John Dryden

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
John Dryden
John Dryden portrait.jpg
Nacemento9 de agosto de 1631, 19 de agosto de 1631 e 7 de agosto de 1631
 Aldwincle
Falecemento1 de maio de 1700 e 12 de maio de 1700
 Londres
SoterradoAbadía de Westminster
NacionalidadeReino de Inglaterra
EtniaPobo inglés
RelixiónIgrexa católica
Alma máterWestminster School e Trinity College
Ocupacióndramaturgo, tradutor, poeta, escritor, crítico literario e hymnwriter
FillosErasmus Henry Dryden, 5th Baronet, Charles Dryden e John Dryden
Coñecido/a porThe Wild Gallant e Ensaio sobre poesia dramática
editar datos en Wikidata ]

John Dryden, nado en Aldwinkle (Northamptonshire) o 9 de agosto de 1631 e finado o 12 de maio de 1700, foi un influente poeta, crítico literario e dramaturgo inglés, que dominou a vida literaria na Inglaterra da Restauración ata tal punto que chegou a ser coñecida como a "era de Dryden". Walter Scott chamouno "Glorious John" ("o Glorioso John").[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Dryden naceu na reitoría da vila de Aldwinkle preto de Oundle en Northamptonshire, onde o seu avó materno era "reitor de todos os santos". Era o maior dos catorce fillos de Erasmus e Mary Dryden, aristocracia terratenente puritana que apoiou o Parlamento. De mozo, viviu na aldea próxima de Titchmarsh onde é probable que recibise a súa primeira educación. En 1644 foi enviado á Westminster School como alumno do rei, onde o seu director foi o Dr. Richard Busby, un mestre carismático e disciplinador severo.[2] Refundado recentemente por Isabel I, Westminster significaba un espírito relixioso e político moi diferente, apoiando a monarquía e o alto anglicanismo, sen recibir aínda a influencia moderadora do contemporáneo de Dryden, John Locke. Con independencia da súa actitude persoal cara a esta contorna, Dryden respectaba o seu director, e máis tarde enviou dous dos seus fillos a Westminster. Moitos anos despois da súa morte fundouse en Westminster unha casa no seu nome.

Como unha escola primaria humanista, Westminster mantivo un currículo que ensinaba aos alumnos a arte da retórica e de buscar argumentos para os dous aspectos de calquera discusión. Dryden conservou esta habilidade, influíndo na súa forma de escribir e de pensar. Tamén debían traducir semanalmente, o que desenvolveu a capacidade de Dryden para a asimilación e mostrouse tamén na súa obra posterior. Nestes anos publicou o seu primeiro poema, unha elexía de forte sentimento monárquico sobre a morte, por causa da varíola, do seu compañeiro Henry, Lord Hastings, na que alude á execución do rei Carlos I, ocorrida o 30 de xaneiro de 1649.

En 1650 Dryden acudiu ao Trinity College, Cambridge, onde regresou ao ambiente relixioso e político da súa infancia. Era profesor do Trinity un predicador puritano chamado Thomas Hill que fora reitor no lugar natal de Dryden.[3] Aínda que non se sabe moito destes anos de formación, debeu seguir o currículo estándar de clásicos, retórica, e matemáticas. En 1654 graduouse o primeiro da clase do Trinity. En xuño dese mesmo ano morreu o seu pai, quen lle deixou algo de terra, que xeraba uns ingresos pequenos, insuficientes para vivir deles.[4]

Ao chegar a Londres durante a Mancomunidade, obtivo traballo co secretario de estado de Cromwell, John Thurloe. Este cargo puido ser resultado da influencia exercida polo Lord Chambelán, Sir Gilbert Pickering, primo de Dryden. Dryden estaba presente o 23 de novembro de 1658 no funeral de Cromwell, onde marchou en procesión cos poetas puritanos, John Milton e Andrew Marvell. Xusto despois publicou o seu primeiro poema importante, Heroique Stanzas (1658), un eloxio á morte de Cromwell que é cauta e prudente nas súas mostras de emoción. En 1660 celebrou a Restauración da monarquía e o regreso de Carlos II con Astraea Redux, un auténtico panexírico monárquico. Nesta obra o interregno represéntase como un tempo de anarquía, e Carlos é visto como o restaurador da paz e a orde.

Vida posterior e carreira[editar | editar a fonte]

Dryden preto do final da súa vida

Despois da restauración, Dryden estableceuse rapidamente como o poeta e crítico literario do momento, e puxo a súa lealdade ao servizo do novo goberno. Ademais de Astraea Redux, deu a benvida ao novo réxime con outros dous panexíricos: To His Sacred Majesty: A Panegyric on his Coronation (1662), e To My Lord Chancellor (1662). Estes poemas suxiren que Dryden buscaba atopar algún patrón, pero en lugar de conseguir vivir escribindo para a aristocracia, fíxoo escribindo para os impresores, en última instancia para o público lector. Estes, e os seus outros poemas non dramáticos, son esporádicos, dedicados a celebrar acontecementos públicos. Desta maneira, escribíronse máis para a nación que para o individuo, pois o Poeta Laureado (que é no que se converteu despois), está obrigado a escribir varios por ano.[5] En novembro de 1662 foi proposto como membro da Royal Society, o cal conseguiu, pero non desenvolveu ningunha actividade en asuntos da sociedade e, finalmente, expulsárono en 1666 por non pagar as súas cotas.

O 1 de decembro de 1663 Dryden casou coa irmá monárquica de Sir Robert Howard, Lady Elizabeth. Nas súas obras, ás veces atópanse ataques contra o estado matrimonial, pero noutros momentos festéxao polo que, en definitiva, pouco se sabe do aspecto íntimo deste matrimonio.

Coa reapertura dos teatros despois da prohibición puritana, Dryden dedicouse a compor obras dramáticas. A primeira delas, The Wild Gallant apareceu en 1663 e non tivo éxito, pero si posteriormente, e dende 1668 en diante foi contratado para producir tres obras ao ano para a Compañía do Rei, da que se fixo accionista. Durante a década de 1660 e 1670 o teatro foi a súa principal fonte de ingresos. Marcou o estilo para a comedia da Restauración, con obras que inclúen algúns dos seus poemas líricos máis exquisitos. O seu traballo máis coñecido dentro do xénero da comedia da Restauración é Marriage à la Mode (1672).

Tamén se dedicou ao “drama heroico” e outras obras dramáticas, sendo o seu maior éxito neste campo All For Love (1678). Considera Ifor Evans que o único feito notable do drama heroico da época da Restauración é que Dryden lle dedicou os seus mellores talentos, lamentando que un escritor tan admirable estivese limitado por tan pobre temática.[6] Dryden nunca estivo satisfeito das súas obras teatrais, e con frecuencia suxería que o seu talento se malgastaba cun público que non o merecía.

Tratou de conseguir fama poética fóra da escena, pois abrigaba, “como primeira ambición en tanto que artista construír boas poesías”.[7] En 1667, á vez que comezaba a súa carreira dramática, publicou Annus Mirabilis, un longo poema histórico sobre os acontecementos de 1666: a derrota inglesa fronte á armada holandesa e o grande incendio de Londres; “trátase dun trazo moi pouco usual o de converter feitos contemporáneos en poesía case de maneira inmediata”.[7] Era épica moderna, en cuartetos pentámetros, que o estableceron como o poeta preeminente da súa xeración, e foi decisivo para obter o posto de "Poeta Laureado" (1668) e historiador real (1670).

Cando a gran praga pechou os teatros en 1665 Dryden retirouse a Wiltshire, onde escribiu Of Dramatic Poesy (1668), sen ningunha dúbida o mellor dos seus nada sistemáticos prefacios e ensaios, que tiñan como modelo os de Corneille. Dryden constantemente defendeu a súa propia práctica literaria. Essay of Dramatic Poesy, a primeira e máis longa das súas obras críticas, adopta a forma dunha conversa entre catro personaxes, cada unha delas baseado nun destacado contemporáneo, co propio Dryden como ‘Neander’, debatendo os méritos do drama clásico, do francés e do inglés. Na maior parte das súas obras críticas móstrase o traballo dun escritor independente que sente profundamente as súas propias ideas, ideas que demostran a incrible amplitude das súas lecturas. Sentía profundamente a relación do poeta coa tradición e o proceso creativo, e a súa mellor obra heroica, Aureng-Zebe (1675) ten un prólogo que denuncia o uso da rima no drama serio. A súa obra All for Love (1678), que seguiu a Aureng-Zebe, estaba escrita en versos brancos.

Os maiores logros de Dryden producíronse coa poesía satírica: o heroico-burlesco MacFlecknoe, un produto máis persoal dos seus anos como Laureado, era unha sátira que circulou en manuscrito e un ataque ao dramaturgo Thomas Shadwell. Non é unha forma despreciativa de sátira, senón unha que engrandece o seu obxecto de maneira inesperada, facendo do ridículo poesía.[8] Este tipo de sátira política continuou con Absalom and Achitophel (1681) e The Medal (1682). Na primeira delas, “relata a política intrigante de Shaftesbury e a deslealdade de Monmouth, creando así a mellor das súas sátiras”. As súas outras obras principais durante este período foron os poemas relixiosos Religio Laici (1682), escrito dende a perspectiva dun membro da Igrexa de Inglaterra; a súa edición de 1683 de Plutarchs Lives Translated From the Greek by Several Hands na que presentou a palabra biografía aos lectores ingleses; e The Hind and the Panther, (1687) que celebra a súa conversión ao catolicismo.

Coa deposición do rei Xacobe en 1688, quedou sen apoios na corte. Thomas Shadwell sucedeuno como poeta laureado, e viuse forzado a deixar os seus cargos públicos e vivir da pluma. Dryden traduciu obras de Horacio, Xuvenal, Ovidio, Lucrecio e Teócrito, unha tarefa que atopaba máis satisfactoria que escribir obras para a escena. En 1694 comezou a traballar na que sería o seu máis ambiciosa obra como tradutor: The Works of Virgil (1697), que foi publicado por subscrición. A publicación da tradución de Virxilio foi un acontecemento nacional e reportoulle a suma de 1400 libras.[9] As súas últimas traducións apareceron no volume Fables Ancient and Modern (1700), unha serie de episodios de Homero, Ovidio e Boccaccio, así como adaptacións modernas de Geoffrey Chaucer intercaladas con poemas propios. O Preface to the Fables (1700), considérase a máis comprometida e mellor das súas obras críticas, e un dos mellores ensaios en inglés. Como crítico e tradutor foi esencial en facer accesible ao público lector inglés obras literarias en linguas clásicas.

Dryden morreu en 1700 e atópase enterrado na abadía de Westminster. A influencia de Dryden como poeta foi inmensa na súa propia época, e a profunda perda que representaba para a literatura inglesa evidénciase nas elexías que inspirou á súa morte.[10] A súa poesía, patriótica, relixiosa e satírico-política, popularizou un tipo de verso hendecasílabo que foi o preferido do século XVIII, pois foi tomado como modelo por poetas como Alexander Pope e Samuel Johnson. No século XIX a súa reputación decreceu. Un dos seus maiores defensores, T. S. Eliot, escribiu que el foi "o antecesor de case todo o que é mellor na poesía do século XVIII", e que "non podemos gozar plenamente nin valorar adecuadamente un século de poesía inglesa agás se sabemos gozar plenamente a Dryden".[11]

Vida privada[editar | editar a fonte]

O 1 de decembro de 1663 Dryden casou Lady Elizabeth Howard (falecida en 1714).[12] A voda tivo lugar en St. Swithin's, Londres, e o consentimento dos seus pais aparece na licenza, aínda que Lady Elizabeth tiña arredor de vinte e cinco anos. Era fora obxecto dalgúns escándalos, ben ou mal fundados; disque Dryden fora empurrado ao matrimonio polos seus irmáns. O pai dela estableceu unha pequena casa en Wiltshire para eles. Aparentemente o intelecto e o temperamento de Elizabeth non eran bos e o seu marido era tratado como inferior polos membros da clase social dela.[13] Tanto Dryden como a súa dona estaban moi vinculados aos seus fillos.[14] Tiveron tres fillos: Charles (1666–1704), John (1668–1701) e Erasmus Henry (1669–1710).[15] Lady Elizabeth Dryden sobreviviu o seu home, pero volveuse demente pouco despos da morte del.[16] Aínda que houbo historicamente algunhas reclamacións de supostos descendentes de Drayden, ningún dos seus tres fillos tivo descendencia.[17]

Obra selecta[editar | editar a fonte]

Portada de The Hind and the Panther
Ilustración de Alexander's Feast
Obras dramáticas

As datas dadas son (estrea/publicación) e se non se indica outra cousa están tomadas da edición de Scott.[18]

  • The Wild Gallant, a Comedy (1663/1669)
  • The Rival Ladies, a Tragi-Comedy (1663/1664)
  • The Indian Queen, a Tragedy (1664/1665)
  • The Indian Emperour, or the Conquest of Mexico by the Spaniards (1665/)
  • Secret Love, or the Maiden Queen (1667/)
  • Sir Martin Mar-all, or the Feigned Innocence, a Comedy (1667/1668)
  • The Tempest, or the Enchanted Island, a Comedy (1667/1670), adaptación con William D'Avenant de A tempestade, de Shakespeare
  • An Evening's Love, or the Mock Astrology, a Comedy (1668/1668)
  • Tyrannick Love, or the Royal Martyr, a Tragedy (1668 ou 1669/1670)
  • Almanzor and Almahide, or the Conquest of Granada by the Spaniards, a Tragedy, Parte I e Part II (1669 ou 1670/1672)
  • Marriage à la mode, a Comedy (1673/1673)
  • The Assignation, or Love in a Nunnery, a Comedy (1672/1673)
  • Amboyna; or the Cruelties of the Dutch to the English Merchants, a Tragedy (1673/1673)
  • The Mistaken Husband (comedia) (1674/1675)[19]
  • The State of Innocence, and Fall of Man, an Opera (/1674)
  • Aureng-Zebe, a Tragedy (1676/1676)
  • All for Love, or the World Well Lost, a Tragedy (1678/1678)
  • Limberham, or the Kind Keeper, a Comedy (/1678)
  • Oedipus, a Tragedy (1678 or 1679/1679), adaptación con Nathaniel Lee de Oedipus, de Sófocles
  • Troilus and Cressida, or Truth found too late, a Tragedy (/1679)
  • The Spanish Friar, or the Double Discovery (1681 ou 1682/)
  • The Duke of Guise, a Tragedy (1682/1683) con Nathaniel Lee
  • Albion and Albanius, an Opera (1685/1685)
  • Don Sebastian, a Tragedy (1690/1690)
  • Amphitryon, or the Two Sosias, a Comedy (1690/1690)
  • King Arthur, or the British Worthy, a Dramatic Opera (1691/1691)
  • Cleomenes, the Spartan Hero, a Tragedy (1692/1692)
  • Love Triumphant, or Nature will prevail, a Tragedy (1693 ou 1694/1693 ou 1694)
  • The Secular Masque (1700/1700)
O Príncipe de Gales de neno, cuxo nacemento foi celebrado por Dryden celebrated en Britannia Rediviva
Outras obras
  • Astraea Redux, 1660
  • Annus Mirabilis (poema), 1667
  • An Essay of Dramatick Poesie, 1668
  • Absalom and Achitophel, 1681
  • Mac Flecknoe, 1682
  • The Medal, 1682
  • Religio Laici, 1682
  • Threnodia Augustalis, 1685
  • The Hind and the Panther, 1687
  • A Song for St. Cecilia's Day, 1687
  • Britannia Rediviva, 1688, esctrito polo nacemento de James, Príncipe de Gales.
  • Epigram on Milton, 1688
  • Creator Spirit, by whose aid, 1690. Tradución de Veni Creator Spiritus de Rabanus Maurus[20]
  • The Works of Virxilio, 1697
  • Alexander's Feast, 1697
  • Fables, Ancient and Modern, 1700
  • The Art of Satire
  • To the Memory of Mr. Oldham, 1684

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Scott, W. Waverley, vol. 12, cap. 14, The Pirate: "I am desirous to hear of your meeting with Dryden". "What, with Glorious John?"
  2. Hopkins, David, John Dryden, ed. by Isobel Armstrong, (Tavistock: Northcote House Publishers, 2004), 22
  3. John Dryden The Major Works, ed. de Keith Walker, (Oxford: Oxford University Press, 1987),ix-x
  4. Ibid., x
  5. Abrams, M.H., and Stephen Greenblatt eds.
  6. Ifor Evans en Breve historia de la literatura inglesa, (Barcelona: Ed. Ariel, 1985),
  7. 7,0 7,1 Ifor Evans.
  8. Eliot, T.S., ‘John Dryden’, en Selected Essays, (Londres: Faber and Faber, 1932), 308
  9. John Dryden The Major Works, ed. de Keith Walker, xiv
  10. John Dryden The Major Works, 37
  11. Eliot, T.S., ‘John Dryden’, 305-6
  12. "The Life of John Dryden". luminarium.org. Consultado o 6 de maio de 2017. 
  13. Stephen, Leslie. Dictionary of National Biography, 1885-1900 16. pp. 66, 73–74. 
  14. Stephen 1888, p. 66.
  15. Stephen 1888, p. 74.
  16. Stephen 1888, p. 72.
  17. "Archived copy". Arquivado dende o orixinal o 17 de xuño de 2014. Consultado o 25 de xuño de 2014. 
  18. Walter Scott, ed. (1808). The Works of John Dryden. Londres: William Miller. 
  19. Autoría en discusión. Non aparece en Scott.
  20. Hatfield, Edwin F., ed., The Church Hymn book, 1872 (n. 313, pp. 193–94), Nova York e Chicago

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Edicións
  • The Works of John Dryden, 20 vols., ed. H. T. Swedenberg Jr. et al., (Berkeley e Os Ánxeles: University of California Press, 1956-2002)
  • John Dryden The Major Works, ed. de Keith Walker, (Oxford: Oxford University Press, 1987)
  • The works of John Dryden, ed. de David Marriott, (Hertfordshire: Wordsworth Editions, 1995)
  • John Dryden Selected Poems, ed de David Hopkins, (Londres: Everyman Paperbacks, 1998)
  • John Dryden Complete Translation of Vergil's Aeneid, ed. de Don Brine (Londres: Everyotherman Paperbacks, 1994)
  • All for love (en inglés) Ediciones del Prado, S.A. Madrid, 2003. ISBN 84-8372-980-6. Ed. especial para O.K.
Biografía
Crítica moderna
  • Eliot, T.S., "John Dryden", in Selected Essays (London: Faber and Faber, 1932)
  • Hopkins, David, John Dryden, ed. by Isobel Armstrong (Tavistock: Northcote House Publishers, 2004)
  • Oden, Richard, L. Dryden and Shadwell, The Literary Controversy and 'Mac Flecknoe (1668–1679) (Scholars' Facsimiles and Reprints, Inc., Delmar, New York, 1977)
  • Van Doren, Mark (2007). John Dryden: A Study of His Poetry. Read Books. ISBN 978-1406724882. 
  • Stark, Ryan. "John Dryden, New Philosophy, and Rhetoric", in Rhetoric, Science, and Magic in Seventeenth-Century England (Washington: Catholic University of America Press, 2009)

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]