Sergei Diagilev

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sergei Diagilev
Nacemento31 de marzo de 1872
Lugar de nacementoSelichtchi
Imperio Ruso Imperio Ruso
Falecemento19 de agosto de 1929
Lugar de falecementoVenecia
Reino de Italia Italia
CausaDiabetes mellitus
SoterradoCemetery of San Michele
NacionalidadeRuso
Alma máterImperial St. Petersburg University e Conservatório de São Petersburgo
OcupaciónCrítico de arte, mecenas e impresario de ballet
PaiPavel Pavlovich Diagilev
Naisen etiquetar
Coñecido porBallets Russes e art world
Na rede
Musicbrainz: 20ebbb13-8b2a-44e2-98ab-ae7f101d1151 IMSLP: Category:Diaghilev,_Sergei WikiTree: Diaghilev-1 Find a Grave: 2176 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Sergei Pavlovich Diagilev (en ruso: Сергей Павлович Дягилев), nado o 31 de marzo de 1872 en Selichtchi (Gobernación de Novgorod, Imperio Ruso) e finado o 19 de agosto de 1929 en Venecia (Reino de Italia), foi un crítico de arte, mecenas e empresario de ballet ruso, fundador dos Ballets Russes, de onde xurdiron moitos famosos bailaríns e coreógrafos, marcando un antes e un despois na danza clásica. É considerado unha das personalidades máis importantes da historia do ballet.[1]

O xenio de Diagilev e o seu extraordinario coñecemento de todas as artes levaronno a descubrir e inspirar o xenio dos demais e facilitou a colaboración cos artistas que descubriu. O seu aprecio á nova e distintiva modernidade fíxoo capaz de axudar a dar forma a unha nova arte para un novo século.[2]

Aínda que Diagilev reformou o ballet europeo, a súa compañía estivo frecuentemente próxima á bancarrota. A pesar do éxito que tivo na súa Rusia natal, Diagilev non regresou ao seu país despois da revolución de 1917 e os seus Ballets Russes nunca actuaron en Rusia. Conseguiu anticiparse ao que querían os públicos con ballets curtos en lugar de longos espectáculos de danza.[3]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Sergei Diagilev naceu o 31 de marzo de 1872 no seo dunha familia acomodada. Fillo do xeneral de cabalería e destilador de licor Pavel Pavlovich e unha muller nobre chamada Evgeniia Diagileva (Evreinova de nacemento). A súa nai morreu durante o parto,[4] e dous anos máis tarde seu pai casou con Elena Valerianovna Panaeva, que procedía dunha familia cultural, polo que foi criado e influenciado pola súa madrastra, quen alentou as súas sensibilidades artísticas e coa que tivo unha estreita relación. Diagilev recibiu clases de piano cando estudaba na escola e tamén amosou un don para a composición.[5][6][7][8] A pesar de que do matrimonio de Pavel con Yelena naceron dous nenos máis (Valentin e Yury), semella que Sergei era o favorito de Yelena.[9]

A familia vivía en Perm, mais contaban cun apartamento en San Petersburgo e unha casa de campo en Bikbarda (cerca de Perm).[10] A familia tentou levar a grande actividade musical da capital imperial a Perm, de feito a asistencia da familia dos Diagilev a reunións musicais en San Petersburgo era frecuente. Nestas reunións participaban músicos profesionais e afeccionados, destacando a presenza de Alexandra 'Tatusha' Panayeva-Kartseva, irmá de Yelena e cantante de éxito que actuara en Francia e Italia, e que casou cun sobriño de Petr Ilich Chaikovskii. Posteriormente Sergei lembraría as súas visitas á casa que o compositor tiña en Klin, unha pequena cidade ao norte de Moscova. Na casa dos Diagilev vivíase polo tanto un grande ambiente cultural, descrito por un dos compañeiros de clase de Sergei como:[11]

A casa de Diagilev era unha das máis brillantes e intelectuais de Perm. En realidade, era a Atenas de Perm.

Estudos en San Petersburgo[editar | editar a fonte]

Retrato de Diagilev pintado por Konstantin Somov en 1893.

En 1890 a súa familia declarouse en bancarrota, perdendo todas as súas propiedades.[6] Foi nesta época cando Diagilev ingresou na facultade de dereito na Universidade de San Petersburgo para prepararse para emprender unha carreira na administración pública como moitos outros mozos rusos da súa clase. Diagilev pronto descubriu que tiña pouco interese nas leis, sen dúbida moito menor do que tivo pola música ao longo de toda a súa vida, polo que se introduciu (a través do seu primo Dmitri Filosofov, co que mantivo unha relación durante 15 anos) nun grupo de artistas e intelectuais, entre os que había escritores, músicos e pintores, que se chamaron a si mesmos Nevsky Pickwickians, cuxo membro máis influente foi Alexandre Benois, e entre os que tamén figuraban Léon Bakst, Walter Nouvel e Konstantin Somov.[12][13][14]

Aínda que dende neno Diagilev estivera apaixonadamente interesado pola música, a súa ambición por converterse en compositor foi interrompida cando en 1894 Nikolai Rimskii-Korsakov lle dixo que non tiña talento.[15] Con todo, a súa relación coas artes continuou, mais agora centrada na escritura sobre a arte cunha perspectiva innovadora e pouco convencional. Diagilev conseguiu involucrar a un grupo de figuras da cultura, culminando en 1899 co lanzamento da revista Mir Isskustva ("Mundo da Arte") co apoio financeiro de Savva Mamontov (o director da Compañía Privada de Ópera Rusa) e a Princesa María Tenisheva.[6][16][17] Ese mesmo ano foi nomeado asesor artístico do Teatro Mariinski, e a súa reputación levouno ao cargo de editor en xefe dos teatros imperiais entre 1900 e 1901, ano no que renunciou ao cargo.[3] En 1900–1901 Serge Volkonsky confiou en Diagilev para a posta en escena do ballet de Léo Delibes Sylvia, un dos favoritos de Benois. Os dous colaboradores inventaron un elaborado plan de produción que sobresaltou ao persoal dos Teatros Imperiais. Logo de varias diferenzas de opinións antagónicas, Diagilev no seu xeito demostrativo rexeitou ir na edición do Anuario dos Teatros Imperiais e foi despedido por Volkonsky en 1901.[18]

En 1904 deixouse de publicar a revista e Diagilev concentrouse na organización de exposicións de arte rusa en San Petersburgo. Ese mesmo ano gañou o Gran Premio Uvarov grazas ao estudo sobre o pintor Dmitri Levitzky.[3] Ao ano seguinte, Diagilev presentou a París a súa Exposición de Arte Ruso coa que triunfara na capital imperial, que culminou coa produción da ópera de Musorgskii Boris Godunov.[19] Uns anos despois, en 1908, levou á capital francesa unha produción de Boris Godunov co famoso cantante Fiodor Chaliapin, e ao ano seguinte levou unha tempada de ópera e ballet cos mellores bailaríns do Mariinski.[3]

Ballets Russes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Ballets Russes.
Grupo de partidarios e integrantes dos Ballets Russes. De esquerda a dereita, con sombreiro Botkine, Pavel Koribut-Kubitovitch, Tamara Karsavina, Vatslav Nizhinskii, Igor Stravinskii, Alexandre Benois, Sergei Diagilev, K Harris. Diante, Alexandra Vassilieva. Tomada en 1911, tres días antes da estrea de Spectre de la rose.

O último vehículo para o seu xenio proteico naceu o 19 de maio de 1909 na Ópera de París, eran os Ballets Russes, unha compañía de ballet na que se agruparon algúns dos mellores bailaríns da historia como Anna Pavlova ou Vatslav Nizhinskii.[1] Ata aquela, as compañías de ballet independentes eran case inauditas, xa que a maior parte delas formaban parte das compañías de ópera, ou eran subvencionadas polos poderes gobernantes. Cando Diagilev decidiu levar unha pequena compañía de bailaríns a París o fixo levando á grande estrela da ópera Fiodor Chaliapin para compartir o programa. A tarefa non estivo exenta de complicacións, xa que o empresario tivo que conseguir cartos suficientes para o proxecto, e despois da primeira tempada tivo que conseguir máis cartos para que os bailaríns regresaran a Rusia antes de que a súa tempada comezase.[3] Inicialmente con coreografía de Michel Fokine e cos deseños durante moito tempo realizados por Léon Bakst, a primeira tempada dos Ballets Russes tivo lugar no Théâtre du Châtelet entre o 18 de maio e o 18 de xuño dese mesmo ano, e dende aquela todos os anos por esas datas a compañía volveu a París.[20] A compañía creada por Diagilev non só destacou pola calidade dos seus bailaríns, senón que contou cunha música sorprendentemente moderna, innovadoras coreografías, escenografías eróticas e deseños de escena sorprendentemente orixinais.[2]

Despois da primeira tempada dos Ballets Russes, Diagilev regresou a Rusia despois dunhas pequenas vacacións. A pesar de que no seu país natal lle esperaba unha benvida triunfal, esta viuse ensombrecida polas débedas acumuladas pola compañía. En xuño de 1910 comezou a segunda tempada dos Ballets Russes, na que a compañía contou coa presenza de Enrico Cecchetti como mestre de baile, conseguindo que os bailaríns de Diagilev mantiveran unha perfecta forma física.[21]

En 1911 os Ballets Russes convertéronse nunha compañía permanente, sendo chamados agora "Ballets de Serge Diagilev", e iniciaron as súas xiras internacionais.[20][22] Foi durante unha destas xiras, o 19 de setembro de 1913, cando Nizhinskii casou con Romola de Pulszky. A vodat tivo lugar mentres os Ballets Russes estaban de xira sen Diagilev en Suramérica. Diagilev desgustouse e enfureceu cando se decatou de que o seu amante casara, e despediu a Nizhinskii. Entón Diagilev viuse obrigado a volver contratar a Fokine, que dimitira en 1912 porque Nizhinskii pedira coreografar Faune. Fokine puxo como condición ao seu contrato que non se levara a cabo ningunha coreografía de Nizhinskii.[23] Logo da ruptura con Nizhinskii, Diagilev descubriu talento de Léonide Massine, que pronto se converteu na grande estrela dos Ballets Russes e no principal coreógrafo da compañía.[2]

Despois da Revolución Rusa de 1917, Diagilev permaneceu no estranxeiro. O novo réxime soviético, unha vez que se fixo evidente que non regresaría, condenouno a perpetuidade como un exemplo especialmente insidioso da decadencia burguesa. Os historiadores de arte soviéticos mantivérono no esquecemento durante máis de 60 anos.[24] Durante este período, Diagilev exerceu a súa influencia en numerosos campos da arte, mais sobre todo nas artes escénicas. Fixo un chamamento a Sonia Delaunay, Robert Delaunay, para a recuperación en 1918 do ballet Cléopâtre.[25]

Morte[editar | editar a fonte]

Tumba de Diagilev na sección ortodoxa do cemiterio de San Michele (Venecia, Italia).

A saúde de Diagilev empeorara nos últimos tempos. A diabetes que padecía empeorou e o empresario perdeu o gusto pola vida a pesar do romance que mantiña co bailarín e coreógrafo francés de orixe ucraína Serge Lifar.[26]

Vladimir Fedorovski narrou os días anteriores á morte de Diagilev, sinalando que Lifar pasados cinco anos xa amaba ao empresario e se alarmou cando o seu amante lle pediu que cambiara a posición da súa cama de enfermo, o que era signo de morte inminente. O día antes da morte de Diagilev, Lifar fixo que fora un cura ortodoxo da igrexa grega e finalmente Diagilev entrou en coma.[26]

Ao amencer do 19 de agosto de 1929 morría no cuarto do hotel no que se hospedaba en Venecia. No momento da súa morte o acompañaban na súa habitación tres persoas: Serge Lifar, o poeta, bailarín e libretista ruso Boris Kochno (os seus dous últimos amantes) e a pianista polonesa Misia Sert, quen fora dende París con Coco Chanel no iate do duque de Westminter, despois do telegrama de Diagilev: "Veñan urxente. Estou enfermo". Chanel, porén, non estivo presente cando morreu o seu amigo.[26]

Despois da morte de Diagilev, Lifar e Kochno pasaron a disputarse o corpo sen vida, e logo dun enfrontamento entre ambos, o secretario do impresario tivo que contentarse con ocuparse do funeral xunto con Misia, mentres que o bailarín se pechou só co cadáver.[26]

O seu corpo foi enterrado na sección ortodoxa do cemiterio da Illa de San Michele, na lagoa de Venecia.

Despois da súa morte, críticos homófobos atacaron coas súas biografías a Diagilev, louvando o seu xenio creativo, mais destacando ese "defecto profundo", referíndose á súa homosexualidade.[2]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Diagilevera abertamente homosexual, e aínda que a súa condición sexual foi frecuentemente observada de xeito desfavorable por parte de funcionarios e rivais, nunca pediu desculpas. Os amores de Diagilev estiveron ás veces caracterizados pola exploración, mais unha descrición máis precisa debería subliñar o elemento do amor pedagóxico que lles infundiu, de feito o empresario foi atraído por mozos novos nos que viu cualidades de xenio e cos que puido mesturar unha colaboración creativa.[2] Diagilev mantivo sonadas relacións sentimentais con varios dos principais bailaríns dos Ballets Russes: Vatslav Nizhinskii, Léonide Massine e Serge Lifar.

En 1909 Nizhinskii e Diagilev convertéronse en amantes, e o empresario empregou todos os seus recursos para crear ballets deseñados para resaltar a fenomenal arte e o magnetismo sexual do bailarín ucraíno como nos papeis do escravo de ouro en Scheherazade (1910) ou do olor andróxino da rosa en Le Spectre de la rose (1911).[27] Pronto se converteron na parella gay máis famosa en Europa.[2]

As relacións entre Diagilev e Nizhinskii no plano persoal e íntimo chegaron a provocar numerosos problemas nos Ballets Russes, mais tamén xeraron importantes e revolucionarios resultados artísticos.[28]

O 19 de setembro de 1913 Nizhinskii casou con Romola de Pulszky cando os Ballets Russes estaban de xira sen Diagilev en Suramérica. Diagilev desgustouse e enfureceu cando se decatou de que o seu amante casara, e despediu a Nizhinskii. Entón Diagilev viuse obrigado a volver a contratar a Fokine, que dimitira en 1912 porque Nizhinskii pedira facer a coreografía de Faune. Fokine puxo como condición ao seu recontrato que non se levara a cabo ningunha coreografía de Nizhinskii.[23] Con todo, o distanciamento entre o bailarín e o empresario provocou unha depresión en Nizhinskii que o levou a que a súa muller o ingresara nun hospital mental acusando a Diagilev dos males do seu home.[2]

Logo do casamento de Nizhinskii, Diagilev descubriu a un actor novo e descoñecido, Léonide Massine. Massine chegou aos Ballets Russes logo de ser persuadido por Diagilev para que deixara o Ballet do Bolshoi logo da marcha de Nizhinskii. A relación do empresario e o bailarín durou ata 1920, cando Massine casou. Posteriormente sucedéronlle Boris Kochno e Anton Dolin.[2][29]

Dende que Lifar chegou aos Ballets Rusos en 1923 proveniente de Kíiv Diagilev comezou o seu acoso, aínda que inicialmente o bailarín resistíase.[26] Lifar substituíu a Anton Dolin como favorito de Diagilev cando este deixou de bailar nos Ballets Russes.[30] A relación entre o bailarín e o empresario comezou en Venecia cinco anos antes da morte de Diagilev. Xa de volta na capital francesa, Lifar quixo regresar a Kíiv, prometéndolle ao empresario que regresaría en dous meses, mais logo dunha violenta reacción do empresario decidiu aceptar ir a Italia a perfeccionar a súa técnica con Cecchetti. En 1924 ambos reencontráronse en Venecia e o bailarín finalmente cedeu, e permaneceu ao carón de Diagilev nos últimos momentos.[26]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (ed.). "Sergei Diaghilev. Fundador de los Ballets Rusos" (en castelán). Consultado o 4 de novembro de 2014. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 GLBTQ Encyclopedia (ed.). "Diaghilev, Sergei (1872-1929)" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2006. Consultado o 10 de novembro de 2014. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 rusianballethistory.com (ed.). "Serge Diaghilev (March 13, 1872- August 19, 1929)" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 29 de outubro de 2014. Consultado o 9 de novembro de 2014. 
  4. Dependendo das fontes, a súa nai morreu durante o parto ou uns días despois. Scheijen (2010), p. 8
  5. Joan Acocella, "The Showman," The New Yorker, 20 de setembro de 2010, p. 112.
  6. 6,0 6,1 6,2 biography.com (ed.). "Sergei Diaghilev. Biography" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 31 de outubro de 2014. Consultado o 31 de outubro de 2014. 
  7. Encyclopædia Britannica (ed.). "Serge Pavlovich Diaghilev" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 04 de maio de 2021. Consultado o 25 de abril de 2021. 
  8. Sjeng (2010), p. 13-14
  9. Sjeng (2010), p. 15
  10. Joan Acocella, "The Showman," The New Yorker, 20 de setembro de 2010, p. 113.
  11. Sjeng (2010), p. 21
  12. Garofala (1998), p. 150.
  13. Stephen Walsh. Stravinsky: A Creative Spring. (New York: Alfred A. Knopf, 1999). p. 129.
  14. YourDictionary (ed.). "Sergei Diaghilev Facts" (en inglés). Consultado o 28 de novembro de 2014. 
  15. Garofala (1998), p. 438, n. 7.
  16. Richard Taruskin, Stravinsky and the Russian Traditions (Oxford University Press, 1996), p. 493.
  17. artinvestment.ru (ed.). "Word on the patron of the arts: an exhibition devoted to Princess Tenisheva the Museum of History" (en inglés). Consultado o 12 de novembro de 2014. 
  18. Prince Serge Volkonsky. My reminiscences (en Ruso)
  19. mcnbiografias.com (ed.). "Diaghilev, Sergei Pavlovich (1872-1929)" (en castelán). Consultado o 15 de decembro de 2014. 
  20. 20,0 20,1 ciudaddeladanza.com (ed.). "Ballet Russes: Serge Diaghilev" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 20 de outubro de 2014. Consultado o 10 de novembro de 2014. 
  21. Markessinis, p. 201
  22. Markessinis, pp. 203-204
  23. 23,0 23,1 Buckle, p. 268
  24. Clive James, Cultural Amnesia (W. W. Norton & Sons, 2007), p. 169.
  25. Damase, Jacques; Delaunay, Sonia (1978). Robert Laffont, ed. Nous irons jusqu'au soleil. Paris. p. 78. ISBN 2-221-00063-3. 
  26. 26,0 26,1 26,2 26,3 26,4 26,5 Danzaballet.com (ed.). "La muerte de Serguei Diaghilev" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 05 de novembro de 2014. Consultado o 4 de novembro de 2014. 
  27. GLBTQ Encyclopedia (ed.). "Nijinsky, Vaslav (1890-1950)" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 29 de outubro de 2013. Consultado o 10 de novembro de 2014. 
  28. Markessinis, p. 198
  29. rusianballethistory.com (ed.). "Leonide Massine (August 9, 1896-March 15,1979)" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 04 de xaneiro de 2015. Consultado o 4 de xaneiro de 2015. 
  30. rusianballethistory.com (ed.). "Serge Lifar (April 2, 1905 - December 15, 1986)" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 04 de xaneiro de 2015. Consultado o 4 de xaneiro de 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns texternas[editar | editar a fonte]