Wenceslao Fernández Flórez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Wenceslao Fernández Flórez, nado na Coruña o 11 de febreiro de 1885 e finado en Madrid o 29 de abril de 1964, foi un narrador, xornalista e humorista galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo maior de Wenceslao Fernández e de Florentina López, quedou orfo de pai con quince anos, o que o obrigou a deixar os estudos e traballar como xornalista. Empezou no diario coruñés La Mañana e posteriormente colaborou en El Heraldo de Galicia, Diario de La Coruña e Tierra Gallega. Con 18 anos dirixiu Diario Ferrolano. Despois pasou a dirixir El Noroeste da Coruña. En 1914 foi a Madrid como empregado na Dirección General de Aduanas, pero abandonou ese cargo para traballar en El Imparcial e pouco despois en ABC, onde empezou a sección "Acotaciones de un oyente", unha serie de crónicas parlamentarias que o fixeron moi famoso, e que logo reunirá en Crónicas parlamentarias (1914-1936). Tamén escribiu en El Liberal e Tribuna.

Mantivo estreita amizade con dirixentes do nacionalismo galego, como Castelao, que foi un dos que máis frecuentemente ilustraron as súas obras. Logrou o premio do Círculo de Belas Artes coa súa novela Volvoreta (1917), que narra os amores prohibidos entre unha serventa e o seu mozo señor no marco da Galiza rural. En 1926 recibiu o Premio Nacional de Narrativa.

Aínda que de ideoloxía conservadora (seguidor e admirador da política de Antonio Maura), non escatimou críticas, a veces acerbas, como nas súas obras "El secreto de Barba Azul", Las siete columnas ou El espejo irónico, a propósito da política e dos políticos do reinado de Alfonso XIII. Pese a ser condecorado en 1935 coa Banda da República, ó estallar a Guerra Civil foi inmediatamente obxecto de ameazas de morte, acusado de non mostrarse partidario do Goberno da Fronte Popular. Fuxindo pois das chamadas Milicias de Vigilancia de Retaguardia, atopou refuxio na Embaixada da República Arxentina de onde á súa vez, e baixo a invitación do Goberno dos Países Baixos, pasou a encontrar refuxio na Embaixada deste país. Fernández Flórez era en efecto moi apreciado nos Países Baixos polas admirativas descricións que de dito país fixera anos antes no seu libro de viaxes La conquista del horizonte. Baixo a protección da Embaixada de Holanda conseguiu saír para Valencia en marzo de 1937, como primeiro paso para saír de España. Porén, chegado a Valencia foille denegada a saída de España; produciuse entón un tenso incidente diplomático entre o Goberno de Holanda e o da República, durante o cal e ante a insistencia do Executivo holandés, o mesmo Ministro de Gobernación, Julian Zugazagoitia, consultou co entón Ministro de Defensa, Indalecio Prieto, que lle contestou literalmente "Si valiera mi voto lo emitiría en sentido favorable a las pretensiones del Gobierno holandés. No creo que merezca la pena producir un rozamiento con ese Gobierno..."[1]. Gracias a isto conseguiu saír de España en xullo de 1937. Anos despois (1940-1941) Fernández Flórez foi chamado a declarar ante o Consello Sumarísimo aberto contra Julián Zugazagoitia, presentándose a declarar na súa defensa. Ó parecer, a condena a morte e fusilamento de Zugazagoitia (feito que seica tivo lugar antes de que Fernández Flórez se presentara a declarar) produciulle un gran desgusto.

Sobre as súas experiencias na Embaixada de Holanda e no Madrid de 1936, escribiría dúas novelas, Una isla en el mar rojo (1938) e La novela número 13 (1941). En 1945 ingresou na Real Academia Española e en 1959 recibiu a Cruz de Alfonso X el Sabio. En 1951 adaptou El capitán Veneno de Pedro Antonio de Alarcón para o cine, con dirección de Luis Marquina. Posteriormente as súas propias obras serían obxecto de numerosas adaptacións cinematográficas, en especial por Rafael Gil (El hombre que se quiso matar, 1942 e 1970; Huella de luz, 1943; Camarote de lujo, 1959), así como por outros directores, como Jose Luís Cuerda.

Obra[editar | editar a fonte]

Publicou unhas corenta novelas e libros de relatos de humor, caracterizados estes por un humor irónico con moita retranca, ás veces próximo ó fantástico. Amósase moi sensible á paisaxe galaica, que envolve nun profundo lirismo. Moitas das súas novelas e relatos posúen contidos simbólicos. Non é un gran innovador en canto ás formas e estruturas novelísticas, senón que segue academicamente os modos da narrativa tradicional. Existen nel reminiscencias de Stendhal e de Eça de Queirós, ó que traduciu. A súa obra transmite unha mensaxe de escepticismo cara a un mundo que cambia só superficialmente e descoida valores espirituais e morais permanentes. As súas personaxes móvense entre a frustración e o fracaso. Pese ó subversivo, ás veces, do seu conservadorismo, gozou de gran prestixio durante o franquismo, publicando con regularidade artigos de prensa, facendo edicións das súas "Obras Completas" e dando a luz numerosas obras. Os autores e críticos da esquerda literaria non lle perdoan o feito de que non compartise os seus puntos de vista políticos e de que se aliñara inequivocamente co bando oposto, e en consecuencia, pasaron a silenciar o seu nome e a súa obra.

As preocupacións morais e o pesimismo do autor maniféstanse en case todas as súas novelas. Así, en El secreto de Barba Azul (1923) intenta demostrar que as paixóns moven as accións humanas, tese que se repite en Las siete columnas (1926), onde os sete pecados capitais constitúense, paradoxalmente, nos piares da sociedade. Tamén se ironiza sobre a hipocrisía en Relato inmoral (1928) e en El malvado Carabel (1931), sempre ofrecendo unha visión desencantada da sociedade baixo a aparencia do humor.

Libros[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Rubio García-Mina, Javier (1979). Asilos y canjes durante la Guerra Civil Española. Barcelona: Planeta. ISBN 84-320-0620-3.