Cuarcita

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mostra de cuarcita.

A cuarcita, ás veces chamada metacuarcita, é unha rocha metamórfica dura cun alto contido de cuarzo,[1][2] de textura non foliada.[3] A súa coloración pode ser branca, gris, rosada o avermellada.[1][4]

A cuarcita ten unha superficie granulada, como papel de lixa, que lle dá unha aparencia vidrosa.

Na súa composición, a maioría das cuarcitas chegan a ter máis do90 % de cuarzo e algunhas incluso 99 %.[1]

Cuarcita da formación da Prospect Mountain, no pico Jeff Davis, en Nevada, Estados Unidos.

O termo cuarcita a miúdo é usado erroneamente[5] para designar á cuarzoarenita ou ortocuarcita, rocha sedimentaria cementada con sílice que precipitou de augas intersticiais durante a súa diaxénese.[1][2]

Bifaces de cuarcita encontrados en Stellenbosch, Suráfrica.

Formación[editar | editar a fonte]

A cuarcita fórmase por recristalización a altas temperaturas e presións.[1] É unha rocha carente de foliación.[3] Se presenta capas de folliñas paralelas de mica branca a rocha adquire unha estrutura xistosa e pasa a chamarse xisto de cuarzo.[1][4]

A súa meteorización é lenta e produce solos inusualmente delgados. A súa resistencia á erosión fai que formacións de cuarcita sobresaian na paisaxe, como é o caso de numerosas cristas nos montes Apalaches,[1][4] ou, a menor escala, no val do río Ulla no lugar de Gundián.

Usos[editar | editar a fonte]

A cuarcita pura emprégase como unha fonte natural de cuarzo para procesos metalúrxicos e para fabricar ladrillos de sílice.[1][4]

Na industria úsase cuarcita de alta pureza para fabricar ferrosilicio, aliaxes de ferro e silicio nas que o contido en silicio varía entre o 15 e o 90 %, sendo as máis utilizadas as que conteñen o 75 % de silicio, xa que representan os 3/4 do uso do silicio (excluíndo o SiO 2) e o 20 % da produción de aliaxes ferrosas.[6] A este respecto cabe destacar que a fábrica da FerroAtlántica de Cee, a de maior antigüidade e cabeceira do complexo industrial Cee-Dumbría, ten unha capacidade anual de produción de 18.000 t de ferrosilicio (ademais de 37.000 de silicomanganeso, 55.000 de ferromanganeso, 6.000 de pasta de eléctrodos e 3.000 de microsílice).[7]

As cuarcitas úsanse tamén como balasto* en camiños e vías férreas.[1] Outros usos son como rocha ornamental na construción e para facer esculturas.[2][3]

Cómpre dicir tamén que, durante a Idade de pedra a cuarcita era usada como un substituto de menor cualidade para o sílex.[8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 quartzite, Encyclopedia Britannica Academic Edition. Consultada o 2 de maio de 2015.
  2. 2,0 2,1 2,2 kvartsit Den Store Danske Encyklopædi. Consultada o 2 de maio de 2015.
  3. 3,0 3,1 3,2 Quartzite Powell, Darryl. Mineral Information Institute. Consultadao o 2 de maio de 2015.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Kvartsitt Store norske leksikon. Consultada o 2 de maio de 2015.
  5. Ireland, H. A. (1974). "Query: Orthoquartzite????". Journal of Sedimentary Petrology 44 (1): 264–265. doi:10.1306/74D729F0-2B21-11D7-8648000102C1865D. 
  6. SfC (ed.). "Description du silicium sur SFC.fr". Consultado o 6 de maio de 2015. 
  7. FerroAtlántica (en castelán).
  8. Raw material. Stone Age Reference Collection, Institute for archeology, University of Oslo, Norway

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]