Valouta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 42°53′20″N 06°48′19″O / 42.88889, -6.80528

Vista xeral.
Igrexa parroquial.
Enrasado coa técnica da paleta.

Valouta (oficialmente Balouta en castelán) é unha parroquia do concello leonés de Candín, na comarca do Bierzo. Valouta ao igual do resto do concello de Candín pertence ao ámbito lingüístico galego-berciano e ao igual que no resto da bisbarra dos Ancares leoneses falase un dialecto do galego chamado ancarés[1].

Atópase ao noroeste da provincia de León, nos lindeiros coas de Lugo (Galicia) e Asturias. Esténdese rodeado de suaves elevacións cuxas ladeiras vense verdes durante os meses de verán. Valouta foi até finais do século XX o máximo expoñente das ancestrais vivendas chamadas pallozas. A arquitectura foi cambiando pero de todos os xeitos segue sendo o lugar de León onde máis casas-palloza existen[2].

Remate da cumeira do testeiro.

Pertence ao partido xudicial de Ponferrada, a 18 km do núcleo urbano de Candín, dende o cal se accede a través do porto de Ancares (coñecido tamén como porto Vello de Antero ou da Madalena) de 1600 msnm[3]. Ao sur da parroquia atópase a serra de Ancares e ao Norte a de Mingatón. Áchase nunha pequena subconca do río Navia, onde aflúen os ríos Valouta e Santadores. En 1984 solicitouse que fose recoñecido como Ben de Interese Cultural (BIC)[3].

Urbanismo[editar | editar a fonte]

A arquitectura de Valouta corresponde a un modo peculiar de vida dos seus habitantes e estivo dende os seus comezos adaptada ás necesidades e ocupacións dos mesmos. A economía baséase na agricultura e gandaría que en xeral responden ao seu propio consumo.

Palloza e a súa evolución cara a casa de pedra con teito de lousa.

O tipo tradicional de vivenda foi a palloza e consérvanse fotografías moi antigas -algunha de 1915 feita polo antropólogo Julio Caro Baroja- en que pode verse como a parroquia estaba infestado de pallozas e outros teitos auxiliares, e outras máis recentes de 1975 en que tamén pode verse que aínda había un número importante destas construcións. Existen ademais casas edificadas en pedra e con tellado de lousa, a maioría aproveitando unha antiga palloza reconvertida. En calquera caso, Valouta presenta unha arquitectura popular sen contaminar[2].

Palloza[editar | editar a fonte]

Nesta zona as pallozas son de liñas arredondadas, acomodándose ao desnivel do terreo. Algunhas son bastante grandes chegando a medir máis de 10 m de longo e os seus muros -duns 2 m de alto- son de pedra calcaria de lousa. A cuberta é a catro augas teitada con palla de centeo coa técnica à paleta e rematan a cumeira ou cume dunha maneira moi orixinal facendo un trenzado cos cugulos de palla que ademais de ser un elemento útil, resulta atractivo; este trenzado é dobre nas cabeceiras dos testeiros que é onde o vento azouta máis e hai máis perigo de deterioración. Por enriba é costume colocar unhas laxas planas de lousa para maior suxeición. Nun dos costados alongados ábrense os vans que son dúas portas de acceso á vivenda e de entrada á corte. O armazón é de madeira, ennegrecida polo fume ao longo dos anos.

Armazón de madeira na zona da palleira.

No interior consérvase mobiliario antigo e aveños en bastantes casas. Outras foron cambiadas para uso exclusivo de palleira ou corte e os seus habitantes mudáronse a outra casa próxima, tamén de pedra pero con tellado de lousa, aproveitando as comodidades modernas. O mobiliario e aveños conservados consisten en escanos[3], maseras, garmalleiras ou pregancias (cadeas para guindar o pote), ferramentas para fabricar zocas, mallos, paletas de teitar, candeleiros (artefacto para iluminar)[2],e brabanzons para abater xabaríns[4].

Hórreo colocado sobre paredes de pedra.

Hórreos[editar | editar a fonte]

No ano 2013 só quedaba un hórreo ao uso, teitado con palla de centeo. O edificio álzase sobre catro paredes construídas de pedra pizarrosa. Nunha delas ábrese unha porta que dá acceso ao espazo onde se gardan algúns apeiros ou ás veces o carro ou mesmo un tractor. O hórreo aséntase sobre catro patas de madeira chamadas pegollos. Sobre as patas hai unha laxa ou moa que evita a escalada dos roedores. Entre o chan do hórreo e o teito do almacén de pedra hai un pequeno espazo de ventilación chamado camaranchón que ás veces se aproveita para colocar as restras de millo á espera do secado. O teito é de palla de centeo feito coa técnica à paleta, cun acabado inusual no cume: trátase dun trenzado de palla ben anoado que proporciona un aspecto artístico. Na súa orixe a cúspide non estaba cuberta co clásico sombrerete de metal que mostra neste ano de 2013[5].

Teito que amosa o trenzado de palla no cume.

Outros edificios de interese[editar | editar a fonte]

O lugar ten unha igrexa dedicada a Santiago, con algunhas imaxes valiosas. Hai unha casa antiga que ostenta un escudo nobiliario. Consérvanse as ruínas dunha antiga trampa para lobos (con cebo vivo) coñecida no lugar como Corralón dos Lobos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ricardo Carballo Calero, Gramática del gallego común, p.120.
  2. 2,0 2,1 2,2 Menéndez, 2008, p. 248.
  3. 3,0 3,1 3,2 Serrano, S. (1996).
  4. Menéndez, 2008, pp. 251-252.
  5. Menéndez, 2008, p. 250.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Menéndez, Carmen-Oliva (2008). Teitos. Cubiertas vegetales de Europa Occidental: de Asturias a Islandia. Colegio Oficial de Aparejadores y Arquitectos Técnicos del Principado de Asturias. ISBN 978-84-612-7656-1.
  • Serrano, Secundino (1996). Enciclopedia de León. Santiago García. La Crónica 16. ISBN 84-920557-3-1.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]