Tespias

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca

Tespias (grego Θέσπιαι, Thespiai) foi unha cidade de Beocia ao pé do monte Helicón, mirando ao sur e ao golfo de Crisa, onde tiña o seu porto chamado Creúsa.

O seu deus principal era Eros. Natural da cidade foi a soada pola súa beleza física Friné quen regalou á cidade a estatua de Eros de Praxíteles, escultura que atraeu á cidade gran número de visitantes. Máis tarde a estatua orixinal foi substituída por unha imitación feita por Menodoro. Tamén había unha estatua de Eros feita por Lisipo, e unhas estatuas de Afrodita e de Friné, feitas por Praxíteles; no ágora había unha estatua de Hesíodo.

A cidade tiña un teatro e tres templos adicados a Afrodita Melanis, ás Musas e a Heracles. A cidade celebraba o festival de Eros (Erotida) e o das Musas (Museia) na montaña Helicón, cada catro anos.

O seu nome derivaba de Tespia, filla de Asopo, ou de Tespio, fillo de Erecteo, emigrante de Atenas.

Historia[editar | editar a fonte]

Foi unha das póleis máis importantes de Beocia, e (do mesmo xeito que Orcómeno dos Minias e Tanagra) enfrontouse a Tebas que pretendía someter toda Beocia á súa autoridade. Durante a Época Arcaica Tespias espallou o seu territorio absorbendo as póleis de Ascra (posiblemente a fins do século -VII) e máis tarde Tisbe (posiblemente a fins do século -VI).

Coa invasión de Xerxes I, Tespias e Platea foron as únicas cidades de Beocia que rexeitaron dar subministracións aos persas. Unha forza de 700 hoplitas de Tespias foron con Leónidas ás Termópilas e morreron na batalla.

Ante o avance persa os habitantes retiráronse ao Peloponeso e a cidade foi esnaquizada polo emperador persa Xerxes I. Ao ano seguinte uns 1800 soldados de Tespias combateron en Platea con armamento lixeiro. Expulsados os persas, a cidade foi reconstruída e algúns estranxeiros foron admitidos á cidadanía.

Na batalla de Delio (-424) Tespias loitou coa liga Beocia contra Atenas e todos os soldados morreron loitando, e cando ao ano seguinte foron acusados de favorecer a Atenas, Tebas atacou a cidade e destruíu as murallas.

En -414 o partido democrático tentou tomar o poder, mais o goberno oligárquico, con axuda de Tebas, impediuno, e os demócratas fuxiron a Atenas.

En -372 os tebanos destruíron outra vez as murallas de Tespias. Antes da batalla de Leuctra estaban á beira de Tebas, pero retiráronse sen loitar con permiso de Epaminondas. Segundo Diodoro Sículo e Xenofonte os habitantes foron expulsados de Beocia despois da batalla de Leuctra, seguramente pola retirada.

Máis tarde Tespias foi reconstruída, pero xa non xogou ningún papel na historia grega. Estrabón di que no seu tempo era unha das dúas cidades de Beocia de certa importancia (a outra era Tanagra), e Plinio o Vello di que era unha cidade libre. Segue sendo mencionada até o século VI.

Os restos da cidade atópanse preto da cidade de Lefka, á beira de Erimokastro ou Rimokastro. Estaba nunha chaira rodeada de outeiros polos dous lados, e tiña moita auga procedente do río Kanavari, que nace alí. Os antigos templos foron substituídos por igrexas que aínda conservan algún resto dos templos orixinais.

Notas[editar | editar a fonte]