Baldaquino

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Baldaquino de Bernini, na basílica do Vaticano.

Chámase baldaquino ou ciborio a unha construción relixiosa de pequeno tamaño[1] destinada a protexer un altar, formada basicamente por catro columnas que sosteñen un elemento de cubrición, habitualmente unha cúpula ou un dosel. Os catro arcos ou linteis que pechan os laterais do baldaquino adoitan estar decorados por relevos, inscricións, escudos ou outros elementos decorativos. Esta estrutura básica pode estar modificada por diversas variantes, segundo a época, o estilo ou o material de construción.

O nome procede de baldacchino, tea procedente de Baldac, nome da cidade de Bagdad durante a Idade Media, porque de alí proviñan os tapices cos que se confeccionaban as cortinaxes coas que se pechaban lateralmente. O nome de ciborio vénlle do latín ciborium, en alusión á forma de copa invertida.

Por similitude, denomínanse tamén baldaquinos os doseis de tea que cobren ou protexen tronos reais, camas etc. No escudo de Serbia ou o nos Países Baixos poden verse exemplos deste uso.

Historia[editar | editar a fonte]

San Juan de Duero (Soria).

O máis antigo baldaquino coñecido é ciborio de Kathoura, en Siria, do ano 195. Presentes noutros puntos de Oriente Próximo, estaban asociados a enterramentos. Do século IV era o fastigium de Latrán (roubado polos visigodos no século seguinte), así como o da basílica de Santa Petronila ou o da tumba de San Lourenzo.

Na Idade Media era usual pechar os laterais con cortinas, de modo permanente ou só durante o momento da consagración, que ocultaban os celebrantes da vista dos fieis. Nas igrexas de Oriente utilizaban mesmo portas de madeira que se pechaban durante ese momento.

Co paso dos séculos, aumentan os exemplos de baldaquinos e a súa difusión xeográfica. Do século X é o afamado baldaquino de San Marcos (Venecia) e do XI os de San Nicolao de Bari ou o francés de Cluny.

O exemplar máis afamado é o baldaquino da basílica de San Pedro do Vaticano, construído por Bernini e Borromini en broce, madeira e mármore entre 1624 e 1633.

Na Península Ibérica hai notables exemplos no Museo Nacional de Arte de Cataluña (Barcelona) (procedente de San Vicente de Estamariu) [2] ou o da catedral de Girona. En Castela, os de San Juan de Duero (Soria) [3], o do mosteiro de Rodilla (Burgos) ou o da igrexa da Madalena (Zamora [4]).

Ramiro II de León (Tumbo A da Catedral de Santiago.

Ademais dos exemplos arquitectónicos existentes ou dos que se ten constancia histórica, os baldaquinos aparecen tamén representados en medallas romanas, no díptico de Monza, nun mosaico de Salónica, nas miniaturas medievais etc. A modo de exemplo, o Tumbo A da catedral de Santiago, de 1140, representa os reis Ordoño II (871-924), Ramiro II (898-951) e Sancho I (†966) debuxados baixo baldaquinos ornados con torres nos esquinais. Tamén se poden ver nas Cantigas de Santa María.

Baldaquinos en Galicia[editar | editar a fonte]

En Galicia, o primeiro baldaquino do que se ten información foi o que mandou construír o bispo Xelmírez na Catedral ó redor do ano 1110. Era de madeira e estaba recuberto de ouro e prata e contiña o novo altar da catedral. Foi derrubado na segunda metade do século XVII.

Outro exemplar notable, tamén desaparecido, foi o do arcebispo Fonseca I. Sábese que dispuxo a construción en 1462 e que en 1476 seguía entregando prata para "fazer as ymaxes do cimborio e obra". En documentos de 1512 consta que se mandou "alimpiar e adereçar el cimborio que está sobre el altar".

Santa María a Nova (Noia)

En 1930, Xosé Filgueira Valverde e Xosé Ramón Fernández-Oxea publicaron un primeiro estudo sobre a presenza destas estruturas na arquitectura relixiosa galega, xa construídas en pedra. Atá entón só se tiña constancia de dous baldaquinos en Galicia, os dous sobre cadanseu cruceiro: o de Santa María a Nova, en Noia, e o da Colexiata, en Baiona. Coñecíanse tamén distintos relevos e pezas soltas que se consideraban restos de frontes de altares (segundo Casto Sampedro Folgar) ou de retablos pétreos (segundo López Ferreiro), como os de Caldas de Reis, Bemil, Baíñas, Fisterra, Santiso, Curro, Sacos, Xeve, Fragas etc., algúns debuxados por Enrique Campo. En 1987, os mesmos autores publicaron unha revisión daquela primeira monografía, ampliando o catálogo desde os 37 da primeira edición ós 67 da segunda, con 11 exemplares armados (aínda que case todos modificados) e outros 56 xa desfeitos dos que se conservan máis ou menos restos ou, canto menos, memoria documental. Algún, coma o de Ventosa, consérvase completo pero desmontado.

Imaxes de baldaquinos en Galicia[editar | editar a fonte]

Cronoloxía[editar | editar a fonte]

Só cinco baldaquinos están datados, sendo o máis antigo deles un de Caldas de Reis (de 1482) e o máis moderno o de San Martiño de Meis (de 1543). Dado que practicamente todos asentan sobre arcos conopiais, de introdución tardía [3], non parecen ser anteriores ó século XV.

Só se ten constancia da autoría nun caso, no baldaquino que, procedente da igrexa de Santa María, hoxe está nunha fornela da capela de San Roque, en Caldas de Reis. As dúas pezas que se conservan só mostran escudos, inscricións e decoración floral, e consta que "Ioan Rico me laurou", coa data de 1482. Filgueira e Fernández Oxea propoñen a existencia de dúas escolas: unha que irradia desde Pontevedra e o Salnés (con influencia de Santiago) e outra localizada en Lugo, máis tardía, e á que identifican cun Mestre da Ventosa.

Distribución xeográfica[editar | editar a fonte]

Distribución xeográfica dos baldaquinos catalogados en Galicia. Aínda que máis frecuentes ó sur de Compostela, unha comparación amosa que non hai especial coincidencia coas dioceses de Galiza.

Como se pode ver no mapa, a maior parte dos baldaquinos galegos inventariados atópanse na metade norte da provincia de Pontevedra, estendéndose polas zonas limítrofes das de Lugo e Ourense. Existen outros exemplares soltos no sur da provincia de Pontevedra e en puntos dispersos da da Coruña.

En total, hai 41 na provincia de Pontevedra, 12 na da Coruña, 11 na de Ourense e 3 na de Lugo.

Consérvanse armados e en pé os seguintes:

  • Un na igrexa de San Salvador de Vilar de Donas, en Palas de Rei (Lugo).
  • Dous en San Xoán de Portomarín (Lugo).
  • Dous na igrexa de San Pedro de Xurenzás, en Boborás (Ourense).
  • Un na igrexa de Santa María de Piñeira, en Taboada (Lugo).
  • Un na igrexa de San Tomé de Serantes, en Leiro (Ourense).
  • Un na igrexa de San Vicenzo de Cespón, en Boiro (A Coruña).
  • Dous en Noia: un no cemiterio da igrexa parroquial, sobre un cruceiro; e outro nos xardíns do pazo de Monroy.
  • Un na colexiata de Santa María, Baiona (Pontevedra), tamén sobre un cruceiro.

Estrutura[editar | editar a fonte]

Os baldaquinos pétreos galegos eran de planta cadrada [4] e situábanse exentos, no centro do cruceiro da igrexa. Actualmente, só o de Vilar de Donas (en Palas de Rei, Lugo) mantén esa posición mentres que o resto dos que se conservan en pé están adosados a unha parede ou nunha esquina da igrexa (excepción feita das cruces cubertas de Noia e Baiona).

Columnas[editar | editar a fonte]

As columnas que os sustentan adoitan ser cilíndricas ou de sección hexagonal, e só nalgún caso presentan algunha decoración. Bases e capiteis son sempre simples.

Cómpre cita-lo caso excepcional dos restos dun baldaquino existente no mosteiro de San Paio de Antealtares. Consisten en tres columnas de 1,18 m de alto que presentan esculpidas tres apóstolos cada unha de clara factura románica. Dátanse no ano 1135 e hoxe están expostas, dúas no Museo Arqueolóxico Nacional (Madrid) [5] e outra no Fogg Museum de Harvard; descoñécese o paradoiro da cuarta columna. No Museo de Pontevedra están expostas reproducións en xeso das tres columnas.

Igualmente, no interior da Catedral de Santiago atópase unha columna de bronce de finais do século XII, de 2,28 m de altura; hoxe está transformada no relicario do bordón do Apóstolo.

Cuberta[editar | editar a fonte]

A cuberta era habitualmente piramidal, rematada con pináculos, imaxes ou pequenos castelos, elementos que tamén podían estar decorando os esquinais. Interiormente adoitaban presentar crucerías. Os baldaquinos de Xurenzás e do pazo de Monroy (Noia) conservan pequenas cabezas aliñadas sobre os nervios da pirámide.

Linteis[editar | editar a fonte]

Na maior parte dos casos, o que hoxe se conserva -completos ou partidos- son os paneis que, a modo de linteis dos arcos laterais, pechaban superiormente a estrutura. Trátase de pezas rectangulares esculpidas, cunhas medidas que oscilan entre o 1,80 e o 1,43 metros de longo por 70-85 cm de alto.

San Román de Santiso (Lalín)

Estes frontais mostran diversas escenas, case sempre de tipo relixioso aínda que tamén hai motivos simbólicos e heráldicos. Algúns exemplares están policromados como o puideron estar orixinalmente, como as pezas conservadas no interior da igrexa de San Pedro de Rebón (Moraña), a de San Román de Santiso (Lalín) ou o baldaquino de Ventosa (Agolada).

Están pechados por abaixo por un arco, habitualmente conopial [5] pero noutros casos florenzado ou ondulado, que deixaba aberto un espazo orixinalmente baleiro, aínda que tamén hai arcos cegos. Non son raros os arcos dobres nunha mesma peza; hai un único caso de arco trilobulado (na capela do Santo Espírito da Catedral de Santiago). Moitas veces este arco foi rebaixado ou mesmo eliminado ó recolocar a peza na nova situación. Estes rebaixes tamén se produciron nos laterais das pezas.

Superiormente están pechados por distintos motivos ornamentais organizados en cresterías, molduras, bólas etc.

Tipoloxía[editar | editar a fonte]

A temática representada nos paneis que se coñecen é moi variada, predominando as representacións evanxélicas: a Anunciación da Virxe en 19 casos; a adoración dos Reis, en 14; o desencravo ou o enterro de Cristo, en 13; así como o Nacemento de Xesús, a Santa Cea, o Xuízo Final etc., ata un total de 30 temáticas distintas. Por outra banda tamén son moi frecuentes as representacións de santos, encabezados por Santiago en 8 casos; San Sebastián, en 7; e San Pedro noutros 7, ata un total de 13 santos ou santas distintos.

Estado actual[editar | editar a fonte]

Baldaquino de Ventosa (Agolada, Pontevedra)
Paneis do baldaquino de Santa Mariña de Fragas (Campo Lameiro, Pontevedra), hoxe no Museo Provincial de Lugo

Como se dixo, a maior parte dos baldaquinos galegos foron desmontados segundo se foi estendendo o gusto polo estilo barroco á vez que como consecuencia das sucesivas reformas e ampliacións que se fixeron nas diferentes igrexas. Os responsables eclesiásticos do momento substituíronnos por retablos barrocos e as pezas dos baldaquinos foron reaproveitadas como elementos ornamentais dispostos nos muros exteriores ou interiores das igrexas ou adros. No caso do da igrexa de Santa María de Laxe ou o do convento das Clarisas, no casco vello da Coruña, aproveitáronse como linteis das portas de acceso.

Algúns foron parar ás coleccións históricas dos museos [6] e mesmo a algunha propiedade privada [7].

Non son raros os casos nos que foron, simplemente, destruídos. Algunhas pezas foron inventariadas en 1930 sobre noticias orais pero sen que se puidese confirmar a súa existencia; outras desapareceran cando se fixo a nova catalogación en 1987. Entre os baldaquinos dos que se ten constancia, oral ou documental, pero que se dan por desaparecidos podemos citar, como exemplo, os de Arzúa ou Baíñas (Vimianzo) (citados por López Ferreiro); os de Valga ou Mourente (Pontevedra) (comunicados pola Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra); ou o que estaba á saída da ponte do Burgo, en Pontevedra, que debuxou Pier María Baldi en 1669. No caso do baldaquino de San Vicenzo de Cespón (Boiro), que se conserva en pé pero trasladado a unha esquina da igrexa, Bouza Brey recolleu a existencia dun Descendemento do que xa non se teñen noticias.

Na xa citada igrexa de Santa María de Laxe atopáronse cinco fragmentos do que parece ser un retablo, soterrados baixo o altar co simple obxectivo de levantar o piso.

Todo o anterior explica que entre os expertos en arquitectura e escultura se estendese a idea de que non existían baldaquinos en Galicia. As pezas soltas que se coñecían, fóra de contexto, considerábanse, como se dixo, partes de retablos en pedra ou frontes de altares e só co estudo citado de Filgueira e Fernández Oxea se demostrou a súa presenza na imaxinería popular galega.

Breve descrición dalgúns dos baldaquinos galegos[editar | editar a fonte]

  • Igrexa de San Salvador de Meis (Pontevedra):
    • Catro pezas incrustadas no exterior do muro que circunda a igrexa, na praza anexa: tres ó redor dunha fonte e unha cuarta a uns metros á esquerda.
  • Igrexa de San Breixo de Arcos de Furco (Cuntis):
    • Tres relevos incrustadas no muro perimetral do adro da igrexa, rodeando un altar. Representan con chamativa similitude as mesmas escenas do de San Salvador de Meis.
  • Igrexa de San Pedro de Bordóns (Sanxenxo):
    • Na entrada ó cemiterio, dous dinteis colocados sobre o muro e que proceden dun baldaquino esquinado que acollía o osario, no adro da igrexa.
  • Igrexa de Santa María de Curro (Barro, Pontevedra):
    • Tres pezas incrustadas nas paredes das escaleiras de subida ó adro da igrexa. Esta é de comezos do século XVI e os tres dinteis semellan proceder dun antigo baldaquino sobre o altar maior, adosado ó muro da igrexa.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Durante o barroco, os baldaquinos poden adoptar medidas considerables -o da Basílica de san Pedro mide 29 m de altura- pero, en calquera caso, moito menores cás das igrexas nas que se constrúen.
  2. Representado por Castelao en As cruces de pedra na Galiza [1]
  3. Estímase que a primeira manifestación deste tipo de arco en Galicia corresponde á capela de Lope de Mendoza, en Santiago, da mesma man e datación cós arcos existentes en Iria Flavia e en Vilaxoán.
  4. Só os construídos sobre sepulturas presentan planta rectangular.
  5. Tipo de arco que semella a quilla invertida dun barco.
  6. O Museo de Pontevedra, no edificio principal e nas ruínas de Santo Domingo, conserva varios exemplares procedentes de Vilalonga (Sanxenxo), Bora (Pontevedra) ou o da capela da Virxe do Camiño, de Pontevedra. No Museo Provincial de Lugo, os procedentes de Santa Mariña de Fragas (Campo Lameiro). Anteriormente xa se citaron os restos conservados en museos de Madrid ou de Harvard.
  7. Coma os casos do do Pazo de Monroy (Noia), procedente da igrexa de Santa María a Nova, ou o existente na parede dunha casa de Ponte Arnelas (Ribadumia).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Baldaquino

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • FILGUEIRA VALVERDE, Xosé e RAMÓN FERNÁNDEZ-OXEA, Xosé: O baldaquino en Galicia denantes do arte barroco. Arquivos do Seminario de Estudos Galegos V, Santiago 1930, 95-143 (ed. facsímile Tradiciones y personajes de Galicia. Arquivos III. Ed. Boreal, A Coruña 1989).
  • FILGUEIRA VALVERDE, José e RAMÓN FERNÁNDEZ-OXEA, José: Baldaquinos gallegos. Fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña 1987.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]