Perieco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca

Crese que os periecos eran os habitantes das cidades costeiras e dalgúns asentamentos terra dentro de Laconia conquistados polos espartanos, pero non reducidos á condición de ilotas. Eran persoas libres que gozaban de certos dereitos, excepto dos políticos.

Condicións de vida[editar | editar a fonte]

Vivían e cultivaban as súas terras en asentamentos sometidos á autoridade de Esparta, afastados do núcleo central espartano en torno ao río Eurotas, onde se situaban os klêros (parcelas propiedade de cidadáns), cultivados polos ilotas. De aí deriva o nome, posto que periecos significa que viven ao redor de (provén de περί: ao redor de, e οἴκος -pronunciado «oikos»-: casa); é dicir, ao redor de Esparta. En efecto, moraban na costa e en zonas montañosas de Laconia.

A terra onde habitaban era alleábel: susceptíbel de compra e venda, pois non pertencía ao estado. Segundo fose a localización dos asentamentos variaban as súas actividades. As principais eran a artesanía e o comercio, daquela a agricultura e a gandaría. Inclusive podían participar nos Xogos Olímpicos e posuír escravos.

Os núcleos de poboación dos periecos chegaron a desenvolver certa autonomía. Estaban suxeitos ao control de maxistrados espartanos, os harmostas. Había vinte harmostas, un por cada división do territorio perieco.

Obrigacións[editar | editar a fonte]

Aos individuos desta clase social, o Estado impúñalles varias obrigacións, fundamentalmente no servizo militar: debían proporcionar continxentes de hoplitas, que combatían xunto aos espartanos, aínda que en unidades separadas. Tamén integraban a tripulación da escasa mariña espartana e o persoal de manufactura dalgúns artigos. Así mesmo estaban suxeitos a pago de tributos (os mesmos que achegaban os cidadáns espartanos).

Non podían casar con espartanas. Non se atopa rexistrada algunha rebelión ou sublevación protagonizada por periecos. Por iso inférese que a súa posición no Estado espartano era levadía.

Vivían en comunidades de organización autónoma en Laconia, ao redor dos lugares ocupados polos espartiatas, en Cinura, na illa de Citera e en Mesenia. Incluso podían desempeñar cargos de importancia e responsabilidade, como o perieco Diníada, que aparece ao mando dunha embarcación da frota peloponesia. Probabelmente eran descendentes de poboacións locais sometidas polos dorios.