Gramática castellana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gramática castellana
Autor/aAntonio de Nebrija
LinguaCastelán
Tema(s)Lingüística
Xénero(s)livro didático
Data de pub.1492
editar datos en Wikidata ]

A Gramática castellana é un libro de Antonio de Nebrija publicado no 1492.[1][2][3] Trátase da primeira obra dedicada ao estudo da lingua castelá e as súas regras, así como o primeiro texto impreso que analiza a gramática dunha lingua romance.[4] Neste sentido, serviu de modelo para gramáticas posteriores noutras linguas.[5]

Ao ser presentada á raíña Isabel I en Salamanca, a monarca puxo en dúbida o mérito da obra. En defensa do autor, o fraile Hernando de Talavera contestou:

Despois de que a Súa Alteza someta a bárbaros pobos e nacións de diversas linguas, coa conquista virá a necesidade de aceptar as leis que o conquistador impón aos conquistados, e entre elas o noso idioma; con esta obra, serán quen de aprendelo tal e coma nós aprendemos o latín a través da gramática latina

Importancia[editar | editar a fonte]

Con anterioridade á Gramática de Nebrija, existían tratados sobre o uso da lingua latina, coma o Tratado sobre gramática latina (1471), de Lorenzo Valla. Porén, a de Nebrija é a primeira obra do estilo en analizar unha lingua romance. A partir da súa publicación, a gramática será considerada a disciplina que estuda as regras dunha lingua, até o desenvolvemento da lingüística como disciplina científica no século XIX.

A Gramática resultou tamén unha ferramenta para a difusión do castelán coa expansión do Imperio español a partir de 1492. Do mesmo xeito, os autores de novas gramáticas nos anos seguintes tomaron a súa obra como base en materia ortográfica.[3] Tamén influenciou as gramáticas das linguas nativas de América, como a Arte mexicana (1595) de Antonio del Rincón.[6]

Críticas[editar | editar a fonte]

A Gramática de Nebrija foi moi criticada por algúns dos seus contemporáneos, entre os que destaca Juan de Valdés. Por exemplo, de Valdés criticou a procedencia andaluza de certos vocablos latinos que el consideraba impuros e incorrectos. Porén, coincidiu con Nebrija en que o principio rector da ortografía era a fonética.[3]

Outros gramáticos posteriores afastáronse da pronuncia como vía principal para fixar as regras ortográficas. Nesta liña, o fraile Miguel de Salinas defendeu a importancia do uso, o costume ampliamente aceptado de escribir dun xeito determinado, como guía para a ortografía.[3]

Estrutura da obra[editar | editar a fonte]

Nebrija dividiu o estudo da lingua en catro áreas, e dedicou un libro a cada unha delas. Son as seguintes:

  1. Ortografía. Nebrija coloca a ortografía en primeiro lugar, a imitación dos tratadistas clásicos. Toma como base a correspondencia fonética entre lingua falada e escrita: "assi tenemos de escrivir como pronunciamos i pronunciar como escrivimos".[3]
  2. Prosodia e sílaba.
  3. Etimoloxía e dicción.
  4. Sintaxe.

Un quinto libro está dedicado a introducir a lingua castelá a aqueles que a queiran aprender.

Na súa obra, Nebrija establece as seguintes dez partes da oración: nome, pronome, verbo, participio, preposición, adverbio, interxección, conxunción, xerundio e supino.[2]

Gramáticas posteriores[editar | editar a fonte]

Outras importantes gramáticas españolas seguiron á de Nebrija:

  • Juan de Valdés (c. 1535). Diálogo de la lengua.
  • Andrés Flórez (1552). Arte para bien leer y escribir.
  • Martín Cordero (1556). La manera de escribir en castellano.
  • Villalón (1558). Gramática castellana.
  • Gonzalo Correas (1630). Ortografía kastellana, nueva i perfeta.
  • Real Academia Española (1771). Gramática de la Lengua Castellana.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]