Organoloxía
Organoloxía (do grego: ὄργανον - organon, "instrumento" e λόγος - logos, "estudo") é a ciencia que estuda os instrumentos musicais e a súa clasificación. Comprende o estudo da historia dos instrumentos, os instrumentos empregados en diferentes culturas, aspectos técnicos da produción de son e clasificación musical. Existe unha gran diferenza entre organoloxía e acústica, etnomusicoloxía e musicoloxía.
Un gran número de culturas antigas deixaron documentos que detallaban instrumentos musicais e o rol que estes desempeñaban na sociedade; algúns destes documentos incluían, ás veces, sistemas clasificatorios. Mais os primeiros documentos en Occidente datan do século XVI, traballos como Musica Getuscht Und Ausgezogen (1511) de Sebastian Virdung, e Música Instrumentalis Deudsch (1529) de Martin Agricola.
Un dos organólogos máis importantes do século XVII é Michael Praetorius. A súa obra Syntagma Musicum (1618) é un dos traballos máis citados e máis estudados dese tempo e deste tema, ademais de ser unha obra que describe o que se coñece como renacemento musical no que a instrumentos se refire. A obra Theatrum Instrumentorium (1620) tamén de Praetorius contén, posiblemente, os primeiros bosquexos do que eran os instrumentos africanos, nunca antes mostrados en publicacións europeas.
Durante o século XVIII e o século XIX, profundizouse pouco no tema da organoloxía. Mais as exploracións realizadas polos países europeos neste tempo desembocou nunha importación de instrumentos alleos ao uso común da época, provocando así que os coleccionistas se interesaran neles. Isto levou a un interese renovado por parte dos organólogos.
Un dos organólogos máis importantes de inicios do século XX foi Curt Sachs, quen, ademais de escribir o Real-Lexicon der Musikinstrumente en (1913) e The History of Musical Instruments en (1942), publicou en 1914 con Erich von Hornbostel o Hornbostel-Sachs, que é un esquema de clasificación de instrumentos. A pesar de certas críticas, este segue sendo aínda hoxe, a clasificación máis aceptada na rama.
Entre outras, unha das críticas que se lle fan á clasificación Hornbostel-Sachs e que non dá recollido todos os instrumentos posibles, é dicir, a medida que novos instrumentos son inventados, estes poden caer fóra por completo da clasificación.
Existen sociedades dedicadas ao estudo dos instrumentos musicais. Algúns exemplos son o Galpin Society, que radica no Reino Unido; e a American Musical Instrument Society, que radica nos Estados Unidos.