Espada

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Espada de lingua de carpa, similar ás atopadas no río Ulla.

Unha espada (do latín "spatha", que tamén serviu para denominar á espada romana de cabalaría, que é longa e recta) é unha arma branca dun ou dous gumes que consiste basicamente nunha folla recta cortante, punzante —ou ambas cousas—, con empuñadura, e de certa envergadura[1] ou "marca" (denomínase marca a unha lonxitude a partir de aproximadamente do medio metro). Segundo a definición estrita non serían espadas os sabres, as catanas etc.

Nun senso meirande, téndese a entender por espada calquera arma branca de certa envergadura, independentemente do estilo da folla. O deseño e a construción da espada pode variar moito, segundo a lonxitude da folla, a súa forma, os seus gumes, as súas empuñaduras, a súa procedencia etc. De acordo coas características que posúen, reciben unha determinada denominación que identifica, clasifica e encadra á arma dentro dun tipo particular.

Teñen a súa folla metálica afiada nun ou nos dous gumes se é de tallo, ou sen gumes e con puntas agudas e duras se é de punzar, ou con ambas características. A empuñadura facíase de moitos e diversos materiais, sobre todo se eran espadas para "cinguir" ou de "parada" aristocráticas, pero adoitábase empregar a madeira ou corno recubertos -ou non- de coiro ou cordelería.

Sendo a súa aparición moi temperá (IV milenio a. C.), a súa folla fíxose inicialmente de cobre (moi débil), posteriormente de bronce, ferro e finalmente aceiro temperado. A factura e o manexo da espada permanecen constantes ao longo dos séculos, pero as técnicas varían entre culturas e períodos como resultado das diferenzas no deseño e propósito da folla. Os nomes dados a moitas espadas na mitoloxía, literatura e historia reflicten o alto prestixio da arma (ver lista de espadas).

Historia[editar | editar a fonte]

Idade antiga[editar | editar a fonte]

As primeiras armas que poden ser descritas como 'espadas' datan ao redor de 3100 a. C. Estas atopáronse no sitio arqueolóxico de Arslantepe, Turquía, por Marcella Frangipane da Universidade de Roma; estas están feitas de bronce arsenical, e teñen preto de 60 cm (24 polgadas) de longo.[2][3] Algunhas teñen incrustacións de prata.

Idade de Bronce[editar | editar a fonte]

Parte do relevo dunha escultura ibera onde se representa un guerreiro armado cunha falcata . final s.III, inicio s.II a.C.
Espada de Bronce.(800 a.C.)

Os humanos fabricaron e usarón armas con corte desde a Idade de Bronce. A espada desenvólvese a principios do II milenio a. C., a partir da daga, cando a confección de follas longas se fai posible. As espadas máis longas de 90 cm son raras durante a Idade de Bronce, pois a súa lonxitude excede a capacidade extensible do bronce (aliaxe de cobre e estaño). Non foi ata o desenvolvemento de aliaxes máis fortes, como o aceiro, que a espada longa foi práctica para o combate.

As espadas da Idade de Bronce teñen a súa orixe nos traballos do cobre do Mediterráneo e o mar Negro, así como en Mesopotamia. A espada inicia a súa andaina europea mentres que no Próximo Oriente durante un tempo unicamente faise uso de dagas; a espada destronará finalmente ao puñal como arma simbólica do guerreiro. A produción de espadas na China documentase desde a Idade de Bronce, durante a Dinastía Shang.[4]

A empuñadura nas súas orixes consistía simplemente nun mango, que protexía á man de escorregar sobre a folla ao empuxar. No século XV a. C. coñécense na Europa central e nórdica as espadas de lingüeta: as follas teñen unha estreita lingüeta que se insire na empuñadura dando lugar a formas diversas no sistema de enmangado, que chegaron pronto ao Mediterráneo Oriental: Grecia, Chipre e Exipto. As espadas do Bronce Nórdico, desde aproximadamente o 1400 a. C., mostran os característicos deseños espirais.

As espadas coñecidas como Naue Type II, que se expandieron desde a Europa Meridional cara ao Mediterráneo, foron relacionadas por Robert Drew co colapso da tardía Idade de Bronce.[5]

Cabe sinalar que o metal é, durante longo tempo, un elemento de prestixio co que se fabrican as armas, xoias e obxectos cerimoniais, aos que só teñen acceso as clases dominantes. Para a metalurxia requírese un especialista a tempo completo, mentres que as ferramentas cotiás seguen fabricándose a nivel doméstico, con madeira ou pedra tallada. Tan só a elite e os personaxes de certo poder social están en disposición de posuír estas armas e conseguir conquistas e defensa persoal. Esta diferenza social, forza e carisma, acabará convertendo a estes personaxes en defensores dun territorio e unha poboación, e empezarase a esbozar a figura do heroe.

Idade de Ferro[editar | editar a fonte]

Espadas de Hallstatt

As espadas de ferro fanse máis comúns a partir do século XIII a. C. Os hititas, os micénicos e a cultura proto-céltica de Hallstatt (século VIII a. C.) figuran entre os primeiros usuarios de espadas de ferro. O ferro tiña a vantaxe de poderse producir en masa, debido a maior cantidade dispoñible de materia prima. As primeiras espadas de ferro non son comparables coas posteriores de aceiro; crebadizas, aínda que superiores ás armas de bronce, pero a súa fácil produción e a maior dispoñibilidade de materia prima permitían por primeira vez o equipamento de exércitos enteiros con armas de metal, aínda que ocasionalmente os exércitos exipcios da Idade de Bronce foron completamente equipados con armamento de bronce.[6]

Os ferreiros aprenderon finalmente que, engadindo certa cantidade de carbón (engadido durante a redución en forma de carbón de leña) ao ferro, podían producir unha aliaxe mellorada (agora coñecida como aceiro). Na antigüidade existiron varios métodos diferentes de fabricación de espadas, entre os que é máis coñecido o deseño por soldadura (pattern welding). A técnica de deseño por soldadura consistía en unir distintos tipos de aceiro para mellorar a resistencia e tenacidade do material. Nesa época, o aceiro soldado por forxa atopábase case exclusivamente nas rañuras centrais que se lle facían ás follas para reducir a masa e mellorar a flexibilidade e o equilibrio. Chegáronse a desenvolver deseños intricados, que eran considerados a marca do mestre ferreiro.

Antigüidade clásica[editar | editar a fonte]

Co tempo, desenvolvéronse diversos métodos por todo o mundo. No tempo da Antigüidade clásica e os Imperios Parto e Sasánida de Irán, foron comúns as espadas de ferro. A xifos e a kopis gregas e a gladius romana son exemplos deste tipo, medindo aproximadamente de 60 a 70 cm.[7][8] Máis tarde Imperio romano introduciu a spatha[9] (o vocábulo para a súa empuñadura, spatharius, converteuse nun rango do tribunal en Constantinopla), máis longa, e desde entón o termo espada longa aplícase ás espadas comparativamente longas das súas respectivas épocas.[10]

As espadas chinesas de aceiro fan a súa aparición desde o terceiro século a. C. na Dinastía Qin: atopamos a Dao con só un fío, en ocasións traducida como sabre ou espada ancha, e a jian de dobre fío.

Idade Media[editar | editar a fonte]

O tipo spatha permanece estendido durante o período das migracións e aínda na Idade Media. As spathas da era Vendel (Suecia, 550-793) estaban decoradas con motivos xermánicos (similares aos dos bracteates -moeda de ouro plana, elaborados tralas moedas romanas). A era viquinga contempla novamente unha produción máis estandarizada, pero o deseño básico segue sendo deudor da spatha.

Só desde o século XI as espadas normandas empezan a desenvolver os gaviláns ou a cruz. Durante as cruzadas do século XII (ou XIII) este tipo cruciforme permanece estable, con variacións que só afectan á forma do pomo. Estas espadas estaban deseñadas como armas cortantes, aínda que se fixeron comúns puntas efectivas para rebater mellóralas na armadura. As espadas dun só fío popularizáronse en Asia. A espada coreana Hwandudaedo, derivada da Dao chinesa, coñeceuse no medievo cedo dos Tres Reinos. A catana xaponesa, cuxa produción se documenta aproximadamente no ano 900 deriva tamén da Dao.

Baixa Idade Media e Renacemento[editar | editar a fonte]

Detalle da espada roupeira, usada no século XV e XVI na Europa Occidental.

Novos deseños de espada - xunto a mellora da armadura - fóronse desenvolvendo a un ritmo cada vez máis rápido entre 1300 e 1500, durante o Renacemento. O principal cambio foi o alargamento da empuñadura, que permitía o uso ambidiestro, e unha folla máis longa. Este tipo de espada, chamada no seu tempo Langes Schwert (en alemán espada longa) ou spadone, era común cara a 1400, e varios Fechtbücher (libros de esgrima) que se conservan dos séculos XV e XVI ofrecen instrucións sobre o seu uso. Outra variante foi a espada especializada en perforar a armadura, do tipo estoque. A espada longa popularizouse pola capacidade de alcance, de corte e pulo, mentres que o estoque fíxoo pola súa habilidade para alcanzar os ocos entre as placas da armadura. A empuñadura envolvíase en ocasións con arame ou pel de animal para ofrecer unha maior suxeición, á vez que dificultaba a posibilidade de desarme ao golpear a man.

No século XVI, a longa doppelhänder (hoxe chamada zweihänder (ambos termos xermánicos designan o uso das dúas mans) finalizou a tendencia ao incremento do tamaño das espadas (sobre todo pola diminución das armaduras de placas e a chegada das armas de fogo), e a temperá Idade Moderna viu o retorno ás armas máis lixeiras, para unha soa man.

A espada foi a arma máis persoal neste período, a máis prestixiosa e a máis versátil no combate corpo a corpo, pero empezou a declinar o seu emprego militar debido a que a tecnoloxía cambiou a guerra. No entanto, mantivo un rol principal na autodefensa civil.

Idade Moderna e Contemporánea[editar | editar a fonte]

Samurai con katana.

Crese que o rapier (estoque) evolucionou da española espada roupeira no século XVI. O rapier (estoque) difire das espadas máis antigas en que non se trata dun arma militar, senón de uso civil. Tanto o rapier (estoque) como a schiavona italiana desenvolveron a cruz en forma de cesta para protexer a man. Durante os séculos XVII e XVIII, a smallsword, máis curta, converteuse nun accesorio esencial en Europa e no Novo Mundo, e a maioría dos homes ricos e oficiais militares portaban unha. Tanto a smallsword como o rapier (estoque) seguiron sendo as espadas de duelo máis populares ata ben entrado o século XVIII.

Cando o vestir espadas pasou de moda, os bastóns tomaron o seu lugar no armario dos cabaleiros. Algúns modelos de bastón (coñecidos como bastóns espada) incorporaban unha folla escondida. A canne, arte marcial francés, desenvolveuse como unha técnica de loita con bastóns e bastóns-espadas, ata converterse nun deporte.

Cara ao fin da súa vida útil, a espada serviu máis como unha arma de autodefensa que para un uso na batalla, e a importancia militar das espadas decreceu durante a Idade Moderna. Ata como arma persoal, a espada empezou a perder a súa preeminencia a principios do século XIX, paralelamente ao desenvolvemento das armas de fogo persoais e fiables.

As espadas seguen en uso, pero cada vez máis limitadas a dignitarios oficiais militares e uniformes cerimoniais. Malia iso, moitos exércitos conservaron as súas armadas de cabalaría pesada ata logo da primeira guerra mundial. Por exemplo, o exército británico adoptou formalmente un novo deseño de espada de cabalaría en 1908, case o último cambio de armamento antes do estalido da guerra. As últimas unidades de cabalaría pesada británica non pasaron aos vehículos armados ata 1938. As espadas e outras armas dedicadas á mele foron empregadas ocasionalmente por varios países durante a segunda guerra mundial, aínda que como arma secundaria polo seu desfase ante o armamento contemporáneo.

Espadas en Galicia[editar | editar a fonte]

Guerreiro galaico con espada.
Espadas castrexas.

As primeiras espadas son as que aparecen nos petróglifos da Idade de Bronce[11] (entre os que destacan as espadas nos petróglifos de Auga da Laxe, en Gondomar, na Pedra das Ferraduras, en San Xurxo de Sacos, e no Castriño de Conxo en Santiago de Compostela), mentres que as primeiras espadas atopadas son en contextos acuáticos[12] (excepto a Espada de Mouruás[13]) de tipo pistiliforme e lingua de carpa dragadas no río Ulla, Miño e Sil (concretamente en Catoira entre as torres de Oeste e Isorna, San Estevo de Sil[14] e Hío) entre as que destaca a espada de Meira froito do intercambio comercial atlántico; estas rutas por todo o arco Atlántico, que nalgúns casos chegaron incluso ata o Mediterráneo, acadaron o seu maior desenvolvemento durante a etapa transicional entre o II e o I milenio a.C. que nos deixou aquí estoques británicos de lingüeta trapezoidal dragados no río Ulla[15], espadas atlánticas de lingüeta calada tripartita e folla nervada de aspecto pistiliforme, dragadas tamén no Ulla, e na espada dragada en augas do río Miño fronte a Salvaterra. As espadas da Idade de Bronce adoitan ser importacións da Bretaña francesa e das illas británicas que, co decorrer do tempo, acaban por ser copiadas por ferreiros locais e alteradas ao gusto nativo dando lugar a modelos con alteracións indíxenas.

Na Idade de ferro os Galaicos abandonan as grandes espadas da era anterior por unhas máis pequenas[16] (excepto no caso da representada no guerreiro castrexo de Armeá) entre as que destacan as chamadas espadas ou puñais de antenas, feitas en bronce con folla case flamíxera e nervio central cunha empuñadura con tres terminacións.

A partir da Idade Media pasan a usarse o mesmo tipo de espadas que no resto da Península Ibérica, representadas nas armas que portan as estatuas xacentes dos sepulcros de señores feudais, así como un petróglifo medieval no lugar do Castelo no lugar do Formigueiro, no concello de Amoeiro. Fermín Bouza-Brey recolleu material etnográfico nos anos 30 do século XX, no que os labregos usaban unha espada que batían tres veces contra a auga dun río para bendicir casas e campos.

Instrumentos de castigo[editar | editar a fonte]

Pena de morte por decapitación, con espada.

As espadas xenuínas poden usarse para administrar unha diversidade de castigos físicos: penas capitais por decapitación ou a amputación de membros. En Escandinavia, onde por tradición se aplicaban os castigos coa espada, os nobres eran decapitados cunha espada e os plebeos cun machada.

En Asia pódese ver un emprego similar á espada. O shinai, unha espada de práctica, é tamén usada como instrumento de azoutes, moi común en escolas extracurriculares privadas.

Morfoloxía e terminoloxía[editar | editar a fonte]

Unha espada consta de folla e de empuñadura. O termo vaíña designa a cuberta da folla da espada, onde repousa cando non está en uso.

Folla[editar | editar a fonte]

Tres tipos de ataques poden realizarse coa folla: punzar, cortar e resgar. A folla pode ter dobre fío ou un só fío; esta última pode ter un falso fío preto da punta. Ao manexar a espada, o fío verdadeiro ou lado máis longo é o que se usa para punzadas en recto ou estocadas, mentres que o fío falso ou lado máis curto emprégase para contraatacar. Algunhas empuñaduras teñen o fío na parte máis longa, en tanto que as empuñaduras máis simétricas permiten o intercambio ao lado curto e ao lado longo simplemente virándoa.

A folla pode ter muescas ou acanalamentos coñecidos como fullers ou abatanadores, que dan lixeireza á folla e permiten á súa vez mantela forte e ríxida. A folla pode estreitarse de forma máis ou menos aguzada cara á punta, utilizada para punzar. A parte da folla entre o centro de percusión (CoP) e a punta coñéceselle como punto débil da folla. A sección entre o centro de balance (CoB) e a empuñadura é coñecida como punto forte da folla. A sección entre o CoP e o CoB é a parte media da folla. O recazo, tamén coñecido como ricasso ou ombreiro, é a pequena sección da folla inmediata cara a gárdaa que se atopa completamente sen fío, e pode ser presionada cun dedo para aumentar o control da punta. Moitas espadas non teñen recazo. Nalgunhas armas longas, como a Zweihänder alemá, unha cuberta de pel envolve ao recazo, e un espadachín pode estender aí o seu dedo para manexar mellor a espada en combate próximo.

O recazo contén normalmente a marca do ferreiro da espada. Nas follas xaponesas, esta marca aparece na espiga (parte da folla que se estende dentro da empuñadura) baixo o mango. No caso dunha espiga de cola de rata, o ferreiro da espada solda unha delgada vara ao final da folla cara a gárdaa. Esta variña chega ata a empuñadura (finais do século XX e construcións posteriores). Isto ocorre de xeito máis común en réplicas decorativas, ou espadas baratas de ornato. As espadas tradicionais non usan este método de construción, xa que pode romperse facilmente o punto de soldadura.

Na elaboración tradicional, o ferreiro da espada forxa a espiga como parte da espada. As espigas tradicionais van a través da empuñadura, dándolle maior durabilidade que a espiga cola de rata. Os ferreiros colocan dita espiga ao final do pomo da espada, ou en ocasións soldan a empuñadura coa espiga e a parte final desta a aparafusan ao pomo da espada. Este estilo é coñecido como de espiga estreita ou oculta.

As réplicas modernas, menos tradicionais, das espadas teñen en ocasións o pomo aparafusado, ou unha noz do pomo suxeita a empuñadura e permiten desmantelala. A espiga completa (máis común en coitelos e machetes) ten o mesmo ancho que a folla e conta co mesmo grosor do mango. Nas espadas europeas ou asiáticas vendidas na actualidade, moitas espadas anunciadas como de espiga completa son en realidade de espiga cola de rata.

A partir do século XVIII, a espada creouse para cortar, isto é, a parte afiada da folla se curvaba cun radio igual á distancia do corpo do espadachín que a ía a usar. Isto permitía que a folla tivese un efecto de serra máis que de simple corte. Nas espadas europeas, que se usan con toda a lonxitude do brazo, o seu radio de curvatura era de aproximadamente un metro. As espadas de Medio Oriente, ao usarse co brazo flexionado, tiñan un radio máis pequeno.

Empuñadura[editar | editar a fonte]

Florete con empuñadura italiana.

Por empuñadura compréndese toda a parte da espada que permite o control e manexo da folla e consiste do mango, o pomo e unha garda simple ou elaborada. As espadas de éraa postviquinga constaban unicamente dunha garda cruzada (chamada empuñadura en cruceta).

O pomo, ademais de mellorar o balance da espada e do mango, podía usarse como un instrumento de ataque no curto alcance. O pomo tamén podía ter borlas ou nós da espada.

A espiga é a extensión da estrutura da folla a través da empuñadura.

A guarnición, gardamán ou garda, é a defensa, tamén noutras armas brancas, que se pon para protexer a man.

Un gabián é un ferro que sae da guarnición da espada para defender tanto a man como o resto do corpo dos golpes do contrario. Normalmente hai dous, formando así unha cruz.

Vaíña[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Vaíña.

A vaíña é a cuberta protectora na cal repousa a espada. En todo o milenio, a vaíña foi elaborada de diversos materiais, incluíndo pel, madeira e metais, como bronce e aceiro. A abertura da vaíña por onde se introduce a folla chámase garganta e forma parte de toda a montura da mesma vaíña, na cal leva un gancho ou un anel que facilita a entrada da espada.

Nas vaíñas de pel xeralmente está protexida por unha punta de metal, na cal descansa a punta da folla da espada. A vaíña, xa sexa de metal ou de pel, brinda unha protección extra a través dunha extensión chamada cuña ou zapato.

Espadas dun só fío e espadas de dobre fío[editar | editar a fonte]

Como xa se indicou anteriormente, os termos espada longa, grande espada e a Claymore gaélica relaciónanse a unha era en especial, e cada termo designa un tipo particular de espada. Unha espada é en sentido estrito unha folla recta de dobre fío deseñada para cortar e rasgar*. Con todo, de maneira xeral, o termo vese modificado polas diversas influencias culturais. Case todos os investigadores designan ás espadas dun só fío, como as armas asiáticas, coa palabra de espada, polo prestixio que comparten das súas contrapartes europeas.

Os europeos tamén se refiren de maneira frecuente ás súas espadas dun só fío como espadas, incluíndo os sabres e floretes. Os outros termos (cimitarra, mandoble, tranchete, chafalote, espada mortuoria) son para referirse en esencia ao mesmo tipo de arma, pero a diferenza de nome débese aos seus distintos usos en distintas épocas.

Tipos de espadas[editar | editar a fonte]

  • Alfanxe espada de folla ancha e curva, con fío nun só lado.
  • Catana é un longo sabre xaponés (daitō), aínda que a palabra é usada xenericamente para denominar todos os sabres no Xapón.
  • Cimitarra espada de folla curva máis ampla no extremo libre, cun bordo afiado no lado convexo.
  • Florete espada longa, flexíbel de aceiro inoxidábel que se usa na esgrima.
  • Gladius espada curta dos lexionarios romanos.
  • Sabre (esgrima) deriva do sabre, espada que usaban os soldados de cabalaría.[17]

Espadas famosas[editar | editar a fonte]

Excalibur: A espada do rei Artur
Espadas nunha tenda.
  • Chandrahas: Espada que Shiva entregou a Ravana, rei de Sri Lanka.
  • Claíomh Solais: Espada de Nuada Airgeadlámh, rei dos Tuatha Dé Danann.
  • Excalibur: A espada do rei Artur, foille outorgada pola Dama do Lago (non se trata da mesma que saca da pedra) sendo devolta durante a súa agonía ás augas tras derrotar a Mordred. Nunha das historias do Mabigonion ("Kulhwch e Olwen") a espada Caledvwlch pertence a Artur en cuxos romances adquire o nome de Calibourne que dará despois o nome de Excalibur.
  • Caladbolg: A espada máxica de Fergus mc Roich, personaxe do Táin Bó Cuailnge.
  • Tisó: Espada de Ramón Berenguer I.
  • In Cruaidín Catutchenn: A espada de Cú Chulainn, que brillaba como un facho pola noite.
  • Bhavani Talwar: Espada entregada pola deusa Bhavani a Chhatrapati Shivaji Maharaj, rei de Maratha.
  • Zulfiqar: Espada do líder islámico Alí, cuñado de Mahoma.
  • Crocea Mors: Espada do rei britano Nennius.
  • Xoiosa: A espada de Carlomagno.
  • Ascalon: Espada de San Xurxo.
  • Lobeira: Espada do rei Fernando III O Santo.
  • Viladerlla: Espada Wilfredo o peludo e Martín o Humano, condes de Barcelona.
  • Espada de Misericordia: Espada do derradeiro rei anglosaxón Eduardo O confesor.
  • Durandarte: Espada de Roldán.
  • Dáinsleif: Espada do rei Högni de Escandinavia.
  • Tizona: Segundo a tradición cidiana era a espada do rei Búcar de Marrocos, pasou logo a Rodrigo Díaz de Vivar.
  • Colada: Segundo a tradición cidiana era unha espada do Conde Berenguel de Barcelona, pasou logo ao Cid.
  • Cortana: Espada cerimonial na coroación dos reis británicos, segundo a tradición pertencía a Tristán.
  • Legbiter: Espada de Magnus III de Noruega.
  • Skofnung: Espada do mitolóxico rei Hrólf Kraki.
  • Fierebrace: Espada de Guillerme IV, duque de Anjou.
  • Fragarach: Espada de Manannan mac Lir e Lugh .
  • Galatine: Espada de Sir Gawain .
  • Gram: Espada de Sigurd ou Sigfrido na saga Volsunga.
  • Grus: Espada histórica do rei polaco Bolesław III.
  • Hauteclere: Espada de Olivier ou Oliveros, outro heroe da Chanson de Roland.
  • Andúril: Espada de Aragorn.
  • Hrunting e Naeling: Espadas de Beowulf.
  • Szczerbiec: Espada da coroación dos reis polacos.
  • Thuận Thiên: Espada do rei de Vietnam, Lê Lợi, usada contra a ocupación Ming.
  • Tyrfing: Espada maldita, citada no Ciclo de Tyrfing, que inclúe a Saga de Hervar e partes da Edda poética.

Simboloxía[editar | editar a fonte]

Espada cerimonial da abadía de Essen.

A espada pode simbolizar violencia, combate ou intervención militar. A declaración de Xesús: Aqueles que vivan pola espada morrerán pola espada usaba este termo nese sentido. No islam, a expresión árabe Jihad bis saif 'loita pola espada' significa a guerra 'santa' para o islam. Outro exemplo deste significado metafórico vén ao vello refrán de a pluma é máis forte que a espada, atribuído a Edward Bulwer-Lytton.

A espada de Damocles é unha anécdota moral, onde unha espada suspendida encima dun líder significa o perigo sempre presente que acompaña este nivel xerárquico.

Nos casos seguintes, a espada significa armas en xeral, e a miúdo era considerada como un símbolo, ata que despois, na práctica operacional foi substituída por armas de fogo.

  • As espadas representan pelexa nos naipes latinos, as cales se inclúen en cubertas ou símbolos do tarot italiano (foron substituídas por dagas nas cubertas dos naipes franceses e no moderno xogo de naipes do Tarot francés ou Tarock). No tarot adivinatorio, a espada ofrécese como interpretación da representación do aire, así como da intelixencia. Tamén pode representar ao lume e o salvaxe, á clase militar / nobreza da sociedade.
  • O uso cerimonioso de espadas provén da época en que só os señores portaban espadas, converténdoo así nun símbolo de rango ou posición, que a maioría dos oficiais militares apoia.

A espada como emblema[editar | editar a fonte]

Espadas no escudo da reserva voluntaria de España.
  • As espadas tamén son usadas como emblema ou insignia (no vestido formal como uniformes, insignias, varios obxectos, ata escudos de armas), sobre todo:
Como o símbolo do poder, como unha espada de Estado, a espada de Piedade, cortana e espada da Xustiza (todos poden ser usados como atributos, en Inglaterra son cinco en total, durante a coroación).
  • Como o símbolo da forza armada ou dunha corporación. É por iso que se deu dereito a aplicar forza como o brazo da lei.
  • Como na insignia militar e de policía ou dunha unidade (por exemplo: rexemento) de tal Corporación. Cando estes son numerosos, son usadas moitas variacións e combinacións: dúas espadas cruzadas ou cunha coroa de loureiros, coroa, nacional ou emblema de fundador/patrón etc.
  • Como unha parte do uniforme do oficial militar. Nos Estados Unidos, son portadas polo exército, a mariña e os oficiais de gardacostas. Os oficiais marítimos e suboficiaiss tamén portan unha espada. Só os capeláns en servizo son excluídos de portala.
  • Tamén aparece na bandeira de Arabia Saudita.
  • Pode ser un atributo de recoñecemento honorario, como unha condecoración. Coñéceselle como espada da honra.

Outros significados[editar | editar a fonte]

A xustiza representada con espada e balanza.
  • Este símbolo significa ou reflicte nunha existencia de prestixiosos títulos, unindose con valores tales como: Espada de relixión, Espada da fe, Espada do estado ou Espada de guerra.
  • As espadas cruzadas teñen o seu símbolo particular:
    • Na táboa de símbolos misceláneos do Unicode como U+2694.[18]
    • Nun mapa: representa un sitio de batalla.
    • En xenealoxía ou biografía: a significación que unha persoa foi morta en combate.
    • Daisho xaponés: un par de espadas, Katana e Wakizashi ou Tanto, simbolizan a forza e a honra do samurai.
  • É tamén bastante habitual que as espadas representen a razón, por exemplo, como o proceso de "cortar por" a serie de elementos nun problema, a fin de deixar só aqueles coa relevancia comprobada.
  • Símbolo da valentía para loitar por unha causa xusta. A espada da dama da xustiza simboliza a aplicación estrita da xustiza nunha maneira neutra, que implica decisións legais.
  • O termo unha espada de dobre fío pode ser usada como unha expresión para algo que pode axudar ou obstaculizar simultaneamente, do mesmo xeito que nunha pelexa de espadas. Unha persoa pode aumentar a súa acción de panca poñendo a súa man sobre a lámina: podería gañar a competencia, pero tamén podería causarse unha ferida.
  • A espada ofrece unha función, como símbolo da masculinidad e que se representa tamén coa flor de lis, xa que a súa forma identifícase particularmente coa posición ergueita - como símbolo fálico de virilidade.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para espada.
  2. Oldest Swords Found in Turkey Arquivado 17 de febreiro de 2017 en Wayback Machine. en Deviant art (en inglés)
  3. Frangipane, M. et.al. 2010: The collapse of the 4th millennium centralised system at Arslantepe and the far-reaching changes in 3rd millennium societies. ORIGINI XXXIV, 2012: 237-260.
  4. Chang, K. C. (1982). Yale University Press, ed. "Studies of Shang Archaeology": 6–7. ISBN 0-300-03578-0. 
  5. Drews, Robert (1995). Princeton University Press, ed. The end of the Bronze Age: changes in warfare and the catastrophe ca. 1200 B.C (revisada ed.). pp. 197–204. ISBN 0-691-02591-6. 
  6. Burton, p.78
  7. Hanson, Victor Davis (1993). Routledge Publishing, ed. Hoplites: the classical Greek battle experience. pp. 25–27. ISBN 0-415-09816-5. Consultado o 22 de decembro do 2015. 
  8. Goldsworthy, Adrian Keith (1998). Oxford University Press, ed. The Roman army at war: 100 BC-AD 200 (en inglés). pp. 216–217. ISBN 0-19-815090-3. Consultado o 22 de decembro do 2015. 
  9. Fields, Nic (2009). Osprey Publishing, ed. The Roman Army of the Principate 27 BCE-CE 117 (en inglés). pp. 30–31. ISBN 1-84603-386-1. Consultado o 22 de decembro do 2015. 
  10. Mantello, Frank Anthony C.; Rigg, A. G. (1996). CUA Press, ed. Medieval Latin: an introduction and bibliographical guide (en inglés). pp. 447–449. ISBN 0-8132-0842-4. Consultado o 22 de decembro do 2015. 
  11. Sobrino Buhigas, Ramón: Corpus Petroglyphorum Gallaeciae.
  12. "Historia de Galicia" Anselmo López Carreira, Francisco Carballo ed A Nosa Terra 1996.
  13. "Breve reseña del museo, la espada de Mouruás" Ferro Couselo, J, Boletín Auriense I 1971
  14. "Armas de bronce ofrendadas al río Sil", López Cuevillas, F. ed Zephyrus 1955.
  15. "Espadas pistiliformes en el Bronce Final" De la Peña Santos, Antonio ed Sotelo Branco 1999
  16. "A cultura castrexa" Francisco Calo Lourido ed a Nosa Terra 1997
  17. Marek Stachowski: The Origin of the European Word for Sabre. In: Studia Etymologia Cracoviensia 9, Cracovia 2004.
  18. Unicode Character 'CROSSED SWORDS' (U+2694)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Allchin, F.R. in South Asian Archaeology 1975: Papers from The Third International Conference of The Association of South Asian Archaeologists In Western Europe, Held In Paris (decembro de 1979) edited by J.E.van Lohuizen-de Leeuw. Brill Academic Publishers, Incorporated. 106–118. ISBN 90-04-05996-2.
  • Prasad, Prakash Chandra (2003). Foreign Trade and Commerce In Ancient India. Abhinav Publications. ISBN 81-7017-053-2.
  • Edgerton; et al. (2002). Indian and Oriental Arms and Armour. Courier Dover Publications. ISBN 0-486-42229-1.
  • Withers, Harvey J S;(2006). World Swords 1400–1945. Studio Jupiter Military Publishing . ISBN 0-9545910-1-1.
  • Naish, Camille (1991). Death Comes to The Maiden: Sex and Execution, 1431–1933. Taylor & Francis Publishing. ISBN 0-415-05585-7.
  • Burton, Richard F (2008).The Book of The Sword. Cosimo, Inc. ISBN 1-60520-436-6.
  • Gravett, Christopher (1997). Osprey Publishing, ed. German Medieval Armies 1000-1300. ISBN 1-85532-657-4. 
  • Wertime, Theodore e Muhly, J. D.(1980) eds.The Coming of The Age of Iron. Yale University Press. ISBN 0-300-02425-8 .
  • Kirkland, J.Michael (2006). Stage Combat Resource Materials: A Selected and Annotated Bibliography. Greenwood Publishing Group. ISBN 0-313-30710-5.
  • Will, McLean; Forgeng, Jeffrey L. (2008). ABC-CLIO, ed. Daily life in Chaucer's England. ISBN 0-313-35951-2. 
  • Green, Thomas A. (2001). Martial Arts of The World: An Encyclopedia.V.1. ABC-CLIO. ISBN 1-57607-150-2.
  • Evangelista, Nick (1995). Greenwood Publishing Group, ed. The encyclopedia of the sword. ISBN 0-313-27896-2. 
  • Smith, William (1842). A Dictionary of Greek and Roman Antiquities. Londres.
  • Comnena, Anna. (1928). The Alexiad. Ed. e trad. Elizabeth A. Dawes. Londres: Routledge. Available at the Internet History Sourcebook Arquivado 06 de novembro de 2014 en Wayback Machine.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]