Pastafarismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
PASTAFARISMO
Fundador: Bobby Henderson
Deidade: Monstro de Espaguete Voador (Flying Spaguetti Monster, Monesvoa en galego)
Texto sagrado: Evanxeo do Monstro de Espaguete Voador
Simbolo do Pastafarismo, evidente parodia do'Ichthys cristián.
Monstro de Espaguete Voador de peluche.
Colgachaves pastafariano.
Monstro de Espaguete Voador, ou Monesvoa.

O pastafarismo ou relixión do Monstro de Espaguete Voador (do idioma inglés: Flying Spaghetti Monster (FSM), neoloxismo derivado de pasta e rastafarismo), é unha parodia de relixión,[1][2][3] que xurdiu a xeito de campaña de protesta social nos Estados Unidos de América para denunciar e opoñerse á difusión da hipótese do deseño intelixente, impulsada por sectores políticos e relixiosos conservadores durante os mandatos do Presidente George W. Bush, e ás correntes de opinión que pretendían a súa equiparación con teorías aceptadas pola comunidade científica, como a da evolución.

Os principios do pastafarismo ideounos Bobby Henderson, licenciado en física pola Universidade estatal de Oregón, para protestar mediante a sátira pola decisión do Consello de Educación do estado de Kansas (Kansas State Board of Education) adoptada a finais de 2005, de permitir a ensinanza do deseño intelixente nas escolas públicas como alternativa da teoría da evolución.[4] Decisión que foi revogada de contado, en agosto de 2006.[5]

Ao igual que o movemento a favor do deseño intelixente, o ideario de Henderson emprega referencias ambiguas a un denominado Deseñador Intelixente non especificado, co fin de evitar os mandatos xudiciais que prohiben o ensino da relixión e o creacionismo nas clases de ciencias dos centros educativos públicos estadounidenses.

A parodia alcanzou certa popularidade grazas á súa difusión polos medios de comunicación, especialmente internet.

Historia[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Nos Estados Unidos, onde existe unha separación de Igrexa e Estado, está prohibido ensinar nas escolas públicas a teoría teocéntrica da orixe do universo tal como se predica na Biblia.[6]

En 1999, moitos grupos de presión fundamentalistas cristiáns empezaron a argumentar que o evolucionismo debía ser considerado como unha forma máis de relixión,[7] polo que, para compensar, debería ensinarse tamén o creacionismo nas escolas públicas, como punto de vista alternativo. Ao mesmo tempo, empezou a abandonarse o uso do termo creacionismo en favor do deseño intelixente, nun intento de conxugar filosoficamente as probas da evolución coa creación divina, pero sen aludir a ningunha relixión en concreto.

En 2004 o Consello de Educación do Estado de Kansas ordenou ás escolas estatais que nas clases de bioloxía dedicaran a mesma cantidade de horas lectivas ao deseño intelixente e á teoría da evolución darwiniana, xa que, segundo o seu parecer, ambas as teorías tiñan a mesma validez científica.

Orixes[editar | editar a fonte]

En xuño de 2005 Bobby Henderson mandou unha carta aberta[8] protestando pola norma que obrigaba a impartir nas clases o deseño intelixente e a evolución biolóxica en igualdade de condicións, considerando que o primeiro era tan só unha forma encuberta de ensinar o creacionismo na clase de bioloxía sen mencionar de forma explícita a palabra "Deus". Desta maneira, ao non mencionarse unha deidade concreta, respectábase a letra pero burlábase o espírito da lei que prohibe o ensino de calquera relixión nas escolas públicas dos Estados Unidos.

Afirmando falar tanto no seu nome como no doutros dez millóns de cidadáns preocupados, pediu formalmente que a súa sarcástica redución ao absurdo, denominada "pastafarismo", recibira o mesmo trato, e que se ensinara a súa versión do deseño intelixente, e non só a incluída até entón, para que se ensinara tamén como alternativa á teoría da evolución. Así expuxo a súa teoría de que o universo fora creado por unha especie de bóla xigante de espaguetes con albóndegas voadora, á que chamou Monstro do Espaguete Voador (Flying Spaghetti Monster), exixindo que se lle dedicara o mesmo tempo lectivo ao ensino das tres teorías:

"Creo que todos podemos esperar con entusiasmo o momento en que estas tres teorías reciban o mesmo tempo na nosas clases de ciencias por todo o país e, finalmente, do mundo; un terzo do tempo para o Deseño Intelixente, un terzo para o Monstro do Espaguete Voador, e un terzo para as conxecturas lóxicas baseadas nunha abrumadora cantidade de probas observábeis".[8]

Representación do Monesvoa entregando ao capitán Mosey as táboas cos "Realmente preferiría que non" no monte Prebe.

Avisou que, de non ser así, "veríanse forzados a proceder con accións legais". Pouco tempo despois, a súa sarcástica carta recibiu dúas respostas [9] de dous simpatizantes da súa postura, membros do Consello. A mediados de agosto recibiu unha terceira resposta. Porén o Consello só respondeu despois de que Henderson publicara a carta na súa web,[8] o que acadou grande atención polo público.[10] Henderson foi publicando sucesivamente as respostas recibidas polos distintos membros do Consello.[11]

Nos dous meses seguintes, a medida que o enfrontamento entre Henderson e o Consello foi gañando notoriedade, o tráfico no sitio web do Monstro de Espaguete Voador medrou de maneira constante. A popularidade do sitio desatouse en agosto, cando o Monstro de Espaguete Voador apareceu en varios blogs e sitios de noticias e humor de internet (como Boing Boing, Something Awful, Uncyclopedia e Fark.com), atraídos polo ton sarcástico do argumento de Henderson. Pronto lle seguiron artigos nos principais medios de comunicación.[12][13][14][15] E así o Monstro de Espaguete Voador converteuse nun símbolo da loita contra a ensinanza do deseño intelixente nos colexios públicos.

Grupos de ateos e agnósticos, denominados polos pastafaris "espagnósticos", consideran o argumento do "Monstro de Espaguete Voador" como unha versión adaptada das teorías da teteira de Russell [16] ou a do Unicornio rosa invisíbel.

Na sección de últimas novas do sitio web de Henderson sinala que o presidente dos Estados Unidos George W. Bush e o senador Bill Frist apoiaron publicamente a ensinanza das teorías non evolucionistas, do que Henderson deduce (humoristicamente) que apoian as ensinanzas do pastafarismo. (Porén, ningún dos dous mandatarios manifestou publicamente a súa posición sobre o pastafarismo).

Motivacións[editar | editar a fonte]

O mesmo Henderson mostrouse moi sorprendido polo éxito do seu argumento, declarando que "escribín a carta principalmente para divertirme".[17]

Noutra entrevista, Henderson declarou que "non teño problemas coa relixión. O que me amola é que nos queiran vender a relixión coma unha ciencia. Paréceme ben que se ensine o creacionismo nas escolas, pero non como parte da materia de Ciencias Naturais. A ciencia é o estudo de fenómenos naturais e observábeis. Se existe un Deus, e é intelixente, creo que tería moito sentido do humor".[18][19]

Desenvolvemento posterior[editar | editar a fonte]

En agosto de 2005, en resposta ao reto dunha lectora que desafiou en setembro de 2005 na bitácora Boing Boing, de Henderson, dicindo que "darei 25.000 dólares á persoa que poida probar empiricamente a teoría da evolución", contestou: "Nós daremos 250.000 dólares (posteriormente aumentados a un millón de dólares) á persoa que poida probar empiricamente que Xesús non é o fillo único do Monstro Voador de Espaguete".[20] O reto era unha réplica a un equivalente feito polo creacionista da Nova Terra Kent Hovind, no que este ofrecía un premio de 250.000 dólares a calquera que puidera demostrar que a evolución "é a única forma" pola que xurdiron o universo e a vida.

En novembro de 2005 o Consello de Educación do Estado de Kansas votou a favor de que puideran incluírse preguntas acerca das críticas á evolución biolóxica nas probas de aptitude do estado, incluíndo algunhas acerca do deseño intelixente.[21] En febreiro de 2007 o Consello votou para que se volveran a excluír ese tipo de preguntas, sendo a quinta vez en oito anos que se modificaron os estándares de cualificación estatais referentes á evolución.[22]

En novembro de 2007 tiveron lugar tres conferencias sobre o Monstro do Espaguete Voador na reunión anual da Academia Americana de Relixión, celebrada en San Diego (California). As charlas incluíron títulos como "Sagrada Pasta e Auténtico Prebe: as enredadas implicacións do Monstro de Espaguete Voador para teorizar sobre a relixión."[23] A pesar de que a súa inclusión no programa sen dúbida produciu moitas risas, xerou un debate serio sobre a esencia da relixión, explorando cuestións como: require a relixión unha auténtica crenza teolóxica, ou simplemente un conxunto de rituais e unha comunidade que se une como forma de representar as súas alianzas culturais? Ou, dito doutro xeito, é unha antirrelixión como o espaguetemonsterismo realmente unha relixión? [24]

En decembro de 2007 o diario The Ledger informou que varios membros da web da Igrexa do Monstro de Espaguete Voador mandaran correos electrónicos aos membros do Consello de Educación de Polk County, Florida, sobre o tema do deseño intelixente.[25]

Nesta web Henderson afirmou que "máis de 10 millóns de persoas foran tocadas polo seu "apéndice tallarinesco".[3] Tamén xurdiron outras webs de fans[26] co obxectivo declarado de promover o espaguetemonsterismo.

Con millóns, se non miles de fieis devotos, a Igrexa do MEV está amplamente considerada como unha relixión lexítima mesmo polos seus opositores, principalmente fundamentalistas cristiáns, que aceptaron que o noso deus ten as bólas máis grandes có seu
Bobby Henderson, profeta do Monstro de Espaguete Voador.[27]

Crenzas[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Crenzas do pastafarismo.
Garfo crucificado, un dos símbolos do pastafarismo.

Moitas das "crenzas" propostas por Henderson foron elixidas con intención de parodiar os argumentos comunmente usados polos defensores do deseño intelixente:[17]

  • O universo foi creado por un invisíbel e indetectábel Monstro Voador de Espaguete. Todas as evidencias que "erroneamente" apoian a evolución foron "chantadas" intencionadamente por este ser.
  • O quecemento global, os furacáns e outros desastres naturais son consecuencia directa de que desde o principios do século XIX diminuíu o número de piratas. No sitio de Henderson amósase un gráfico que demostra a correlación inversa entre a cantidade de piratas e as temperaturas mundiais. Este compoñente da teoría acentúa a falacia lóxica esgrimida polos creacionistas de que a correlación implica causa.
  • Bobby Henderson é o profeta desta Primeira Igrexa Unida do Monstro Voador de Espaguete (First United Church of the Flying Spaghetti Monster).
  • O símbolo principal é unha cruz, que en troques de ter un Xesús crucificado, ten un garfo para comer espaguetes.

Código de conduta[editar | editar a fonte]

Pastafaris, vestidos de piratas, acompañando ao Grande Espaguete durante a cabalgata do solsticio de verán de 2011, en Fremont, Seattle (Estados Unidos).
  • O monstro continúa guiando invisibelmente a conduta de cada ser humano (crente ou non) a través dos "Seus Apéndices Tallarinescos".
  • As oracións a "El" deben rematar sempre coa palabra "RAmén" en troques de "amén". O termo ramen significa 'espaguete' en xaponés (na China creouse a pasta hai uns catro mil anos).
  • Os pastafaris visten completamente con atavío de pirata.

Beneficios da conversión[editar | editar a fonte]

Henderson deu as seguintes razóns para converterse ao pastafarismo:

Argumentos a prol da existencia do MVE[editar | editar a fonte]

Segundo Brian D. Rabern, profesor do departamento de Filosofía da Universidade de California en Santa Bárbara, pódense presentar varios argumentos ontolóxicos e cosmolóxicos a prol da existencia do Monstro Voador de Espaguete:

Argumento ontolóxico do MVE[editar | editar a fonte]

(Parafraseando as premisas ontolóxicas de Santo Anselmo de Canterbury)

  • Premisa 1: o Monstro Voador de Espaguete é un ser que ten toda perfección.
  • Premisa 2: a existencia é unha perfección.
  • Conclusión: polo tanto, o Monstro Voador de Espaguete existe.

O argumento cosmolóxico do MVE[editar | editar a fonte]

(Estilo Kalam)

  • Premisa 1: a existencia de todo o que comeza a existir ten unha causa.
  • Premisa 2: o universo comezou a existir.
  • Premisa 3: polo tanto, a existencia do universo ten unha causa.
  • Premisa 4: como non hai unha explicación científica que poida elucidar a causa da orixe do universo, esta causa ten que ser sobrenatural, ou sexa o universo foi creado por un deus.
  • Premisa 5: os deuses sempre crearon os humanos á súa propia imaxe e semellanza.
  • Premisa 6: o cerebro dos humanos semella unha fonte de espaguetes.
  • Conclusión 2: polo tanto, o Monstro Voador de Espaguete é o único deus verdadeiro.

Argumento ontolóxico do MVE[editar | editar a fonte]

  • Premisa 1: pódese imaxinar o ser máis grande (do que non se poida imaxinar un máis grande).
  • Premisa 2: se non existe un ser a partir do cal non se poida imaxinar un máis grande, de todos modos eu podería imaxinar un máis grande que ese ser do cal non se podía imaxinar un máis grande (ou sexa, un ser a partir do cal realmente xa non se poida imaxinar un máis grande).
  • Premisa 3: non é posíbel imaxinar un ser máis grande que un ser do cal xa non é posíbel imaxinar un máis grande.
  • Conclusión 1: polo tanto, existe un ser do que non se pode imaxinar un máis grande.
  • Premisa 4: se ese ser non ten un Apéndice Tallarinesco, entón eu podería imaxinar un ser máis grande que ese ser: un que tivera un Apéndice Tallarinesco.
  • Conclusión 2: polo tanto, un ser que non se pode imaxinar un máis grande ten un Apéndice Tallarinesco.
  • Conclusión 3: polo tanto, un ser que non se pode imaxinar un máis grande ten un Apéndice Tallarinesco e existe
  • Conclusión 4: polo tanto, o Monstro Voador de Espaguete existe. ¡RAmén!

Apéndice: Carta Aberta de Henderson ao Consello de Educación de Kansas[editar | editar a fonte]

A Carta Aberta ao Consello de Educación de Kansas [28] é moi representativa das reivindicacións e as ideas de Bobby Henderson e dos opoñentes ao deseño intelixente:

"Estou escribindo a vostedes con moita preocupación, despois de ler as súas deliberacións para decidir se a alternativa Teoría do Deseño Intelixente debería ensinarse xuntamente coa Teoría da Evolución. Creo que todos podemos concordar en que é importante para os estudantes que escoiten múltiples puntos de vista para que así poidan escolleren a teoría que ten máis sentido para eles. Estou preocupado, por iso, de que os estudantes só escoiten a Teoría do Deseño Intelixente.
Lembrémonos de que existen múltiplas teorías do Deseño Intelixente. Eu e moitos outros ao longo do mundo temos a forte crenza de que o universo foi creado por un Monstro de Espaguete Voador. Foi El quen creou todo o que vemos e todo o que sentimos. Nós cremos fondamente en que toda a incontrovertida evidencia científica do mundo que apunta en dirección a un proceso evolutivo non é nada máis que unha tremenda coincidencia, organizada por El.
E é por esta razón polo que lles estou escribindo hoxe, para requirir formalmente que esta teoría alternativa sexa ensinada nas súas escolas, xuntamente coas outras dúas teorías. De feito, irei tan lonxe que direi que, se vostedes non concordan en facer iso, estaremos forzados a procesalos cunha acción legal. Teño a certeza de que vostedes se dan de conta de onde estamos vindo. Se a Teoría do Deseño Intelixente non está baseada na fe, senón que é outra teoría científica, tal como alegan, entón vostedes tamén deben permitir que a nosa teoría se ensine, pois tamén está baseada na ciencia, e non na fe.
Algúns achan iso difícil de crer, entón talvez sexa proveitoso contarlles un pouco máis sobre as nosas crenzas. Nós temos evidencia de que o Monstro de Espaguete Voador creou o universo. Ningún de nós, claro, estaba alá para ver iso, mais temos relatos escritos sobre o acontecemento. Nós temos varios extensos volumes que explican todos os detalles do Seu poder. Tamén, vostedes deben estar sorprendidos de escoitar que existen 10 millóns de nós, e que o número vai aumentando. Nós temos a tendencia de sermos moi secretos, pois moitas persoas afirman que as nosas crenzas non están substancialmente baseadas por evidencias observábeis. O que esas persoas non entenden é que El construíu o mundo para que pensásemos que a Terra é mais vella do que realmente é. Por exemplo, un científico pode executar un proceso de datación por carbono nun artefacto. Encontra que aproximadamente o 75 % do Carbono-14 diminuíu por emisión de electróns para o Nitróxeno-14, e infire que este artefacto ten aproximadamente 10 000 anos de idade, pois a vida media do Carbono-14 é de 5730 anos. Pero do que os nosos científicos non se dan de conta é de que cada vez que fan unha medición, o Monstro de Espaguete Voador estará alí alterando os resultados co seu Apéndice Macarrónico. Nós temos varios textos que describen detalladamente como é posíbel iso, e as razóns polas que El o fai. Obviamente, El é invisíbel e pode pasar a través da materia ordinaria con facilidade.
Teño a certeza de que agora vostedes entenden a importancia de que os seus estudantes sexan instruídos nesta teoría alternativa. É absolutamente imperativo que se dean de conta de que a evidencia observábel está na apreciación dun Monstro de Espaguete Voador. Ademais diso, é irrespectuoso ensinar as nosas crenzas sen vestir a Súa roupa escollida, que claramente é unha completa vestimenta pirata. Non podo avaliar totalmente a importancia diso, e infelizmente non podo describir con detalles o motivo de por que debe facerse iso, pois temo que esta carta xa estea ficando moi longa. A explicación resumida é que El queda con rabia se non o facemos así.
Vostedes deben estar interesados en saberen que o quecemento global, os terremotos, os furacáns e outros desastres naturais son un efecto directo da diminución do número de piratas desde o século XIX. Polo seu interese, inclúo un gráfico do número aproximado de piratas fronte a media da temperatura global nos últimos 200 anos. Como poden ver, existe unha significativa relación estatística inversa entre piratas e temperatura global.
Concluíndo, grazas por escoitaren as nosas visións e crenzas. Espero que fora capaz de expoñer a importancia de ensinar esa teoría aos nosos estudantes. Nós seremos capaces, asegúroo, de adestrar aos profesores nesa teoría alternativa. Estou agardando ansiosamente a súa resposta, e espero sinceramente que non teñamos que tomar ningunha acción legal. Acho que todos podemos concordar que estas teorías se dean en tempos iguais nas aulas de ciencias en todo o país e, eventualmente, no mundo. Unha terza parte para o Deseño Intelixente, unha terza parte para o Pastafarismo (ou Monstroismo Espaguético Voador), e unha terza parte para a conxectura lóxica baseada en incontrovertíbeis evidencias observábeis.
Sinceramente, Bobby Henderson, cidadán preocupado."

Neste texto dáse conta de toda a forza satírica e intelixíbel da crítica ao creacionismo.

Manifestacións pastafaris en España[editar | editar a fonte]

En 2011 Jesús Castizo Mantas, seguidor da igrexa pastafari dirixiuse a Correos para solicitar a impresión dun selo adicado ao gran Monesvol polo servizo "Tu sello" que permite mercar selos de correo personalizados baixo pedido. A petición foi denegada sen máis explicacións que o incumplimento das normas do servizo. A decisión foi recorrida na Xunta Arbitral do concello da capital de provincia (Sevilla). A cal tamén se declarou non competente por ter residencia noutra localidade o recorrente (Alcalá de Guadaira) e foi remitido á Xunta Abitral Provincial da Deputación. Correos aceptou someterse a esta arbitraxe.

Na xuntanza de arbitraxe Correos alegou[29]:

Correos consultó la inclusión o no de dicho culto en el Registro de Entidades Religiosas, comprobando que ... la dirección General de Cooperación Jurídica Internacional y Relaciones con las Confesiones, del Ministerio de Justicia había resuelto, a través de Oficio, denegar la inscripción en el Registro de Entidades Religiosas de la entidad denominada IGLESIA PASTAFARI.


... conocidos los antecedentes del pastafarismo y que su significado religioso y científico puede crear polémica o controversia, Correos consideró que por las connotaciones que tenía la imagen solicitada no era susceptible de ser incorporada en un sello de Correos .... En consecuencia, no ve posible atender la pretensión del reclamante relativa a la prestación del servicio Tu sello, dado que ... No deben figurar personajes cuando su representación pudiera ser causa de división, polémica, controversia, escándalo o conflicto.

O 30 de agosto de 2012 ditou resolución a xunta de arbitraxe[30]:

difícilmente puede crear polémica o controversia un bola de espaguetis con albóndigas voladora, siento totalmente arbitraria la denegación de la solicitud

Correos editou os selos pero advertindo que era só nese caso e non era unha sentenza vinculante xa que non faría selos para ninguén máis. Outro seareiro de Pamplona volveu repetir o proceso e solicitou a impresión de selos pastafaris. Correos enviou a tres representantes á xunta arbitral na cal alegou: adorar a una gran bola de espaguetis es ofensivo para un gran número de españoles. A xunta arbitral rexeitou a solicitude de selos personalizados coa imaxe de Monesvol[31].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "The dangers of creationism in education. Council of Europe Parliamentary Assembly" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 19 de novembro de 2011. Consultado o 27 de agosto de 2018. 
  2. Dan Vergano (26 de marzo de 2006). ""Spaghetti Monster" is noodling around with faith" (en inglés). USA Today. 
  3. 3,0 3,1 "But Is There Intelligent Spaghetti Out There?". New York Times Arts article. Consultado o 05-02-2007. 
  4. "Kansas Education Board First to Back 'Intelligent Design'" Arquivado 11 de maio de 2008 en Wayback Machine., The Washington Post, 2005-11-09 (en inglés).
    "En Kansas se enseñará la teoría creacionista" Arquivado 25 de maio de 2008 en Wayback Machine., La Nación (Arxentina), 2005-11-10.
  5. "Evolution Trumps Intelligent Design in Kansas Vote", Science, 2006-08-11 (en inglés).
  6. "Congress shall make no law respecting an establishment of religion, or prohibiting the free exercise thereof" (O Congreso non fará ningunha lei respecto ao establecemento da relixión, ou prohibindo o seu libre exercicio), Primeira emenda á Constitución dos Estados Unidos.
  7. Ken Ham. Master Books Inc., ed. "Evolution is Religion" (en inglés). 
  8. 8,0 8,1 8,2 Open Letter To Kansas School Board ao Consello de Educación, en venganza.org
  9. Response from K.S.B., en venganza.org
  10. "Discussion of the Open Letter" (en inglés). Henderson, Bobby. Consultado o 07-04-2007. 
  11. "Kansas School Board Responses to the Open Letter" (en inglés). Henderson, Bobby. xuño de 2005. Consultado o 09-01-2006. 
  12. "A Tangled Tale of a Pasta-based Prophet" (en inglés). Der Spiegel. 24 de agiosto de 2005. Consultado o 08-09-2007. [FSM] has certainly caught the imagination of the online community [...] Henderson receives over 150 emails from supporters every day. 
  13. "The Flying Spaghetti Monster" (en inglés). New Scientist. 6 de agosto de 2005. Arquivado dende o orixinal o 05 de outubro de 2008. Consultado o 06 de febreiro de 2006. 
  14. Rothschild, Scott (24 de agosto de 2005). "Evolution debate creates monster" (en inglés). Lawrence Journal-World. 
  15. Boxer, Sarah (29 de agosto de 2005). "But Is There Intelligent Spaghetti Out There?" (en inglés). New York Times. 
  16. Wolf, Gary (14 de novembro de 2006). "The Church of the Non-Believers" (en inglés). Wired News. 
  17. 17,0 17,1 ""Spaghetti Monster" is noodling around with faith". USA Today Science & Space article (en inglés). Consultado o 05-02-2007. 
  18. "Church of the Flying Spaghetti Monster". James Randi Educational Foundation]] article September 16, 2005 (en inglés). Consultado o 05-02-2007. 
  19. In His Name We Pray, Ramen Arquivado 31 de outubro de 2013 en Wayback Machine. por Russ Pitts, Escapist magazine
  20. "Boing Boing's $250,000 Intelligent Design challenge" (en inglés). BoingBoing.net. 19 de agiosto. Arquivado dende o orixinal o 02-12-2005. Consultado o 11-06-2006. 
  21. "Kansas Education Board First to Back "Intelligent Design"" (en inglés). Washington Post. 9 de novembro de 2005. 
  22. "Kansas board boosts evolution education" (en inglés). MSNBC. 14 de febreiro de 2007. 
  23. "Religious scholars mull Flying Spaghetti Monster" (en inglés). AP. 2007-11-16. Arquivado dende o orixinal o 16-11-2007. Consultado o 6-11-2007. 
  24. Pasta Monster Gets Academic Attention Arquivado 03 de decembro de 2007 en Wayback Machine. Associated Press (AP) 17 de novembro de 2007 (en inglés)
  25. John Chambliss (11-12-2007). "Satirical Monsters More Competition for Darwin". The Ledger. Arquivado dende o orixinal o 31-08-2016. Consultado o 13-12-2007. 
  26. fsmawareness.com Arquivado 13 de marzo de 2016 en Wayback Machine. (en inglés)
  27. Henderson, Bobby. "About". The Church of the Flying Spaghetti Monster. Consultado o 20-09-2009. 
  28. "Open Letter To Kansas School Board". Consultado o 13 de maio de 2010. 
  29. Correos, católico, apostólico y romano. Rollitos de Primavera
  30. Joe contra correos. Rollitos de Primavera
  31. ¿No habemus más sellos pastafaris? Iglesia Pastafari

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Henderson, Bobby (2006): The Gospel of the Flying Spaghetti Monster. Villard Books. ISBN 0-8129-7656-8

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]