Pirámide de Meidum

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A pirámide de Meidum, chamada polos árabes a Falsa pirámide (el-haram el-kaddab), atópase á entrada de El Fayum, a uns 100 km de O Cairo. Consérvanse restos da estrutura central, rodeada dun montículo formado polos cascallos do recubrimento. É unha do tres pirámides construídas durante o reinado de Seneferu.

Datada no século XXVI a. C., foi construída con pedra calcaria (os exiptólogos cren que durante o reinado de Huny, derradeiro faraón da terceira dinastía, aínda que ningunha inscrición o confirma). Tiña orixinariamente sete bancadas, ampliados posteriormente a oito e transformada finalmente por Seneferu nunha pirámide lisa. Actualmente só son visibles tres niveis.

A pirámide sufriu un derrubamento na antigüidade, e soamente a parte central do seu núcleo interno segue hoxe en pé, dándolle un aspecto de torre, senlleiro entre as pirámides exipcias. O pequeno outeiro sobre a que semella asentarse está formado en realidade polos cascallos resultantes do seu derrube: o recubrimiento da pirámide escorregou por falta de adherencia sobre as capas inferiores, deixando o núcleo central á vista. Existe unha segunda hipótese segundo a cal este deslizamiento da capa externa nunca tivo lugar, senón que a pirámide está sen rematar. Segundo esta teoría, os cascallos que a rodean aínda hoxe non serían máis que os resultantes do desmonte das ramplas necesarias para a construción.

Pirámide de Meidum

Complexo funerario[editar | editar a fonte]

Plano do complexo funerario de Meidum (punteado, os vestixios dunha calzada)
Templo funerario e ronseis

O conxunto funerario de Meidum foi o primeiro composto por unha pirámide lisa, un templo funerario unido a ela mediante unha calzada, unha pirámide subsidiaria ou satélite, e unha necrópole adxacente con mastabas para os funcionarios. O templo de recepción desapareceu, mais o templo funerario, de tamaño modesto, aínda está intacto. As escavacións realizadas nos arredores do complexo permitiron detectar vestixios dunha rampla de ladrillo que, segundo o exiptólogo Jean-Philippe Lauer, serviría para o transporte dos bloques necesarios para a construción da pirámide. A anchura desta rampla, de menos de catro metros, implica que se destinaba ao transporte das pedras até o acceso ao monumento. A pirámide subsidiaria está situada no lado sur, entre a pirámide principal e o muro do recinto, e o templo conmemorativo está no seu lado leste.

Pirámide principal[editar | editar a fonte]

Suiperposición do tres fases de construción.

Crese que a pirámide de Meidum foi construída para Huny, mais foi rematada e usurpada polo seu fillo e sucesor, Seneferu, que tamén a reformou transformándoa de pirámide graduada nunha de paredes lisas, completando as bancadas con pedra calcaria. Antes, fora construída en distintas etapas, primeiramente como unha pirámide graduada de sete bancadas á que se engadiu outra posteriormente. Hai indicios de que se derrubou durante o Imperio Novo.

Coñecida como a pirámide derruida, as capas externas do revestimento comezaron a caer, deixando exposta a base, o que lle deu o nome de Falsa pirámide. Algúns exiptólogos pensan que este derrube aconteceu durante o reinado de Seneferu, impulsándolle a variar en 43º a pendente da pirámide abacelada. No século XV foi descrita por Al-Maqrizi como unha montaña de cinco niveis, en progresiva ruína, mantendo só tres niveis cando a investigou en 1799 a expedición de Napoleón.

Foi escavada por Perring en 1837, Lepsius en 1843 e máis tarde por Flinders Petrie, que localizou o templo funerario na zona oriental. En 1920 Borchardt estudou a zona máis afastada, tarefa na que lle seguiu Alan Rowe en 1928 e Ali El-Joli na década de 1970.

Descrición[editar | editar a fonte]

Recubrimiento da pirámide de Meidum

A pirámide medía 147 metros de lado e 93,50 metros de altura, aínda que no seu estado actual de ruína, mide 65 m de altura. Coa entrada na cara norte, a 20 m sobre o actual nivel do chan.

Primeira cámara funeraria
Corredor descendente

Flinders Petrie penetrou por primeira vez na pirámide en 1881 e dirixiu as escavacións efectuadas entre 1888 e 1891. Descubriu que tras a entrada, a pasaxe descende 57 metros até un corredor horizontal, apenas baixo o nivel orixinal do chan, onde hai dúas pequenas salas que fan a función de antecámaras; esta pasaxe conduce a un tunel de dez metros polo que se sobe até a cámara funeraria. Non se sabe quen foi soterrado nela: aínda que a construción comezase durante o reinado de Huny non concluíu até tempos de Seneferu, mais non semella probable que fose a tumba deste faraón.

Últimos descubrimentos[editar | editar a fonte]

Os traballos dos arquitectos Gilles Dormion e Jean-Yves Verd'hurt, que estudaron as pirámides dende 1986, permitiron descubrir dúas novas cámaras funerarias na pirámide. Unha é unha pasaxe descuberta enriba do túnel de acceso á cámara funeraria inacabada; hai unha curta pasaxe seguida de dúas cámaras de descarga, construídas en bóveda graduada como a cámara funeraria, aínda que acabada con mellor factura. Non hai ningunha comunicación entre esta pasaxe e as cámaras. O segundo descubrimento foi o dunha pasaxe que ascende pola pirámide de maneira paralela ao corredor que comeza na entrada á pirámide. A pasaxe está bloqueada tras un longo treito. Este descubrimento permitiu volver preguntarse polo plan xeral da pirámide: os espazos recentemente descubertos son dunha amplitude case igual aos inicialmente coñecidos.

Distribución interna

A pirámide subsidiaria[editar | editar a fonte]

Pirámide subsidiaria.

Hai unha pequena pirámide subsidiaria ao sur da tumba real, pero toda a superestructura e unha parte da infraestrutura desapareceron. Os arquitectos Vito Maragioglio e Celeste Rinaldi propuxeron unha reconstrución baseada nos elementos aínda visibles in situ, demostrando que era unha pirámide graduada e que o plan dos seus cámaras funerarias era idéntico ao da súa veciña.

Necrópole adxunta[editar | editar a fonte]

Aproximadamente, a cincocentos metros ao norte da pirámide hai unha necrópole da cuarta dinastía que agrupa tumbas de príncipes e outros personaxes importantes da Corte, entre elas, a mastaba de Nefermaat que contiña a famosa pintura dos Gansos de Meidum, exposta hoxe no museo do Cairo, onde se poden admirar tamén dúas famosas estatuas de Rahotep e Nefret, a súa muller, en calcaria policromada, atopadas na súa mastaba descuberta por Mariette en 1871.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Flinders Petrie (1892). Meidum. 
  • Maragioglio, Vito e Rinaldi, Celeste (1963-1977). L'Architettura delle Piramidi Menfite. 
  • Dormion, Gilles e Verd'hurt, Jean-Yves (2000). The pyramid of Meidum, architectural study of the inner arrangement. dossier e pdf.
  • Verner, Miroslav (2001). The Pyramids - Their Archaeology and History. Atlantic Books. ISBN 1-84354-171-8. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]