María Zambrano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
María Zambrano

María Zambrano Alarcón, nada en Vélez, Málaga o 22 de abril de 1904 e morta en Madrid, o 6 de febreiro de 1991, foi unha filósofa e escritora española.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Pasou os primeiros anos de vida en Vélez (Málaga) onde permaneceu ata os catro anos. En 1909 transládouse coa súa familia a Segovia, onde transcorriu a súa adolescencia. Estes anos serán fundamentais na súa vida.

No ano 1927 María rematou a carreira de Filosofía e catro anos despois, en 1931, foi profesora, ata o ano 1936, na Cátedra de Metafísica na Universidad Central de Madrid.

O 14 de setembro de 1936 casou co historiador Alfonso Rodríguez Aldave e pouco despois marcharon para Chile onde Alfonso foi nomeado secretario da Embaixada da República. O regreso a España produciuse en 1937. Pouco despois Alfonso ingresou no exército e defendeu a República, participando como Conselleiro de Propaganda e Conselleiro Nacional da Infancia Evacuada.

O 28 de xaneiro María, xunto coa súa irmá e nai dirixiuse cara o exilio. Foi á Habana onde traballou como profesora na Universidade e do Instituto de Altos Estudos e Investigacións Científicas. Mais tarde viaxou a México onde tamén foi nomeada profesora da Universidade de San Nicolás de Hidalgo de Morelia (Michoacán).

Entre 1943 e 1944 impartiu cursos no Departamento de Estudos Hispánicos da Universidade de San Xoán de Puerto Rico e da Asociación de Mulleres Graduadas.

No 1964 instalouse na vella casa de La Piéce, xunto ao monte do "Xura Francés" lugar onde escribirá o seu libro Claros del bosque. A través da Revista de Occidente, en febreiro de 1966, empézase a recoñecer en España a súa obra.

En 1980 trasladouse a Xenebra e neste mesmo ano foi nomeada Filla Adoptiva do Principado de Asturias, sendo este o seu primeiro recoñecemento oficial.

O 20 de novembro de 1984 María Zambrano volveu a España e instalouse en Madrid. Nesta última etapa a súa actividade intelectual será incansábel, e noméana Filla Predilecta de Andalucía o 28 de febreiro do 1985.

Finalmente o 6 de febreiro de 1991, María morreu en Madrid, e foi enterrada no seu pobo natal.

Pensamento[editar | editar a fonte]

A razón-poética, estilo zambraniano proposto por María Zambrano como camiño de realización persoal, que era e é necesario, nunha época na que a rixidez do racionalismo torna quebradizo o espírito e oculta as dimensións enigmáticas da vida baixo falsas consideracións que se forman en marxes de seguridade e que impermeabilizan a razón.

Influencias[editar | editar a fonte]

Discípula de Ortega e Gasset e tamén de Xavier Zubiri e de Manuel García Morente nos anos 1924-1927.

María Zambrano emprega a tradición filosófica occidental recibida por estes mestres do pensamento e a palabra. A filosofía existencial, fenomenoloxía e vitalista sobre todo, aínda que as súas preferencias foran cara os gregos Platino e Spinoza. Pero non só debe ós filósofos a súa forma de pensar senon tamén a autores que pertencen ó ámbito da psicoloxía, mística e a antropoloxía da relixión.

Considerar a María Zambrano como autora "tradicional" farase con precaución porque non hai constancia de que seguise algún tipo de práctica especial, aínda que se consideraba cristiá. Zambrano seguiu fiel a razón indagadora da filosofía occidental herdada dos gregos. Seguiu un camiño aprendido só en parte e cuxa práctica consistía no propio camiñar coa conciencia desperta, atenta os sons dos pasos.

María andou un camiño persoal que o quixo converter en método e propoñelo como tal, quixo describilo mentres o recorría. Ese camiño foi o da razón-poética, a súa forma: a metáfora, a súa posibilidade: a disposición do espírito, a súa materia prima: os símbolos.

María relaciónase coa "filosofía perenne" que sería dobre: por un lado o seu interese por pensadores órficos e neoplatónicos, cuxo pensamento foi aceptado como a base filosófica da tradición cando esta se occidentalizou, e por outro lado, a utilización metafórica de moitos dos grandes símbolos tradicionais. Claros del bosque e Aurora son un claro exemplo disto.

A razón-poética é unha maneira de poñer en práctica a razón vital. María Zambrano é a precursora deste "pensamento débil"

A cuestión e o seu método[editar | editar a fonte]

A obra zambraniana enfocouna en dúas grandes cuestións: a creación da persoa e a razón poética. A primeira presentaría ó ser do home como problema fundamental para o home.

O tema da razón poética é un dos núcleos fundamentais do seu pensamento. A razón poética é o método adecuado para o fin proposto: a creación da persoa que se relaciona co tema do divino, co da historia e coa fenomenoloxía dos soños e a razón poética relaciónase coa filosofía e a poesía e tamén coa insuficiencia do racionalismo.

A fenomenoloxía do divino[editar | editar a fonte]

Fenomenoloxía do divino, fenomenoloxía do soño, fenomenoloxía da persoa trátase dunha indagación que desvela o que aparece, o "phainómenon" o que o ser humano é. Procura esencial, polo tanto, procura da esencia sagrada, do humano que se mostra de diferentes maneiras baixo aspectos que se denominan "os deuses", "o tempo", ou "a historia". O individuo foi ordenando a realidade e asumía o reto da pregunta nos momentos tráxicos, en onde os deuses non eran a resposta axeitada. Este proceso descríbeo Zambrano como o paso dunha actitude poética a actitude filosófica. Para Zambrano a poesía era resposta e a filosofía pregunta. A pregunta provén do caos e a resposta dáse ó ordenar o caos.

Zambrano pensa que para tratar coa realidade hai que facelo en forma de delirio, é dicir, que o home se sente mirado sen ver. A realidade preséntase completamente oculta en sí mesma e o home ten capacidade ó seu arredor aínda que non así mesmo. O temor e a esperanza son dous estados propios do delirio, consecuencia da persecución e da desgracia dese "algo ou alguén" que mira sen ser visto. Zambrano pregúntase porque algo se ignora. A ignorancia é a falta de coñecemento e de ser.

Non obstante a nada,padecida como ausencia é nada de algo. A partir desa nada o home teríase que formar así mesmo como ser, un ser histórico. A partir de aquí iníciase o longo proceso da creación da persoa.

A historia[editar | editar a fonte]

Según Zambrano para estar na historia hai que padecela. dunha existencia espectadora nace, según ela, o sentimento de convivencia. Cada forma de convivencia establecerase nun tempo distinto, co que cada ser humano en diversos tempos sociais. Para Zambrano a conciencia humana é fundamentalmente histórica. Afirma que en toda sociedade ten que haber un ídolo ( unha imaxe desviada do divino ) e unha vítima.

Loita contra o racionalismo para a compresión da realidade. Zambrano di que o racionalismo é expresión da vontade de ser. A realidade debe ser transparente á razón.

Para Zambrano tempo e liberdade van unidos; " só sabéndonos mover no tempo podemos ser libres"

O que lle preocupa Zambrano é humanizar a historia e a vida persoal lograr que a razón se converta en instrumento adecuado para coñecer a realidade para iso o coñecemento dunha realidade necesita unha fenomenoloxía do tempo na vida humana.

Creación da persoa[editar | editar a fonte]

O home é un home transcendente, é dicir, non acabou de formarse polo tanto debe crearse a medida que vai vivindo. A estrutura da persoa elabórase sobre outra estrutura: a temporal. O tempo sucesivo ou tempo da conciencia e da liberdade mídese en tres dimensións (pasado, presente, futuro); o tempo da psique, tempo dos soños en onde o pensamento non ten liberdade. O suxeito é movido polas circunstancias e por último o tempo de creación en onde o pensamento se vai formando

Obras[editar | editar a fonte]

  • Horizontes del liberalismo (1930).
  • Hacia un saber del alma (1934).
  • Filosofía y poesía (1939).
  • Hacia un saber sobre el alma (1950).
  • El hombre y lo divino (1953).
  • Delirio y destino (escrito en 1953 e publicado en 1989).
  • Persona y Democracia (1958 e reeditado en 1988)
  • España, sueño y verdad.
  • Los sueños y el tiempo (reeditada en 1998).
  • El sueño creador.
  • Claros del bosque (1977).
  • De la aurora (1986).
  • El reposo de la luz (1986).
  • Los bienaventurados.
  • Para una historia de la piedad (1989).
  • Unamuno (escrito en 1940 e publicado en 2003).
  • Cartas de la Pièce. Conrrespondencia con Agustín Andreu (escrito nos 70 e publicado en 2002).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]