Adolfo Bioy Casares

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaAdolfo Bioy Casares

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento(es) Adolfo Vicente Perfecto Bioy Casares Editar o valor em Wikidata
15 de setembro de 1914 Editar o valor em Wikidata
Buenos Aires, Arxentina Editar o valor em Wikidata
Morte8 de marzo de 1999 Editar o valor em Wikidata (84 anos)
Buenos Aires, Arxentina Editar o valor em Wikidata
Lugar de sepulturaCemitério da Recoleta (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeArxentina Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade de Buenos Aires
Instituto Libre de Segunda Enseñanza (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónescritor , xornalista , guionista , editor literario Editar o valor em Wikidata
Influencias
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Compañeiro profesionalJorge Luis Borges: Honorio Bustos Domecq (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Obra
Obras destacables
Familia
CónxuxeSilvina Ocampo (1940–1993), morte do cónxuxe
PaiAdolfo Bioy (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Premios

IMDB: nm0083201 Allocine: 544766 Allmovie: p316499
Dialnet: 157294 WikiTree: Bioy_Casares-1 Find a Grave: 6924383 Editar o valor em Wikidata

Adolfo Bioy Casares, nado en Buenos Aires o 15 de setembro de 1914 e finado no mesmo lugar o 8 de marzo de 1999, foi un escritor arxentino que frecuentou as literaturas fantástica, policial e de ciencia ficción. É considerado un dos escritores máis importantes do seu país e da literatura en español, recibindo a mención de Cabaleiro da Lexión de Honra en 1981, o Premio Internacional Alfonso Reyes, o Premio Miguel de Cervantes (ambos os dous en 1990) e o Konex de Brillante en 1994. Colaborou literariamente en varias ocasións con Jorge Luís Borges baixo distintos pseudónimos.

Foi esposo da escritora Silvina Ocampo.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Adolfo Bioy Casares naceu o 15 de setembro de 1914 en Buenos Aires, sendo o único fillo de Adolfo Bioy Domecq e Marta Ignacia Casares Lynch,[1] no barrio de Recoleta, tradicionalmente habitado por familias patricias ou de clase alta, e onde residiría a maior parte da súa vida.[2]

Segundo o xenealoxista Narciso Binayán Carmona, era descendente do conquistador, explorador e colonizador español Domingo Martínez de Irala (1509-1556); os seus antepasados tiñan unha remota orixe mestiza guaraní, que compartía con moitos próceres da época da Independencia e con grandes personaxes paraguaios e arxentinos.[3][4]

Pertencendo a unha familia cunha clase social alta, puido dedicarse exclusivamente á literatura e, ao mesmo tempo, apartarse do medio literario da súa época. Escribiu o seu primeiro relato, Iris y Margarita, aos once anos. Cursou os seus estudos secundarios no Instituto Libre de Segundo Ensino da Universidade de Buenos Aires. Logo, comezou e deixou as carreiras de Dereito, Filosofía e Letras. Tras a decepción que lle provocou o ámbito universitario, retirouse a unha estancia —posesión da súa familia— onde, cando non recibía visitas, dedicábase case exclusivamente á lectura, entregando horas e horas do día á literatura universal. Por esas épocas, entre o vinte e os trinta anos, xa manexaba con fluidez o inglés, o francés (que falaba desde os catro anos) e, naturalmente, o español. Entre 1929 e 1937 Bioy publicou algúns libros (Prólogo, 17 disparos contra lo porvenir, Caos, a novela La nueva tormenta, La estatua casera, Luis Greve, muerto) que máis tarde repudiaría, prohibindo a súa reedición e rexeitándose a comentalos, cualificando toda a súa obra anterior a 1940 como «horrible».

Bioy Casares, xunto a Vitoria Ocampo e a Jorge Luís Borges na rambla Casino de Mar da Prata en 1935.

En 1932 coñece a Jorge Luís Borges en Villa Ocampo, a casa de Vitoria Ocampo situada nas barrancas de San Isidro, onde a escritora adoitaba recibir a figuras internacionais da cultura e organizar reunións culturais. Bioy conta que foi durante unha desas visitas que Borges e el se apartaran do resto da xente, polo que Vitoria se lles achegou e rifoulles dicindo «non sexan merdas, atendan ao invitado», o que provocou o enoxo de Borges e a retirada de ambos da reunión.[5] Na viaxe de regreso á cidade quedou selada unha amizade que duraría até a morte de Borges en 1986, e que deu unha das duplas máis famosas da literatura, chegando a colaborar en varios traballos, desde coleccións de relatos (Seis problemas para don Isidro Parodi, Dos fantasías memorables) e a novela Un modelo para la muerte), pasando por guións de cine (Los orilleros, El paraíso de los creyentes, Invasión) até antoloxías de contos fantásticos (Antología de la literatura fantástica, Cuentos breves y extraordinarios), publicando a miúdo baixo os pseudónimos de H. Bustos Domecq e Benito Suárez Lynch. Entre 1945 e 1955 dirixiron a colección «El séptimo círculo», que publicaba traducións das mellores novelas policiais de lingua inglesa, xénero do que Borges era un gran admirador. En 2006 publicouse Borges, un inmenso volume de máis de mil seiscentas páxinas extraídas dos diarios de Bioy que revela con máis detalles a amizade que uniu aos dous escritores. Bioy xa preparara e corrixira os textos xunto con Daniel Martino, pero non alcanzou a publicalos.

En 1940, Bioy Casares casa con Silvina Ocampo, irmá de Vitoria, tamén escritora e pintora. Ese mesmo ano publica a novela La invención de Morel, que marca o inicio da súa madurez literaria. A novela contou cun prólogo de Borges, no que comenta a ausencia de precursores do xénero de ciencia ficción na literatura en español, presentando a Bioy como o iniciador dun xénero novo. A novela tivo unha grande aceptación e recibiu o Primeiro Premio Municipal de Literatura en 1941. Por eses anos publica, en colaboración con Borges e Silvina Ocampo, dúas antoloxías: Antología de la literatura fantástica (1940) e Antología poética argentina (1941).

En 1945 aparece a súa terceira novela, Plan de evasión, ambientada na colonia penal da illa do Diaño da Guayana Francesa. Continúa a temática de ficción científica xa explorada en La invención de Morel, á vez que a profunda, xa que no texto alúdese constantemente á teoría das cores de Goethe e ás ideas de William James sobre a percepción da realidade. En 1944 publicou a novela curta El perjurio de la nieve, incluída máis tarde en La trama celeste (1948), a súa terceira colección de relatos.

Do mesmo xeito que Borges, Bioy foi antiperonista. En 1946 publicou xunto a Silvina Ocampo, a novela policial Los que aman, odian e unha colección de relatos, La trama celeste (1948). En 1947 escribiu, en colaboración con Borges, o conto «La fiesta del Monstruo».

Habería que esperar até 1954 para que aparecese outra novela, El sueño de los héroes, redactada entre 1947 e 1952. Esta obra marca un desprazamento na súa obra, afastándose das «fantasías razoadas» do comezo, aínda que sen abandonar as obsesións permanentes na vida e a obra de Bioy: o amor, as mulleres, os xogos co tempo e o espazo e un característico sentido do humor. Ambientada en Buenos Aires, El sueño de los héroes narra as peripecias de Emilio Gauna por recuperar un recordo perdido durante unha madrugada de Entroido, despois de tres días de caravana cos seus amigos. A busca do suceso esquecido e o amor dunha muller marcan a trama da novela. O 8 de xullo dese ano nace a súa filla Marta, froito da relación de Bioy cunha das súas amantes, pero que foi adoptada e criada por Silvina.

Nas décadas de 1950 e 1960, Bioy dedicouse especialmente ao conto (Historia prodigiosa, Guirnalda con amores, El lado de la sombra, El gran serafín) e comezou a súa inclinación pola fotografía. O 15 de agosto de 1963 naceu o seu segundo fillo, Fabián, tamén dunha relación extramatrimonial, con quen se poría en contacto xa de adulto. En 1969 publicou Diario de la guerra del cerdo, obra que, a pesar de afastarse do ton fantástico de moitos dos seus libros, non pode considerarse estritamente como unha novela realista. O protagonista, Isidro Vidal, é un xubilado que se reúne cos seus amigos no club do seu barrio a xogar ás cartas, cando de súpeto se ven implicados nunha guerra xeracional, na que os mozos empezan a perseguir e asasinar os vellos. Redactada entre 1967 e 1969, e publicada cando tiña 55 anos, a novela parece reflectir o temor de Bioy ao paso do tempo (tema que xa tratara en La invención de Morel e El perjurio de la nieve) e foi adaptada ao cine en 1975 por Leopoldo Torre Nilsson, co título La guerra del cerdo.

En 1972 publica dúas antoloxías de contos propios, Historias de amor e Historias fantásticas, e en 1973 aparece Dormir al sol, novela na que volve tratar un argumento fantástico propio dos seus comezos pero co ton costumista que adquirira a súa prosa co paso do tempo, e a favorita do propio Bioy, segundo declarou. Do mesmo xeito que a súa novela anterior, Dormir al sol foi levada ao cine en 2012 por Alejandro Chomski. En 1978 publica outro libro de contos, El héroe de las mujeres.

Sepulcro de Bioy Casares. Cemiterio da Recoleta, Buenos Aires.

O período tardío da produción de Bioy estivo lonxe da repercusión de obras anteriores; en contraparte, foi neses anos onde se sucederon os recoñecementos máis importantes. En 1985 aparece unha das súas últimas novelas, ALaaventura de un fotógrafo en la Prata. De tema kafkiano, con frecuencia foi lida como unha alegoría dos desaparecidos durante a ditadura militar que gobernou o país entre 1976 e 1983, durante o devandito goberno de facto Bioy Casares presenciaría unha execución extraxudicial na rúa.[6] En 1986 publica o libro de contos Historias desaforadas. É declarado Cidadán Ilustre de Buenos Aires e en 1990 recibe dous importantes premios en recoñecemento a toda a súa traxectoria: o Premio Alfonso Reyes e o Premio Cervantes, o máximo galardón das letras castelás. Publica ese mesmo ano Una muñeca rusa e máis tarde a novela curta Un campeón desparejo. Ademais dos antemencionados, a súa obra narrativa valeulle outros galardóns como o Gran Premio de Honra da Sociedade Arxentina de Escritores (SADE) e a distinción de Membro da Lexión de Honra de Francia (1981).

Unha caída que lle provocou unha dobre fractura de cadeira en 1992 pareceu anticipar unha serie de feitos tráxicos, xa que pouco despois sufriu a perda da súa esposa (o 14 de decembro de 1993, vítima do mal de Alzheimer que a tivo prostrada durante tres anos) e da súa filla Marta (o 4 de xaneiro de 1994, ao ser atropelada por un auto). Por esa época empeza a frecuentar ao seu fillo Fabián, a quen recoñecería oficialmente en 1998, e ve máis seguido ao seu neto Florencio, quen o acompañou nos seus últimos anos.[7] Finalmente faleceu o 8 de marzo de 1999, aos 84 anos, a consecuencia dunha falla multiorgánica derivada do seu deteriorado estado xeral. Foi inhumado na bóveda da súa familia materna no Cemiterio da Recoleta, onde tamén repousan os restos da súa esposa e a súa cuñada. Até pouco antes da súa morte traballou na selección e corrección de páxinas dos seus diarios (que levou durante medio século) coa axuda do estudoso Daniel Martino a fin de editar un volume dedicado á súa amizade con Borges, que finalmente se publicou, con case 1700 páxinas, en 2006.

Premios e distincións[editar | editar a fonte]

Entre os seus premios e distincións destacan o Gran Premio de Honra da SADE en 1975, a membresía á Lexión de Honra francesa en 1981, o seu nomeamento como Cidadán Ilustre da Cidade de Buenos Aires en 1986, o Premio Cervantes e o Premio Internacional Alfonso Reyes en 1990 e o Premio Konex de Brillante en 1994.[8]

Estilo[editar | editar a fonte]

O mundo imaxinario de Bioy Casares consiste en fantasías e en acontecementos inexplicables, aínda que tamén aluda a miúdo ao ambiente intelectual porteño. Cultivou un estilo depurado e clásico e a súa literatura caracterízase, en parte, por ofrecer unha versión paródica do relato fantástico ou policíaco tradicional, consistente en observar o irreal baixo lentes humorísticas. Os elementos típicos destas literaturas son antes cómicos que aterradores; o carácter dos personaxes é incompetente, insensato. A partir disto, o historiador da literatura José Miguel Oviedo pretendeu chamar ás súas narracións «comedias fantásticas».

Sinalouse, tamén, que a paixón amorosa, o elemento erótico, é fundamental na narrativa deste escritor. É notable que tamén isto sexa contemplado desde unha perspectiva moitas veces irónica; o amor é considerado algo sublime pero fatal. A relación presenta trazos do amor cortés, pero as amadas adoitan ser tenebrosas, cabería dicir superiores. Quíxose ver nesta cuestión algunha conexión coa vida de Bioy Casares, cuxo carácter enamoradizo é dabondo coñecido.

A pesar de que xa publicara algúns libros, a verdadeira obra de Bioy Casares comeza en 1940, o ano en que se publica o seu máis famosa novela, La invención de Morel. A obra narra a historia dun prófugo que escapa a unha illa que se supón infectada por unha enfermidade mortal. Ao comezar a vivir nela, perde todo o sentido da realidade e dáse conta de que na illa viven personaxes creados por unha máquina inventada por Morel. Estas imaxes de personaxes repiten eternamente as mesmas accións facendo que o prófugo termine case tolo.

Hai outra preocupación que Bioy compartiu co seu amigo: o amor polo xénero fantástico e, especialmente, a exhumación da trama dos relatos, por sobre o descritivo. (É evidente que este feito os levou, a ambos, a admirar o xénero policial) O mesmo ano da publicación da invención de Morel, Borges, Bioy Casares e Silvina Ocampo publicaron unha famosa Antología de la literatura fantástica.

Obra[editar | editar a fonte]

Novelas[editar | editar a fonte]

  • La invención de Morel (1940)
  • Plan de evasión (1945)
  • El sueño de los héroes (1954)
  • Diario de la guerra del cerdo (1969)
  • Dormir al sol (1973)
  • La aventura de un fotógrafo en La Plata (1985)
  • Un campeón desparejo (1993)
  • De un mundo a otro (1998)

Contos[editar | editar a fonte]

  • Prólogo (1929)
  • 17 disparos contra lo porvenir (1933)
  • La estatua casera (1936)
  • Luis Greve, muerto (1937)
  • La trama celeste (1948)
  • Las vísperas de Fausto (1949)
  • Historia prodigiosa (1956)
  • Guirnalda con amores (1959)
  • El lado de la sombra (1962)
  • El gran serafín (1967)
  • El héroe de las mujeres (1978)
  • Historias desaforadas (1986)
  • Una muñeca rusa (1991)
  • En viaje (1996) cartas a Silvina
  • Una magia modesta (1997)

Ensaios[editar | editar a fonte]

  • La otra aventura (1968)
  • Memoria sobre la pampa y los gauchos (1970)
  • Breve diccionario del argentino exquisito (1971)
  • De las cosas maravillosas (1999)

Diarios[editar | editar a fonte]

Ao longo de toda a súa vida, Bioy levou a cabo un vastísimo diario do que saíron as seguintes publicacións:

  • Unos días en el Brasil (1991). Edición de apenas 300 exemplares fóra de comercio. No ano 2010 foi editada comercialmente polas editoriais Páginas de Espuma e La Compañía de los Libros.
  • Descanso de caminantes (2001), libro póstumo, editado por Daniel Martino.
  • Borges (2006), libro póstumo, composto polas pasaxes dos seus diarios referidos ao seu famoso amigo. Editado en colaboración con Daniel Martino.

Autobiografía[editar | editar a fonte]

  • Memorias (1994), editado por Marcelo Pichon Riviere e Cristina Castro Cranwell.

Cartas[editar | editar a fonte]

  • En viaje (1967) (1996), cartas para Silvina Ocampo e Marta Bioy, editadas por Daniel Martino.

Miscelánea[editar | editar a fonte]

  • De jardines ajenos: libro abierto (1997), recompilación de frases, poemas e outros textos. Editado en colaboración con Daniel Martino.

Antoloxías[editar | editar a fonte]

  • Historias fantásticas (1972)
  • Historias de amor (1972)

Obras repudiadas polo autor[editar | editar a fonte]

  • Prólogo (1929), contos e miscelánea.
  • 17 disparos contra lo porvenir (1933), co pseudónimo Martin Sacastru, contos.
  • Caos (1934), contos.
  • La nueva tormenta o La vida múltiple de Juan Ruteno (1935), novela.
  • La estatua casera (1936), miscelánea.
  • Luís Greve, muerto (1937), contos.

Obra completa[editar | editar a fonte]

  • Obra completa I (1940-1958), Emecé 2012
  • Obra completa II (1959-1971), Emecé 2013
  • Obra completa III (1972-1999), Emecé 2014

Edición crítica e anotada, ao coidado de Daniel Martino.

Obras en colaboración con outros autores[editar | editar a fonte]

Adolfo Bioy Casares en 1941.

con Jorge Luís Borges[editar | editar a fonte]

  • Seis problemas para don Isidro Parodi (1942)
  • Los mejores cuentos policiales (1943) Antoloxía de contos policiais.
  • Dos fantasías memorables (1946)
  • Un modelo para la muerte (1946)
  • Los mejores cuentos policiales (Segunda serie) (1951) Antoloxía de contos policiais.
  • Cuentos breves y extraordinarios (1955) Antoloxía de relatos breves.
  • Libro del Cielo y del Infierno (1960) Antoloxía de textos.
  • Crónicas de Bustos Domecq (1967)
  • Nuevos cuentos de Bustos Domecq (1977)
  • Museo. Textos inéditos (2003)
Guións de cine
  • Los orilleros (1955)
  • El paraíso de los creyentes (1955) - non filmada
  • Invasión (1969), dirixida por Hugo Santiago.
  • Les Autres (1971), dirixida por Hugo Santiago.

con Silvina Ocampo[editar | editar a fonte]

  • Los que aman, odian (1946)

con Silvina Ocampo e Jorge Luís Borges[editar | editar a fonte]

  • Antología de la literatura fantástica (1940)
  • Antología poética argentina (1941)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Escritores.org. "Bioy Casares, Adolfo". www.escritores.org (en castelán). Consultado o 2020-11-20. 
  2. "Adolfo Bioy Casares. Departamento de Bibliotecas y Documentación del Instituto Cervantes". www.cervantes.es. Consultado o 2020-11-20. 
  3. Historias inesperadas, Relatos, hallazgos y evocaciones de nuestro pasado (16 de mayo de 2011). "La sangre guaraní de Belgrano, Bioy y el Che". Diario La Nación. Arquivado dende o orixinal o 28 de decembro de 2016. Consultado o 27 de diciembre de 2016. 
  4. Binayán Carmona, Narciso (1 de enero de 1999). Historia genealógica argentina Buenos Aires. Buenos Aires: Emecé Editores. ISBN 9500420589. 
  5. "El tercer hombre". web.archive.org. 2016-08-21. Archived from the original on 21 de agosto de 2016. Consultado o 2020-11-19. 
  6. "Página/12". www.pagina12.com.ar. Consultado o 2020-11-19. 
  7. "Ultimos años en Recoleta: Bioy según su nieto Florencio". www.clarin.com (en castelán). 2014-08-29. Consultado o 2020-11-19. 
  8. "Adolfo Bioy Casares". Fundación Konex. Arquivado dende o orixinal o 22 de setembro de 2011. Consultado o 20 de outubro de 2011. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]