Antón Corral

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Antón Corral
Nacemento11 de xullo de 1936
Lugar de nacementoA Coruña
NacionalidadeEspaña
Ocupacióngaiteiro e luthier
editar datos en Wikidata ]

Antón Corral Martínez, nado na Coruña o 11 de xullo de 1936, é un gaiteiro e artesán de instrumentos musicais galegos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Antón Corral entrou en contacto coa música na escola, no colexio Santo Anxo de Lugo, onde aprendeu solfexo e comezou a tocar a bandurra. Naceu así o seu interese polos instrumentos tradicionais nos que continuou formándose a través de Antonio Sandar, compoñente do grupo Os Amigos de Lugo, co que aprendeu a tocar a gaita e o clarinete. A súa primeira actuación foi cun grupo de rapaces chamado Os Garabullos do Alto. Durante o servizo militar tocou o clarinete na banda militar. Logo de licenciarse meteuse de cheo no mundo da gaita, e tocou cos Modernos e Os montes, ámbolos dous de Lugo, cos que tivo máis participación. Paralelamente, tocaba coa Sección Femenina e impartía clases de gaita en Cantigas e Frores.[1]

Gaita feita por Antón Corral.

Deixou de traballar como axente comercial por problemas de saúde e, animado polo veterano gaiteiro cuntiense coñecido como O Patelas, comezou o seu labor como artesán en 1974 en Lugo de xeito autodidacta. En 1979 pasou a Ortigueira chamado pola Escola de Gaitas. Debido á falta de apoios económicos trasladouse novamente a Lugo, onde tentou formar un equipo con antigos alumnos como Carracedo, Ramón Casal, e o seu fillo Carlos Corral. Alí formaron un taller de artesáns chamado Soutelo de Montes, xa que a intención de formar unha cooperativa non prosperou. En 1983 trasladouse a Vigo para dirixir o Obradoiro-Escola de instrumentos da Universidade Popular de Vigo até o ano 2000 momento no que se retirou deixando a cargo do obradoiro ao seu fillo Carlos Corral. Neste obradoiro acadáronse importantes avances na organoloxía das gaitas: novas tonalidades, melloras no timbre e na afinación dos punteiros etc, e alí se formaron pasaron destacados artesáns e gaiteiros como Carlos Núñez, Xosé Manuel Budiño ou Anxo Pintos. Cos alumnos da escola, Antón Corral formou no 1984 o grupo Xarabal,[2] unha das primeiras bandas de gaitas galegas.

Xa retirado abriu un obradoiro en Tui,[3] no que continúa traballando xunto ao seu neto Ramón Corral.[4]

Premios e galardóns[editar | editar a fonte]

  • Premio "Artesán distinguido" outorgado por La obra sindical de artesanía (Madrid, 1977).
  • Premio "Diseño" do Ateneo de Ourense (Ourense, 1983).
  • Premio "Reconquista de Vigo" concedido polo Concello de Vigo. (1990).
  • Premio "Gaita de Ouro" do Ateneo de Ferrol (Ferrol,1996).
  • Premio da crítica musical. Círculo Ourensán de Vigo (Vigo, 2001).
  • Premio Vigués Distinguido, outorgado polo Concello de Vigo (2001).
  • Premio "Opinión" de 2009, outorgado pola Asociación de Gaiteiros Galegos.
  • Premio "Recuncho da palleta" en 2010, do programa da Radio Galega “Lume na Palleira”
  • Premio da música Var con V 2013, concedido polo Var con V.
  • Premio Honorífico Martín Códax da Música. Pontevedra 2016.[5]

No ano 2016 a autora Fina Fernández publicou a biografía: Antón Corral. A Alborada dun Soño.[6]

En xaneiro de 2018, no Teatro Municipal de Tui celebrouse unha gala en homenaxe a Anto Corral, na gala participaron algúns dos seus antigos alumnos como Carlos Núñez, Anxo Lorenzo, Anxo Pintos, Pancho Álvarez, xunto a banda de gaitas Xarabal, o grupo Santa Columba de Ribadelouro, e as bandas de gaitas Lembranzas da Terra de Guillarei e Arume de Malvas. Nese mesmo ano pronunciou o pregón das festas patronais de Tui.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Deputación de Ourense (1990). "Antón Corral: Ese gran mestre" (PDF). Anuario da gaita (5): 4–6. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de agosto de 2021. Consultado o 28 de xuño de 2021. 
  2. "Banda de Gaitas Xarabal – Páxina oficial da Banda de gaitas Xarabal". www.xarabal.org. Consultado o 2021-06-28. 
  3. "Obradoiro Anton Corral". obradoiroantoncorral.com. Consultado o 2021-06-28. 
  4. "Descubrimos os segredos da gaita no obradoiro de Ramón e Antón Corral". www.crtvg.es. Consultado o 2021-06-28. 
  5. "Premio Honorífico dos Martín Códax da Música para Antón Corral". Nós Diario. Consultado o 2021-06-28. 
  6. "Antón Corral. A alborada dun soño". Editorial Canela. Consultado o 2021-06-28. 
  7. "O Pregoeiro - Concello de Tui". tui.gal. Consultado o 2021-06-28. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]