Gran viaxe da familia Mozart

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mapa que mostra a gran viaxe, de 1763 a 1766. A liña negra mostra a viaxe de ida cara a Londres, entre 1763 e 1764. A liña vermella mostra a viaxe de volta a Salzburgo, entre 1765 e 1766. A liña superposta mostra a viaxe en ambas direccións.

A gran viaxe da familia Mozart, foi realizada por Leopold Mozart, a súa muller Anna Maria e os seus fillos Maria Anna (Nannerl) e Wolfgang Amadeus entre 1763 e 1766, na que percorreron varias das capitais e principais cidades de Europa Occidental. Leopold era músico na corte do príncipe-arcebispo de Salzburgo e en 1763 accedeu ao cargo de segundo mestre de capela. Obtivo un permiso prolongado para ausentarse do seu posto grazas ao talento precoz dos seus fillos, de once e sete anos, para mostralo ao mundo e mellorar a súa educación musical.

As habilidades extraordinarias dos nenos xa foran reveladas durante as visitas a Múnic e Viena en 1762. En Viena actuaran ante a emperatriz María Teresa e grazas a unha serie de actuacións públicas gañaron considerables sumas de diñeiro. As oportunidades sociais e económicas que poderían obter ao realizar unha viaxe prolongada, percorrendo as principais cortes europeas, complementaron o que Leopold entendeu que era o seu deber «como católico e alemán»[1] de mostrar o talento prodixioso dos seus fillos.

O grande itinerario da viaxe levou a familia dende Salzburgo a Bruxelas, vía Múnic e Frankfurt. Dende aló viaxaron a París e, logo dunha estadía de cinco meses na capital francesa, marcharon a Londres e permaneceron alí 15 meses, a que sería a súa estadía máis longa durante esta viaxe. En Londres, Wolfgang coñeceu a algúns dos músicos máis destacados da época, escoitou moita música e compuxo as súas primeiras sinfonías. A familia continuou a súa viaxe cara aos Países Baixos, onde o programa de actuacións foi interrompido polas enfermidades de ambos os nenos, mais Wolfgang seguiu compoñendo prolificamente. A viaxe de volta incorporou unha segunda parada en París e unha viaxe por Suíza, antes da volta da familia a Salzburgo en novembro de 1766.

En todos os lugares nos que actuaron, as interpretacións dos nenos inspiraron comentarios de admiración e asombro. Con todo, as recompensas económicas da viaxe, aínda que segundo se informa foron substanciais, non mudaron o xeito de vida da familia, e Leopold seguiu ao servizo do príncipe-arcebispo. A viaxe achegoulles aos nenos unha grande experiencia no mundo musical cosmopolita. Os Mozart recibiron unha educación musical excepcional que, no caso de Wolfgang, continuaría con máis viaxes durante os seis anos seguintes.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

A familia Mozart durante a súa viaxe: Leopold, tocando o violín; Wolfgang Amadeus, no clavecín e Nannerl, cantando. Acuarela de Louis Carrogis Carmontelle ca. 1763.

Os nenos Mozart non foron os únicos nenos prodixio da música do século XVIII. O escritor Gary Spruce afirma que había centos de casos similares e cita a William Crotch de Norwich que en 1778, aos tres anos de idade, daba recitais de órgano.[2] Jane O'Connor relaciona a popularidade dos nenos prodixio nesa época «co feito extraordinario que supuña un neno especial, tanto polo seu entretemento potencial como polo seu valor económico».[3] Outros contemporáneos de Mozart foron o violinista e compositor Thomas Linley, que naceu o mesmo ano que Wolfgang (1756), e o organista Siegmund Bachmann.[4][5] Wolfgang Amadeus Mozart foi, non obstante, quen finalmente se erixiría como figura entre os nenos prodixio a modo de estándar do éxito precoz e como nova promesa.[6]

Debido á altísima mortalidade infantil na Europa da época, dos sete fillos que tiveron Leopold e Anna Maria Mozart só sobreviviron a cuarta, Maria Anna (Nannerl), nada o 31 de xullo de 1751, e o máis novo, Wolfgang Amadeus, nado o 27 de xaneiro de 1756.[a] Os nenos foron educados na casa, baixo a dirección de Leopold. Alí aprenderon os principios básicos da lectura, a escritura, o debuxo e a aritmética, xunto con algunhas nocións de historia e xeografía.[8] A súa educación musical comezou sendo moi novos, polo ensaio constante e a interpretación de Leopold e os seus compañeiros músicos.[8] Cando Nannerl tiña sete anos, o seu pai comezou a ensinarlle a tocar o clavicordio mentres era observada por Wolfgang. Segundo conta a propia Nannerl:[9]

O rapaz inmediatamente mostrou o seu talento extraordinario, dado por Deus. Frecuentemente pasaba moito tempo no teclado, elixindo terceiras, que a el sempre lle sorprendían e mostraba con pracer que o son lle gustaba. [...] Aos catro anos de idade, o seu pai comezou a ensinarlle, como un xogo, a interpretar uns minuetos e outras pezas no teclado. [...] Podería tocalo impecablemente e coa maior delicadeza e mantendo exactamente o tempo. [...] á idade de cinco anos xa compuña pequenas pezas, que despois interpretaba para o seu pai, ao que estaban dedicadas.

Un amigo da familia, o poeta Johann Andreas Schachtner, relatou que á idade de catro anos Wolfgang comezou a compoñer un apreciable concerto para piano e foi capaz de demostrar un sentido fenomenal da entoación.[8]

María Antonieta aos 7 anos, cando se encontrou con Mozart en Viena, por Martin van der Meytens.

A propia Nannerl foi unha alumna sumamente aplicada, non menos rápida para a aprendizaxe que o seu irmán, e tocaba o teclado cun virtuosismo abraiante para a época cando tiña once anos.[10] En 1762, Leopold levou os nenos a Múnic para actuar para Maximiliano III, o príncipe elector de Baviera.[b] Leopold entón levou a familia a Viena, nunha viaxe que durou tres meses.[12] Asegurárase as invitacións de varios patróns nobres e, tres días antes de chegar, os nenos actuaron no palacio do conde Collalto. Entre os presentes encontrábanse o conselleiro do Tesouro vienés e o futuro primeiro ministro Johann Karl conde Zinzendorf, que anotou no seu diario que «un neno, que dixo ter só cinco anos e medio [Wolfgang tiña en realidade case sete anos], tocou o clavicordio».[12] Despois dunha representación ante o reitor imperial, convidaron a Mozart á corte imperial, onde a emperatriz María Teresa comprobou as capacidades de Wolfgang requiríndoo para que actuase co teclado cuberto.[12] Durante esta visita á corte, Wolfgang coñeceu a arquiduquesa María Antonia, a futura raíña María Antonieta de Francia, que era dous meses maior que el. O biógrafo de Mozart Eric Blom relata unha anécdota de como a arquiduquesa axudou a Wolfgang cando esvarou sobre o chan pulido; entón a arquiduquesa, segundo se supón, recibiu unha petición de man a cambio.[13][c]

Como os Mozart comezaron a ser uns nenos destacados entre a aristocracia vienesa, pedíanlles frecuentemente que realizasen varias actuacións nun mesmo día.[12] Foron ben recompensados por esta actividade e ao final da súa axitada primeira semana en Viena, Leopold foi capaz de enviar a casa o equivalente do salario de máis de dous anos.[15] O seu programa de actuacións foi interrompido cando Wolfgang caeu enfermo de escarlatina e non logrou recuperar o seu antigo ímpeto. Con todo, a visita fixo que Leopold se mostrase impaciente por conseguir posibles oportunidades para o éxito social e financeiro da súa familia.[15] Na súa volta a Salzburgo, Wolfgang tocou o clavicordio e o violín nun concerto de aniversarios para o arcebispo, feito que causou un asombro evidente entre os asistentes ao acto.[16]

Gran viaxe[editar | editar a fonte]

Preparativos[editar | editar a fonte]

Leopold Mozart en torno a 1765.

Nunha carta ao seu amigo e patrón Lorenz Hagenauer (1712-1792), escrita despois da viaxe, Leopold cita as palabras do diplomático alemán Friedrich Melchior, barón von Grimm, que diría, logo de escoitar a interpretación dos nenos: «Agora por unha vez na miña vida vin un milagre: este é o primeiro».[17] Leopold creu que proclamar este milagre ao mundo era un deber cara ao seu país, o seu príncipe e o seu Deus, polo que tiña que mostrar a Nannerl e Wolfgang á alta sociedade europea, doutro xeito sería a criatura máis ingrata.[17] O biógrafo de Mozart, Wolfgang Hildesheimer, suxeriu que, canto menos no caso de Wolfgang, esta empresa era prematura: «demasiado pronto, o pai arrastrou o fillo por todas partes de Europa Occidental durante anos. Ese troco continuo de lugar tería desgastado mesmo a un neno robusto...».[18] Con todo, hai poucas probas que suxiran que Wolfgang resultase danado fisicamente ou que se vise obstaculizada a súa progresión musical por estes esforzos na súa nenez, e semella que se sentiu indiferente ante o desafío do comezo da viaxe.[19]

Leopold quería comezar a viaxe en canto fose posible, xa que canto máis novos fosen os nenos, máis espectacular sería a demostración dos seus dons.[17] A ruta que tiña pensado tomar incluía o sur de Alemaña, os Países Baixos dos Habsburgo, París, Suíza e posiblemente o norte de Italia. A viaxe a Londres só foi engadida despois do pulo obtido durante a visita parisiense e a viaxe final neerlandesa foi un desvío que inicialmente non estaba previsto.[17][20] O plan era percorrer tantas cortes principescas europeas como fose posible, así como as grandes capitais da cultura, xa que Leopold confiaba na súa rede de contactos musicais e sociais máis recentes para obter invitacións das cortes reais. A axuda debeulla practicamente a Hagenauer, cuxa ampla rede de conexións nas principais cidades proporcionou a Mozart grandes facilidades.[15] Estes contactos permitíronlles gañar cartos polo camiño e Leopold esperaba que os beneficios das súas interpretacións entrasen cuantiosamente.[21]

Wolfgang preparouse para a viaxe perfeccionando a súa técnica interpretativa co violín, que parece ser tería aprendido a tocar de xeito autodidacta.[13] Como preparación máis xeral, os nenos estaban encantados de poder tocar xuntos, algo que nunca deixaron de facer.[22] Durante a viaxe, mesmo durante os días máis ocupados, realizaban a súa práctica diaria, obtendo bos resultados nas actuacións do seu axitado programa.[23] Para poder comezar a viaxe, Leopold necesitaba o consentimento do seu patrón, o príncipe-arcebispo. Leopold acababa de ser designado como segundo mestre de capela en xaneiro de 1763. Con todo, o arcebispo concedeulle un amplo permiso de ausencia, alegando que os éxitos de Mozart levarían a gloria a Salzburgo, ao seu soberano e a Deus.[17]

Primeiras etapas (xullo a novembro de 1763)[editar | editar a fonte]

Retrato de Wolfgang Amadeus Mozart pintado por encargo de Leopold Mozart en 1763, cando a familia iniciou a súa gran viaxe. O neno viste de gala, agasallo da emperatriz de Austria entregado o inverno anterior.[24] O autor é descoñecido aínda que posiblemente fose Pietro Antonio Lorenzoni.

O comezo da viaxe, o 9 de xullo de 1763, foi desfavorable. Durante o primeiro día, unha roda do carro rompeu e foi necesaria unha pausa de 24 horas para realizar a reparación. Leopold converteu este atraso nunha vantaxe, xa que levou a Wolfgang a unha igrexa próxima en Wasserbunrg am Inn, onde, segundo Leopold, o rapaz tocou o órgano de pedais como se o estivese estudando durante meses.[25] En Múnic, durante as tardes seguintes, os nenos actuaron ante o príncipe elector Maximiliano III e obtiveron por esas actuacións o equivalente á metade do salario anual de Leopold de 354 floríns.[d][26][27] A seguinte parada era Augsburgo, onde residía a nai de Leopold, mais esta rexeitou asistir a calquera dos tres concertos que deron alí.[28] Entón a familia seguiu adiante ata Schwetzingen e á corte Mannheim, onde a interpretación dos nenos parece ser que abraiou o príncipe elector de Baviera e Palatinado, Carlos Teodoro, e a súa esposa, Isabel Augusta de Sulzbach.[26]

A seguinte parada prolongada foi en Maguncia. O elector estaba enfermo, mais Mozart deu tres concertos na cidade, polos que gañou 200 floríns.[29] Dende Maguncia, a familia tomou un barco mercante polo río Main ata Frankfurt, onde deron varios concertos públicos. Entre os asistentes ao primeiro deles encontrábase Johann Wolfgang von Goethe, de catorce anos de idade, que moitos anos máis tarde lembraría o «pequeno rapaz coa súa perruca e a súa espada».[26] Un anuncio destes concertos aseguraba que «a rapaza» tocaría «as pezas máis difíciles dos principais maestros», mentres que «o rapaz» daría un concerto co violín e tamén repetiría o seu truco realizado en Viena anteriormente no que tocou o teclado completamente cuberto por un pano. Finalmente «el realizará unha improvisación, non só no fortepiano, senón tamén no órgano... en todas as tonalidades, mesmo nas máis difíciles, que poidan pedirlle».[26]

Entón a familia tomou outro barco cara a Koblenz, e de alí a Bonn e a Colonia. En Aquisgrán actuaron ante a princesa Ana Amalia de Prusia, irmá de Federico II o Grande.[16] A princesa tratou de convencer a Leopold de que abandonase o seu itinerario e fosen a Berlín, mais Leopold opúxose. «Ela non ten cartos», escribiu Leopold a Hagenauer, explicándolle que ela pagara a actuación con bicos. «Nin o meu anfitrión nin o administrador de correos van contentarse con bicos».[30] A seguinte etapa da viaxe levounos ata os Países Baixos dos Habsburgo,[e] onde visitaron Liexa antes de chegar á capital da rexión, Bruxelas, o 5 de outubro. Despois dunha longa espera, o gobernador xeral, o príncipe Carlos de Lorena, convocounos («Á súa Alteza o príncipe realmente só lle interesa a caza, comer e beber», escribiu Leopold a Hagenauer),[30] nun magnífico concerto que tivo lugar en presenza do príncipe o 7 de novembro. Arredor do 15 dese mes, a familia marchou a París.[26]

Durante a longa estadía en Bruxelas, Wolfgang mudou o seu interese, que estaba centrado na interpretación, pola composición. O 14 de outubro rematou un Allegro para clavicordio, que máis tarde sería incorporado na Sonata para violín nº 1 en do maior KV. 6,[f] que completou en París.[26]

París (novembro de 1763 – abril de 1764)[editar | editar a fonte]

Placa no Hôtel Beauvais, no que a familia Mozart estivo aloxada durante a súa estadía en París entre 1763 e 1764.

O 18 de novembro de 1763 a familia Mozart chegou a París, o centro musical máis importante de Europa naquela época, e tamén unha cidade de gran poder, riqueza e actividade intelectual.[32] No próximo Versalles estaba a corte de Luís XV, onde Leopold esperaba ser recibido. Con todo, unha morte recente na familia real impediu calquera invitación inmediata, polo que Leopold procurou outros contactos[32] O biógrafo Eric Blom escribe que ao principio non se lle fixo demasiado caso á familia,[33] aínda que as cartas de Leopold rexistren aparicións en varias casas da nobreza. Unha persoa que prestou especial atención aos nenos foi o diplomático alemán Friedrich Melchior von Grimm, cuxo diario rexistra as fazañas de Wolfgang con estes entusiastas termos: «a maior parte dos mestres de capela consumados non podían ter unha maior profundidade na ciencia da harmonía e a modulación».[32] Leopold escribiu uns meses máis tarde unha valoración similar: «a miña nena, aínda que só ten 12 anos, é un dos intérpretes máis hábiles de Europa e, nunha palabra, o meu fillo sabe máis no seu oitavo ano do que se esperaría nun home de corenta».[34][35]

Mozart dedicou as sonatas para clavicordio e violín, KV 6 e KV 7 á princesa Vitoria de Francia.

O 24 de decembro a familia trasladouse a Versalles durante dúas semanas nas cales, grazas a un contacto na corte, puideron asistir a unha cea real, onde segundo se informa permitiron a Wolfgang bicar a man da raíña María Leszczynska.[32] En Versalles tamén visitaron a famosa cortesá Madame de Pompadour, que se encontraba nos últimos meses da súa vida. Leopold definiuna como «unha muller sumamente arrogante que aínda dominaba todo».[36] Nas lembranzas posteriores de Nannerl, describiu que Wolfgang permaneceu en pé sobre unha cadeira para ser examinado por Madame de Pompadour, que non lle permitiría bicala.[37]

Non hai ningunha evidencia de que os nenos ofrecesen un concerto formal en Versalles. En febreiro de 1764 a oficina de hospitalidades real deulles 50 louis d'or (aproximadamente 550 floríns) e unha tabaqueira de ouro, presumiblemente por entreter a familia real en privado, mais non existen máis detalles deste feito.[32] Realizaron algúns concertos adicionais en París o 10 de marzo e o 9 de abril, nun teatro privado na rúa et Porte St Honoré.[32] Neste tempo publicáronse as primeiras obras compostas por Wolfgang: dous pares de sonatas para clavicordio e violín, KV 6 e KV 7, e KV 8 e KV 9. Estes pares convertéronse nos opus 1 e 2 no catálogo privado de Leopold das obras do seu fillo.[34] O primeiro par de sonatas estaba dedicado á filla do rei, a princesa Vitoria de Francia, e o segundo á condesa de Tessé. Na composición destas sonatas Wolfgang desenvolveu o material que inicialmente fora escrito como pezas para clavicordio solista e incluíron o Allegro que compuxera en Bruxelas na primeira sonata, a KV 6 en do maior. Esta consiste en catro movementos, mentres que as sonatas posteriores, a KV 7 en re maior, a KV 8 en si♭ (bemol) maior e a KV 9 en sol maior, son tres obras con movementos máis convencionais.[38] O biógrafo de Mozart, Stanley Sadie, comenta que algúns aspectos das pezas son bastante infantís e inxenuos, pero que con todo, a súa técnica é «asombrosamente segura, a súa liña de pensamento é clara e chá e o seu equilibrio formal está fora de calquera reproche».[39]

En París tomaron a decisión de ir a Londres, quizais polo consello dos músicos e cortesáns coñecidos de Leopold, que probablemente o terían informado de que Inglaterra era, nas palabras do estudoso da carreira de Mozart, Neal Zaslaw, «coñecida polo entusiasmo co que recibían os músicos continentais e a extravagancia coa que os recompensaban».[40] O 10 de abril a familia foi a Calais e logo dunha desagradable travesía a Dover nun barco alugado e algúns atrasos, chegaron a Londres o 23 de abril.[41]

Londres (abril de 1764 - xullo de 1765)[editar | editar a fonte]

Wolfgang decidiu compoñer as súas propias sinfonías por ter coñecido a Johann Christian Bach e escoitado as súas sinfonías.[42]

O primeiro aloxamento da familia Mozart en Londres foi enriba dunha barbería en Cecil Court, preto da igrexa de St Martin-in-the-Fields en Westminster. As cartas de recomendación enviadas dende París foron eficaces, xa que o 27 de abril os nenos actuaron ante o rei Xurxo III e a súa esposa Carlota, que tiña dezanove anos.[43] Contra o 19 de maio fixouse unha segunda actuación ante o rei,[g] na cal o rei pediu a Wolfgang que interpretase pezas compostas por Georg Friedrich Händel, Johann Christian Bach e Carl Friedrich Abel. A interpretación de Wolfgang co órgano impresionou os asistentes aínda máis que a que realizou co clavicordio. Permitíronlle que acompañase a raíña mentres cantaba unha aria e logo tomou a parte destinada ao basso continuo nunha aria de Händel e, segundo Leopold, «improvisou a melodía máis fermosa de tal xeito que todos os presentes ficaron abraiados».[43][45]

Gran parte da nobreza e a alta burguesía marchaba da cidade no verán, mais Leopold estimaba que volverían para as celebracións do aniversario do rei o 4 de xuño e en consecuencia organizou un concerto para o día seguinte.[46] Foi considerado un éxito e Leopold apresurouse a pedir que Wolfgang aparecese nun concerto benéfico para unha maternidade o 29 de xuño en Ranelagh Pleasure Gardens. Leopold ao parecer viu este esforzo en apoiar obras caritativas como «un xeito de gañarse o amor desta nación tan especial».[46] Wolfgang foi anunciado como «... o famoso e abraiante mestre Mozart, un neno de sete anos...» (de feito tiña oito anos nesa época), «xustamente estimado como o máis extraordinario prodixio e o xenio máis abraiante que ten aparecido a calquera idade».[47] O 8 de xullo tivo lugar unha actuación privada en Grosvenor Place na casa do conde de Thanet, da cal Leopold volveu cunha inflamación da gorxa e outros síntomas inquietantes.[46] «Prepare o seu corazón para oír un dos acontecementos máis tristes», escribiu a Hagenauer en previsión do seu propio falecemento inminente.[48] Estivo enfermo durante varias semanas e, debido ao seu estado de saúde, a familia trasladouse dende o seu aloxamento en Cecil Court a unha casa no campo en Ebury Street, daquela considerada parte da vila de Chelsea, no actual distrito de Kensington e Chelsea.[42]

Non é seguro que Mozart coñecese persoalmente a Carl Friedrich Abel, mais Wolfgang coñecía as súas sinfonías, quizais a través da serie de concertos anuais realizados por Bach-Abel, e foi moi influído por elas.[49]

Durante a enfermidade de Leopold as representacións foron imposibles, polo que Wolfgang cambiou os seus esforzos á composición de sinfonías. As lembranzas posteriores de Nannerl dan a entender que este feito tivo lugar en Ebury Street, mais hai evidencias que a contradín.[48] Jane Glover afirma que Wolfgang decidiu compoñer as súas propias sinfonías por ter coñecido a Johann Christian Bach e escoitado as súas sinfonías.[42] Non está claro cando tivo lugar o primeiro encontro entre Wolfgang e Bach ou onde escoitaría as súas sinfonías, aínda que tocase na súa actuación ante o rei en maio de 1764 obras para clavicordio compostas por Bach.[50] Independentemente da data exacta, Wolfgang pronto completou a súa Sinfonía nº 1 en mi♭ maior KV 16 e comezou a Sinfonía nº 4 en re maior KV 19 (Zaslaw conclúe que máis probablemente foi composta, ou canto menos completada, na Haia).[51][h] A sinfonía en re maior ten, segundo afirma Hildesheimer, «unha orixinalidade de melodía e modulación que vai máis aló dos métodos rutineiros dos seus contemporáneos [adultos]».[53] Estas son as primeiras composicións orquestrais de Wolfgang, aínda que segundo a hipótese de Zaslaw existen bosquexos dunha teórica Sinfonía nº 0 no caderno musical de Wolfgang.[54] Durante o período en Londres, Wolfgang puido ter composto tamén tres sinfonías perdidas, identificadas no Catálogo Köchel da obra de Mozart só polos seus íncipit (primeiros pentagramas).[35] Outras obras tranquilas de Wolfgang compostas durante a súa estadía en Londres inclúen varias sonatas instrumentais, a mellor das cales, segundo Hildesheimer, é a Sonata para teclado a catro mans en do maior KV 19d.[55] Tamén compuxo as súas primeiras obras vocais, como o motete God is our refuge KV 20 e a aria de tenor Va dal furor portata KV 21.[52] Dedicou á raíña Carlota, a petición súa, un conxunto de sonatas, con frauta travesa suplementaria e partes de violonchelo, e entregoulla coa correspondente dedicatoria en xaneiro de 1765.[56]

A finais de setembro, coa recuperación de Leopold, a familia volveu ao centro de Londres, a un edificio en Thrift Street (posteriormente chamada Frith Street), no Soho. Este aloxamento estaba convenientemente situado preto de varias salas de concertos e das residencias tanto de Carl Friedrich Abel como de Johann Christian Bach. Bach, fillo de Johann Sebastian Bach, pronto se fixo amigo da familia; Nannerl lembrou máis tarde que Bach e Wolfgang (que tiña oito anos) interpretaron unha sonata xuntos, volvendo tocar algúns pentagramas individualmente e que «alguén que non mirase pensaría que estaba sendo interpretado por unha única persoa».[57] Non é seguro que Mozart coñecese persoalmente a Abel, mais Wolfgang coñecía as súas sinfonías, quizais a través da serie de concertos anuais realizados por Bach-Abel e foi moi influído por elas.[49] O 25 de outubro, logo dunha invitación do rei Xurxo, os nenos actuaron nas celebracións que conmemoraban o cuarto aniversario do acceso ao trono do monarca.[58] A súa seguinte aparición pública foi durante un concerto, o 21 de febreiro de 1765, ante unha audiencia non moi numerosa, xa que coincidiu cun concerto de Bach-Abel. Só deron un concerto máis en Londres, o 13 de maio, mais entre abril e xuño o público podía ir ao aloxamento da familia Mozart onde, por un prezo de cinco xilins, Wolfgang interpretaba parte das súas obras musicais. En xuño ambos os «novos prodixios»[i] actuaron diariamente en Swan and Harp Tavern, en Cornhill, o prezo, desta vez, de dous xilins e seis peniques. Este foi, segundo afirma Sadie, «o último e desesperado esforzo de Leopold para obter guineas do público inglés».[59] Hildesheimer compara esta parte da viaxe cun circo itinerante e á familia Mozart cunha familia de acróbatas.[18]

Os Mozart marcharon de Londres rumbo ao continente o 24 de xullo de 1765. Antes disto, Leopold permitiu que Wolfgang se sometese a un exame científico, levado a cabo por Daines Barrington. Un informe, publicado en Philosophical Transactions of the Royal Society no ano 1770, confirma a veracidade das capacidades excepcionais de Wolfgang.[60] Practicamente o último acto da familia en Londres foi o regalo dunha copia do manuscrito de God is our refuge ao Museo Británico.[60]

Países Baixos (setembro de 1765 – marzo de 1766)[editar | editar a fonte]

Nannerl caeu enferma de febre tifoide e chegou a recibir a extremaunción o 21 de outubro de 1765.[61]

Leopold especificaría nas súas cartas a Hagenauer que a familia non visitaría as Provincias Unidas dos Países Baixos, senón que iría a París e logo volvería a casa, a Salzburgo.[51] Con todo, foi convencido por un enviado da princesa Carolina de Orange-Nassau, irmá do príncipe Guillerme V, para ir á Haia e presentar os nenos ante a princesa, como convidados oficiais da corte.[51] Despois da chegada da familia a Calais sufriron un atraso dun mes en Lille, en primeiro lugar porque Wolfgang caeu enfermo con amigdalite, e logo porque Leopold sufriu prolongados ataques de vertixe.[61] A principios de setembro a familia seguiu a viaxe cara a Gante, onde Wolfgang aproveitou a oportunidade para tocar o novo órgano na capela de Bernardines e uns días máis tarde fixo o mesmo co da catedral en Antuerpen.[62] O 11 de setembro a familia finalmente chegou á Haia.[61]

Logo da chegada á Haia, Nannerl desenvolveu un forte arrefriado e foi incapaz de participar nos primeiros concertos ante a princesa durante a primeira semana. Tampouco puido actuar ante o príncipe uns días máis tarde.[61] Leopold estaba suficientemente confiado na recuperación de Nannerl como para anunciar a aparición de ambos os prodixios nun concerto que tería lugar na sala de Oude Doelen o 30 de setembro. O anuncio deste concerto afirmaba que a idade de Wolfgang era de oito anos, aínda que realmente tiña nove, pero si que anunciaba correctamente os catorce anos de Nannerl. O anuncio concentrábase en Wolfgang: «todas as aberturas tocaraas este novo compositor [...] os amantes da música poden retalo con calquera música que desexen e el interpretaraa na actuación».[51] Non se sabe con certeza se este concerto chegou a realizarse (Sadie cre que puido ser aprazado).[61] Se realmente tivo lugar, Wolfgang apareceu só, xa que o arrefriado de Nannerl convertérase en febre tifoide. O seu estado de saúde foi agravándose paulatinamente e o 21 de outubro déronlle a extremaunción.[61] Unha visita do médico real provocou un xiro radical do seu estado, xa que mudou o tratamento e cara ao final do mes comezou a recuperarse. Entón Wolfgang caeu enfermo e ata mediados de decembro non se recuperou.[61]

Wolfgang compuxo varias obras con motivo das celebracións da maioría de idade do príncipe Guillerme V.[63]

Ambos os nenos puideron aparecer no Oude Doelen o 22 de xaneiro de 1766, nun concerto que puido incluír a primeira interpretación pública dunha das sinfonías compostas por Wolfgang en Londres, a KV 19, e posiblemente dunha nova sinfonía en si♭ maior (KV 22), composta nos Países Baixos.[64] Despois deste concerto pasaron un tempo en Ámsterdam antes de volver á Haia a principios de marzo.[61] A razón principal da súa volta foi a proximidade das celebracións públicas da chegada do príncipe á maioría de idade. Wolfgang compuxera un quodlibet para pequena orquestra e clavicordio, titulado Galimathias musicum (KV 32), que foi interpretado nun concerto especial para honrar o príncipe o 11 de marzo.[63] Esta foi unha das varias pezas compostas para a ocasión; Wolfgang tamén escribiu arias para a princesa que empregaban palabras do libreto de Metastasio Artaserse (incluídos en Conservati fedele, KV 23) e variacións para teclado sobre unha canción neerlandesa titulada Laat ons juichen, Batavieren! (KV 24). Escribiu un conxunto de sonatas para teclado e violín para a princesa, como fixera anteriormente para a princesa de Francia e para a raíña de Gran Bretaña. Outra sinfonía, a KV 45a, comunmente coñecida como Alte Lambacher e que se pensa que puido ser composta varios anos máis tarde, tamén foi escrita na Haia, posiblemente para o concerto do príncipe.[61][65]

A familia abandonou A Haia a finais de marzo, trasladándose primeiro a Haarlem, onde o organista da igrexa de Sint-Bavokerk invitou a Wolfgang a que tocase o órgano, un dos máis grandes do país.[61] Dende aló viaxaron cara ao leste e o sur, dando concertos ao longo do camiño en Ámsterdam e Utrecht, antes da súa saída dos Países Baixos, e viaxaron cara a Bruxelas e Valenciennes, para chegar de novo a París o 10 de maio.[61]

Viaxe de volta (marzo - novembro de 1766)[editar | editar a fonte]

A familia permaneceu en París durante dous meses. Non deron ningún concerto durante ese período aínda que, segundo Grimm, había interpretacións das sinfonías de Wolfgang.[66] Grimm estaba efusivo polo progreso de ambos os nenos; afirmou que Nannerl «ten a execución máis fina e máis brillante no clavicordio» e «ninguén excepto o seu irmán pode privala da supremacía».[67] De Wolfgang citou que un príncipe de Brunswick dixera que moitos mestres de capela no momento culminante da súa arte morrerían sen coñecer o que o rapaz sabía á idade de nove anos. «Se estes nenos viven», escribiu Grimm, «non permanecerán en Salzburgo. Os monarcas pronto discutirán sobre quen debería telos».[67]

Domicilio da familia Mozart, na rúa Getreidegasse nº 9, Salzburgo.

A única música composta por Wolfgang que se conserva desta parte da viaxe en París é o seu Kyrie en fa maior KV 33, a súa primeira tentativa de escribir música sacra formal.[68] O 9 de xullo a familia marchou de París a Dijon, despois dunha invitación do príncipe de Condé, Luís Xosé I. Os nenos actuaron nun concerto alí o 19 de xullo, acompañados por unha orquestra local, sobre cuxos músicos Leopold fixo comentarios de menosprezo: Très mediocre - Un miserable italien detestable - Asini tutti - Un racleur - Rotten.[j] Continuaron a súa viaxe ata Lión onde Wolfgang «tocou durante unha hora e cuarto co maestro máis capaz de alí, sen quedar atrás».[k]

Unha carta a Hagenauer datada o 16 de agosto indicou que Leopold desexaba continuar a viaxe ata Turín, logo a través do norte de Italia a Venecia e volver a casa pasando polo Tirol. «O noso propio interese e o amor polas viaxes deberían inducirnos a seguir o noso instinto», escribiu, mais engadindo: «... Dixen que irei [directamente] á casa e manterei a miña palabra».[71] A familia tomou unha ruta máis curta por Suíza e o 20 de agosto chegaron a Xenebra, onde os nenos deron dous concertos e foron recibidos polo distinguido compositor André Ernest Modeste Grétry. Moitos anos máis tarde Grétry diría deste encontro: «escribín para el [Wolfgang] un Allegro en mi♭, difícil, mais sen pretensións; tocouno e todos, excepto eu, pensaron que era un milagre. O neno nunca perdera a compostura, mais despois das modulacións, substituíu algunhas pasaxes que eu escribira».[71] Esta afirmación, que Wolfgang improvisou cando se encontrou con pasaxes que non podía interpretar, parece ser o único comentario adverso de todos aqueles que foron retados a probar as habilidades do novo compositor.[71]

A viaxe por Suíza continuou, con concertos en Lausana e Zúric. Dende a saída dos Países Baixos, Wolfgang compuxera pouco; unha peza menor para clavicordio, a KV 33b, escrita para os concertos de Zúric, e máis tarde algunhas pezas para violonchelo (hoxe perdidas) escritas para o príncipe de Fürstenberg, que recibiu o grupo na súa chegada a Donaueschingen, na fronteira alemá, o 20 de outubro.[71] Pasaron doce días alí antes de reanudar a súa viaxe cara a Múnic, a onde chegaron o 8 de novembro. Alí sufriron un atraso durante case dúas semanas despois de que Wolfgang caese enfermo, pero estaba bastante ben para poder actuar ante o Elector, con Nannerl, o 22 de novembro.[71] Uns días máis tarde marcharon para Salzburgo, chegando á súa casa na rúa Getreidegasse nº 9 o 29 de novembro de 1766.[71]

Valoración[editar | editar a fonte]

Financeira[editar | editar a fonte]

O grupo sobrevivira aos principais reveses, incluíndo varias enfermidades prolongadas que diminuíron as súas ganancias. Aínda que Leopold non revelara a suma total dos ingresos da viaxe, ou dos seus gastos,[72] os beneficios materiais da viaxe foran claramente considerables, mais tamén tiveron gastos. O bibliotecario da Abadía de San Pedro en Salzburgo, pensou que os agasallos que obtiveron tiñan un valor de aproximadamente 12.000 floríns, mais estimaba os gastos totais da empresa en 20.000 floríns.[73] Os gastos eran seguramente altos; nunha carta a Hagenauer enviada en setembro de 1763, despois de dez semanas de viaxe, Leopold afirmaba que os gastos ata o momento eran de 1.068 floríns, unha cantidade cuberta polos ingresos dos seus concertos, aínda que non realizaran ningún exceso significativo.[74] Leopold declarou que «non podiamos aforrar nada, porque temos que viaxar segundo o estilo nobre ou cortés para a preservación da nosa saúde e a reputación da miña corte».[74] Máis tarde constatou tras a súa chegada a París en novembro de 1763 que tiñan «moi poucos cartos».[75]

De cando en vez, as arcas familiares estiveron cheas. En abril de 1764, preto do final da estadía parisiense e despois de dous acertados concertos, Leopold anunciou que pouco despois deixaría en depósito 2.200 floríns aos seus banqueiros.[76] Dous meses máis tarde, despois dos éxitos iniciais de Londres, Leopold depositou algo máis de 1.100 floríns. Con todo, en novembro de aquel ano, despois da súa enfermidade e con perspectivas de ganancia incertas, mostrábase preocupado polos altos gastos do seu ritmo de vida en Londres e informou a Hagenauer de que gastara 1.870 floríns no período de catro meses dende xullo.[77] O verán seguinte, despois de pouca actividade cos concertos, Leopold recorreu cada vez máis a medidas desesperadas para incrementar os seus fondos,[78] incluíndo as representacións circenses diarias dos nenos en Swan and Harp Inn por prezos descritos por Jane Glover como humillantes.[78] A inseguridade da vida itinerante conduciu a Leopold a crer, máis tarde, que Wolfgang non tiña a suficiente experiencia da vida para tentar tales viaxes só e precisaba ser ancorado a un salario seguro.[79]

Musical[editar | editar a fonte]

En termos de desenvolvemento musical, aínda que ambos os nenos avanzaran, o progreso de Wolfgang fora extraordinario, superando calquera expectativa.[72] Agora Mozart era coñecido en todos os lugares relacionados coa música e nas cortes reais de Europa Occidental.[72] Os nenos recibiron unha educación excepcional,[19] xa que tiveron encontros con reis, raíñas e membros da nobreza nos seus palacios e puideron conversar en varias linguas.[72] Con todo, estas vantaxes tiveron un custo; Grimm, en París, notou a tensión e o estres sobre Wolfgang en particular e temera que «unha froita tan prematura puidese caer antes da maduración».[72] Con todo, Hildesheimer, que tamén expresa a súa preocupación, conclúe que se a morte de Mozart á idade de 35 anos fose causada polos esforzos realizados na súa nenez, as décadas posteriores non terían sido tan produtivas e os obvios síntomas deste empeoramento manifestaríanse.[19]

Da música de Wolfgang composta durante a viaxe, sobreviven aproximadamente unha trintena de obras. Algunhas obras posteriores perdéronse, incluíndo as pezas para violonchelo compostas en Zürich e varias sinfonías.[80] Entre as que se conservan están as sonatas para teclado escritas en París, Londres e A Haia, catro sinfonías, varias arias, a música variada composta para o príncipe de Orange, un kyrie e outras pezas menores.[l][82] A carreira de Mozart como sinfonista comezou en Londres onde, amais das influencias directas de Carl Friedrich Abel e Johann Christian Bach, escoitara sinfonías dos compositores máis importantes de Londres, como Thomas Arne, William Boyce e Giuseppe Sammartini (segundo Zaslaw «unha introdución case ideal ao xénero»).[35] Zaslaw indica que, aínda que as primeiras sinfonías non son da mesma clase que as obras mestras posteriores, son comparables pola súa lonxitude, complexidade e orixinalidade coas composicións dos recoñecidos mestres sinfónicos da época.[83] Certamente, a Sinfonía nº 6 en mi♭ de Abel era bastante similar no estilo e a técnica como para pensar que foi composta por Mozart e é catalogada como tal (Sinfonía nº 3 KV 18) no orixinal do Catálogo Köchel da obra de Mozart.[m] Sadie observa que a sinfonía KV 22 composta na Haia é moito máis sofisticada que as primeiras obras que foron escritas durante a súa estadía en Londres.[85]

O progreso creativo de Mozart reflíctese do mesmo xeito nas sonatas compostas para a princesa de Orange, que, segundo Sadie, apuntan un avance considerable na técnica e ideas sobre as primeiras obras compostas en París e Londres.[85] As arias compostas nos Países Baixos inclúen as primeiras tentativas de Mozart coa «aria d'affetto» Per pièta, bell'idol mio, KV 73b, que se pensaba que compuxera moito máis tarde, como indica a súa alta numeración no catálogo.[n] Por iso, durante a viaxe viuse a transformación de Wolfgang, que pasou de ser un compositor de pezas simples para teclado a un creador cun dominio crecente nunha ampla gama de xéneros musicais. Isto púxose de manifesto na súa cidade natal, o 8 de decembro, cando unha das súas sinfonías (non se sabe con certeza cal) foi interpretada na misa maior da catedral de Salzburgo.[87][88] O patrón de Leopold, o príncipe-arcebispo, era francamente escéptico sobre as composicións de Wolfgang, crendo que foran compostas por Leopold porque «non eran suficientemente malas como para ser a obra dun neno».[89]

Repercusións[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Mozart en Italia.

Independentemente do verdadeiro montante dos beneficios financeiros obtidos da viaxe, a familia Mozart seguiu vivindo no seu pequeno apartamento no nº 9 de Getreidegasse, mentres Leopold volvía ás súas obrigas como músico da corte.[90] Con todo, as viaxes e as actuacións públicas dominaron os seguintes seis anos da vida de Wolfgang. En setembro de 1767 a familia iniciou unha nova viaxe, esta vez a Viena, e permaneceu alí (a excepción do tempo no que foron evacuados debido a unha epidemia de varíola) ata xaneiro de 1769.[91] En decembro do mesmo ano Leopold e Wolfgang viaxaron a Italia (sen Nannerl, que xa tiña 18 anos e non podía ser exhibida como unha marabilla infantil).[92] Estiveron fóra durante dezaseis meses e despois volveron a Milán en agosto de 1771 durante cinco meses máis, para asistir a ensaios e representacións da ópera de Wolfgang Ascanio in Alba.[93] Realizaron unha terceira e última visita a Italia de outubro de 1772 a marzo de 1773, na que sería a última das súas viaxes prolongadas. O novo príncipe-arcebispo de Salzburgo, Hieronymus von Colloredo, tiña unha opinión distinta sobre o papel dos seus músicos de corte, que excluía a liberdade da que Leopold gozara anteriormente e da que agora gozaba Wolfgang, ao ser un empregado na corte electoral.[o][95]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Os nomes completos de bautismo destes nenos foron Maria Anna Walburgia Ignatia e Joannes Chrysostomus Wolfgangus Theophilus. O diminutivo sempre empregado para Maria Anna foi «Nannerl», mentres que o nome do rapaz foi contraído no uso habitual a Wolfgang Amadé (ou Amadè). A forma «Wolfgang Amadeus», foi empregada de cando en vez na súa vida e foi popularizada desde aquela. Theophilus e Amadeus son respectivamente formas do grego e do latín que significan «Amado de Deus».[7] Véxase tamén Nome de Mozart.
  2. Sadie pon en dúbida esta visita, suxerindo que puido ter sido «lembrada erroneamente» por Nannerl.[11]
  3. Gutman relata a mesma historia.[14]
  4. O florín austrohúngaro era a moeda de curso legal na época. Un florín equivalía aproximadamente á décima parte dunha libra esterlina.
  5. Este territorio corresponde aproximadamente ao dos actuais Bélxica e Luxemburgo.[31]
  6. «K» fai referencia ao Catálogo Köchel, completado en 1862 por Ludwig von Köchel e revisado posteriormente varias veces.
  7. Zaslaw data este segundo recital o 28 de maio.[44]
  8. As Sinfonía nº 2 e Sinfonía nº 3, KV 17 e KV 18 son falsamente atribuidas a Wolfgang. A nº 2 é obra de Leopold e a nº 3 de Carl Friedrich Abel.[52]
  9. Tal e como eran descritos nos anuncios, citado en Sadie, p. 72
  10. Os termos poden ser traducidos como: «très mediocre», «moi mediocre»; «Un miserable italien detestable», «un miserable italiano detestable»; «Asini tutti», «todos asnos»; e «Rotten», «inaxeitado».[69]
  11. Citado por Sadie, dun informe da época.[70]
  12. Sumario do catálogo Köchel en Sadie.[81]
  13. Un erro similar ocorre coa sinfonía composta por Leopold e que o catálogo Köchel denomina Sinfonía nº 2 KV 17.[84]
  14. «Aria d'affeto» refírese ás arias lentas, de tipo expresivo, como Dove sono en Le nozze di Figaro ou Per pièta, ben mio, perdona de Così fan tutte. [86]
  15. Wolfgang fora contratado como músico na corte por un salario anual de 150 floríns.[94]
Referencias
  1. Sadie 2006, p. 33.
  2. Spruce 1996, p. 71.
  3. O'Connor 2008, pp. 40-41.
  4. Sadie 2006, p. 102.
  5. Sadie 2006, pp. 192-93.
  6. Knittel 2001, p. 124.
  7. Sadie 2006, pp. 15-16.
  8. 8,0 8,1 8,2 Glover 2005, pp. 16-17.
  9. Sadie 2006, p. 18.
  10. Blom 1935, p. 8.
  11. Sadie 2006, p. 22.
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 Sadie 2006, pp. 23-29.
  13. 13,0 13,1 Blom 1935, p. 14.
  14. Gutman 1999, pp. Introdución p. 20.
  15. 15,0 15,1 15,2 Glover 2005, pp. 18-19.
  16. 16,0 16,1 Kenyon 2006, p. 55.
  17. 17,0 17,1 17,2 17,3 17,4 Sadie 2006, pp. 34-36.
  18. 18,0 18,1 Hildesheimer 1985, pp. 30-31.
  19. 19,0 19,1 19,2 Hildesheimer 1985, p. 29.
  20. Blom 1935, p. 23.
  21. Halliwell 1998, p. 67.
  22. Glover 2005, p. 19.
  23. Halliwell 1998, p. 56.
  24. "Biografia - Capítulo 2: Surgimento de um pequeno gênio (1762-1767)" (en portugués). mozart.infonet.com.br. Consultado o 12 de novembro de 2016. 
  25. Carta de Leopold Mozart, citada por Sadie, p. 37
  26. 26,0 26,1 26,2 26,3 26,4 26,5 Sadie 2006, pp. 37-47.
  27. Sadie 2006, p. 35.
  28. Glover 2005, p. 20.
  29. Sadie 2006, p. 41.
  30. 30,0 30,1 Blom 1935, p. 17.
  31. Sadie 2006, p. 46.
  32. 32,0 32,1 32,2 32,3 32,4 32,5 Sadie 2006, pp. 47-50.
  33. Blom 1935, p. 18.
  34. 34,0 34,1 Kenyon 2006, p. 56.
  35. 35,0 35,1 35,2 Zaslaw 1991, pp. 28-29.
  36. Baker 1991, p. 22.
  37. Blom 1935, p. 19.
  38. Sadie 2006, pp. 54-55.
  39. Sadie 2006, p. 57.
  40. Zaslaw 1991, p. 42.
  41. Sadie 2006, pp. 58-59.
  42. 42,0 42,1 42,2 Glover 2005, p. 25.
  43. 43,0 43,1 Sadie 2006, pp. 58-60.
  44. Zaslaw 1991, p. 26.
  45. Blom 1935, pp. 23-24.
  46. 46,0 46,1 46,2 Blom 1935, p. 25.
  47. Sadie 2006, p. 62.
  48. 48,0 48,1 Sadie 2006, pp. 63-65.
  49. 49,0 49,1 Gutman 1999, p. 184 (f/n).
  50. Zaslaw 1991, pp. 25-26.
  51. 51,0 51,1 51,2 51,3 Zaslaw 1991, pp. 44-45.
  52. 52,0 52,1 Blom 1935, p. 26.
  53. Hildesheimer 1985, pp. 34-35.
  54. Zaslaw 1991, pp. 17-20.
  55. Hildesheimer 1985, p. 33.
  56. Sadie 2006, p. 86.
  57. Sadie 2006, p. 66.
  58. Blom 1935, p. 27.
  59. Sadie 2006, p. 69.
  60. 60,0 60,1 Sadie 2006, pp. 75-78.
  61. 61,00 61,01 61,02 61,03 61,04 61,05 61,06 61,07 61,08 61,09 61,10 Sadie 2006, pp. 90-95.
  62. Blom 1935, p. 30.
  63. 63,0 63,1 Zaslaw 1991, pp. 52-55.
  64. Zaslaw 1991, pp. 47-51.
  65. Zaslaw 1991, p. 64.
  66. Zaslaw 1991, pp. 64-66.
  67. 67,0 67,1 Sadie 2006, pp. 96-99.
  68. Blom 1935, p. 32.
  69. Zaslaw 1991, p. 67.
  70. Sadie 2006, p. 99.
  71. 71,0 71,1 71,2 71,3 71,4 71,5 Sadie 2006, pp. 99-103.
  72. 72,0 72,1 72,2 72,3 72,4 Glover 2005, p. 26.
  73. Sadie 2006, p. 111.
  74. 74,0 74,1 Halliwell 1998, p. 55.
  75. Halliwell 1998, p. 61.
  76. Halliwell 1998, p. 64.
  77. Halliwell 1998, p. 85.
  78. 78,0 78,1 Glover 2005, p. 24.
  79. Halliwell 1998, p. 63.
  80. Zaslaw 1991, pp. 29-31.
  81. Sadie 2006, pp. 613-21.
  82. "Köchel's catalogue of Mozart's works" (en inglés). Classical.net. Consultado o 14 de novembro de 2016. 
  83. Zaslaw 1991, p. 35.
  84. Sadie 2006, p. 82.
  85. 85,0 85,1 Sadie 2006, pp. 104-08.
  86. Sadie 2006, p. 108.
  87. Zaslaw 1991, p. 70.
  88. Sadie 2006, pp. 111-12.
  89. Blom 1935, p. 34.
  90. Glover 2005, p. 28.
  91. Kenyon 2006, p. 61.
  92. Sadie 2006, p. 176.
  93. Kenyon 2006, p. 64.
  94. Blom 1935, p. 60.
  95. Kenyon 2006, p. 65.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]