Souto (botánica)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Castiñeiros dun souto.

Un souto ou castiñeira é un terreo poboado de castiñeiros (especies do xénero Castanea sp.) normalmente de orixe artificial e explotado secularmente en equilibrio coa natureza para o aproveitamento de madeira e froitos.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo galego souto viría do latín: saltus: fraga, bosque, selva.

Hábitat[editar | editar a fonte]

Sitúanse en lugares baixos, abrigados, temperados, preto dos ríos, dando formacións sombrías con pouco sotobosque. Danse en lugares silícicos, nunca calcarios. Xeralmente ocupan os fondos dos vales e abas con solos ricos substituíndo antigas fragas e reboledas.

Características[editar | editar a fonte]

Unha castiñeira sería calquera bosque onde o castiñeiro predomina como especie. Porén, cando falamos de souto adoitamos referirnos ás formacións antrópicas para o aproveitamento de madeira e froitos que acostuman aparecer principalmente na metade sur da provincia de Lugo e en toda a provincia de Ourense.

Aínda que os soutos ás veces acollen outras especies propias das carballeiras e fragas galegas, son formacións case monoespecíficas. Con todo constitúen un ecosistema altamente valioso polas especies animais e vexetais asociadas, aínda que algúns autores consideran o castiñeiro como especie foránea en Galicia.

Os castiñeiros dos soutos adoitan ser moi vellos, algúns milenarios, non de moita alzada, pero con toros grosos, ás veces ocos, froito das múltiples podas, queimas e enxertos. Os toros córtanse a unha altura duns dous metros do chan, para o aproveitamento madeireiro, volven agromar e vanse de novo podando periodicamente. A esta acción chámaselle demoucar, deboucar ou desmouchar os castiñeiros. Fórmase así unha árbore cun pé groso e baixo, de dous a catro metros de altura.

O castiñeiro foi unha árbore básica na sobrevivencia do pobo galego, principalmente para a alimentación, polo que os soutos foron esenciais na antigüidade.

Distribución[editar | editar a fonte]

Abundan nas provincias de Ourense e Lugo, especialmente na comarca da Ribeira Sacra e Trives. En Ourense no Barco, A Rúa, A Gudiña, Viana do Bolo, Celanova, Cartelle etc. En Lugo en Quiroga, Os Ancares, O Courel, A Fonsagrada, O Incio etc.

Soutos galegos de sona[editar | editar a fonte]

  • Souto da Retorta, monumento natural na parroquia de Chavín, concello de Viveiro (Lugo). Hoxe é un arboredo mais ca unha castiñeira, onde atopamos diferentes especies, entre elas o exemplar de eucalipto chamado o Avó de Chavín, a árbore máis alta de España e unha das de maior envergadura de Europa. Os eucaliptos centenarios de Chavín foron plantados a partir de 1860 para drenar os terreos baixos como protección contra as enchentes.
  • Souto de Rozabales, monumento natural na comarca das Terras de Trives , na parroquia de San Martiño de Arriba concello de Manzaneda (Ourense). Cando o descubrimento de América, disque algún destes castiñeiros do lugar Rozabales (Manzaneda), era varias veces centenario. Entre eles salienta o castiñeiro de Pumbariños, cuxo perímetro acada os 12,15 metros. Trátase dun exemplar enxertado, como a maioría dos seus compañeiros.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]