Arandeira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Arandeira
Arandeira en flor
Arandeira en flor
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Ericales
Familia: Ericaceae
Xénero: Vaccinium
Especie: V. myrtillus
Nome binomial
Vaccinium myrtillus
L.

A arandeira ou herba dos arandos[1] (Vaccinium myrtillus) é un arbusto da familia das ericáceas de froito comestíbel, o arando ou uva do monte.

Características[editar | editar a fonte]

De pequeno tamaño, entre 15 e 35 cm, medra en bosques, páramos e en zonas de montaña. As pólas, verdes, son triangulares e as súas flores, pequenas e verdosas, teñen os pétalos xunguidos formando un globo. As follas son ovais, dentadas e puntiagudas. Raramente cultivadas, o seu froito, o arando, recóllese das plantas bravas, sobre todo en Escandinavia e Polonia.[2][3]

O froito e unha baga de cor morada ou negroide, ten taninos, ácido cítrico, ácido málico e, o que é infrecuente, ácido benzoico. Os arandos son comestíbeis, teñen un sabor agridoce e son consumidos en Europa dende a antigüidade especialmente no norte.[4]

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

Vaccinium myrtillus é nativa de Europa, norte de Asia, Groenlandia, o oeste do Canadá, e mais do oeste dos Estado Unidos.[5] Aparece en uceiras (terreos poboados de uces) e solos acedos.

En Galicia medra por riba dos 700 m especialmente nas provincias de Lugo e Ourense coma mato das fraga, carballeiras, bidueirais ou faiais, nos matos das beiras dos ríos das zonas montañosas e nos das abas das serras orientais. Aparece sempre sobre solos derivados de rochas acedas (silíceas), profundos, frescos e ricos en materia orgánica, nos ambientes húmidos e hiperhúmidos.

Existe en Galicia outra especie de arandeira, a Vaccinium uliginosum subsp microphyllum, difícil de diferenciar destoutra, especialmente nas montañas.

A arandeira na cultura popular galega[editar | editar a fonte]

As arandeiras abundan nas provincias de Lugo e Ourense. Os primeiros dicionarios etnográficos de galegos falan delas, e do costume dos aldeáns de comer as bagas. Martín Sarmiento escribía: É unha planta fortiña que medra un pé e ten as follas recortadas e da figura da folla do buxo. No remate bota uns baguiños negros que comen os rapaces pastores ,etc. Na mariña non hai esa planta. A uva de oso ("gayuba"-"Arctostaphylos uva-ursi"); ou vén ser unha planta rastreira, como especie de arando, mais que ten os bagos encarnados e as follas máis grandes e semellantes ás do érbedo. É evidente que no Seixo hai arandos e para min é certo que onde hai arandos hai uvas de oso, polo común.[6]

Ditos[editar | editar a fonte]

  • Non vale un arando, din por Vilalba e Mondoñedo cando algo ten pouco valor.[7]
  • Si, ho, vouche dar arandos da Serra Seca!, din na Gudiña, cando un neno colle unha perrencha por algo imposíbel.[8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Entrada nº 51. Xusto Rodríguez Río (coordinación) (2004). Servizo de Normalización Lingüística da USC, ed. Termos esenciais de botánica (PDF). p. 22. 
  2. "Arándanos" (en castelán). Consultado o 2019-02-01. 
  3. "Arándanos - Toda la información - Secocina". web.archive.org. 2013-10-17. Consultado o 2019-02-01. 
  4. "The bilberry is an Old World equivalent of North American blueberry.". Arquivado dende o orixinal o 04 de novembro de 2011. Consultado o 24 de agosto de 2012. 
  5. "Plants Profile for Vaccinium myrtillus (whortleberry)". plants.usda.gov. Consultado o 2019-02-01. 
  6. Tradución do texto do castelán ao galego, de Martín Sarmiento (1732-1770): Epistolario do P. Sarmiento, ed. de Xosé Filgueira Valverde e María Xesús Fortes Alén, Consello da Cultura Galega, Santiago,1995.
  7. Eugenio Reguera y Pardiñas (1840-1858): Traducción de algunas voces, frases y locuciones gallegas, especialmente de agricultura, al castellano, ed. de J. L. Pensado (Cadernos de Lingua, RAG, 1995)
  8. Eligio Rivas Quintas (2001): Frampas, contribución al diccionario gallego a través de Dicionario de Dicionarios da Universidade de Santiago de Compostela

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]