Parias

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As parias (do latín pariāre: ‘igualar [unha conta]’, pagar) eran xuros que pagaban ós Reinos de Taifas (1035 - 1492) os reis cristianos para que non lles atacasen e para que fosen protexidos dos propios enfrontamentos que se producian entre os reinos taifas ou dos ataques doutros reinos cristiáns. As conquistas cristiás detivéronse no século XI debido á escaseza de poboación para asegurar o control das zonas conquistadas; prefiren pois os reis cristiáns o diñeiro das parias á ocupación. Este diñeiro foi investido polos cristiáns no seu rearme, mentres que os musulmáns foron sufrindo aos poucos unha grave desmonetarización. Con todo, hai que ter en conta que aínda que ao estar divididos en reinos de taifas o seu poder militar era menor que o dos reinos cristiáns, naquela época os económica e culturalmente prósperos eran os musulmáns, feito que permitiu que puidesen asistir ás duras peticións cristiás de riquezas.

O diñeiro das parias foi moi importante na activación do Camiño de Santiago e na proliferación de monumentos románicos no norte dos reinos cristiáns.

Gran parte dese monto serviu tamén para sufragar as obras da abadía de Cluny.

Cando, a partir do ano 1035 tivo lugar a desmembración do califato de Córdoba, comezou a desaparecer a inferioridade militar ante os musulmáns. En lugar do poderoso califa, os condados cataláns tiñan, ao oeste, o reino taifa de Lleida e, ao sur, o de Tortosa.

As relacións con estes pequenos Estados islámicos dirixíronos os condados de Barcelona e de Urgell, que eran os que tiñan fronteiras cos dous reinos.