesmo, mais tamén sobre os filmes que proxecta.