Torres de Oeste
Torres de Oeste | |
---|---|
ben de interese cultural | |
Concello | Catoira |
Provincia | Pontevedra |
Comunidade autónoma | Galicia |
Coordenadas | 42°40′36″N 8°43′33″O / 42.6766, -8.72577 |
Estilo arquitectónico | |
Estilo orixinal | romano (?) |
Estilo actual | románico (século X) |
Estado actual | ruínas consolidadas, visita libre |
Véxase tamén | |
Castelos de Galicia | |
[ editar datos en Wikidata ] |
As torres de Oeste,[1] ou Castellum Honesti, son un sitio arqueolóxico composto polas ruínas consolidadas dunhas torres de orixe romana que serviron de enclave fundamental para a defensa das terras da arquidiocese de Santiago de Compostela dos ataques normandos na Alta e na Baixa Idade Media.
Trátase dun castelo de acceso libre e uso turístico e foi declarado Monumento Nacional. Sitúase na confluencia do río Ulla e a ría de Arousa, na parroquia de Oeste, concello de Catoira.
Historia
[editar | editar a fonte]Orixe
[editar | editar a fonte]No lugar que ocupan as torres testemuñouse actividade humana desde época castrexa, polos restos de cerámica e útiles de bronce atopados. A data da súa construción foi, durante moito tempo, motivo de longas discusións. O autor romano Pomponio Mela menciona na súa obra a existencia na desembocadura do Ulla das Turris Augusti.[Cómpre referencia] A existencia de restos romanos situados na cimentación das torres comprobouse en escavacións arqueolóxicas a mediados do século XX.[2]
Idade Media
[editar | editar a fonte]No século X, por mor das numerosos ataques normandos remontando a ría de Arousa, incluída a morte do bispo Sisnando defendendo a súa diocese fixo que os seus sucesores se esforzasen en reparar e mellora-las defensas da ría.
O 29 de outubro de 1024 o rei Afonso V o Nobre doa a Vistruario, bispo de Iria, as torres. Cara ao ano 1040 o bispo Cresconio[3] ordenou importantes traballos de reformas. Na Historia Compostelá explícase que os traballos de melloras e reformas continuaron baixo os mandatos dos sucesores de Cresconio: Diego Páez e Diego Xelmírez.
No século XII defínese a estrutura definitiva do castelo e queda composta a fortaleza por sete torres que amurallaban un recinto arrodeado de pantanos. Posúe unha capela do século XII construída por Xelmírez e dedicada ó apóstolo Santiago. A partir do século XV a fortaleza comeza a súa decadencia e, finalmente, no ano 1525 gran parte das construcións foron destruídas.
Descrición
[editar | editar a fonte]Na actualidade consérvanse en pé os alzados de dúas das torres e unha terceira moi arruinada. As torres son de planta cadrada e construídas con "perpiaño mediano" (coñecido como asturiano) e grandes perpiaños nos esquinais e nas xambas.
A ermida
[editar | editar a fonte]Trátase do mesmo templo que Diego Xelmírez levantou ab fundamentis no ano 1122. Atópase unida a unha torre e foi refeita en tempos modernos. En imaxes antigas pódense ve-las bóvedas totalmente derrubadas. A igrexa é dunha nave cunha ábsida semicircular. Os perpiaños son raros e irregulares as fiadas. A nave cóbrese con bóveda de canón con directriz en arco de ferradura. O arco triunfal (semicircular) apóiase sobre xambas de cóbados.
A fachada principal coróase cunha espadana dunha soa troneira. A portada componse dunha sinxela porta cun lintel pentagonal, e sobre este un arco semicircular. No tímpano restos dunha inscrición de difícil lectura. A fachada meridional carece de cornixa nin seteiras, e só se abre cunha porta alintelada cun arco de descarga similar ao da fachada occidental (principal). Na fachada setentrional ábrense cinco seteiras con arco de ferradura.
Achados
[editar | editar a fonte]No Museo de Pontevedra consérvase unha doela (cat. nº 1488) que procede deste lugar co texto ERA MCC. Tamén conserva un relevo rectangular, cunha cruz grega no centro e colgando un alfa e un omega, é a peza nº 2088, coa inscrición IN HOC SIGNO TUETUR PIUS HOC SIGNO VINCITUR INIMICUS.
En 1971, realizou escavacións o arqueólogo catalán Alberto Balil Illana, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela.
A Romaría Viquinga
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Romaría Viquinga de Catoira.
Cada verán, o primeiro domingo de agosto, os restos do Castellum Honesti reviven unha romaría viquinga que recrea a defensa do castelo fronte a un ataque normando.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigos principais: Galería de imaxes da Galicia romana e Galería de imaxes de Catoira.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Torres de Oeste". Turgalicia. Consultado o 3 de agosto de 2015.
- ↑ Chamoso Lamas, M. (1951). "Excavaciones en Torres de Oeste (Catoira-Pontevedra)". Cuadernos de Estudios Gallegos: 283–285.
- ↑ Posiblemente enterrado neste lugar no ano 1066.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Torres de Oeste |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bango Torviso, Isidro Gonzalo (1979). Arquitectura románica en Pontevedra. Páxs. 211 a 212. Fundación Pedro Barrié de la Maza. ISBN 84-300-0847-0.