Patrimonio da Humanidade en Islandia

Este é un artigo de calidade da Galipedia
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Localización dos sitios de Islandia na lista do Patrimonio Mundial.

O Patrimonio da Humanidade da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) componse de lugares de importancia para o patrimonio cultural ou natural descritos na Convención do Patrimonio Mundial da UNESCO, estabelecida en 1972.[1] O patrimonio cultural está formado por monumentos (como obras arquitectónicas, esculturas monumentais ou inscricións), grupos de edificios e ruínas (incluíndo sitios arqueolóxicos). As paisaxes naturais (constituídas por formacións físicas e biolóxicas), as formacións xeolóxicas e fisiográficas (incluíndo os hábitats de especies de animais e plantas ameazadas) e os lugares naturais que son importantes dende o punto de vista da ciencia, a conservación ou a beleza natural, defínense como patrimonio natural.[2] Esta é unha lista do Patrimonio da Humanidade en Islandia, especificamente clasificada pola UNESCO e elaborada de acordo con dez criterios principais, cuxos puntos son xulgados por especialistas na área. Islandia ratificou a convención o 19 de decembro de 1995, convertendo os seus lugares en elixíbeis para a súa inclusión na lista.[3]

En 2023, tiña tres sitios inscritos na lista. O primeiro sitio engadido á lista foi o Parque Nacional de Þingvellir, en 2004. Engadíronse outros dous sitios máis tarde, Surtsey en 2008 e o Parque Nacional Vatnajökull en 2019.[4] Þingvellir é un sitio cultural, mentres que os outros dous son sitios naturais.[4]

Ademais dos seus sitios Patrimonio da Humanidade, Islandia tamén mantén seis sitios na súa lista de candidatos. O sitio de Þingvellir figura na lista provisional dúas veces, como unha proposta para ampliar o sitio cultural para incluír o patrimonio natural, e como parte dunha nova candidatura transnacional para cubrir o patrimonio viquingo.[4]

Lista de lugares Patrimonio da Humanidade[editar | editar a fonte]

Nome: segundo aparece no Comité do Patrimonio da Humanidade
Rexión: de Islandia
Ano da inclusión: na lista da UNESCO
Datos da UNESCO: o número de referencia do sitio; o ano en que o xacemento foi inscrito na Lista do Patrimonio Mundial; os criterios nos que apareceu: os criterios de (i) a (vi) son culturais, mentres que de (vii) a (x) son naturais.[5]
Nome Imaxe Localización (condado) Ano da inclusión Datos da UNESCO Descrición
01 Þingvellir Bláskógabyggð 2004 1152; iii, vi (cultural) Þingvellir atópase nunha zona volcánica activa, destacando un importante "rift" tectónico. Dende o ano 930 ata 1798, Þingvellir serviu como sede para o Althing, unha asemblea ao aire libre que representaba a toda Islandia, onde a xente se reunía durante dúas semanas ao ano para estabelecer leis e resolver disputas. O Althing é o parlamento máis antigo do mundo.[6] Son visibles anacos dunhas 50 casetas construídas con céspede e pedra, aínda que os restos do século X están soterrados baixo terra.[7]
02 Surtsey Vestmannaeyjar 2008 1267; ix (natural) Surtsey é unha illa volcánica que se formou nunha serie de erupcións entre 1963 e 1967, a uns 32 quilómetros fronte á costa sur de Islandia. Dende 1964, serviu de sitio para estudar a colonización das poboacións fundadoras que chegaban de fóra. Como só uns poucos científicos poden visitar a illa, permaneceu practicamente inalterada dende a súa formación.[8]
03 Parque Nacional Vatnajökull Sueste de Islandia 2019 1604; viii (natural) O casquete de xeo Vatnajökull é o segundo meirande glaciar de Europa[9] e abrangue varios volcáns, entre eles dous dos máis activos da illa. As interaccións entre os volcáns e o glaciar orixinan diversos fenómenos, incluíndo o espectacular jökulhlaup, unha inundación súbita causada pola ruptura da marxe dun glaciar durante unha erupción subglacial.[10]

Lista de lugares candidatos[editar | editar a fonte]

Ademais dos sitios inscritos na lista do Patrimonio da Humanidade, os estados membros poden manter unha lista de sitios provisionais que poden considerar para ser nomeados. Só se aceptan candidaturas para a lista do Patrimonio da Humanidade se o sitio figuraba previamente na lista provisional.[11] No ano 2023, Islandia tiña seis lugares na súa lista de candidatos.[4]      * Lugar transnacional

Nome Imaxe Localización Ano da inclusión Criterios da UNESCO Descrición
Reserva Natural Breiðafjörður Unha vista da baía. Estrada e unha torre de radio diante. Oeste de Islandia 2011 ii, v, x (mixto) Breiðafjörður é unha gran baía pouco profunda no oeste de Islandia. Salpicado de illas, illotes e farallóns, é un importante lugar de reprodución de aves, incluíndo o ganso cabecinegro (Branta benicla) e o pilro groso (Calidris canutus). A zona estivo poboada continuamente dende a colonización de Islandia, e preserva comunidades baseadas no uso sostible do medio ambiente local.[12]
Mývatn e Laxá O lago Mývatn, rodeado de vexetación Norte de Islandia 2011 viii, ix, x (natural) As beiras do lago Mývatn e do río Laxá contan cunha exuberante vexetación, o cal contrasta coa paisaxe volcánica e árida circundante. O lago pouco profundo, rico en nutrientes, contén enxames de insectos acuáticos que son á súa vez alimento para varias especies de aves acuáticas. Na zona crían regularmente quince especies de patos.[13]
Monumentos e sitios viquingos / Parque Nacional Þingvellir* Þingvellir, a fenda tectónica Bláskógarbyggð 2011 iii (cultural) Esta é unha parte dun nomeamento de nove sitios en seis países diferentes que representan os exemplos máis destacados do patrimonio da idade viquinga, estando Þingvellir e algúns outros sitios xa incluídos individualmente.[14]
Parque Nacional Þingvellir Ribeira do lago Þingvellir Bláskógarbyggð 2011 vii, viii, ix, x (natural) Esta candidatura céntrase no patrimonio natural do xacemento cultural xa catalogado. A área foi moldeada pola deriva continental, o vulcanismo e a glaciación. Tamén é importante pola súa biodiversidade; o peixe Salvelinus alpinus evolucionou a catro formas diferentes no lago Þingvallavatn en menos de 10.000 anos.[15]
A tradición das casas cubertas de céspede Casas cubertas con céspede no tellado. 14 lugares 2011 iii, iv (cultural) A tradición das casas cubertas de céspede foi levada a Islandia polos primeiros colonos e evolucionou a partir das casas comunais. A estrutura dunha casa con céspede está construída con madeira e a casa está cuberta de céspede no tellado. A forma e as funcións destas casas mudaron co paso do tempo, adaptándose ao clima local e ás necesidades da xente. Na candidatura figuran catorce sitios representativos.[16]
Sistema volcánico Torfajökull / Reserva Natural Fjallabak Panorama de Kaldaklofsfjöll, rochas riolíticas con neve e vexetación escasa Sur de Islandia 2013 vii, viii (natural) O sistema volcánico Torfajökull inclúe un estratovolcán riolítico e un complexo de volcáns subglaciais. É un sitio importante para estudar as formacións riolíticas producidas durante as interaccións volcán-xeo. O sistema exhibe características xeotérmicas de superficie excepcionalmente diversas, incluíndo fumarolas, pozas de lama, solfataras (fumarolas que producen gases sulfurosos) e fontes termais. Estes albergan bacterias e arqueas termófilas únicas.[17]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. UNESCO, ed. (21 de novembro de 1972). "Convención para a Protección do Patrimonio Mundial, Cultural e Natural" (PDF). 
  2. "Convention Concerning the Protection of the World Cultural and Natural Heritage". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 1 de febreiro de 2021. Consultado o 3 de febreiro de 2021. 
  3. UNESCO (ed.). "Islandia". 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 "Iceland". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 7 de xullo de 2020. Consultado o 24 de novembro de 2019. 
  5. "UNESCO World Heritage Centre – The Criteria for Selection". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 12 de xuño de 2016. Consultado o 17 de agosto de 2018. 
  6. "A short history of Alþingi – the oldest parliament in the world". europa.eu. The European Union. Arquivado dende o orixinal o 24 de xaneiro de 2018. Consultado o 7 de abril de 2017. 
  7. "Þingvellir National Park". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 22 de xuño de 2020. Consultado o 28 de decembro de 2019. 
  8. "Surtsey". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 22 de xuño de 2020. Consultado o 28 de decembro de 2019. 
  9. "Hver er stærsti jökull í Evrópu?". Vísindavefurinn (en islandés). 5 de febreiro de 2016. Arquivado dende o orixinal o 11 de xullo de 2020. Consultado o 21 de xuño de 2020. 
  10. "Vatnajökull National Park – Dynamic Nature of Fire and Ice". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 22 de xuño de 2020. Consultado o 28 de decembro de 2019. 
  11. "UNESCO World Heritage Centre – Tentative Lists". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 20 de xullo de 2017. Consultado o 25 de xullo de 2017. 
  12. "Breiðafjörður Nature Reserve". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 23 de xuño de 2020. Consultado o 2 de xaneiro de 2020. 
  13. "Mývatn and Laxá". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 23 de xuño de 2020. Consultado o 2 de xaneiro de 2020. 
  14. "Viking Monuments and Sites / Þingvellir National Park". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 23 de xuño de 2020. Consultado o 2 de xaneiro de 2020. 
  15. "Þingvellir National Park". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 23 de xuño de 2020. Consultado o 2 de xaneiro de 2020. 
  16. "The Turf House Tradition". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 23 de xuño de 2020. Consultado o 2 de xaneiro de 2020. 
  17. "Torfajökull Volcanic System / Fjallabak Nature Reserve". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 23 de xuño de 2020. Consultado o 2 de xaneiro de 2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]