Saltar ao contido

Trirreme

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Un trirreme grego.

O trirreme[1] (en grego τριήρης en singular, τριήρεις en plural) era unha nave de guerra inventada probablemente no século VII a. C.. O nome deriva das tres ordes de remos que tiña en cada costado do barco.

Características

[editar | editar a fonte]

No desenvolvemento da arte naval na Idade Antiga, a invención do trirreme, atribuída tradicionalmente aos corintios, ten unha importancia equivalente á que, a principios do século XX, se operou coa creación do chamado "buque monocalibre" ou acoirazado. Non é que se aplicase á técnica de construción naval un invento revolucionario, nin que tivesen lugar cambios significativos no modo de combater das frotas no Mediterráneo, senón que se pode dicir que co trirreme, a técnica acadou un dos seus momentos culminantes. A construción e mantemento das forzas navais na Atenas clásica, co obxectivo de manter a supremacía naval e dese modo obter o control da navegación no mar Exeo, implicou a creación dun enorme mecanismo financeiro e loxístico, só equivalente, quizabes, ao que se creou en Inglaterra nos anos previos da Gran Guerra. Gran parte da vida económica e social en Atenas estaba dirixida ao mantemento da escuadra, que no seu momento de apoxeo chegou a totalizar unhas 300 naves.

No que ao deseño en si se refire, o trirreme marcou novos estándares de prestacións e versatilidade, e coa súa aparición todos os tipos de buque de guerra existentes quedaron practicamente obsoletos. Novamente, o paralelismo co acoirazado é evidente. O trirreme apareceu nun contexto no que aos poucos a táctica do combate naval evolucionara paseniñamente, pasando da loita a abordaxe ao uso do esporón. Este cambio é significativo no momento no que, para combater ao esporón, o factor clave non é o adestramento dos infantes de mariña para o combate corpo a corpo, senón a habilidade de manobrar e a velocidade para buscar unha posición favorábel para embestir e inutilizar as naves inimigas. A arma por excelencia dos trirremes na Grecia clásica era, pois, o esporón ou émbolos, e aquela mariña que máis e mellor perfeccionase o adestramento dos tripulantes e as características das naves sería a que obtivese o dominio do mar

A invención do trirreme atribúese aos corintios, no século VII a. C., pero a difusión deste tipo de nave, que substituía ás pentecónteras, foi un proceso bastante lento, xa que se trataba non de naves especialmente difíciles ou caras de construír, por comparación, senón porque requirían un investimento en recursos humanos (e xa que logo financeiros) que tardaron en estar dispoñibles. Con todo, durante as Guerras Médicas do século V, a nave de guerra por excelencia era xa o trirreme, non só no bando grego, senón tamén por parte dos persas. O cal induciu a algúns historiadores a pensar que realmente os trirremes non foron unha invención xenuinamente grega.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para trirreme.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]