Enrique Campo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Enrique Campo
Nacemento 21 de setembro, 1890
Lugar de nacemento Pontevedra, Galicia
Morte 2 de xuño, 1911 (21)
Lugar de morte Pontevedra, Galicia
Nacionalidade española
Eido Pintura e debuxo
Busto de Enrique Campo, no Museo de Pontevedra

Enrique Campo Sobrino, nado en Pontevedra o 21 de setembro de 1890 e morto, na mesma cidade, o 2 de xuño de 1911, foi un pintor e debuxante que destacou polos seus traballos para a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Na súa familia, acomodada e vinculada coa arte a a cultura, cómpre recordar a Carlos Sobrino Buhigas e Fernando Campo Sobrino, curmán e irmán de Enrique, respectivamente. O pai de Carlos Sobrino, o médico Luís Sobrino Rivas, foi membro fundador da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra e a el debeuse a relación destes tres artistas (Carlos Sobrino e mais Enrique e Fernando Campo) con Casto Sampedro.

Sendo aínda un rapaz entrou xa en relación con Casto Sampedro, que en 1894 fundara a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra. Casto Sampedro apreciou axiña a calidade dos debuxos de Enrique e a súa capacidade de traballo e de observación, ata o punto de nomealo socio de mérito da Sociedade o 28 de decembro de 1906, con só 16 anos. Desde ese momento converteuse en debuxante oficial e colaborador habitual da mesma.

Enrique Campo debuxou centos de edificios, monumentos, petróglifos, escudos e distintas pezas de arte, ó longo das continuas viaxes que realizou por terras de Pontevedra, só ou acompañando os membros da Sociedade. Especialmente produtiva foi a viaxe que realizou desde maio a outono de 1909, xunto o gravador compostelán Enrique Mayer, co propósito de recoller material para a Exposición Rexional Galega que López Ferreiro, entre outros, organizou en Santiago a finais dese mesmo ano, e na que Enrique Campo foi designado delegado da sección arqueolóxica. Durante o percorrido escribiu un Diario no que detallaba os itinerarios seguidos: o Morrazo, Vigo, Tui, Baiona, Gondomar, O Porriño, Ponteareas, Salvaterra, Ribadavia, Melón, O Carballiño e Cea, para regresar por terras do Deza e o Ulla ata rematar en Santiago. No diario engadiu comentarios artísticos, topográficos e etnográficos, que publicou Xosé Filgueira en 1944.

Rematada esta xeira e a montaxe da Exposición, en outubro de 1909 marchou a Madrid para cursar estudos artísticos, cunha bolsa concedida pola Deputación de Pontevedra, que simultaneaba cun traballo de administrativo na Compañía de Tabacos. Como mantén o seu interese pola arqueoloxía, decide organizar pequenas viaxes polas cercanías de Madrid e na primeira que fai descobre, o 8 de decembro, unha ara romana nas proximidades da Ponte dos Franceses, a primeira ara romana que se atopaba en Madrid e que hoxe se conserva no Museo Arqueolóxico Nacional. O achado serviulle para ser nomeado membro correspondente da Real Academia de Historia en 1910.

Meses despois cae enfermo e non consegue recuperarse [1]. Ante a inminencia da súa morte trasládano a Pontevedra, onde morre o 2 de xuño de 1911, sen cumprir aínda os 21 anos.

Foi o mellor e máis importante dos debuxantes da "Arqueológica" malia ó breve espacio de tempo, a penas catro anos, que durou a súa vida artística

O Museo de Pontevedra conserva máis de 500 debuxos e acuarelas, procedentes dos fondos da Sociedade Arqueolóxica e da colección Sampedro. Ó valor artístico das obras únese o valor técnico e documental ó testemuñar monumentos, edificios ou elementos artísticos hoxe desaparecidos ou profundamente modificados.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. As autoras das biografías contidas no Catálogo da exposición Os debuxantes da Sociedad Arqueológica de Pontevedra non especifican nada: "comezou a padece-los síntomas dunha terrible enfermidade". Cabe supoñer que se estean refirindo á tuberculose, que naquelas datas causaba estragos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Filgueira Valverde et al., Enrique Campo (1989), Deputación de Pontevedra.
  • Catálogo da exposición Os debuxantes da Sociedad Arqueológica de Pontevedra, Museo de Pontevedra 1995.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]