Lingua natural

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O termo lingua natural designa unha variedade lingüística ou forma de linguaxe humano con fins comunicativos que está dotado dunha sintaxe e que obedece supostamente aos principios de economía e optimidade. As linguas naturais adoitan estar baseadas en símbolos sonoros pero tamén poden existir linguas baseadas en sinais.

Na sociolingüística, o termo lingua natural tamén denomínase ás veces como lingua étnica en contraposición ás linguas planificadas (coma o esperanto). A lingua étnica evoluciona enmarcada por unha cultura de falantes nativos que empregan dita lingua cunha finalidade comunicativa. Deste xeito, distínguese entre idiomas tales como o chinés mandarín, o galego e o inglés, as cales son linguas étnicas; e o esperanto, ido, interlingua, ás cales denomínaselles como linguas planificadas. Con todo, unha lingua planificada tamén pode adquirir unha cultura, como é o caso do esperanto. Con todo, formalmente as linguas planificadas e as linguas étnicas poden cumprir igualmente cos requisitos de posuír sintaxe e principios de economía que as fagan axeitadas para a comunicación humana xeral.

Linguas naturais e linguaxe[editar | editar a fonte]

As linguas naturais contrapóñense a outras formas de linguaxe tanto humanas coma non humanas. Así xunto coas linguas naturais humanas temos:

Diferenzas coa linguaxe formal[editar | editar a fonte]

Ao contrario que na linguaxe formal, onde o significado dunha cadea ou frase só está influído polo seu aspecto ou "forma", nas linguaxes naturais a semántica ou significado específico e contextual dos seus compoñentes interveñen na validez ou non da frase, engadindo complexidade ao seu estudo.

A lingüística é a póla do saber que se encarga do estudo da linguaxe, entendido como o conxunto de regras que goberna calquera proceso de comunicación.

Admitindo a existencia de regras de comunicación, a lingüística estrutural chegou a definir extensivamente unha determinada lingua natural como o conxunto de frases que se poden emitir e emregar nesa lingua.

A finais da década dos anos 1950 Noam Chomsky propuxo incorporar as linguaxes naturais ao tipo de linguaxes susceptibles de ser estudadas polos sistemas formais por medio de gramáticas xenerativas, que darán lugar ás cadeas ou frases válidas nunha linguaxe dada.

Características das linguas naturais[editar | editar a fonte]

O lingüista Charles F. Hockett fala de quince trazos definitorios da lingua:

  1. Modo de comunicación: é a canle vocal-auditoria a principal na linguaxe humana (prodúcese a mensaxe coa boca e recíbese co oído). Tamén pode darse a canle manual-visual, ou da escritura.
  2. Transmisión difundida e recepción dirixida: na fala emítese unha mensaxe que se espalla en tódalas direccións e que pode ser escoitado por calquera; con todo, o sistema auditivo humano permite a identificación do lugar de onde provén.
  3. Transitoriedade: a mensaxe humana é temporal; as ondas esvaécense e a mensaxe non persiste nin no tempo nin no espazo.
  4. Desenvolvemento interlocutivo ou intercambiabilidade: un falante, en condicións normais, pode tanto emitir como recibir mensaxes.
  5. Retroalimentación total: o falante pode escoitarse a si mesmo no intre no que emite unha mensaxe. Isto é importante para a realización correcta da fala.
  6. Especialización: os órganos que interveñen na fala, á parte de servir para as súas funcións fisiolóxicas correspondentes, están especializados para a fala.
  7. Semanticidade: o sinal correspóndese cun significado en particular. É un elemento fundamental de calquera método de comunicación.
  8. Arbitrariedade: non existe correlación entre o sinal e o signo. Por exemplo, os fonemas que crean a palabra nada en si mesmos non teñen relación algunha con ese concepto; en croata, por exemplo, nada significa esperanza. Non hai razón algunha para que o concepto carencia de algo deba ser "nada" e non calquera outra combinación de fonemas.
  9. Discreticidade: as unidades básicas son separables, sen haber unha transición gradual. Un oínte pode oír ou "t" ou "d", e independentemente de que o escoite ben distinguirá ou unha ou outra, sen escoitar unha mestura de ámbalas.
  10. Desprazamento: pode facerse referencia a situacións ou obxectos que non se sitúan por deixe, no "aquí e agora", é dicir, separados polo tempo ou distancia, ou ata sobre cousas que non existen nin existiron.
  11. Dobre articulación ou dualidade: existe un nivel ou segunda articulación no que os elementos non posúen significado pero si distinguen significado (fonema), e outro nivel ou primeira articulación no que estes elementos se agrupan para ter significado (morfema). Os elementos da segunda articulación son finitos, pero poden agruparse de infinitos xeitos.[1]
  12. Produtividade: as regras da gramática permiten a creación de oracións novas que xamais foron creadas, pero que poden ser entendidas.[2]
  13. Transmisión cultural: a linguaxe humana é un produto dunha evolución histórica e transmítese entre xeracións.[3] É posible que non se dea no resto de formas de comunicación non humanas.
  14. Prevaricación: a mensaxe pode ser intencionadamente falsa.[4]
  15. Función metalingüística: a linguaxe humana permite referirse a si mesma; pódese dicir que "roda" é unha palabra fminina, e non se está facendo referencia algunha ao obxecto, senón á palabra en si.

Orixes das linguas nos seres humanos[editar | editar a fonte]

Con respecto á orixe das linguas, existen dúas posturas básicas:

  • A monoxénese ou hipótese de que en última instancia todas as linguas do mundo derivan dunha única lingua ancestral, é dicir, a hipótese de que as linguas humanas xurdiron por diversificación dunha protolingua que xurdiu nun determinado intre evolutivo da especie, a partir do cal continuaron existindo as linguas humanas. Na antigüidade, esta teoría atopa paralelismo coa fábula de babel, contida na Biblia.
  • A polixénese, sostén que o proceso que deu lugar ás linguas humanas puido suceder en diversos lugares e momentos.[5]

En ámbolos dous casos, logo da aparición dunha ou máis linguas actuaron procesos de diversificación ou cambio lingüístico que aumentaron o número de linguas, ata chegar aos varios miles de linguas existentes na actualidade.

A teoría de lingüística das linguas crioulas e os pidgins suxire que o proceso de formación dunha lingua natural xenuína a partir dun input lingüístico axeitado pode levar tan pouco tempo como unha xeración. O caso do lingua de sinais de Nicaragua creada a partir dun sistema semiótico inconsistente é un exemplo paradigmático de como pode formarse unha lingua consistente cunha gramática ben fixada, a partir de elementos inconsistentes.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Charles F. Hockett (1958): A Course in Modern Linguistics. The Macmillan Company: New York.
  • Charles F. Hockett (1961): "Linguistic Elements and Their Relation" en Language, 37: 29-53.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]