Patrimonio da Humanidade en Macedonia do Norte
O Patrimonio da Humanidade da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) componse de lugares de importancia para o patrimonio cultural ou natural descritos na Convención do Patrimonio Mundial da UNESCO, estabelecida en 1972.[1] O patrimonio cultural está formado por monumentos (como obras arquitectónicas, esculturas monumentais ou inscricións), grupos de edificios e ruínas (incluíndo sitios arqueolóxicos). As paisaxes naturais (constituídas por formacións físicas e biolóxicas), as formacións xeolóxicas e fisiográficas (incluíndo os hábitats de especies de animais e plantas ameazadas) e os lugares naturais que son importantes dende o punto de vista da ciencia, a conservación ou a beleza natural, defínense como patrimonio natural.[2] Esta é unha lista do Patrimonio da Humanidade en Macedonia do Norte, especificamente clasificada pola UNESCO e elaborada de acordo con dez criterios principais, cuxos puntos son xulgados por especialistas na área. Despois da disolución de Iugoslavia, a República Socialista de Macedonia declarou a súa independencia como República de Macedonia en 1991 e acudiu á convención da UNESCO o 30 de abril de 1997 baixo o nome de Antiga República Iugoslava de Macedonia (debido ao conflito polo nome do país que mantiña con Grecia).[3] Despois do acordo de Prespa, o nome do país cambiouse oficialmente a Macedonia do Norte no ano 2019.
No ano 2022, había dous sitios en Macedonia do Norte inscritos na lista e outros catro sitios máis na lista de candidaturas. O Patrimonio cultural e natural da rexión de Ohrid inscribiuse na 3ª sesión do Comité da UNESCO en 1979. En 2019, o sitio expandiuse para incluír a parte da costa albanesa do lago, converténdose nun sitio transnacional.[4] En 2021, o sitio dos faiais primarios dos Cárpatos e outras rexións de Europa foi expandido para incluír un bosque de faias dentro do Parque Nacional de Mavrovo, e o sitio é compartido por 17 países europeos máis. Os sitios candidatos de Macedonia do Norte son a cova Slatinski Izvor, a formación xeolóxica Markovi Kuli, o complexo megalítico arqueoastronómico de Kokino e a Igrexa de San Xurxo de Kurbinovo.[5]
Lista de lugares Patrimonio da Humanidade
[editar | editar a fonte]- Nome: segundo aparece no Comité do Patrimonio da Humanidade
- Rexión: de Macedonia do Norte
- Ano de inclusión: na lista da UNESCO
- Datos da UNESCO: o número de referencia do sitio; o ano en que o xacemento foi inscrito na Lista do Patrimonio Mundial; os criterios nos que apareceu: os criterios de (i) a (vi) son culturais, mentres que de (vii) a (x) son naturais.[6]
* Lugar transnacional
Nº | Nome | Imaxe | Localización (concello) | Ano da inclusión | Datos da UNESCO | Descrición |
---|---|---|---|---|---|---|
01 | Patrimonio cultural e natural da rexión de Ohrid* | Ohrid | 1979 | i, iii, iv, vii (mixto) | A cidade de Ohrid é un dos asentamentos humanos máis antigos de Europa con restos arqueolóxicos desde a Idade do Bronce ata a Época Medieval. É un testemuño destacado das artes e da arquitectura bizantinas, como as igrexas de San Xoán en Kaneo e Santa Sofía. Ohrid ten o mosteiro eslavo máis antigo e a primeira universidade eslava dos Balcáns. O lago de Ohrid data da era preglacial e ofrece un refuxio único para numerosas especies de flora e fauna de auga doce endémicas e relictas. O sitio ampliouse en 1980 e tivo lugar unha pequena modificación dos límites en 2009. En 2019, o sitio ampliouse para incluír a parte albanesa do lago.[4] | |
02 | Faiais primarios dos Cárpatos e outras rexións de Europa* | Mavrovo e Rostuša | 2021 | 1133quater; ix (natural) | Este sitio comprende bosques de 18 países europeos. Demostran o proceso de expansión posglacial destes bosques e presentan os patróns ecolóxicos máis completos e as masas forestais puras e mixtas de faia europea a través dunha gran variedade de condicións ambientais. O sitio apareceu por primeira vez en 2007 en Eslovaquia e Ucraína. Estendeuse en 2011, 2017 e 2021 para incluír bosques doutros países. O val do río Dlaboka en Macedonia do Norte engadiuse á lista en 2021.[7] |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ UNESCO, ed. (21 de novembro de 1972). "Convención para a Protección do Patrimonio Mundial, Cultural e Natural" (PDF).
- ↑ "Convention Concerning the Protection of the World Cultural and Natural Heritage". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 1 de febreiro de 2021. Consultado o 3 de febreiro de 2021.
- ↑ "the former Yugoslav Republic of Macedonia". UNESCO World Heritage Centre. 25 de decembro de 2017. Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2012. Consultado o 7 de maio de 2011.
- ↑ 4,0 4,1 "Natural and Cultural Heritage of the Ohrid region". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 17 de decembro de 2017. Consultado o 24 de agosto de 2018.
- ↑ "UNESCO World Heritage Centre Tentative Lists: Macedonia". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 6 de agosto de 2012. Consultado o 6 de xullo de 2019.
- ↑ "UNESCO World Heritage Centre – The Criteria for Selection". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 12 de xuño de 2016. Consultado o 17 de agosto de 2018.
- ↑ "Ancient and Primeval Beech Forests of the Carpathians and Other Regions of Europe". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2020. Consultado o 29 de xullo de 2021.