Pirámide de Zoser

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Patrimonio da Humanidade - UNESCO
Pirámide de Zoser
Saqqara BW 5.jpg
Pirámide de chanzos de Zoser desde o sur
Flag of UNESCO.svg Información Flag of UNESCO.svg
Inscrición: 1979
País: Exipto Exipto
Localización: 29°52′16.51″N 31°12′59.02″E / 29.8712528°N 31.2163944°E / 29.8712528; 31.2163944Coordenadas: 29°52′16.51″N 31°12′59.02″E / 29.8712528°N 31.2163944°E / 29.8712528; 31.2163944
Rexión: Mundo árabe
Tipo: Cultural
Criterios: I, III e (iv)
Descrición UNESCO: fr en

A pirámide de Zoser é a tumba do faraón Zoser de Exipto (III Dinastía, século XXVII a.C.). Coñécese tamén como pirámide de chanzos e foi edificada por Imhotep, o primeiro arquitecto de nome coñecido. É a construción máis notábel da necrópole de Saqqara e foi o prototipo das pirámides de Giza e das restantes pirámides exipcias.

Até a construción da pirámide de Zoser, as tumbas reais consistían en cámaras subterráneas cubertas por unha estrutura de barro en forma de pirámide truncada, chamadas mastabas. A pirámide de Zoser está feita en pedra e consiste en seis mastabas enormes, unha sobre a outra. Ademais, a pirámide encádrase nun recinto que constitúe un complexo funerario.

A pirámide de chanzos sitúase no centro deste recinto rectangular de 554 m de norte a sur e 277 m de leste a oeste. A muralla é de calcaria, medía orixinalmente 10,5 m de altura e tiña catorce portas falsas e só unha verdadeira, que tamén imita unha porta falsa. As construcións teñen fachadas exteriores coidadas mais os interiores son toscos.

Esta entrada na porta falsa leva a un patio pequeno e logo a un corredor de 40 columnas, divididas en dúas fileiras, sobre as que se apoiaba unha cuberta de blocos escuadrados e arredondados na parte interior, como imitando troncos de palmeira. O corredor divídese en dúas partes de tamaño desigual e remata unha sala rectangular con oito columnas unidas de par en par por pilastras. Estas columnas son as únicas fasciculadas da arte exipcia.

A continuación, e tras outra porta falsa, hai un patio amplo con dúas construcións enigmáticas que talvez representan as fronteiras norte e sur do treito entre as que o faraón debía realizar a carreira simbólica durante a cerimonia Sed.

Pirámide de chanzos[editar | editar a fonte]

A pirámide de Zoser ten base rectangular (121x109 m), está orientada de leste a oeste e consiste en seis troncos de pirámide superpostos, sen vértice, até unha altura orixinal de 60 m. A inclinación dos corpos da pirámide é de 16° respecto á vertical e de 22° respecto á horizontal no último nível.

Parece que o deseño da pirámide sufriu unhas seis modificacións, as tres primeiras ainda baixo a idea de mastaba e as outras tres xa como pirámide de chanzos. Utilizáronse blocos de calcaria silícea extraída dos arredores unidos con argamasa e o exterior revestiuse con pedra calcaria fina dun espesor medio de dous metros.

A tumba de Zoser está no centro da pirámide, no fondo dun pozo de 28 m de fondo e 7 de anchura. A cámara funeraria fíxose en granito e revocouse con xeso. O arqueólogo francés Jean-Philipe Lauer atopou restos da momia de Zoser. Arredor desta cámara ábrense catro galerías labirínticas unidas entre si mediante pasadizos. O terceiro proxecto da pirámide consistiu nunha extensión da mastaba orixinal para incorporar as tumbas da familia real. Hai once pozos de 32 m de fondo polos que se chega a outros tantos corredores horizontais nos que se atoparon dous sarcófagos de alabastro (un deles con restos dun neno de oito anos) e unha vaixela feita en pedra moi variada con máis de 40.000 pezas.

Outras construcións[editar | editar a fonte]

  • O templo das tres columnas acanaladas: na muralla leste, ao sur da pirámide, hai un templo do que sobresaen tres columnas acanaladas, reconstruídas recentemente até a altura dos capiteis orixinais. No leste hai unha porta falsa semiaberta.
  • A capela da cerimonia Sed: ao sur hai un edificio para a festa do trixésimo ano do reinado do faraón, a "cerimonia Sed". Un corredor xira en ángulo recto encanto o muro describe un cuarto de círculo; leva á parte sur dun patio alongado e ao que se abren varias capelas. Hai tamén unha tribuna con dúas escaleiras pequenas, que probabelmente simbolizaban os tronos do Alto e Baixo Exipto.
  • A Casa do Sur: está ao leste da pirámide e é un edificio decorado con catro columnas acanaladas de 12 m de altura. A entrada leva a un corredor estreito que remata nunha sala pequena con planta en forma de cruz con nichos para ofrendas. A Casa do Norte, ao nordeste da anterior, ten unha fachada e interior semellantes.
  • O serdab é unha cámara acaroada á cara norte da pirámide. Nela había unha estatua de Zoser e na fachada dous furadiños polos que a estatua podía ollar o mundo exterior.
  • O templo funerario está situado ao oeste do serdab e atópase en ruínas. Un pasadizo conduce ao sarcófago do faraón e aos niveis inferiores da pirámide.
  • No interior do lado meridional da muralla hai unha tumba, un pozo de 7 m de anchura e 29 de fondo cunha cámara de granito cuxa función é descoñecida (talvez representación do cenotafio de Abidos). Moi preto está o santuario correspondente.