Observación

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A observación é unha actividade realizada por un ser vivo (por exemplo, un ser humano), que detecta e asimila a información dun feito, ou o rexistro dos datos utilizando os sentidos como instrumentos principais.[1] o termo tamén pode referirse a calquera dato recollido durante esta actividade.

Observación na ciencia[editar | editar a fonte]

O método científico inclúe os seguintes pasos:

  1. Observar un fenómeno,
  2. Elaborar unha hipótese como unha posíbel explicación a ese fenómeno,
  3. Predicir unha consecuencia lóxica con isto,
  4. Experimentar coa predición,
  5. Revisar para descartar calquera erro, e
  6. Chegar a unha conclusión.

A observación desempeña papel no primeiro e no cuarto paso da lista anterior. Neste recurso utilízanse os cinco sentidos fisiolóxicos, xunto coas técnicas de medición.

Observación na filosofía[editar | editar a fonte]

A observación en termos filosóficos é o proceso de filtrar información sensorial a través do proceso de pensamento. A entrada recíbese ou percíbese por algún dos cinco sentidos para despois ser analizada xa sexa a través do pensamento racional xa do pensamento irracional. Por exemplo: un individuo X "ve" a un pai golpear ao seu fillo, entón o individuo X "observa" e cualifica tal acción como boa ou mala. As deducións sobre se as condutas son boas ou malas poden basearse só en preferencias e non necesariamente na construción de relacións, ou estudos das consecuencias derivadas da conduta observada. Co paso do tempo as impresións almacenadas na conciencia relativas ás observacións, xunto coas conseguintes relacións e consecuencias, permitirán ao individuo X construír un concepto acerca das implicacións morais dun comportamento.

A característica definitoria da observación, en filosofía, é que trata de extraer conclusións, así como de construír puntos de vista persoais acerca de como manexar o cualificar situacións similares no futuro, en lugar de rexistrar simplemente algo que sucedeu. Porén, segundo Jiddu Krishnamurti, a observación non implica a elaboración de conclusións e a creación de puntos de vista persoais, facendo fincapé en a non acumulación de coñecementos. Esta observación, afirma, permite que a mente sexa libre.

O papel da observación na arte[editar | editar a fonte]

Observar é mirar as formas e imaxes con atención e estudar as súas calidades visuais e o seu significado.

O gran debuxante español de banda deseñada Jesús Blasco cría que "a primeira condición para chegar a ser un bo ilustrador, consiste en cultivar e desenvolver perfectamente o espírito de observación".[2]

Observación na investigación cualitativa[editar | editar a fonte]

É unha técnica de recolección de datos que explora, describe, comprende, identifica e xera hipóteses sobre ambientes, contextos, subculturas e a maioría dos aspectos da vida social. Os tipos de observación son:

  • Observación participante, cando o investigador se involucra activamente en tarefas ou situacións.
  • Observación non participante, cando ninguén coñece o seu rol nin sabe que está observando.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O que implica que o observador pode auxiliarse de instrumentos.
  2. Blasco, Jesús: Cómo dibujar historietas, Parramón Ediciones, S. A., 1966, páx. 9

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Galindo Cáceres, Jesús (coord.) (1988): Técnicas de Investigación en Sociedad, Cultura y Comunicación, 1ª Ed. México: Addison Wesley Longman. ISBN 968-444-262-9
  • Sierra Bravo. R. (1994): Técnicas de investigación Social, 9ª. Ed. Madrid: Editorial Paraninfo S. A.ISBN 84-283-1548-5

Outros artigos[editar | editar a fonte]