Portal:Música clásica/Artigo destacado/Arquivo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Aquí están todos os artigos destacados no portal Música clásica:

1[editar a fonte]

A Sinfonía n.º 8 en mi bemol maior de Gustav Mahler, coñecida co sobrenome de der Tausend (dos mil), é unha das obras corais de maior escala do repertorio orquestral clásico. Debido a que require unha enorme cantidade de instrumentistas e coristas, é denominada frecuentemente "Sinfonía dos mil", aínda que a obra adoita interpretarse con menos de mil intérpretes e o propio Mahler non aprobou dito sobrenome. A obra foi composta nun único período de inspiración no verán de 1906. Foi a última obra que Mahler estreou en vida e acadou un grande éxito de crítica e público cando o compositor a dirixiu na súa estrea absoluta na cidade bavaresa de Múnic (Alemaña), o 12 de setembro de 1910.

A fusión da canción e a sinfonía fora unha característica das primeiras obras de Mahler. No seu período compositivo "medio" a partir de 1901, un cambio de rumbo levouno a compoñer tres sinfonías puramente instrumentais. A Oitava, que marca o final do período "medio", volta a unha combinación de orquestra e voz nun contexto sinfónico. A estrutura da obra non é convencional; en lugar de seguir a estrutura normal en varios movementos, a obra divídese en dúas partes.

Mahler estaba convencido dende o principio da importancia da obra, ao renunciar ao pesimismo que marcara gran parte da súa música, ofreceu a Oitava como unha expresión de confianza no eterno espírito humano. No período que seguiu á morte do compositor, as interpretacións foron relativamente pouco comúns. Porén, dende a metade do século XX en diante, a sinfonía ten sido programada con regularidade nas salas de concertos de todo o mundo, e gravouse en numerosas ocasións.


2[editar a fonte]

O concerto delle donne ou canto delle dame (lit. conxunto de mulleres) foi unha agrupación profesional de cantantes femininas da corte de Ferrara (Italia) de finais do Renacemento, que tivo gran renome polo seu virtuosismo técnico e artístico. A agrupación foi fundada por Afonso II, duque de Ferrara, en 1580 e estivo activa ata a disolución da corte en 1597. Giacomo Vincenti, un editor musical, loou a estas mulleres como "virtuose giovani" (novas virtuosas), facéndose eco dos sentimentos de cronistas e comentaristas contemporáneos.

As orixes da agrupación encóntranse nun grupo de afeccionados cortesáns de alto rango que interpretaban música os uns para os outros no contexto da informal musica secreta do duque na década de 1570. A agrupación foi evolucionando cara a un grupo só de mulleres profesionais, o concerto delle donne, que ofreceu concertos formais para os membros do círculo íntimo da corte e visitantes importantes. O seu estilo de canto florido e altamente ornamentado levou prestixio a Ferrara e inspirou a compositores da época.

O concerto delle donne revolucionou o papel da muller na música profesional, e continuou a tradición da corte de Este como centro cultural. A fama do grupo de mulleres espallouse por toda Italia, inspirando imitacións nas poderosas cortes dos Medici e os Orsini. A fundación do concerto delle donne foi o acontecemento máis importante na música secular italiana a finais do século XVI; as innovacións musicais que se estableceron na corte foron importantes no desenvolvemento do madrigal, e finalmente a seconda pratica.


3[editar a fonte]

Le Sacre du printemps (en francés) ou Весна священная (en ruso, transliterado Vesna sviashchennaia) é un ballet e concerto orquestral do compositor ruso Igor Stravinskii. Foi escrito para a tempada dos Ballets Russes de Sergei Diagilev de 1913; a coreografía orixinal foi obra de Vatslav Nizhinskii, con deseños de escena de Nikolai Rerikh. Cando foi estreada, no Théâtre des Champs-Élysées o 29 de maio de 1913, a natureza vangardista da música e a coreografía causaron sensación e case orixinaron disturbios na audiencia. Aínda que creou a obra para a escena, con pasaxes específicas acompañando ás personaxes e á acción, a música conseguiu o mesmo, senón maior recoñecemento como peza de concerto, e é amplamente considerada unha das obras máis influentes da música do século XX.

Stravinskii era un compositor novo e practicamente descoñecido cando Diagilev o recrutou para crear obras para os Ballets Russes. Le Sacre du printemps foi o terceiro proxecto deste tipo, despois do aclamado L'oiseau de feu (1910) e Petrushka (1911). O concepto detrás de Le Sacre du printemps, desenvolvido por Rerikh a partir da idea dun bosquexo de Stravinskii, é suxerida polo seu subtítulo, «Imaxes da Rusia pagá en dúas partes».

A partitura de Stravinskii contén moitas características novidosas para a época, entre as que se inclúen experimentos na tonalidade, a métrica, o ritmo, a acentuación e a disonancia. Os analistas teñen observado na partitura unha base significativa na música popular rusa, unha relación que Stravinskii tendía a negar. A música de Le Sacre du printemps influíu a moitos dos principais compositores do século XX, e é unha das obras máis gravadas do repertorio clásico.


4[editar a fonte]

A obra do compositor francés Gabriel Fauré (1845–1924) abrangue varios xéneros musicais, como cancións, música de cámara, pezas orquestrais e corais. As súas obras para piano, escritas entre as décadas de 1860 e 1920, contan con algunhas das súas composicións máis coñecidas.

As obras para piano de Fauré máis significativas son os seus trece nocturnos, trece barcarolas, seis impromptus e catro valses-caprichos. Estas coleccións de pezas foron compostas ao longo dunha extensa carreira que comprende varias décadas. É posible observar a evolución do estilo compositivo de Fauré, que vai dende unha etapa xuvenil caracterizada pola sinxeleza e o encanto, atravesando un período turbulento na súa madurez, ata os seus últimos anos nos que as súas obras están marcadas por un carácter enigmático e misterioso á par que apaixonado e introspectivo. Outras composicións para piano notables, incluíndo pezas curtas ou coleccións compostas ou publicadas de algún xeito agrupado, son os Romances sans paroles, Ballade en fa sostido maior, Mazurca en si bemol maior, Thème et variations en do sostido maior e Huit pièces brèves. Para piano a catro mans, compuxo a Suite Dolly e, xunto co seu amigo e antigo alumno André Messager, Souvenirs de Bayreuth unha parodia entusiasta de Wagner en forma de suite curta.

Gran parte da música de Fauré é difícil de interpretar, mais non é extremadamente virtuosa no seu estilo. Ao compositor non lle gustaban as pasaxes de bravura e a característica predominante da súa música para piano é o seu comedimento clásico e a súa sutileza.


5[editar a fonte]

Erschallet, ihr Lieder, erklinget, ihr Saiten!, BWV 172, (Resoade, cancións; vibrade, cordas!) é unha cantata de igrexa de Johann Sebastian Bach, composta en Weimar en 1714 para o domingo de Pentecoste. Bach dirixiu a primeira interpretación da obra o 20 de maio de 1714 na Schlosskirche, a capela da corte do Palacio ducal. Erschallet, ihr Lieder é unha obra temperá nun xénero ao cal Bach contribuíu posteriormente con ciclos de cantatas completos para todos os eventos do ano litúrxico.

Bach foi nomeado Konzertmeister en Weimar na primavera de 1714, un posto que requiría da interpretación dunha cantata de igrexa cada mes. Compuxo Erschallet, ihr Lieder como a terceira cantata na serie, a partir dun texto probablemente escrito polo poeta da corte Salomo Franck. Ese texto reflicte aspectos diferentes do Espírito Santo. O libretista incluíu unha mención do día para o que está prescrita a lectura do Evanxeo no único recitativo, e para o peche coral empregou unha estrofa do himno de Philipp Nicolai "Wie schön leuchtet der Morgenstern" (1599).

A obra está composta en seis movementos e instrumentada para catro solistas vocais, coro de catro partes, tres trompetas, timbais, óboe, fagot e unha orquestra de corda de dous violíns, dúas violas, e basso continuo. A orquestra con motivo do día de celebración é festiva en comparación coas dúas obras compostas anteriormente en Weimar. A cantata abre cun coro, seguido polo recitativo, no que as palabras de Xesús con cantadas polos baixos, como vox Christi (voz de Cristo). Unha aria grave con trompetas dirixe á Santísima Trindade e entón unha aria de tenor describe o Espírito que está presente na Creación. A continuación, séguelle un dúo íntimo da Alma (soprano) e o Espírito (alto), no que un óboe interpreta a ornamentada melodía do himno de Martiño Lutero "Komm, Heiliger Geist, Herre Gott" e un violonchelo solista proporciona a liña de baixo. O tema da intimidade entre Deus e o Home desenvólvese no seguinte coral, despois de que Bach especificara unha inusual repetición do coro de abertura.


6[editar a fonte]

Unha sinfonía coral é unha composición musical para orquestra, coro e, en ocasións, solistas, que se adhire polo xeral no seu funcionamento interno e arquitectura musical global á forma musical sinfónica. O termo sinfonía coral neste contexto foi acuñado por Hector Berlioz cando describiu a obra Roméo et Juliette na súa introdución de cinco parágrafos para a obra. O antecedente directo da sinfonía coral é a Novena sinfonía de Ludwig van Beethoven. A Novena de Beethoven incorpora a parte da Ode an die Freunde (Himno á alegría), un poema de Friedrich Schiller, co texto cantado por solistas e coro no último movemento. É o primeiro exemplo do uso da voz humana por parte dun compositor maior no mesmo nivel que os instrumentos nunha sinfonía.

Uns poucos compositores do século XIX, en particular Felix Mendelssohn e Franz Liszt, seguiron a Beethoven na produción de obras sinfónicas corais. No século XX o xénero desenvolveuse notablemente, e nos últimos anos do século XX e o inicio do século XXI viron a aparición de máis obras neste xénero.

O termo "sinfonía coral" indica a intención do compositor de que a obra sexa sinfónica, mesmo coa fusión de elementos narrativos ou dramáticos que derivan da inclusión da palabra. Con este obxectivo, as palabras son frecuentemente tratadas sinfonicamente para perseguir fins non narrativos, polo uso de repeticións frecuentes de palabras e frases importantes, e transposición, reordenación ou omisión de pasaxes do conxunto do texto. O texto frecuentemente determina o esquema básico sinfónico, mentres que a orquestra transmite as ideas musicais nunha importancia similar á do coro e os solistas. Mesmo cun énfase sinfónico, unha sinfonía coral é frecuentemente influenciada na forma musical e no contido por unha narración externa, mesmo en partes onde non hai canto.


7[editar a fonte]

A estrea da Sinfonía n.º 7 de Shostakovich en Leningrado tivo lugar o 9 de agosto de 1942 durante a segunda guerra mundial, mentres a cidade de Leningrado (actual San Petersburgo) era sitiada polas forzas da Alemaña nazi.

Dmitrii Shostakovich tiña a intención de que a obra fora estreada pola Orquestra Filharmónica de Leningrado, mais a causa do sitio esta foi evacuada da cidade, así como o propio compositor. A estrea mundial da sinfonía tivo lugar en Kuibyshev coa Orquestra do Teatro Bolshoi. A estrea en Leningrado foi realizada polos músicos sobrevivintes da Orquestra da Radio de Leningrado, con reforzos de músicos militares. A maioría dos músicos estaban famentos, o que dificultou os ensaios: os músicos desmallábanse frecuentemente durante os ensaios, e tres morreron. A orquestra só foi capaz de tocar a sinfonía ata o final unha vez antes do concerto.

A pesar das pobres condicións dos intérpretes e de moitas das persoas que asistiron á estrea, o concerto foi un gran éxito, provocando unha ovación dunha hora de duración. O concerto foi apoiado por unha ofensiva militar soviética, cuxo nome en clave era ‘’Borrasca’’, destinada a silenciar ás forzas alemás durante a actuación. A sinfonía foi retransmitida ás liñas alemás por medio de altofalantes como xeito de guerra psicolóxica. A estrea en Leningrado foi considerada polos críticos musicais como unha das interpretacións artísticas máis importantes da guerra polos seus efectos psicolóxicos e políticos. O director concluíu que "nese momento, triunfamos sobre a desalmada maquinaria de guerra nazi". En 1964 e 1992 leváronse a cabo concertos conmemorativos coa participación dos músicos sobrevivintes.


8[editar a fonte]

O Traité d’instrumentation et d’orchestration (traducible ao galego como Tratado de instrumentación e orquestración) é unha obra publicada por Hector Berlioz en 1844, que trata sobre a composición musical, considerada desde o punto de vista dos instrumentos e da orquestra. Unha segunda edición, corrixida e aumentada, apareceu en 1855 con Le Chef d'orchestre, théorie de son art, consagrado á dirección de orquestra.

Dedicado ao rei de Prusia Frederico Guillerme IV, ilustrado con numerosas citas de óperas e de obras sinfónicas dos grandes mestres clásicos a partir de Mozart, o Traité aborda a técnica das diferentes familias de instrumentos musicais, as súas tesituras, os seus modos de transposición, as súas dinámicas e a súa axilidade, pero tamén o carácter particular dos seus timbres e as posibilidades ofrecidas pola súa asociación. Berlioz dá a continuación un panorama das posibilidades de escritura e de organización para a orquestra tal e como se presentaba no século XIX.

Malia o seu carácter teórico, o autor integrou esta obra, traducida en vida do autor ao inglés, ao alemán, ao español e ao italiano, como «opus 10» no catálogo das súas obras.

Boa guía para o coñecemento e o emprego dos recursos da orquestra, segundo François-Joseph Fétis en 1868, convertida nunha verdadeira biblia para os aprendices de compositor, mesmo nos nosos días, segundo Henry Barraud en 1989, o Traité de Berlioz mantense como unha obra de referencia en musicografía e unha fonte de inspiración principal para os músicos de orquestra, pola súa aproximación novidosa da música, considerada como «materia sonora» que se expresa no espazo-tempo.


9[editar a fonte]

A gran viaxe da familia Mozart, foi realizada por Leopold Mozart, a súa muller Anna Maria e os seus fillos Maria Anna (Nannerl) e Wolfgang Amadeus entre 1763 e 1766, na que percorreron varias das capitais e principais cidades de Europa Occidental. Leopold era músico na corte do príncipe-arcebispo de Salzburgo e en 1763 accedeu ao cargo de segundo mestre de capela. Obtivo un permiso prolongado para ausentarse do seu posto grazas ao talento precoz dos seus fillos, de once e sete anos, para mostralo ao mundo e mellorar a súa educación musical.

As habilidades extraordinarias dos nenos xa foran reveladas durante as visitas a Múnic e Viena en 1762. En Viena actuaran ante a emperatriz María Tareixa e grazas a unha serie de actuacións públicas gañaron considerables sumas de diñeiro. As oportunidades sociais e económicas que poderían obter ao realizar unha viaxe prolongada, percorrendo as principais cortes europeas, complementaron o que Leopold entendeu que era o seu deber «como católico e alemán» de mostrar o talento prodixioso dos seus fillos.

En todos os lugares nos que actuaron, as interpretacións dos nenos inspiraron comentarios de admiración e asombro. Con todo, as recompensas económicas da viaxe, aínda que segundo se informa foron substanciais, non mudaron o xeito de vida da familia, e Leopold seguiu ao servizo do príncipe-arcebispo. A viaxe achegoulles aos nenos unha grande experiencia no mundo musical cosmopolita. Os Mozart recibiron unha educación musical excepcional que, no caso de Wolfgang, continuaría con máis viaxes durante os seis anos seguintes.


10[editar a fonte]

Poruchik Kizhe (ruso: ''Поручик Киже'', traducible ao galego como O tenente Kizhe) de Sergei Prokofiev concibiuse orixinalmente como un acompañamento musical ao filme do mesmo nome, producida polos estudos Belgoskino en Leningrado entre 1933 e 1934, e estreada en marzo dese mesmo ano. Constitúe o primeiro intento de Prokofiev de compoñer música cinematográfica, e o primeiro encargo que recibiu da Unión Soviética logo do seu exilio pouco despois da Revolución de outubro de 1917. Posteriormente, Prokofiev adaptou a música nunha suite orquestal, o seu Op. 60.

Nos inicios do cine sonoro, varios compositores destacados estaban a desexar adentrarse no novidoso campo da música de cine, mais Prokofiev non era a elección natural para este encargo. Establecido en París por case unha década, a súa música caracterizábase pola experimentación e a disonancia, calidades que non concordaban coas regras culturais predominantes do réxime soviético. Aínda así, Prokofiev estaba a prepararse para regresar á súa patria, e considerou o encargo do filme como unha oportunidade para escribir música nun estilo máis popular e accesible.

Logo da exitosa estrea do filme, a suite en cinco movementos de Poruchik Kizhe, interpretouse por primeira en decembro de 1934, e de seguido converteuse nunha peza habitual do repertorio concertístico internacional. Segue a ser unha das obras máis coñecidas do compositor e ten sido gravada en numerosas ocasións. Partes da partitura foron empregadas en varios filmes posteriores, e en dúas populares cancións lanzadas durante a guerra fría.


11[editar a fonte]

Tristan und Isolde (en galego, Tristán e Isolda) é unha ópera en tres actos con música e libreto en alemán de Richard Wagner, baseado en boa parte no romance de Gottfried von Strassburg. Foi composta entre 1857 e 1859 e estreada en München o 10 de xuño de 1865 baixo a batuta de Hans von Bülow. Wagner non a chamaba ópera senón Eine Handlung (drama musical). Forma parte do Canon de Bayreuth.

A composición de Wagner de Tristan und Isolde foi inspirada pola súa aventura con Mathilde Wesendonck e a filosofía de Arthur Schopenhauer. Recoñecida amplamente como un dos cumios do seu repertorio operístico, Tristan und Isolde destaca polo uso avanzado que fai Wagner do cromatismo, a tonalidade, a cor orquestral e a suspensión harmónica. O primeiro acorde da ópera, chamado o «acorde de Tristán», considérase de grande importancia no desenvolvemento da harmonía tonal tradicional.

A ópera foi moi influente entre os compositores occidentais e serviu de inspiración a compositores como Gustav Mahler, Richard Strauss, Karol Szymanowski, Alban Berg ou Arnold Schoenberg. Moitos ven Tristan und Isolde como o comezo da fin da harmonía convencional e a tonalidade, e consideran que establece a base do movemento atonal característico do século XX.


12[editar a fonte]

A Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) foi creada en 1992 polo Concello da Coruña. Ten a súa sede no Palacio da Ópera da Coruña. Dende a tempada 2013-14, o director ruso Dima Slobodeniouk ocupa o cargo de director musical da orquestra coruñesa, mentres que o burgalés Víctor Pablo Pérez ocupa o posto de director honorario logo de veinte anos á fronte da orquestra herculina. A OSG ofrece unha tempada sinfónica de concertos anual e adoita participar na Tempada Lírica da Coruña.

Levou a cabo xiras por Alemaña e Austria, e ofreceu concertos nas mellores salas e ciclos de concertos de España. En 2007 realizou a súa primeira xira por Suramérica, que a levou a escenarios de Chile, Arxentina, Brasil e Uruguai, mentres que a finais de 2009 presentouse no famoso Musikverein de Viena. En 2007 foi nomeada para os Premios Grammy.

A Orquestra Sinfónica de Galicia creou, á súa vez, o Coro da OSG, a Orquestra de Cámara, a OSG Camerata, a Orquestra Nova da OSG, os Nenos Cantores da OSG, o Coro Novo da OSG e o proxecto social ABANCA ReSuena.


13[editar a fonte]

Os Poemas sinfónicos son unha serie de trece obras orquestrais do compositor húngaro Franz Liszt, numerados como S.95-107 no catálogo de Humphrey Searle. Os primeiros doce foron compostos nunha forma perfectamente orixinal, entre 1848 e 1858, e o último, Von der Wiege bis zum Grabe ("Do berce ao túmulo"), data de 1882. Estes traballos axudaron a estabelecer o xénero da música programática orquestral (composicións escritas para ilustrar proxectos extramusicais derivados dunha obra teatral, un poema, unha pintura ou obras da natureza). Serviron de inspiración para os poemas sinfónicos de Bedřich Smetana, Antonín Dvořák e Richard Strauss, entre outros.

A intención de Liszt para estas obras cun único movemento, segundo o musicólogo Hugh MacDonald, foi «amosar a lóxica tradicional do pensamento sinfónico». Ao mesmo tempo, quería incorporar a capacidade da música programática para inspirar os oíntes a imaxinar escenas, imaxes ou estados de ánimo. Para capturar estas calidades dramáticas e evocadoras e ao mesmo tempo acadar as proporcións do movemento de abertura, combinou elementos propios da abertura e da sinfonía nun deseño modificado da sonata. A composición dos poemas sinfónicos resultou desalentadora. Foron sometidos a un proceso de experimentación continua que incluíu moitas etapas de composición, ensaio e revisión para chegar a un equilibrio na forma musical.

Consciente de que o público apreciaba a música instrumental con contexto, Liszt escribiu prefacios para nove dos seus poemas. Con todo, a visión que tiña do poema sinfónico tendía a ser evocadora, empregando a música para crear un estado de ánimo xeral ou unha atmosfera en lugar de ilustrar unha narración ou describir algo literalmente. Neste sentido, o especialista na obra de Liszt Humphrey Searle suxire que podía ter estado moito máis próximo ao seu contemporáneo Hector Berlioz que a moitos dos que o seguiron na composición de poemas sinfónicos.