Val de Fornela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O Val de Fornela (ou de Forniella[1] na súa forma autóctona popular e como consta no arquivo municipal de Peranzais) é de orixe glaciar e está situado na bisbarra do Bierzo, provincia de León, comunidade autónoma de Castela e León (España). Encóntrase dentro da Reserva Nacional da Serra de Ancares (Lugo e León), lindeira cos concellos asturianos de Ibias e Degaña. O eixe principal do val é o río Cúa que percorre de norte a sur, encaixado entre altas montañas que acadan os 2000 m.

Vista do val preto de Chano.

O acceso ao val pódese realizar cruzando Fabeiro e Bárcena de la Abadía.

Localidades[editar | editar a fonte]

Dentro da área existen sete núcleos de poboación:

  • Fresnedelo
  • Cariseda
  • Faro
  • Trascastro
  • Peranzais
  • Chano
  • Guímara

Recursos naturais e turísticos[editar | editar a fonte]

Oso pardo.

O Val de Fornela é unha bisbarra tradicional cunha forte personalidade. Encóntrase englobada no espazo natural da Serra de Ancares que polas súas características biolóxicas e paisaxísticas especiais fano gozar de especial protección. Tendo especial coidado na conservación e mantemento das súas calidades.

Predominan lousas, calcarias, filitas, pedras de gra e cuarcitas. O clima que presenta é o oceánico de montaña.

A abundancia de auga fai que existan moitos regatos que van parar ao río Cúa, onde grazas ás súas augas cristalinas é un dos poucos hábitats practicamente inalterados da troita común autóctona.

En Guímara remata a estrada e para visitar o Cuadro, nacemento do río Cúa, débese continuar por unha pista en bo estado. Subindo aínda máis chégase ao pico Miravalles, ao Boquín e ao porto de Cienfuegos. A senda logo conduce á vertente do Río Ancares.

Nos montes crecen carballos, castiñeiros, acivros, abeleiras, arandeiras, faias, toxos e bidueiros. Ademais moi preto do Cuadro, lindando con Veiga Formosa, hai unha campa lamacenta onde crece o algodón de pantano, Eriophorum latifolium, un delicado xunco en perigo de extinción.

A fauna é abundante e as principais especies autóctonas son: xabaril, perdiz, corzo, lobo, aguia real, azor, xeneta, lebre, coello, londra, rebezo, pita do monte e, recentemente volveuse ver algún exemplar de oso pardo que se extinguira por estas terras.

Recentemente toda a Serra de Ancares foi declarada Reserva da Biosfera pola Unesco.

Economía[editar | editar a fonte]

Vista do val dende Chano.

As súas xentes sempre se dedicaron ao comercio ambulante e a arriaría.

Como aconteceu con moitas outras aldeas de vales próximos, as aldeas deste val fóronse despoboando agás nos meses de verán que volven encherse da xente que nalgún momento emigrou. É importante salientar o apego desta xente á súa terra e ás súas tradicións, moitas conservadas e outras recuperadas e revitalizadas ano tras ano. Esta situación é crítica para a economía local, aínda que grazas ao agroturismo e ás axudas dos organismos públicos a zona estase a empezar a recuperar. Foron moitos anos de abandono. As estradas, o teléfono, a luz son luxos de recente aparición.

Lingua[editar | editar a fonte]

O relativo illamento propiciou a existencia dunha cultura distintiva e típica fornela. Reflíctese na arquitectura popular representada polas pallozas, o folclore, as crenzas, costumes, mesmo na lingua tradicional, unha mestura de idioma galego, leonés, asturiano e castelán: o lingüista e poeta Dámaso Alonso a mediados do século XX estivo a investigar por estas terras a linguaxe destas xentes. Aínda se conserva unha especie de xerga chamada burón, recentemente recompilada nun libro para evitar a súa perda, e que se encontra moi relacionada co comercio que desenvolvían os naturais deste val.[2]

Non obstante varios filólogos consideran que a fala de Fornela é unha fala da lingua leonesa[3][4][5], agás a fala de Guímara, onde non hai acordo se encadralo no galego ou leonés, posto que esta fala presenta trazos de ambas as dúas linguas[6]. Hai especialistas que consideran esta fala de Guímara como unha microlingua mentres que outros a encadran no galego.[6]

Características[7][8]:

- Diptongación da tónica latina ë > ie: diente, siempre, tiempu, bien, tamién, stiella, gaviella, salvo na primeira persoa do singular do verbo ser: ía y na conxunción copulativa yá.

- Diptongación da tónica latina ö > uo: puörta, ruöca, muölas, nuösa, fuölle, fuöra, cuörvos, uöllu, nuöite, fuölla, guöi 'hoxe', fuönte, puönte.

- palatalización l-: llama, lluönga, llobu, llume, llingua.

- Conservación da -ll- latina: martiellu, butiellu, dubiellu, costiellas.

- Conservaciónda -l- latina: caliente.

- Sufixo -inu: molín, camín, foucín, toucín, sobrín, xatín. Na terminación de plural -inos perda da consonante nasal e nasalización da vogal tónica precedente; sobri~os, cami~os, moli~os, touci~os.

- Sufixo plural -ones mostra sistemáticamente a desaparición de -n- e a nasalización da vogal tónica precedente: riñõis, timõis, razõis, pantalõis, camiõis, montõis, ratõis, pontõis, rapazõis, paredõis, penõis, pradõis, homecõis, tragõis, zampõis.

- -lj-, -c’l-, -t’l-, -g’l > -ll-: fuölla, palla, fillu, muller, androllas, mallar, calellu, panolla, abellas, ouvella, ourella.

- Pl-, Cl-, Fl- > Ch-: chorar, chegar, chover, chenu, chenar, chanu; chave, chamar.

Historia e arquitectura[editar | editar a fonte]

Detalle das edificacións do sitio arqueolóxico de Castro Chano.

O val estivo habitado dende a prehistoria, como o demostran os restos de "castros" prerromanos presentes en Trascastro e Chano.

O Castro de Chano, situado ao noroeste da aldea, seguindo a estrada en dirección a Guímara, é un poboado que estivo habitado durante o século I a.d. C. e a primeira metade do século I d.C., descoñécese a razón pola que foi abandonado.

Está formado por varias edificacións, situadas nunha aba que estrañamente se encontra a aveseda, estas edificacións teñen forma circular similares ás pallozas (ao principio do camiño que leva ao castro realizouse unha reconstrución imaxinada de tres desas edificacións), parecidas ás encontradas no castro de Santa Trega en A Guarda, estando encadrado este castro na cultura castrexa do noroeste. Os indicios fan crer que aínda quedan máis edificacións por escavar, sendo o descuberto ata agora un barrio do castro. Unha muralla construída coa mesma pedra utilizada no resto das edificacións percorre o perímetro castrexo.

Na súa primeira escavación, realizada a principios da década dos 90 do século XX, encontrouse o Tesouriño de Chano, o cal aumentou as dúbidas sobre a causa do precipitado abandono do castro.

Festas populares[editar | editar a fonte]

O 15 de agosto ten lugar a Romaxe de Trascastro, día da Virxe de trascastro (santinha) e patroa de Fornela, xunto ao Santuario Da nosa Señora, onde no seu interior destaca un retablo barroco. As xentes do val e aldeas lindeiras reúnense para danzar en honor á Virxe, patroa do Val de Fornela. Xentes de moitas partes de España, pero sobre todo da Bisbarra berciana, achéganse a ver os Danzantes de todos as aldeas de Fornela (tradición que data de hai máis de 500 anos).

En todos as vilas do Val se danzou durante as Festas Patronais, a tradición perdeuse e volveuse recuperar con forza en catro deles; Peranzais, Trascastro, Chano e en Guímara (única aldea onde se permite danzar ás mulleres).

Gastronomía[editar | editar a fonte]

Xunto á paz destas montañas e vales, o viaxeiro pode gozar unha gastronomía baseada na caza, nos ríos, na gandaría e na cría do porco. O caldo galego, troitas, perdiz, coello de monte, xabaril, os diferentes embutidos, cabrito, carnes vermellas, leite frito, requeixo, mel, castañas asadas, chacina, patacas con bacallau ou o famoso botelo, é o que o forasteiro encontrará por estas terras. Calquera feira, festa ou celebración é motivo abondo para poder gozar dun bo prato de polbo con cachelos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. García Gil, Hector (2010). "El asturiano-leonés: aspectos lingüísticos, sociolingüísticos e legislación". Working Papers Collection. Mercator Legislation, Dret i legislació lingüístics. (25): 49. ISSN 2013-102X. 
  2. Fala de Forniella
  3. Blog
  4. http://www.academiadelallingua.com/lletresasturianes/pdf/Artículu%202-Héctor%20García%20Gil-Aspeutos%20fónicos%20de%20la%20fala%20de%20Forniella.%20Estructura%20fonolóxica%20y%20caracterización.pdf
  5. http://faceira.org/2011/07/dominio-linguistico-astur-una-historia-de-grandeza-pero-un-habla-que-encoge/
  6. 6,0 6,1 Nos lindeiros da galeguidade: Estudio antropolóxico do val de Fornela
  7. Fernando Álvarez-Balbuena García "Na frontera del asturllionés y el gallegoportugués: descripción y exame horiométricu de la fala de Fernidiellu (Forniella, Llión), I Fonética". En Varia asturlleonesa n’homenaxe a José A. Martínez, pxs. 199-245. 2015. Uviéu. Ed. Trabe.
  8. Héctor García Gil "Aspeutos fónicos de la fala de Forniella. Estructura fonolóxica y caracterización". En Lletres asturianes nº. 79, pxs. 25-42. Ed. ALLA. Uviéu 2002.