Portal:A Coruña/Biografía destacada/Arquivo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Aquí están todas as biografías destacadas no portal A Coruña:

1[editar a fonte]

Emilia Pardo-Bazán y de la Rúa-Figueroa, nada na Coruña o 16 de setembro de 1851 e finada en Madrid o 12 de maio de 1921, foi unha escritora en lingua castelá, intelectual, xornalista, crítica literaria, narradora e rexionalista galega que triunfou na literatura española como escritora e como figura pública. Influída polo naturalismo, movemento literario que introduciría en España, escribiu máis de 500 obras en forma de novelas, contos, artigos e folletos. En recoñecemento polos seus méritos artísticos, o rei Afonso XIII concedeulle en 1908 o título de condesa de Pardo Bazán.

Destacou principalmente pola súa creación literaria, mais tamén o seu labor na creación da Real Academia Galega, creando xunto a Ramón Pérez Costales unha Comisión Xestora sobre a base da sociedade Folklore Gallego para a creación da academia. Posteriormente a súa filla doou a residencia familiar da Coruña, a Casa Museo de Emilia Pardo Bazán, para establecer alí a sede da institución.

Hoxe en día, Pardo Bazán, ao igual ca outras contemporáneas como a ilustrada galega Concepción Arenal, está considerada como unha das precursoras do movemento feminista en España. Ao longo da súa obra criticou a degradación e marxinalidade da muller e expresou o seu desexo de crear para as mulleres unha educación e unha formación intelectual igual cá dos homes.

Nun tempo no que máis do 90% das mulleres eran analfabetas, Pardo Bazán chegou a ser a primeira muller en presidir a Sección de Literatura no Ateneo de Madrid, a primeira nomeada Conselleira de Instrución Pública e a primeira muller catedrática de Literatura Contemporánea de Linguas Neolatinas da Universidade Central de Madrid.


2[editar a fonte]

Salvador de Madariaga y Rojo, nado na Coruña o 23 de xullo de 1886 e finado en Locarno (Suíza) o 14 de decembro de 1978, foi un diplomático, escritor, historiador e pacifista galego. Durante a Segunda República Española foi ministro en 1934 de Instrución Pública e Belas Artes (1931-1934) e de Xustiza (1934), e cofundador do Colexio de Europa en 1949. De pensamento liberal e europeísta, exiliouse no Reino Unido logo do inicio da guerra civil. Durante a guerra fría foi un activo militante en contra do comunismo soviético, así como opositor da ditadura franquista; só retornou a España logo da morte de Franco. Membro de número da Real Academia Española e a Real Academia de Ciencias Morais e Políticas, como escritor cultivou diversos xéneros: ensaio histórico e político, crítica literaria, novela, biografía ou poesía, entre outros.

En 1921 conseguiu un posto permanente na Sociedade de Nacións tras asistir como asesor temporal. En 1928 converteuse en profesor de lingua española na Universidade de Oxford, posto que desempeñou durante tres anos. En 1931, logo de ser designado embaixador español nos Estados Unidos polo goberno da República, foi elixido deputado da Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) pola Coruña.

Foi varias veces candidato ao Premio Nobel da Paz, mais non chegou a gañar o galardón.


3[editar a fonte]

María Mayor Fernández de la Cámara Pita, coñecida popularmente como María Pita, nada en Sigrás contra 1560 e finada no mesmo lugar en 1643, foi unha heroína galega na defensa da Coruña en 1589, cando unha gran frota inglesa dirixida por Francis Drake, o 4 de maio dese mesmo ano, en resposta á Grande Armada que o ano anterior tentara a invasión de Inglaterra, atacou a cidade herculina. Segundo a crónica da época a actuación de María Pita fixo retroceder unha compañía inimiga, que recuou ao ver que o seu abandeirado fora morto por unha muller cando estaban a piques de traspasar as murallas.

Á marxe da súa intervención no cerco, a súa vida estivo chea de vicisitudes, entre as que figuran numerosos preitos, no Arquivo do Reino de Galicia consérvanse ata vinte de diferentes contidos. Faleceu en Cambre en 1643 e, aínda que no seu testamento solicitaba ser enterrada no convento de San Domingos da Coruña, non se conserva ningún documento que o acredite nin se puido identificar a súa tumba.

Conmemórase a súa memoria coa praza do concello na Coruña e unha estatua cunha chama sempre acesa.


4[editar a fonte]

Wenceslao Fernández Flórez, nado na Coruña o 11 de febreiro de 1885 e finado en Madrid o 29 de abril de 1964, foi un narrador, xornalista e humorista galego. Comezou a traballar moi novo no diario coruñés La Mañana e posteriormente colaborou en El Heraldo de Galicia, Diario de La Coruña e Tierra Gallega, pasando a dirixir con 18 anos o Diario Ferrolano. Ao longo da súa vida logrou numerosos premios e disticións, conseguindo o premio do Círculo de Belas Artes coa súa novela Volvoreta (1917), en 1926 recibiu o Premio Nacional de Narrativa, en 1945 ingresou na Real Academia Española e en 1959 recibiu a Cruz de Alfonso X el Sabio.

Aínda que de ideoloxía conservadora (seguidor e admirador da política de Antonio Maura), non escatimou críticas, ás veces acerbas, como nas súas obras "El secreto de Barba Azul", Las siete columnas ou El espejo irónico, a propósito da política e dos políticos do reinado de Alfonso XIII.

Publicou unhas corenta novelas e libros de relatos de humor, caracterizados estes por un humor irónico con moita retranca, ás veces próximo ó fantástico. A súa obra amósase moi sensible á paisaxe galaica, que envolve nun profundo lirismo. Moitas das súas novelas e relatos posúen contidos simbólicos.


5[editar a fonte]

María Josefa Wonenburger Planells, nada en Montrove (Oleiros) o 17 de xullo de 1927 e finada na Coruña o 14 de xuño de 2014, foi unha matemática galega, investigadora nos Estados Unidos e Canadá. Licenciada en Matemáticas pola Universidade Central de Madrid en 1950, Wonenburger foi unha das primeiras beneficiarias das bolsas Fullbright en 1953, o que lle permitiu ir á universidade Yale (Estados Unidos), onde se doutorou.

Logo dun período traballando no CSIC, en 1966 trasladouse á Universidade de Buffalo (Estados Unidos), e ao ano seguinte, en 1967 conseguiu praza definitiva como profesora na Universidade de Indiana, onde permaneceu ata 1983, ano no que regresou á súa cidade natal.

A investigación de María Wonenburger centrouse principalmente na teoría de grupos e na álxebra de Lie. Estudou o grupo de rotacións, o grupo ortogonal e os seus correspondentes grupos proxectivos. Tamén traballou con grupos de semellanzas na álxebra de Clifford, e sobre todo foi coñecida polos seus desenvolvementos na álxebra de Lie, onde dirixiu a maior parte das súas teses.

En 2010 foi investida doutora honoris causa pola Universidade da Coruña, o mesmo ano en que o Consello da Cultura Galega lle rendeu homenaxe nunha xornada adicada ao seu labor.


6[editar a fonte]

Fernando Casado Arambillet, coñecido artisticamente como Fernando Rey, foi un actor galego, nado o 20 de setembro de 1917 na Coruña; faleceu en Madrid o 9 de marzo de 1994. Era o actor preferido de Luis Buñuel e tivo unha ampla traxectoria recoñecida internacionalmente. Para o seu nome artístico mantivo o seu nome, mais adoptou o segundo apelido de súa nai, Sara Arambillet Rey.

En 1936 comezou a súa carreira como actor facendo de figurante. Con todo, durante a guerra civil loitou no bando republicano, ao igual que seu pai. Finalizada a contenda, pai e fillo foron feitos prisioneiros, sendo Fernando internado no campo de detención improvisado no estadio de Mestalla (Valencia), do que conseguiu escapar e chegar a Madrid. Foi nos anos 60 e 70 cando se fixo internacionalmente famoso da man de Luis Buñuel, encarnando entre outros a Rafael Dacosta en O discreto engado da burguesía, que gañaría o Óscar ó mellor filme en lingua non inglesa en 1972.

Entre outros galardóns, Fernando Rey foi premiado nos festivais de cine de Cannes ou Donostia, e gañou o Goya á mellor interpretación masculina protagonista en 1988 con Diario de invierno. Foi presidente da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España entre 1992 e 1994, cando morreu de cancro.


7[editar a fonte]

Francisca Herrera Garrido, nada na Coruña o 6 de marzo de 1869 e finada o 4 de novembro de 1950, foi unha escritora galega, primeira muller elixida académica na Real Academia Galega. En 1987 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Herrera Garrido naceu na rúa do Príncipe no seo dunha familia da alta burguesía coruñesa, vivindo na súa cidade natal até agosto de 1909, cando marchou cunha irmá a Madrid, volvendo no verán e no nadal a Galicia, concretamente a Oleiros, ata que no transcurso da guerra civil española volveu definitivamente á Coruña.

Alumna e amiga de Rosalía de Castro, foi unha escritora autodidacta aínda que segue o estilo literario daquela. Escribiu case toda a súa obra en galego, así como algunhas novelas en castelán, cunha temática céntrada no ruralismo, a muller como nai, e a renuncia feminina. A súa obra amosa unha gran riqueza lingüística, cun galego rico e coidado.

O 4 de marzo de 1945 foi nomeada membro numerario da RAG, ocupando o lugar de Lisardo Rodríguez Barreiro, porén non chegou a ler o seu discurso de ingreso.


8[editar a fonte]

Andrés Gaos Berea, nado na Coruña o 31 de marzo de 1874 e finado en Mar del Plata o 13 de marzo de 1959, foi un compositor e violinista galego.

Andrés Gaos amosou aptitudes musicais xa aos dez anos ao gañar un premio como violinista. En 1884 ingresou nun Centro Musical da Coruña. Posteriormente conseguiu unha bolsa da Deputación e trasladouse a Madrid para continuar os seus estudos no Conservatorio. En 1888 volveu á Coruña e conseguiu máis bolsas para realizar estudos en París e Bruxelas. En 1895 viaxou a América e dedicouse a dar clases de música en Buenos Aires e Montevideo. A súa actividade, a partir de 1930, desenvolveuse fundamentalmente na Arxentina, aínda que en ocasións visitou a súa cidade natal para ofrecer algún concerto.

Algunhas destas obras están gravadas en disco pola Orquestra Sinfónica de Galicia, baixo a dirección de Víctor Pablo Pérez, quen ten estreado a práctica totalidade da obra orquestal e lírica de Andrés Gaos. Fixéronse varios arranxos de obras súas como por exemplo o do segundo movemento da súa Sinfonía nº 2 para banda, Rosa e Abril para voz e piano e para coro, ou do Allegro para violín e orquestra (Fantasía para violino e orquestra, Xunta de Galicia) que elaborou Joam Trillo, revisor e adaptador tamén de Impresión nocturna, Amor vedado e outras grandes obras de Gaos.


9[editar a fonte]

Rosalía Mera Goyenechea, nada na Coruña o 28 de xaneiro de 1944 e finada na mesa cidade o 15 de agosto de 2013, foi unha empresaria galega. Foi co fundadora de Inditex xunto con Amancio Ortega.

Con 11 anos entrou a traballar de costureira na pequena empresa téxtil La Maja, onde coñeceu a Amancio Ortega co que casaría e tería dous fillos, Sandra e Marcos. Xuntos fundaron GOA, que foi medrando ata converterse en Zara e finalmente en Inditex. Logo do divorcio da parella en 1986, Rosalía Mera conservou o 7% das participacións no grupo, manténdose no consello de administración de Inditex ata o seu abandono en 2004, mantendo a súa participación logo da cotización en bolsa.

Despois da separación comezou unha carreira de investimentos en diferentes proxectos e corporacións de diversos ámbitos, chegando a ser membro do consello de administración de Pharma Mar, do grupo galego Zeltia, e posuíu parte do capital das empresas do audiovisual Continental Producciones, Milou Films ou Tornasol Films.

En 1986 fundou a Fundación Paideia Galiza, unha ONG que traballa a prol da incorporación das persoas discapacitadas ao mercado laboral, e da cal foi a súa presidenta.


10[editar a fonte]

Luis Suárez Miramontes, nado na Coruña, no barrio de Montealto, o 2 de maio de 1935, é un ex futbolista e adestrador de fútbol galego. Xogaba de centrocampista e foi internacional coa selección española. Na actualidade forma parte do equipo técnico do Inter de Milán. Trátase do único Balón de Ouro galego e español, premio que acadou en 1960.

Tras iniciarse no fútbol no Perseverancia, equipo da parrroquia de Santo Tomás, pasou ás categorías inferiores do Deportivo da Coruña. Na tempada 1953–54 pasou a formar parte do primeiro equipo en Primeira División, da man de Carlos Iturraspe, debutando na máxima categoría fronte ao FC Barcelona, e dúas xornadas desoís marcaría o seu primeiro gol como deportivista fronte á Real Sociedad. En 1954 asinou polo equipo azulgrana, gañando nesa época Balón de Ouro (1960). En 1961 recalou no fútbol italiano, xogando primeiramente no Inter de Milán, onde gañou dúas Copas de Europa, e posteriormente na Sampdoria.

Luis Suárez tamén foi adestrador e seleccionador nacional español, sen poder repetir os éxitos que tivera como xogador.


11[editar a fonte]

María Victoria Casares Pérez, nada na Coruña o 21 de novembro 1922 e finada en Alloue (Charente, Poitou-Charentes, Francia) o 22 de novembro de 1996, foi unha actriz galega coñecida como María Casares que triunfou en Francia, onde residía como exiliada por ser filla de Santiago Casares Quiroga, que fora Ministro da II República Española durante o goberno de Azaña.

Foi considerada unha das grandes actrices do teatro e o cinema francés. Apareceu en clásicos como Les enfants du paradis, especialmente durante as décadas de 1940 e 1950, mais a partir 1952, a pesar de que continuou aparecendo ocasionalmente en filmes, dedicouse especialmente ao teatro.

No 1996 aceptou que os premios de teatro de Galiza levasen o seu nome, pero a morte impediulle asistir á súa primeira edición.


12[editar a fonte]

Sofía Pérez Eguia y Casanova de Lutoslawski, máis coñecida como Sofia Casanova, nada na Coruña o 30 de setembro de 1861 e finada en Poznan (Polonia) o 16 de xaneiro de 1958, foi unha prolífica poeta, novelista e xornalista galega.

Foi a segunda correspondente de guerra española, tras a súa amiga Carmen de Burgos, mais algúns investigadores declaran que debería ser considerada a primeira atendendo ao grado de profesionalización e permanencia nesta actividade, sendo testemuña dun tempo convulso da historia de Europa, xa que viviu de primeira man as dúas guerras mundiais e a caída do tsarismo. Entre 1885 e 1938 realizou máis de trinta viaxes por Europa.

Casou co intelectual e terratenente polaco Wincenty Lutosławski, do que se separou en 1907.


13[editar a fonte]

Santiago Casares Quiroga, nado na Coruña o 8 de maio de 1884 e finado en París o 17 de febreiro de 1950, foi un político e avogado galego.

Foi un dos signatarios do Pacto de San Sebastián (1930) e deputado a Cortes da ORGA (Organización Republicana Autónoma Galega), un partido que dirixiu e fusionou en 1936 coa Izquierda Republicana. Coa chegada da Segunda República foi nomeado ministro da Mariña no goberno provisional, de abril a outubro de 1931, e máis tarde ministro de Gobernación. Elixido deputado polas Cortes Constituíntes pola ORGA, seguiu sendo ministro de Gobernación durante o goberno socialista-republicano presidido por Manuel Azaña.

Tralo acceso de Manuel Azaña á presidencia da República, Casares Quiroga foi nomeado Presidente do Goberno e ministro da Guerra.