Diwan

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Escola Diwan Loeiz Herrieu en Lorient.

Diwan ("xermolo" ou "semente" en lingua bretoa) é unha rede de escolas asociativas, laicas, de balde e abertas a todo o mundo, creadas no ano 1977 e que se basean nun sistema de ensino por inmersión lingüística en lingua bretoa. O proceso de ensinanza e aprendizaxe faise enteiramente en bretón e teñen unha metodoloxía alternativa.

As escolas Diwan forman xunto coa Calandreta, La Bressola, a Seaska e as escolas ABCM-Zweisprachigkeit, a confederación de escolas bilingües en Francia.

Orixe e recoñecemento[editar | editar a fonte]

No ano 1977 abren as dúas primeiras escolas-gardería Diwan en Kemper e Bro Leon, cun total de sete cativos, inspiradas nas ikastolas vascas, as ysgolion meithrin galesas e as Gaelscoil irlandesas. En abril de 1979 xa había 11 escolas cun cento de rapaces, e en 1980 abren os primeiros centros de ensino primario; a primeira escola pública abriuse en Saint Rivoal en 1982 e a primeira católica en Gwened en 1990. Deste xeito, en 1983, a rede Diwan dispuña de 19 centro de educación infantil e 4 escolas de primaria, cun máis de 300 alumnos. Calculábase que 21 centros máis foran bloqueados en toda Bretaña baixo escusas administrativas e de carácter económico.

Nese mesmo ano, as escolas Diwan foron recoñecidas polo Ministerio de Educación de Francia, e en 1985 son incorporadas ó sistema educativo público, á vez que comezaron a recibir algunhas subvencións oficiais dos organismos rexionais. En 1988 abriuse en Brest o primeiro instituto trilingüe de bacharelato. Porén, o 5 de maio de 1990, os mestres Diwan de Roazhon manifestáronse porque só un cuarto deles recibían o seu soldo do ministerio. En xullo do mesmo ano, conseguiron que os daquela 51 mestres Diwan fosen pagados polo Estado francés, mais non os considera como funcionarios nin asume a súa formación. En 1991 xa eran 822 alumnos en 22 escolas.

Organización[editar | editar a fonte]

No ano 1994, a rede Diwan, dirixida daquela por J.P. Couteller, dispuña de 24 centros repartidos polos cinco departamentos da Bretaña histórica con 175 mestres e 1.100 alumnos. Destes centros, 23 son de educación infantil e primaria e un de secundaria (de 11 a 15 anos) en Brest. Respecto ós mestres, fórmanse de 7 a 8 cada ano e requíreselles a titulación oficial de maxisterio máis dous anos de formación en bretón. O sistema de inmersión lingüística que se emprega é o utilizado no Quebec para o francés, e son frecuentes os contactos educativos con centros de Gales, País Vasco, Quebec e Cataluña. Ós sete anos introdúcese o francés como segunda lingua, ós 11 introdúcese o inglés como terceira e ós 13 o alemán ou o castelán como cuarto idioma. Tamén reciben algunhas subvencións dos departamentos, do Conseil Régional de Bretagne e da Comisión Europea. Calcúlase que cada ano aumentan entre un 15-16 % as matriculacións en centros Diwan. Segundo datos do ano 2003, había 8.874 estudantes.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]