Comarca da Terra de Lemos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Comarca da Terra de Lemos
Comarca Terra de Lemos.png
ProvinciaProvincia de Lugo
Área940,49 km²
Poboación29.780 hab. (2020)
Densidade31,66 hab./km²
ConcellosEscudo de Bóveda.svg Bóveda
Escudo de Monforte de Lemos 2002.svg Monforte de Lemos
Escudo de Pantón.svg Pantón
Escudo de A Pobra do Brollón.svg A Pobra do Brollón
Escudo do Saviñao.svg O Saviñao
Escudo de Sober.svg Sober

A Terra de Lemos é unha comarca galega situada ó sur da provincia de Lugo cuxa capital é Monforte de Lemos, que tamén é o concello máis poboado da comarca. A maioría da superficie (toda excepto o concello de Bóveda) forma parte da Ribeira Sacra, da que Monforte tamén é a súa capital.

Pertencen á comarca da Terra de Lemos os seguintes concellos: Bóveda, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober.

A comarca linda ó norte coa comarca de Sarria, ó oeste coa comarca de Chantada, ó leste coa comarca de Quiroga e, ó sur coas comarcas ourensás de Ourense e Terra de Caldelas.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Situación[editar | editar a fonte]

O Sil ó seu paso polo sur da comarca.

A Terra de Lemos sitúase xeograficamente no sur da provincia de Lugo. Caracterízase polo gran val situado no centro da mesma, o Val de Lemos. Este val contrasta coas altas montañas sitas ó leste da comarca pertencentes a Serra do Courel e que serven de fronteira coa comarca de Quiroga xunto co río Lor. No sur, o río Sil marca a fronteira coa provincia de Ourense, igual que o río Miño no oeste coa comarca de Chantada.

Orografía[editar | editar a fonte]

Os principais sistemas montañosos sitúanse no leste, na Serra do Courel, entre Bóveda e O Saviñao, no suroeste de Pantón e no sur. Cabe destacar as seguintes montañas que superan os 1000m de altitude e están sitas na Serra do Courel, no concello da Pobra do Brollón:

  • Alto da Veneira (1.164 m)
  • Alto da Serra (1.137 m)
  • Chao das Lagas (1.060 m)
  • Alto da Chá (1.021 m)

Hidrografía[editar | editar a fonte]

Os ríos da comarca pertencen ás cuncas hidrográficas dos dous ríos limítrofes da comarca e á súa vez os máis importantes, ás cuncas do Miño e do Sil. O río máis importante da comarca é o río Cabe, que nace no concello do Incio. Este río que desemboca no Sil era moi importante xa na época romana, cando se abastecían e sacaban ouro deste río. En Monforte consérvase a Ponte Vella sobre este río, un dos monumentos característicos da vila. Tamén son importantes os ríos Mao, principal afluente do Cabe, e o río Lor, que fai de fronteira entre as comarcas de Quiroga e Terra de Lemos, afluente do Sil.

Clima[editar | editar a fonte]

O clima desta comarca é oceánico con tendencias continentais e fortes contrastes. Os invernos son longos, húmidos e con xeadas moderadas. As temperaturas chegan a valores por baixo dos -5º e as néboas están presentes regularmente. Os veráns son calorosos e secos, con noites frescas. No verán chéganse puntualmente a superar temperaturas máximas de 40º; e algunhas noites quedan preto dos 5º.

Demografía[editar | editar a fonte]

Casa do Concello de Ferreira de Pantón.

A poboación era, en 2020, de 29.780 habitantes[1] distribuídos así:

Concello Habitantes[2]
Escudo de Monforte de Lemos 2002.svg Monforte de Lemos 18.347
Escudo do Saviñao.svg O Saviñao 3.634
Escudo de Pantón.svg Pantón 2.457
Escudo de Sober.svg Sober 2.260
Escudo de A Pobra do Brollón.svg A Pobra do Brollón 1.632
Escudo de Bóveda.svg Bóveda 1.450
Padrón municipal 2020 29.780 habitantes[1]
Menores de 15 anos 2.769 (9,30 %)
Entre 16 e 64 anos 16.602 (55,75 %)
Maiores de 65 anos 10.409 (34,95 %)

Localidades máis poboadas[editar | editar a fonte]

No 2020 as entidades poboacionais máis poboadas segundo o IGE eran[2]:

Infraestruturas de transporte[editar | editar a fonte]

Na comarca da Terra de Lemos únense as estradas e liñas de ferrocarril procedentes da Coruña e Lugo, Ourense e Vigo, e Ponferrada, sendo un gran centro de comunicacións. A estación de ferrocarril de Monforte de Lemos é a máis importante da provincia.

Principais estradas[editar | editar a fonte]

Está en proxecto a autovía A-76, que discorrerá paralela á N-120 e unirá Ourense con Ponferrada pasando por Monforte e dando acceso ao porto seco, actualmente en construción.

Ferrocarril[editar | editar a fonte]

Na comarca conflúen dúas liñas de ferrocarril:

Hai 7 estacións na comarca: Monforte de Lemos (presta servizo para pasaxeiros de longo percorrido e media distancia, e mercancías), A Pobra do Brollón, Canaval, Areas, Santo Estevo do Sil e San Pedro do Sil (prestan servizo para pasaxeiros de media distancia) e Rubián (só para mercancías).

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Vexa o artigo principal en Galería de imaxes da comarca da Terra de Lemos

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "IGE - Información comarcal". www.ige.eu. Consultado o 2021-03-30. 
  2. 2,0 2,1 "Nomenclátor estatístico de Galicia". www.ige.eu. Arquivado dende o orixinal o 07 de febreiro de 2021. Consultado o 2021-03-30.