Saltar ao contido

Maruxaina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Maruxaina, interpretación dunha intelixencia artificial.

A Maruxaina é unha serea de cabelo louro, metade peixe, metade muller, que vive na cova de Xan Vello, nas illas Farallóns.[1][2]

As illas dos Farallóns

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Illas Farallóns.
A lenda di...

A Maruxaina é unha serea loura, metade peixe, metade muller...

Vive na cova de San Vello... alá nos Farallóns... entre percebes e mexillóns, onde pasa o tempo fiando con febras de liño.

Nos días de temporal sóbese ó alto da Sombriza, berrando e tocando o corno... Hai quen di que para avisar ós mariñeiros do perigo que corren... outros que para enganalos e levalos a naufragar...[3]

A serea vive na cova de Xan Vello, entre percebes e mexillóns, baixo o illote da Sombriza no arquipélago dos Farallóns, pasa o tempo fiando con febras de liño. Esta ninfa mariña sobe o curuto da Sombriza cando hai temporal e berra e toca o seu corno[4].

Perdura na mente das xentes da vila mariñeira de San Cibrao a lenda da ninfa Maruxaina que desde o mar atrae cos seus cantos e coa súa enfeitizadora fermosura ós mariñeiros para que naufraguen.

As mansas augas convértense de súpeto en remuíños, tempestades, vendavais e furacáns deitando as embarcacións dos inxenuos mariñeiros que sucumben ás melodías engaioladoras da serea e que se deixan seducir polos seus feitizos e a súa beleza.

Ten a enganosa condición das ondinas traizoeiras, das fuxidías sereas errantes e das pérfidas náiades tramposas. Ó lonxe semella unha princesa que chama consoladora. Coa súa fermosura, coa súa doce voz e simpatía, cos seus ollos de luz atrae ós mariñeiros da vila. Embobados por un espellismo, por unha ilusión que os hipnotiza e enfeitiza, van caendo pouco a pouco por vieiros tortuosos que acaban en desastre. Poucos sobreviven para contalo, mentres ela ri satisfeita, compracida por aquel insaciado desexo que castiga a todo o pobo.

Tralas desgrazas acaecidas e após os relatos debullados polos poucos superviventes, acordaron as xentes buscar un remedio para que ninguén máis padecera a fatalidade da pérfida fada mariña. Para non sentir as músicas enfeitizadoras e as melodías de namoro que lles interpretaba a serea fixeron soar todos xuntos as cornas, que empregaban os mariñeiros para orientarse na noite ou nas brétemas cando saían ó mar, tan comúns por aquelas costas da Mariña. Para non sucumbir ós seus encantos decidiron ir de noite, nunha noite escura e sen lúa, para nin tan sequera sufrir o engano astral da lúa que potencia na noite os poderes dos estraños seres. Na vila apagaron tódalas luces, as candeas e lámpadas e saíron na procura da perversa serea.

A Maruxaina empregou de cantos recursos e feitizos coñecía, pero de nada lle valeron. Os mariñeiros apenas vían na noite os perfís da Maruxaina e cos ruídos de tantos cornos non sentían as músicas que ela insistentemente interpretaba. De tal xeito que puideron apresala e conducila a San Cibrao.

De volta, e xa capturada a serea, puideron regresar alumeando o camiño no medio dunha grande algarabía de satisfacción. Levárona á praza Maior da vila e xulgárona pola súa conduta, e aínda tendo en conta os seus alegados, non houbo clemencia. O final foi condenada e pagou as súas culpas sen misericordia algunha[5].

Porto de San Cibrao a carón da praia do Torno.

Festa da Maruxaina

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Festa da Maruxaina.

Continúase a festexar esta lenda. As xentes e os mariñeiros saen ó mar e fan soar as bucinas dos seus barcos facendo grande estrondo cando a celebran. De regreso acenden as luces dos barcos e xa na praza maior xulgan á serea Maruxaina establecendo dous bandos: uns que a defenden e outros que a acusan. Ó final dítase a sentenza absolutoria ou condenatoria e proseguen cos festexos orixinados dunha fermosa lenda[5][6][7].

  1. A Maruxaina Arquivado 10 de decembro de 2009 en Wayback Machine., no blog As minhas cousas de Bernabé.
  2. "SERES MITOLÓGICOS GALLEGOS: LA MARUXAINA". MISTERIOS Y LEYENDAS DE GALICIA Y ASTURIAS (en castelán). 2017-07-28. Consultado o 2020-04-02. 
  3. A Maruxaina, una Sirena en San Cibrao Arquivado 16 de abril de 2014 en Wayback Machine., no blog Periodismo & Misterio de Lourdes Gómez Martín (en castelán).
  4. Criaturas sobrenaturales, seres y animales mitológicos gallegos: 15. A Maruxaina, no xornal 20 minutos (3-4-2012) (en castelán).
  5. 5,0 5,1 A Serea Maruxaina, lendas en GaliciaDixital.
  6. A Maruxaina. Mitos, lendas e contos galegos, en Galicia Encantada.
  7. Emma Sola: Serea Maruxaina, no diario ABC (15-8-2007).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]